Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 15 de novembro de 1996 Páx. 10.281

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 8 de novembro de 1996 pola que se desenvolven determinadas materias da regulamentación da categoría de persoal de servicios xerais.

En virtude do Decreto 160/1996, do 25 de abril, configúrase e introdúcese no Estatuto de persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social, dentro do grupo D de persoal non sanitario, a categoría de persoal de servicios xerais.

A citada norma constitutiva reflicte, coa necesaria pormenorización, as funcións que corresponden a tal categoría. E así mesmo, determínanse as retribucións que debe percibir este persoal coa remisión que se fai ás normas de ordenación retributiva vixente para o nivel de atención primaria.

Loxicamente, o mentado decreto non entra a regulamentar cuestións concretas referentes ó sistema de acceso á categoría que abranguería a selección e provisión do persoal que optase á cobertura das prazas correspondentes. Nin tampouco esta norma establece unha ordenación de materias relativas á xornada e horario de traballo deste persoal, nin outras que poidan estar imbricadas con elas e que, indubidablemente, van ter unha marcada incidencia na posta en marcha e execución desta nova clase de persoal estatutario.

Xa que logo, sen menoscabo do respecto escrupuloso da normativa estatutaria de carácter básico e da dictada pola Comunidade Autónoma de Galicia no marco das súas competencias ou en desenvolvemento da referida ordenación básica referente a esta categoría de persoal, resulta necesario regulamenta-los aspectos aludidos, para que poida principiar adecuadamente o devir desta categoría, no ámbito que lle corresponda, dentro do nivel de xestión da atención primaria do Servicio Galego de Saúde.

A disposición derradeira primeira do Decreto 160/1996, do 25 de abril, xa aludido, autoriza a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en orde a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución de tal decreto.

Por todo o cal,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A categoría de persoal de servicios xerais exercerá as súas funcións nas unidades de atención primaria en que se sitúe dentro do ámbito de xestión deste nivel asistencial que compete ó Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º

A xornada ordinaria efectiva que deberá cumprir esta categoría de persoal será a correspondente ó persoal non sanitario das institucións sanitarias do Sergas, que se fixa no acordo subscrito con data 25 de xaneiro de 1996 (DOG nº 34, do 16 de febreiro de 1996).

Como excepción, poderán establecerse xornadas inferiores á ordinaria, por razóns de carácter funcional debidamente acreditadas, que deriven da organización e distribución do traballo nalgunha unidade.

A distribución horaria da xornada referente a esta categoría farase polas xerencias de Atención Primaria, en función das necesidades organizativas concorrentes, con respecto, en todo caso, do contido da normativa de ordenación da Atención Primaria.

Artigo 3º

As retribucións desta categoría de persoal, que ascenden ós emolumentos e contías reflectidos no artigo 10 do Decreto 226/1996, do 25 de abril, de

ordenación retributiva do persoal das unidades e servicios de atención primaria, equivalen á aludida xornada ordinaria prevista no acordo referenciado.

De realizar este persoal unha xornada inferior á anteriormente indicada, percibirá tódolos conceptos retributivos en contía proporcional á xornada efectivamente desenvolta.

Artigo 4º

O sistema de selección e provisión, con carácter definitivo para esta categoría de persoal, establécese nos preceptos básicos do Decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario de área e normativa da Comunidade Autónoma de Galicia . Así mesmo, rexerase polas normas que dicte a Comunidade Autónoma, dentro das competencias propias ou en desenvolvemento das básicas.

O sistema de selección temporal desta categoría adaptarase necesariamente ó contido do pacto vixente de nomeamentos e contratacións temporais para a cobertura de prazas de persoal estatutario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, ou normativa que o substitúa.

Artigo 5º

De conformidade coa previsión contida na disposición transitoria do Decreto 160/1996, do 25 de abril que configura e introduce no Estatuto de persoal non sanitario de institucións sanitarias a categoría de persoal de servicios xerais, poderán transformarse en prazas desta categoría ás de unidades de atención primaria que requiran o exercicio das funcións inherentes á categoría de servicios xerais e pertenzan a outras categorías de persoal. Esta transformación producirase cando pola dimensión ou grao de actividade da praza non se precise a prestación de servicios desoutras categorías de persoal.

Para levar a efecto a transformación, aludida no parágrafo anterior, será preciso que previamente se amorticen as prazas, de acordo coa normativa vixente regulamentadora dos procesos de amortización de prazas de persoal estatutario.

Ó persoal que, con vínculo temporal, ocupe prazas obxecto da sinalada amortización e transformación, poderá expedírselle un nomeamento da categoría de persoal de servicios xerais, ou asinar un contrato nesta condición, sempre que reúna os requisitos de titulación esixibles para acceder a ela e supere as condicións mínimas de cualificación que requira o proceso de selección desta categoría de persoal estatutario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizase a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para

adopta-las resolucións e medidas pertinentes para a execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

96-8247