Visto o escrito presentado pola empresa Maderas Peteiro, S.L., con enderezo para efectos de notificacións na Estrda. dos Fuertes, Pgno. dos Rosales, s/n, 15011 A Coruña, e tendo en conta os seguintes feitos:
Primeiro.-O día 26 de xaneiro de 1996, a referida empresa, adicada á fabricación en serie de pezas de carpintería, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na sua factoría do concello da Coruña. Xunta á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos alcanzables e de aforro de enerxía que se conseguirán coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.
As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:
-Dous motores de combustión interna alternativos alimentados por gasóleo C, de 1.280 kW cada un; dous xeradores síncronos trifásicos de 1.365 kVA c/u, tensión de xeración 6kV; un centro de transformación r/t r/t 15/6, con dous transformadores de 1,3 mVA c/u, montado en interior; instalacións de interconexión coa liña eléctrica da companía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.
Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 10 de xuño de 1996 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 5-6-1996 e no BOP da Coruña do 10-6-1996, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.
Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da dita delegación provincial.
Cuarto.-Na tramitación do presente expediente observáronse as formalidades legais.
Fundamentos de dereito
Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.
Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994, sendo realizado o expediente con cumprimento da tramitación regulamentaria.
Terceiro.-Examinada a documentación que consta no expediente, queda de manifesto que debe accederse ó solicitado pola empresa Maderas Peteiro, S.L. e, por conseguinte, proceder á autorización administrativa da planta e a recoñecerlle a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994.
Vistos os preceptos legais e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,
RESOLVE:
Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Maderas Peteiro, S.L., que se situará nas instalacións da factoría que a dita empresa ten na Coruña.
Segundo.-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto.
Terceiro.-Desestima-la solicitude de inscrición no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), por non acredita-lo cumprimento das condicións previas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994.
Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.
O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o
proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1996.
Joaquín del Moral Crespo
Director xeral de Industria
8240