Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 25 de novembro de 1996 Páx. 10.544

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de outubro de 1996 pola que se aproba o Regulamento do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira.

O Decreto 233 /1996, do 24 de maio, polo que se crea o Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira, vixente desde o día 15 de xuño do mesmo ano, autoriza o conselleiro de Economía e Facenda na súa disposición derradeira primeira para dicta-las disposicións regulamentarias precisas para o desenvolvemento e aplicación de dito decreto. Na súa virtude, dispoño:

Artigo único:

Apróbase o Regulamento do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira, que se incorpora a continuación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 1996.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

Regulamento do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira

I. Natureza, denominación, finalidade e funcións

Artigo 1º.-Natureza.

O Decreto 233/1996, do 24 de maio, creou, dentro da estructura do Igape, o Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) (desde agora o Centro). O seu domicilio está no parque tecnolóxico de Ourense, polígono de San Cibrao das Viñas.

Artigo 2º.-Personalidade xurídica e capacidade de obrar.

O centro configúrase como unha unidade do Igape sen personalidade xurídica propia e rexerase polo establecido na Lei 5/1992, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, o Decreto 233/1996, polo que se crea o Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira, o Decreto 317/1992, polo que se aproba o regulamento do Igape, polo disposto na presente orde, así como polo disposto pola normativa de xeral aplicación ó Igape.

Artigo 3º.-Finalidade.

O Centro terá como finalidade contribuír ó incremento da competitividade do sector industrial galego relacionado coa madeira de acordo coas directrices forestais, tecnolóxicas e ambientais fixadas pola Xunta de Galicia.

As actividades do Centro abranguerán os seguintes subsectores da industria da madeira:

-Primeira transformación da madeira.

-Segunda transformación da madeira. Fabricación de mobles, carpintería, parqué, etc.

-Taboleiros de partículas, fibras, contrachapados e chapas de madeira.

-Fabricación de pasta e papel.

-Sector químico relacionado coa madeira. Lacas, colas e vernices.

-Fabricación doutros productos derivados da madeira.

Artigo 4º.-Funcións do centro.

Serán funcións do Centro:

a) O asesoramento ás empresas industriais do sector da madeira dentro das oportunidades de mercado existentes, dentro e fóra de Galicia.

b) A promoción daquelas actividades favorecedoras da competitividade e do desenvolvemento tecnolóxico, especialmente en temas relacionados coa investigación e enxeñería para a implantación de novas tecnoloxías relacionadas coa obtención de novos productos, procesos e a readaptación dos existentes e, en xeral, a realización de tarefas de investigación que propicien o desenvolvemento de novas aplicacións da madeira, en desenvolvemento e aplicación dos plans xerais da Xunta de Galicia, do Estado e da Unión Europea, en cooperación con calquera Centro público ou privado, con relación directa ou indirecta co sector.

c) O asesoramento e desenvolvemento daqueles traballos que estean relacionados coas tecnoloxías ambientais e a producción enerxética a partir dos efluentes e subproductos do proceso de fabricación da industria da madeira.

d) A realización de análises e ensaios para a normalización, homologación e expedición de certificados de calidade.

e) A formación en materias relacionadas coas funcións anteriores, principalmente en temas relacionados coas novas tecnoloxías, novos productos, aplicacións, normalización, homologación e xestión da producción.

f) A elaboración de informes, estudios, publicacións, documentación técnica e bases de datos relacionadas coas súas funcións.

g) A transferencia de tecnoloxías, baseándose fundamentalmente na investigación aplicada, aínda que sen renunciar á investigación básica naquelas áreas que se consideren estratéxicas.

h) A colaboración con organismos e institucións públicas, universidades, empresas e organizacións privadas para o cumprimento dos fins do Centro.

i) A recompilación e divulgación de información relativa a temas tecnolóxicos, por medio de bibliografía, publicacións ou calquera outro medio.

j) O desenvolvemento de calquera outra función de interese xeral que se considere necesaria ou conveniente para o cumprimento dos fins do Centro.

II. Órganos de goberno

Artigo 5º.-Órganos do centro.

Os órganos do Centro serán o Consello Asesor e o director do Centro, que dependerá do director xeral do Igape.

III. Consello asesor

Artigo 6º.-O Consello Asesor e as súas funcións.

O Consello Asesor, que terá carácter técnico, consultivo e de asesoramento é o órgano colexiado que garante a participación doutros entes públicos, empresas que conforman tódalas ramas de actividade referidas á madeira e a sociedade en xeral no Centro. Correspóndelle ó Consello Asesor orienta-la actuación do Centro para o cumprimento dos seus obxectivos.

Serán as súas funcións:

a) Emitir informe sobre os programas de actividades e sobre tódalas cuestións estratéxicas neles contidas.

b) Emitir informe sobre a memoria anual de actividades do Centro.

c) Promover e impulsar tódalas actividades que faciliten o cumprimento dos fins do Centro.

d) Coñecer e, se é o caso, divulga-las recomendacións técnicas dictadas polo Centro ou as comisións de traballo.

e) Informar e asesorar en cantos asuntos lle sexan encomendados polo director do Centro.

f) Calquera outro que se lle atribúa expresamente.

O Consello Asesor, para o correcto exercicio das súas funcións e competencias, poderá solicitar información, realizar rogos e suxestións ó director do Centro.

O Consello Asesor, por proposta do seu presidente, poderá constituír comisións de traballo e establece-las súas funcións e composición.

O Consello Asesor reunirase, como mínimo, dúas veces ó ano, por convocatoria do seu presidente.

Artigo 7º.-Composición do consello asesor.

1. O Consello Asesor do Centro estará formado por un presidente, 16 vocais, entre os cales elixirase un vicepresidente, ademais do director do Centro, que actuará como secretario, con voz e voto.

Os membros do Consello Asesor, que terán a denominación de conselleiros, serán os seguintes:

a) Será presidente do Consello Asesor o director xeral do Igape ou a persoa en quen este delegue.

b) O secretario será o director do Centro, que poderá delegar noutra persona do Igape por causa xustificada.

c) O Consello Asesor estará composto por 16 vocais nomeados polo director xeral do Igape en representación de:

-Dous vocais por proposta da Xunta de Galicia, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e Industria e Comercio.

-Un vocal por proposta do Parque Tecnolóxico de Galicia.

-Un vocal por proposta da Universidade de Vigo, Escola de Enxeñeiros Técnicos Forestais, Departamento de Enxeñería Agroforestal. Este membro deberá ser un técnico experto en materiais, industrias ou tecnoloxía da madeira.

-Un vocal por proposta da Universidade de Santiago, Escola Politécnica de Lugo, Departamento de Enxeñería Agroforestal e Producción Vexetal. O dito vocal será un técnico experto en materiais, industria ou tecnoloxía da madeira.

-Un vocal por proposta da Universidade da Coruña, Escola de Arquitectura.

-Un vocal por proposta das catro asociacións provinciais das industrias de primeira transformación da madeira (serradores).

-Un vocal por proposta das catro asociacións da segunda transformación, carpintería, mobles, ebanistería e afíns.

-Un vocal por proposta das empresas fabricantes de taboleiros e chapas da Comunidade Autónoma galega.

-Un vocal por proposta das empresas de fabricación de pasta de celulosa e papel.

-Un vocal por proposta das empresas fabricantes de adhesivos, colas e pegamentos. Mentres non exista asociación que represente os intereses deste subsector, a elección do representante efectuarase por proposta das empresas que figuren no ranking de ARDAN, catalogadas no SIC 28.91.

-Un vocal por proposta das empresas fabricantes de pinturas, vernices, lacas e esmaltes. Mentres non exista asociación que represente os intereses deste subsector, a elección do representante efectuarase por proposta das empresas que figuren no ranking de ARDAN, catalogadas no SIC 28.51.

-Un vocal a proposta do Centro de Investigación de Lourizán de Pontevedra.

-Tres vocais, profesionais de recoñecido prestixio no sector da industria da madeira, procurando a representación das grandes, medianas e pequenas empresas que conforman o sector.

2. O presidente do Consello nomeará un vicepresidente de entre os vocais propostos mediante acordo do Consello Asesor que conte coa maioría simple dos votos dos membros do consello para este cargo.

3. O mandato dos vocais do Centro será de catro anos, renovable por iguais períodos.

4. Dado o carácter persoal do nomeamento dos vocais e do vicepresidente, para estes cargos non se admitirá delegación.

Artigo 8º.-Funcións do presidente.

Ó presidente do Consello Asesor correspóndelle, sen necesidade de apoderamento especial:

a) Convocar e presidi-los consellos.

b) Velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia, o Consello de Dirección do Igape ou o seu presidente.

c) Nomear e dispoñe-lo cesamento nos termos deste regulamento, dos vocais e, de entre eles, do vicepresidente do Consello Asesor.

d) Calquera outra que lle atribúa ou delegue nel o Consello de Dirección ou o presidente do Igape.

Artigo 9º.-Dereitos e deberes dos conselleiros.

1. Son dereitos dos conselleiros:

a) Asistir con voz e voto ás reunións dos órganos de que formen parte.

b) Coñecer e recibir información de canto suceda no Consello Asesor.

c) Presentar propostas ó consello ou ás comisións para a adopción dos correspondentes acordos.

d) Debate-los puntos da orde do día e votar e aprobar, se é o caso, os acordos.

2. Son deberes dos conselleiros.

a) Asistir ás reunións do consello.

b) Cumprir cantos cometidos lles sexan encomendados.

c) Gardar segredo das deliberacións internas, así como das xestións que leven a cabo por encargo do consello.

3. O cargo de conselleiro do Centro é honorífico. Non obstante, os conselleiros poderán percibir unha compensación económica pola súa asistencia ás reunións do consello e das comisións. A contía destas compensacións será aprobada polo Consello de Dirección do Igape por proposta do director xeral do Igape.

4. Perderase a condición de conselleiro do Centro por algunha das seguintes causas:

-Cumprimento do prazo para o que foron nomeados.

-Falecemento.

-Incapacidade física, notoria e permanente, a incapacidade declarada por resolución xudicial firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión por cargos públicos.

-Renuncia.

-Substitución por proposta da mesma entidade que promoveu o seu nomeamento. Neste caso, o período de mandato será o que lle restara por cumprir do mandato vixente ó vocal substituído.

Artigo 10º.-Funcionamento do consello asesor.

a) O presidente convocará as sesións mediante comunicación escrita que dirixirá a tódolos vocais cunha anticipación mínima de cinco días á celebración da sesión.

b) Xunto coa convocatoria da sesión deberalles ser notificada ós conselleiros a orde do día, que será fixada polo presidente.

Artigo 11º.-Reunións.

O consello será convocado polo presidente e quedará validamente constituído pola asistencia do presidente, o secretario e de polo menos 8 dos conselleiros.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos, salvo que se teña prevista expresamente outra maioría, co voto de calidade do presidente ou quen teña delegada a presidencia no caso de empate.

De cada sesión o secretario levantará unha acta, que conterá, como mínimo, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, número e identificación das personas que asistiron, orde do día,

puntos principais da deliberación, a forma e resultado das votacións e o contido dos acordos. A dita acta será asinada polo secretario co visto e prace do presidente do consello.

IV. Órganos executivos.

Artigo 12º.-Director do centro.

Sen prexuízo das funcións e competencias dos órganos de goberno do Igape, o director do Centro constitúese como órgano executivo.

O director do Centro será un técnico de relevo e prestixio no sector industrial da madeira e será nomeado e cesado polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Artigo 13º.-Funcións do director do Centro.

Sen prexuízo doutras funcións que lle poidan ser asignadas, serán funcións do director do Centro:

a) Propoñer ó director xeral do Igape os programas de traballo, os plans, proxectos e actividades que se vaian realizar, cos orzamentos necesarios para levalos á práctica.

b) Desenvolve-los programas, plans, proxectos e actividades dentro do orzamento asignado e adopta-las medidas oportunas para levalos á práctica.

c) Organizar e dirixi-los traballos do Centro en tódolos seus aspectos

d) Xestiona-lo instituto e render contas da xestión ante o director xeral do Igape, así como elabora-lo orzamento do Centro, a memoria anual, o balance, a conta de perdas e ganancias e a liquidación do orzamento.

e) Coordinar, inspeccionar e controla-lo funcionamento da administración do Centro.

f) Garantir e velar pola plena independencia, con respecto ás industrias ou calquera outra persoa física ou xurídica, de tódalas actuacións nos seus aspectos técnicos, así como confidencialidade dos servicios que, dadas as súas características, así o requiran. Para iso, a dirección constitúese como o máximo órgano decisorio do Centro en materias técnicas e científicas, arbitraxes, informes, certificacións, etc., adoptando as medidas necesarias de confidencialidade e imparcialidade oportunas

g) Aproba-los regulamentos de réxime interior do Centro.

h) Fomenta-la colaboración e sinatura de convenios con cantas entidades públicas e privadas poidan contribuír a perfeccionar e completa-lo labor do Centro.

i) As demais funcións que lle sexan delegadas polo Consello de Dirección, presidente ou director xeral do Igape.

V. Réxime económico.

Artigo 14º.-Réxime económico.

Os recursos do Centro estarán formados polas consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos do Igape para as finalidades concretas para as que se aproben e polos ingresos propios que obteña, coa consideración de ingresos finalistas da súa propia actividade e, en concreto, por:

a) Prestación de servicios e asistencia técnica de calquera clase realizados polo Centro segundo as tarifas que se establezan.

b) Subvencións ou aportacións voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

O Centro redactará os orzamentos de ingresos e gastos para o ano seguinte con anticipación suficiente para a súa consolidación cos do Igape e formalizará unha memoria e orzamentos consolidados do ano anterior. A confección dos orzamentos anuais así como dos balances é misión da dirección do Centro.

O Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira levará unha contabilidade independente da do Igape, sobre unhas bases de independencia de xestión. Esta contabilidade consolidarase coa do resto do Igape, formando un balance, conta de resultados e execución orzamentaria única que aprobará o Consello de Dirección do Igape. Seranlle de aplicación en materia de réxime financeiro, contable e orzamentario, as normas que para sociedades públicas e entes de dereito público se conteñen na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ademais daquelas outras dictadas expresamente para o Igape.

Artigo 15º.-Persoal.

O persoal do Centro, que se rexerá polo disposto no artigo 17 da Lei 5/1992, do 10 de xuño e demais normativa de aplicación ó personal do Igape, poderá ser:

-Contratado en rexime de dereito laboral, respectando os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.

-Funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, adscrito ó Igape.

A mera pertenza ó Consello Asesor do Centro non xerará en ningún caso dereitos laborais con el.

Artigo 16º.-Convenios de colaboración.

O Igape, a través do Centro, poderá establecer convenios temporais ou permanentes de vinculación ou de colaboración para o desenvolvemento dos seus fins con centros, escolas técnicas ou institutos oficiais, universidades ou con outras asociacións que desenvolvan actividades de investigación tecnolóxica e industrial e, en xeral, con calquera entidade ou empresa pública ou privada, nacional ou estranxeira que teña unha actividade relacionada cos fins do Centro.

Artigo 17º.-Servicios prestados polo Centro.

O Centro poderá realizar, tanto para as empresas do sector como para entidades públicas ou privadas de calquera clase ou para personas físicas que o soliciten, traballos de estudio, servicios de asistencia e asesoramento, proxectos e informes técnicos e, en xeral, calquera actividade relacionada coas súas finalidades.

Estes servicios facturaránselle ó destinatario segundo as tarifas aprobadas.

Artigo 18º.-Control.

O control de eficacia será exercido pola Consellería de Economía e Facenda, baseándose na com

probación do cumprimento dos obxectivos fixados no plan estratéxico trianual e nos respectivos plans anuais.

VI. Regulamento de réxime interno.

Artigo 19º.-Regulamento de réxime interno.

A dirección do Centro aprobará os regulamentos de réxime interno que considere necesarios para o desenvolvemento do disposto no presente regulamento. Do seu contido inicial e das súas posteriores modificacións daráselle conta ó director xeral do Igape e ó Consello Asesor.

Os regulamentos internos non poderán alterar en ningún caso as prescricións contidas no presente regulamento e normas establecidas con carácter xeral ou particular para o Igape.

8522