Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 20 de novembro de 1996 Páx. 10.446

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de setembro de 1996 pola que se lle outorga a Gas Galicia, SDG, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais, no termo municipal do Carballiño.

A empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio social en Santiago de Compostela, rúa da Rosa, 16-3º B, solicitou concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal do Carballiño, e nunha primeira fase para o almacenamento, distribución e subministración de aire propanado.

A rede básica de distribución terá a súa orixe na rede de transporte de ENAGÁS, S.A. (ramal de Ourense), o trazado do cal discorre polo dito con

cello, a través do correspondente punto de entrega de gas natural. Desta rede básica partirán as redes secundarias e ramificacións precisas para atende-los diferentes puntos de consumo.

As características principais das instalacións serán as seguintes:

A rede primaria operará a unha presión máxima de 4 bar efectivos; a rede secundaria operará en parte á presión máxima de 4 bar, e en parte á presión máxima de 0,4 bar en función, especialmente, dos consumos demandados, das características urbanísticas dos núcleos poboacionais e dos condicionantes das vías públicas e edificación.

O caudal máximo que se vai canalizar será o necesario para atende-la demanda máxima prevista para os diferentes mercados do termo municipal obxecto da concesión. Con base nos cálculos previstos, estímase en 500 m (n)/h o caudal máximo de aire propanado a canalizar nunha primeira fase e en 1.500 m (n)/h o caudal máximo de gas natural na segunda fase.

A lonxitude aproximada das canalizacións que comporán a rede será:

-Rede primaria: 1.000 m.

-Rede secundaria: 10.865 m.

Consideraranse como temperaturas límites as seguintes:

-Máxima: 55º C.

-Mínima: -10º C.

Non obstante, para efectos de cálculo, tomarase como base unha temperatura de 15º C.

O orzamento total estimado ascende a douscentos sesenta e tres millóns seiscentas sesenta e unha mil pesetas (263.661.000 ptas.).

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continuará en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento continuado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento dela.

Considerando que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o

Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Gas Galicia, SDG, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal do Carballiño.

A presente concesión outórgase de conformidade coas seguintes condicións:

Primeira.-Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados a partir do momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 5.273.220 pesetas, importe do 2% de orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo dun ano, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión, podendo ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa da forza maior causante da demora.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984.

Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados, ou se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento deles.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado Regulamento xeral, así como no modelo de póliza anexo a este, e a cantas outras disposicións fosen dictadas ou se dicten polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Gas Galicia SDG, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñen que realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a montaxe delas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose ade

cuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde; Gas Galicia SDG, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión, para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que as mesmas supoñan, non poidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, aínda que tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter.

Undécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956 coa nova redacción dada pola disposición adicional undécima da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1996.

Antonio Conceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio