Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 25 de novembro de 1996 Páx. 10.555

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 15 de novembro de 1996 pola que se regula a concesión de axudas para o fomento do asociacionismo cooperativo xuvenil agrario.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.3º, recoñece a competencia, de acordo coa planificación xeral da economía, en materia de agricultura e gandería a favor da Xunta de Galicia e no seu artigo 28.7º, recolle a competencia específica en materia de cooperativismo.

No seu desenvolvemento, esta consellería,

DISPÓN:

Capítulo I

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura promoverá e apoiará o fomento do asociacionismo de carácter cooperativo entre os xoves do sector agrario, mediante a concesión das axudas que se regulan na presente orde.

Artigo 2º

As axudas a que se refire a disposición anterior terán carácter de subvención.

Capítulo II

Incorporación de xoves do sector agrario a entidades de carácter cooperativo.

Artigo 3º

A Consellería de Agricultura poderá conceder subvencións ós xóves do sector agrario que se integren como socios dalgunha entidade asociativa das seguintes:

a) Cooperativa agraria.

b) Sociedade agraria de transformación.

c) Cooperativa de traballo asociado establecida no medio rural.

Artigo 4º

Para ser beneficiario das subvencións a que se refire o artigo anterior, requírese:

1. Ser maior de idade ou menor emancipado e non ter cumprido corenta anos de idade na data de presentación da solicitude.

2. Estar vinculado ó sector agrario por algunha das seguintes condicións:

a) Ser empresario directo e persoal do sector agrario.

b) Ser socio dunha cooperativa agraria de explotación comunitaria ou dunha sociedade agraria de transformación.

c) Ser socio dunha cooperativa de traballo asociado de carácter agrario.

d) Ser asalariado do sector agrario ou traballador dunha cooperativa agraria ou dunha sociedade agraria de transformación.

e) Ter dependencia familiar ou tela tido ata a maioría de idade ou a emancipación da persoa incursa nalgunha das situacións deste apartado.

3. Acreditar suficiente preparación profesional na actividade que lle corresponde desempeñar na entidade na que se integra ou comprometerse a adquirila en caso de non posuíla.

4. Realiza-la integración na entidade asociativa no período comprendido entre os seis meses previos inmediatos á presentación da solicitude de subvencións e os tres meses seguintes á data da concesión.

Artigo 5º

As subvención destinaranse a sufragar parcialmente as aportacións económicas que os xoves beneficiarios estean obrigados a satisfacer á entidade para a súa integración como socios e sexan reintegrables unicamente en caso de disolución daquela ou de perda da condición de socio.

Artigo 6º

1. A contía máxima das subvencións non excederá o 50% das aportacións ás que se refiere a disposición anterior.

2. Establécense os seguintes límites absolutos:

a) Ata 400.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación se produza no marco dunha actuación da entidade que supoña un programa de investimentos onerosos. A suma das subvencións concedidas ós xoves beneficiarios non poderá ser superior ó conxunto de gastos do programa de investimentos.

b) Ata 200.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación á agrupación non se produza na situación á que se refire o parágrafo anterior.

3. A suma das subvencións correspondentes ós beneficiarios que se integren nunha mesma entidade asocitiva non poderá ser superior a 15.000.000 de pesetas.

Artigo 7º

1. As aportacións económicas dos xoves beneficiarios a que se refire o artigo 5, poderán efectuarse baixo calquera das modalidades seguintes:

a) Entregas en metálico.

b) Entregas en especie, valoradas de acordo cos prezos do mercado da zona.

c) Prestacións de servicios á agrupación, valoradas de acordo coas normas que resulten procedentes.

Artigo 8º

Dada a importancia que teñen os estudios de viabilidade e o seu carácter previo á realización dos investimentos, no caso de creación de novas agrupacións e sempre que non sexa posible que realicen os ditos estudios os servicios técnicos da Administración, poderá concederse á agrupación unha subvención de ata o 30% do custo do estudio, cun límite máximo de 500.000 ptas. Para tales efectos a Consellería de Agricultura apreciará a calidade e profesionalidade dos citados estudios.

Artigo 9º

As solicitudes de subvención serán formuladas individualmente por cada xove e presentaranse en expediente único para o conxunto dos que se integren nunha mesma agrupación. Os expedientes conterán os seguintes documentos:

-Instancia individual subscrita por cada xove, dirixida ó secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na que constarán os compromisos que contrae.

-Fotocopia do documento nacional de identidade de cada peticionario.

-Relación de peticionarios incluídos en cada expediente.

-Certificación do secretario da entidade na que se faga constar na solicitude a admisión como socios dos xoves, o importe da cota de aportación e as datas dos acordos de admisión e de realización dos investimentos.

-Memoria do investimento e gasto que se vai realizar e estudio de viabilidade ténico-económica e financeira.

-Plan de viabilidade da entidade, no caso de que non se realicen investimentos e se trate dunha entidade de nova creación.

-Documento que acredite a vinculación dos xoves ó sector agrario, a preparación profesional suficiente ou, se é o caso, o compromiso de adquirila con posterioridade ó seu ingreso.

-Copia dos estatutos da agrupación e certificación do acordo no que se fixa o importe das aportacións obrigatorias.

-Certificación bancaria de cada un dos xoves solicitantes na que conste o código tanto da entidade bancaria como da sucursal, o díxito de control e o número de conta.

-Certificación expedida polo Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia acreditativa de que os xoves solicitantes non teñan pendentes de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que os xoves estan ó día no pago de obrigas fiscais e da Seguridade Social.

Artigo 10º

Recibido e analizado o expediente pola Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura resolverá o que proceda no prazo máximo de dous meses, contado a partir da data de expiración do prazo establecido para a presentación das instancias. A dita resolución notificaráselles ós interesados de xeito individualizado.

Artigo 11º

Como requisito previo para a entrega da subvención aprobada, os beneficiarios quedarán obrigados

a xustificar mediante certificación expedida pola cooperativa na que se atopan integrados, o desembolso da aportación correspondente, o destino da subvención e a data de integración na dita entidade asociativa.

Artigo 12º

O incumprimento dos fins e requisitos establecidos nesta orde levará emparellada a abriga de reintegrar ó Tesouro da Comunidade Autónoma, por parte dos beneficiarios, as subvencións concedidas, incrementando o seu importe no xuro legal que proceda.

Artigo 13º

As subvencións establecidas na presente orde son incompatibles con calquera outra que para a mesma acción concedan outros organismos da Administración do Estado ou desta Comunidade Autónoma.

Disposicións adicionais

Primeira.-O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de marzo.

Segunda.-Na concesión destes auxilios terase en especial consideración e preferencia as cooperativas agrarias.

Terceira.-Os expedientes económicos destas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.01.612A.770 «Cooperativismo xuvenil, axuda á incorporación» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997 que ten como crédito inicial 20.000.000 de pesetas.

Ademais poderán concederse máis subvencións ata o límite do crédito que para esta finalidade se xere no devandito concepto, en virtude das transferencias procedentes dos orzamentos xerais do Estado que o MAPA atríbúe á Comunidade Autónoma de Galicia como subvencións non integrantes do custo efectivo.

Cuarta.-Mentres non se produza a aprobación e conseguinte publicación dos orzamentos xerrais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, as solicitudes que se orixinen como consecuencia da publicación da orde de subvención serán tramitadas de conformidade e cos efectos contidos na orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 (DOG nº 18, do 19-6-1986), modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991 (DOG nº 229, do 26-11-1991).

A dotación orzamentaria está contida no proxecto de orzamentos para 1997.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

8584