Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 14 de novembro de 1996 Páx. 10.250

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio regulador das condicións de traballo do persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras de Ourense.

Visto o texto do convenio regulador das condicións de traballo do persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras (código nº 3200612) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 27-8-1996, subscrito en representación da parte económica polo concello, e, da parte social, polo comité de empresa, o 2 de setembro de 1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma

de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 2 de setembro de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio regulador das condicións de traballo para o persoal laboral ó servicio do Concello do Barco de Valdeorras.

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

As normas contidas no presente convenio aplicaranse ó persoal laboral, fixo ou temporal do Concello do Barco de Valdeorras, se ben no caso dos contratos temporais, e salvo sempre a equiparación retributiva e de tempo de traballo, a súa relación laboral co concello deberá ser, cando menos, de tres meses o ano, non estando incluídos, en caso contrario, no eido do convenio. Non amparará, así mesmo, aqueles contratos subvencionados que teñan as prestacións económicas prefixadas.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presenta convenio regulador terá unha vixencia desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1996, e prorrogarase automaticamente ata ser substituído por outro novo. Con independencia da súa entrada en vigor, a retroacción dos efectos do presente convenio ó 1 de xaneiro será exclusivamente para efectos retributivos.

Denuncia: calquera das partes asinantes do convenio, poderá realiza-la súa denuncia, comunicándollo pro escrito á outra parte con dous meses de antelación á finalización da súa vixencia.

Así mesmo, con dous meses de antelación á finalización da duración do convenio, as partes asinantes comprométense a manter unha reunión para constituí-la comisión negociadora e establecer un calendario de reunións para a próxima negociación.

Capítulo II

Garantías

Artigo 3º

As condicións recollidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán considerados global e

conxuntamente, quedando subordinados a calquera disposición xeral de rango superior que puidera ter efectos máis favorables para os empregados públicos. As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas en cómputo anual con aqueloutras melloras iguais ou equivalentes que dentro do seu ámbito temporal, puideran establecerse por disposición legal.

Artigo 4º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que directa ou indirectamente afecten ás condicións de traballo do persoal deste concello, particularmente: as retribucións, oferta de emprego, sistemas de selección, promoción e provisión de postos de traballo, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión de servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene e dereitos sindicais e de participación.

Artigo 5º.-Comisión de control.

Despois da súa aprobación, no prazo máximo de 30 días constituirase unha comisión de control para seguimiento do convenio, composta por 4 membros: 2 en representación do concello e outros 2 dos representantes legales dos traballadores.

Cando se trate de asuntos relativos ó fondo social, a reunión será conxunta para o convenio e o acordo.

A comisión deberá estar presidida por quen designe as partes de mutuo convenio, sendo designado polo mesmo procedemento o secretario. Cada unha das partes pode estar asistida polos seus asesores. Cada unha das partes poderá presentar perante a comisión de control do convenio os diferentes conflictos e irregularidades que poidan xurdir da interpretación e aplicación do convenio, co fin de que a comisión emita o dictame e, consecuentemente, utiliza-las medidas legais que procedan. Esta comsión reunirase por petición de calquera das partes dentro das 48 horas seguintes á súa comunicación.

As súas funcións consistirán na emisión de dictames sobre os seguintes temas:

a) Interpretación dos artigos ou cláusulas deste documento.

b) Vixilancia do cumprimento do convenio.

c) Actualización das normas do convenio e ordenanzas, estudiando a necesidade da súa incorporación, procedéndose en consecuencia.

d) Cantas outras actividades leven á eficacia práctica do convenio.

e) Cadros de persoal e postos de traballo.

As funcións ou actividades desta comisión non impedirán en ningún caso o libre exercicio da xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lexislación vixente.

A comisión de control elaborará as súas propias normas de funcionamento interno e o seu calendario de reunións. Os acordos tomaranse por unanimidade ou por acordo conxunto de ambas partes.

Capítulo III

Organización do traballo

Artigo 6º

A organización práctica do traballo será competencia do alcalde, a quen corresponde a iniciativa con suxeición á lexislación vixente. Cando diso se deriven repercusións sobre as condicións de traballo dos empregados públicos, procederá á negociación cos representantes dos traballadores, de conformidade cos artigos 30 e 31 da Lei 9/1987. O alcalde está facultado para delega-las súa competencias.

Artigo 7º.-Clasificación profesional.

A clasificación profesional ten por obxecto a determinación, ordenación e definición das diferentes categorías que poidan ser asignadas ós empregados públicos.

Artigo 8º.-Traballos de superior categoría.

A realización de traballos se superior e inferior categoría responderá a necesidades excepcionais, imprevisibles e perentorias e durará o mínimo tempo imprescindible.

a) A adscripción dun traballador laboral a un posto de superior categoría, será feita pola alcaldía, con comunicación ós delegados sindicais dos traballadores. Cando a ocupación no posto de traballo sexa superior a 10 días, a percepción das retribucións complementarias farase efectiva desde o primeiro día.

O máximo de tempo en que un traballador pida estar nesta situación é de seis meses, transcorridos os cales outro traballador ocupará o seu lugar. Non se aplica esta regra ós postos reservados a traballadores con habilitación de carácter nacional.

b) Ningún traballador poderá realizar traballos de categoría inmediatamente inferior durante un período superior a quince días, tendo en conta ademais o establecido no apartado 4º, artigo 23 do Estatuto dos traballadores. Transcorrido o período citado, o traballador non poderá volver ocupa-lo posto de categoría inferior ata transcorrido un ano, en ningún caso, poderán diminuí-las retribucións.

c) Os postos cubertos por estes sistemas incluiranse obrigatoriamente na seguinte oferta de emprego.

Artigo 9º.-Segunda actividade.

A Corporación e os representantes legais dos traballadores concretarán, dentro das medidas de organización, os postos de traballo que poden ser considerados aptos para a creación dunha escala auxiliar dentro da relación de postos de traballo. Trala aprobación do presente convenio formarase tal escala auxiliar, definindo as funcións que deban ser realizadas polo persoal que se adscriba a tales postos. A iso tamén se adscribirán o persoal que teña minguadas as súas facultades e fora considerado así polos servicios médicos competentes e os maiores de 55 anos. O persoal pasará á escala auxiliar no caso seguinte: por incapacidad para o exercicio da súa función habitual.

Todo o persoal que pase á escala auxiliar conservará o total de retribucións que viña percibindo.

Artigo 10º

No caso de que un traballador presente incapacidade manifesta para o exercicio das súas funcións poderá solicita-la súa xubilación por invalidez ou ben o concello tramitala de oficio, sen prexuízo de situacións de segunda actividade. Neste caso o concello farase cargo da diferencia que exista entre a súa pensión e o que viña cobrando. Esta cantidade será fixa e non terá ningunha revalorización e aboarase ata que o traballador reúna os requisitos para a xubilación forzosa. Caso de que se lle denegue a xubilación polos organismos competentes, o empregado poderá solicita-la xubilación voluntaria, producíndose os mesmos efectos económicos cós sinalados anteriormente. Para evitar fraudes, o traballador que se queira acoller a estes dereitos pasará as probas e exames que o concello estime convenientes, e con cargo ó propio concello.

Artigo 11º

A empregada pública embarazada terá dereito a que se o posto de traballo que desempeña é perxudicial para o seu estado se lle encomenden funcións de acordo coas súas circunstancias.

Capítulo IV

Ingreso, promoción e provisión de postos

Artigo 12º.-Ingreso.

1. Previa negociación cos representantes legais logo da dos traballadores, o concello aprobará no prazo dun mes desde a aprobación dos orzamentos municipais, a súa oferta de emprego público, que conterá obrigatoriamente tódalas prazas vacantes e que será convocada durante o primeiro trimestre do ano.

A oferta de emprego público reservará:

a) A porcentaxe mínima que a lei prevé para a incorporación dos diminuídos ó emprego público.

b) Un 20% para a mobilidade de traballadores doutras administracións locais de Galicia, que a título de reciprocidade, teñan recoñecido tal dereito, agás do establecido sobre mobilidade entre policías locais de Galicia (LCPLG).

c) A porcentaxe máxima para a promoción interna.

2. A oferta de emprego público será negociada cos representantes legais dos traballadores, os cales participarán na elaboración e redacción das bases reguladoras de cada convocatoria. Os procedementos de selección, contratación, promoción e provisión realizaranse mediante convocatoria pública e baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade.

3. O ingreso no concello do Barco de Valdeorras realizarase por calquera dos sistemas establecidos na lexislación vixente.

4. A contratación laboral en réxime de duración temporal responderá a necesidades coxunturais e puntuais. Os sistemas de ingreso e selección serán os

establecidos con carácter xeral no presente convenio, aténdose ó establecido no artigo 12.2º e 12.3º.

Artigo 13º

Os delegados sindicais dos empregados designarán un vocal nos tribunais de selección, que actuará con voz e voto, debendo ser de igual ou superior categoría á da praza convocada.

Artigo 14º.-Promoción interna.

O concello comprométese a reserva-la porcentaxe máxima de prazas que a lei prevé para a promoción interna. O sistema de promoción será o concurso-oposición, no cal a fase do concurso será valorada co 45% da puntuación total do concurso-oposición.

Nestes casos, non se esixirán os coñecementos previamente acreditados en probas anteriores de ingreso ou outras posibles promocións internas.

Os delegados sindicais dos traballadores participarán de igual maneira á sinalada nos artigos 12 e 13.

Artigo 15º.-Provisión de postos.

O sistema de provisión de postos de traballo será o seguinte:

a) Mediante concurso ou concurso-oposición segundo a lei, que será o sistema normal de provisión. As escalas destes concursos serán aprobadas polo órgano competente, despois da elaboración, con participación dos delegados sindicais dos empregados, e deberá conte-los seguintes criterios: nivel de complemento de destino, méritos académicos, antigüidade e méritos profesionais.

b) Mediante libre designación: proveranse mediante este sistema os postos de traballo vinculados dunha maneira directa á alcaldía.

Artigo 16º

En todo caso estas escalas e probas serán elaboradas conxuntamente cos delegados sindicais que formarán parte dos comités de avaliación, designando un representante. Estes comités de avaliación terán a seguinte composición: presidente: o alcalde ou membro da corporación en quen delegue.

Vocais: concelleiro responsable do réxime interior ou membro da corporación en quen delegue; concelleiro delegado da área ou persoa en quen delegue, xefe administrativo da área da praza que é obxecto de concurso ou funcionario en quen delegue e un funcionario elixido polos delegados sindicais dos traballadores. Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Capítulo V

Vacacións, permisos, licencias e excedencias

Artigo 17º.-Vacacións.

As vacacións anuais retribuídas terán unha duracións dun mes natural e desfrutaranse preferentemente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Se por necesidade do servicio o traballador non puidera disfruta-las súas vacacións nos meses sinalados,

te dereito a fixar estas á súa elección, agás casos de forza maior, e a desfrutar de 37 días naturais.

Non obstante o traballador poderá solicitar da alcaldía desfruta-las súas vacacións nun mes diferente ós sinalados no parágrafo primeiro. Poderase acceder ó solicitado, sen que iso produza dereito a desfrutar dos días adicionais, sempre e cando as necesidades do servicio o permitan.

As vacacións dos profesores do conservatorio rexeranse polo disposto no convenio especial do ensino público.

O plan de vacacións elaborarase antes do día un de abril de cada ano para a súa negociación cos delegados sindicais.

Artigo 18º.-Permisos.

Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Por nacemento ou adopción de fallos: catro días, no caso de adopción soamente un dos cónxuxes poderá desfruta-lo permiso.

b) Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: catro días, se o suceso se produce na mesma localidade e cinco se se produce en localidade distinta. Se o parentesco é de segundo grao terase dereito a dous días menos cos sinalados anteriormente.

c) Por traslado de domicilio: dous días.

d) O funcionario cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia do traballo. Este período de tempo poderase dividir en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada en media hora.

e) Quen por garda legal, teña ó seu cargo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico, psíquico ou sensorial, terá dereito a unha reducción de xornada nun tercio ou a metade, con deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse a este dereito os empregados públicos que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao que por razóns de enfermidade precisen asistencia continuada.

f) Para concorrer a exames ou probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa celebración e o necesario para concorrer a eles xustificadamente.

g) Durante o tempo que duran os congresos ou reunións de carácter profesional ou sindical, coa debida xustificación e ata un máximo de 8 días ó ano, en función das necesidades do servicio.

h) Por asuntos propios, sen xustificación, 9 días ó ano, nos termos previstos na lexislación vixente.

i) Para o cumprimento dun deber público de carácter ineludible, o tempo mínimo imprescindible.

j) Logo de aviso e posterior xustificación o funcionamento terá dereito ó tempo necesario para asistir a consulta médica.

Artigo 19º.-Licencias.

Concederanse as seguintes licencias:

a) Por matrimonio: licencia de 15 días naturais initerrompidas.

b) En caso de enviuvar, o empregado público que teña fillos menores de 6 anos ou diminuídos, que non desempeñen actividade retributiva ningunha terán dereito a 1 mes natural de licencia.

c) Licencia por parto ou adopción, nos caos previstos na lexislación xeral.

d) Por asuntos propios, como se determina no artigo 68.3º da Lei da función pública de galega.

Artigo 20º.-Excedencias.

Regularanse de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 21º.-Despedimentos.

No caso de despedimento declarado improcedente por órganos competentes, será o traballador quen opte entre a indemnización legal ou a súa readmisión.

Capítulo VI

Xornada, descanso

Artigo 22º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 37 horas e media semanais, e desenvolverase preferentemente en cinco días a resultas do cadro horario que se negocie cos distintos servicios, de convenio coa natureza das súas funcións. O persoal laboral municipal que curse estudios terá preferencia a elixir tanda de traballo, se tal é o sistema que se segue no seu servicio. Este dereito está suxeito á acreditación deles e á obtención duns rendementos que avaliará a comisión de control.

Artigo 23º.-Descansos.

O persoal laboral municipal que teña xornada continuada, terá dereito a desfrutar dun descanso de 30 minutos durante a súa xornada diaria que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

O descanso entre xornada e xornada será como mínimo de 12 horas. E o descanso semanal ininterrompido será como mínimo de día e medio, desfrutándose preferentemente entre a tarde do sábado e o domingo.

Capítulo VII

Réxime de retribucións

Artigo 24º.-Os empregados de carreira só poderán ser remunerados polos conceptos establecidos na lei e nas contías que se determinen na LPXE.

Pagas extraordinarias de productividade: serán dúas ó ano e terán a seguinte configuración: ás retribucións básicas sumaráselle o importe do complemento de destino e do complemento específico.

Serán satisfeitas conxuntamente coas nóminas de xuño e decembro.

Artigo 25º

O persoal laboral contratado a tempo parcial será retribuído proporcionalmente baseándose nas horas traballadas.

Artigo 26º.-Gratificacións.

Establécense a prohibición como norma xeral, de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada normal agás as excepcións que sexan necesarias e cun tope máximo equivalente a 70 horas extraordinarias anuais. Só se retribuirán aqueles traballos extraordinarios que foran antes autorizados pola alcaldía ou concelleiro delegado de persoal. Quedan exceptuados da regra anterior os traballos necesarios para previr ou amañar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, tendo que xustificarse neste caso, unha vez realizados, nun prazo non superior a 5 días hábiles. Cando exista a necesidade de realizar traballos extraordinarios repartiranse, se é posible, de maneira equitativa entre o colectivo afectado.

Mensualmente informarase ós representantes dos empregados de todo o que afecte ás gratificacións.

O importe de hora extraordinaria será o resultante da fórmula seguinte:

(Salario bruto anual / xornada anual)x1,75

Se tales traballos se realizan en horario nocturno ou festivo, as cantidades sinaladas incrementaranse nun 20%.

Artigo 27º.-Plus de nocturnidade.

O persoal laboral que realice a súa tarefa en horario nocturno percibirá por cada hora de traballo efectivo o seguinte plus:

(Retribución anual/xornada anual)x0,25

Entenderase como hora nocturna a comprendida entre as 22 horas e as 7 horas do día seguinte.

Artigo 28º.-Plus de festividade.

Se se traballa en domingo ou festivo, o persoal laboral municipal será recompensado cun plus equivalente ó da nocturnidade.

Artigo 29º

Establéceselle unha gratificación ó traballador encargado do retén do servicio de augas de 20.000 ptas., así como unha gratificación por dispoñibilidade de fin de semana: 30.000 ptas.

Artigo 30º.-Traballos para outros concellos.

Se se traballa para outros concellos, recibirase o seguinte plus:

(Soldo máis trienios anual/xornada anual)x0,25

Artigo 31º.-Revisión salarial.

A revisión salarial fixarase de forma que o incremento das retribucións dos empregados públicos, unha vez engadida a devandita revisión, manteña a mesma diferencia en puntos respecto do IPC rexistrado que a orixinal incluída na Lei de orzamentos xerais do Estado en relación co IPC previsto, sempre que a Lei de orzamentos do Estado ou norma análoga non o prohiba expresamente.

Artigo 32º.-Retribucións en caso de baixa.

1. As enfermidades ou accidentes non laborais que impidan a normal realización da función darán dereito a licencia con plenitude de dereitos económicos. O persoal laboral terá a obriga de someterse ós controis médicos que a corporación estime conveniente e a facilita-las visitas médicas.

2. Accidente laboral. O traballador nesta situación cobrará a totalidade dos conceptos que lle corresponderían tal como se realizase a súa xornada normal, ou en caso de non estar previsto, a media das cantidades percibidas ó longo do ano.

Artigo 33º

A antigüidade dos traballadores determinarase mediante a aplicación do sistema previsto para os funcionarios públicos, é dicir, pola consolidación de trienios na contía correspondente a cada grupo ó que se asimila a categoría do traballador, de acordo co que na táboa correspondente se sinala.

Os traballadores que agora mesmo teñen recoñecida unha cantidade por antigüidade superior á do grupo ó que se equiparán, manterán esa de forma que non haxa diminución en ningún, caso, pero non experimentarán ningunha suba na contía do trienio ou trienios que lle corresponden na actualidade ata que os trienios do resto dos traballadores da mesma categoría, polos aumentos que vaian experimentando a consecuencia das actualizacións, ou revisións salariais, teñan a mesma contía cos dos anteriores. A partir dese momento, o sistema será o mesmo para todos.

Así mesmo, prodúcese a conversión da anterior antigüidade xa consolidada, de modo que, con vixencia do un de xaneiro, cada traballador terá os trienios que lle correspondan segundo a táboa adxunta computándose desde o seu ingreso ó servicio do concello, todo iso coas excepcións de conserxes, limpadores e coordinador cultural que manteñen os seus trienios xa consolidados, e conxelados do modo exposto, co fin de cumpri-lo principio de non diminución de retribución en ningún caso.

Táboa de equiparación para efectos de antigüidade

Catego. laboralGrupo Equiv. Func.Contía trienio 96

LimpadorE3.950

PeónE1.755

ConxerseE3.950

Peón Espec.E1.755

Oficial 1ªD2.340

Oficial 2ªD2.340

Oficial 3ªD2.340

Auxi. Admtvo.D2.340

Auxi. Bibliot.D2.340

EncargadoD2.340

Coord. Cultur.B5.415

Asist. socialB4.669

Prof. Conserv.B4.669

Prof. gaitasE1.775

Artigo 34º

Créase un fondo social único tanto para o acordo como para o convenio, dotado cunha cantidade anual de 4.000.000 de ptas. non acumulables para o exercicio seguinte.

Para a solicitude das axudas sociais abrirase un período comprendido entre o 1 e o 31 de Nadal de cada ano, facéndose efectivas durante o primeiro trimestre do ano seguinte.

A conta da axuda do fondo social será proporcional ó tempo traballado durante o ano, en caso de que as axudas solicitadas excedan a contía do fondo, este repartirase proporcionalmente.

Non se cargarán neste fondo social as contías por anticipos, primas de seguros e xubilacións anticipadas.

Artigo 35º

Polo concello será designado ó seu cargo a defensa do traballador que como consecuencia do exercicio das súas funcións sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo as custas e gastos que se deriven de actuacións fronte a terceiros, incluídas fianzas, menos nos casos en que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe.

O tempo que o persoal laboral empregue nas actuacións xudiciais derivadas da súa función fóra da xornada laboral será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

O concello garantirá a adscrición do persoal laboral público que preste os seus servicios como conductor a un posto de traballo axeitado ós seus coñecementos, en caso de retirada temporal ou definitiva do carné de conducir, cando esta se derive do exercicio das súas funcións e non exista dolo ou culpa do persoal laboral.

Artigo 36º

A pedimento do interesado e logo do informe da comisión de control, o concello concederá ós seus empregados anticipos de ata 4 mensualidades, cun topo máximo de 500.000 ptas., devolvéndose estes mediante deduccións mensuais en nómina, sen xerar xuro ningún. O prazo para a devolución será fixado polo interesado dentro dos seguinte máximos: 14 meses para os anticipos de 1 mensualidade; 24 meses para os anticipos de 2 mensualidades; 36 meses para os de 3; e 48 meses para os anticipos de 4 mensualidades. A cancelación dun anticipo antes da data de remate de devolución, implicará para o interesado unha espera de 6 meses antes da concesión doutro novo anticipo.

Todo iso enténdese en función das posibilidades orzamentarias e tralo perceptivo informe da intervención municipal. A partida que o concello asignará para anticipos, fíxase en 1.500.000 ptas. anuais.

Artigo 37º

Establécese unha axuda por natalidade (ou adopción legal), e nupcialidade na contía de 15.000 ptas.

Tamén se establece unha axuda por defunción do traballador en servicio activo, na contía de 100.000 ptas., que aboará á presentación da solicitude.

Estas axudas son independentes das que poidan conceder outros organismos.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de odontoloxía, consistente no 50% do importe da factura oficial, sen que a dita axuda poida supera-la contía de 20.000 ptas. por ano por beneficiario.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de oftalmoloxía (lestes ou lentes de contacto) consistente no 50% do importe da factura oficial, sen que a dita axuda poida supera-la contía de 20.000 ptas. por beneficiario e só se aboará cando os gastos se deriven de modificacións das condicións oculares, debidamente acreditadas, e non cando se deriven de perdas ou deterioración.

Establécese unha axuda para o empregado municipal, cónxuxe e fillos, para gastos de adquisición e implantación de próteses ortopédicas, auditivas, etc., e que non sexan cubertas pola Seguridade Social ou seguro de accidentes. A dita axuda será do 50% da factura oficial e non poderá supera-la contía de 20.000 ptas./ano por beneficiario.

Artigo 38º

O concello formalizará un seguro de cobertura das posibles responsabilidades civís de todo o persoal que preste os seus servicios nel, polos actos que realicen por razón do seu traballo. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na súa determinación será oída a comisión de control.

Artigo 39º

Establécese unha axuda para os empregados públicos que cursen estudios en centros de ensino oficial consistente no 80% do importe da matrícula. No caso de materias repetidas non existirá tal dereito. Esta axuda é incompatible con calquera outra que teña a mesma finalidade. Así mesmo establécese unha axuda de escolaridade que percibirá o persoal laboral público en servicio activo e por cada fillo matriculado en centro de ensino oficial e polas contías seguintes: ensino infantil, primario e EXB 15.000 ptas./ano; BUP; COU, FP e acceso á universidade: 25.000 ptas./ano; universidade ou escola técnica: 50.000 ptas./ano.

Tamén se establece unha axuda para sufraga-los gastos de fillos menores de 4 anos de 3.000 ptas./mes.

Artigo 40º

O persoal laboral público con cónxuxe ou fillo en situación de minusvalidez, incapacidade absoluta ou parcial superior ó 33% e non realice traballos retribuídos, percibirá mensualmente a cantidade de 15.000 ptas., salvo que perciba pensión de minusvalidez ou incapacidade de organismo oficial, superior ó 75% do SMI.

Artigo 41º

O concello subscribirá un seguro coas seguintes coberturas: morte ou invalidez permanente absoluta ou total, sempre e cando neste último suposto o traballador afectado non poida ser destinado a outro posto dentro dos existentes no concello, por calquera causa,

durante as 24 horas do día, cobertura nacional e capital asegurado de 5.000.000 de ptas. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na súa determinación será escoitada a comisión de control. O prazo para a súa concertación será de 3 meses desde a publicación do convenio, mentres tanto prorrogarase o anterior ata que o novo surta efectos.

Artigo 42º

O concello garantirá, en todo caso, o quebranto de moeda, sempre que non exista dolo ou culpa grave do traballador.

Artigo 43º

Todo aquel traballador que teña prestados servicios no concello do Barco de Valdeorras, durante 25 anos, percibirá ó cumprimento destes e por unha soa vez e en concepto de premio á constancia a cantidade de 600.000 ptas. e 15 días de licencia.

Calquera empregado que se xubile antes dos 25 anos de servicios pero teña máis de 20 traballados neste concello do Barco de Valdeorras percibirá polo mesmo concepto e no momento de xubilarse a cantidade de 350.000 ptas.

Artigo 44º.-Xubilación anticipada.

Os empregados municipais teña dereito a percibir unha prima por xubilación voluntaria anticipada de acordo coa seguinte escala: ós 60 anos, 3.000.000 de ptas; ós 61, 2.000.000 de ptas; ós 62: 1.500.000 ptas.; ós 63, 1.000.000 de ptas; ós 64: 500.000 ptas.

Esta prima poderá ser efectiva por petición do solicitante nun ou varios prazos.

Capítulo IX

Seguridade e hixiene

Artigo 45º

O Concello dotará a esta entidade dun servicio de medicina de empresa e dun comité de seguridade e hixiene.

Artigo 46º

O servicio de medicina de empresa, nunha primeira fase, estará constituído por un médico que controle as baixas por enfermidade e todo o relacionado coas condicións médico-sanitarias dos empregados públicos, colaborando directamente co comité de seguridade e hixiene. Este tipo de asistencia poderá ser concertada.

Artigo 47º

Con carácter xeral anualmente efectuarase un recoñecemento médico a tódolos empregados públicos, do que se lles deberá dar coñecemento. Quedará a xuízo do servicio médico o tipo de recoñecemento a que deba someterse o persoal laboral. Este recoñecemento, que será voluntario, realizarase preferentemente na xornada laboral.

Poderanse realizar tamén revisión periódicas e específicas ó persoal que realice unha actividade que a faga conveniente.

Ademais do recoñecemento voluntario, os maiores de 50 anos poderán solicitar, con carácter voluntario, a realización dun exame cardiovascular.

Artigo 48º

O comité de seguridade e hixiene é instrumento legal ó servicio do concello para o cumprimento das prescricións legais nesta materia.

Artigo 49º

Estará constituído por dous representantes do grupo de goberno e dous dos traballadores (un funcionario e un laboral) e como presidente o concelleiro de réxime interior ou persoa en quen delegue.

Artigo 50º

As súas funcións serán:

a) Promove-lo coñecemento e a observación da normativa desta materia.

b) Coñecer e recibir información dos riscos profesionais.

c) Estudia-las situacións de perigosidade, accidentes ocorridos, analiza-las súas causas e realizar propostas motivadas de prevención.

d) Confeccionar un ficheiro de locais do concello e estuda-las súas condicións de seguridade e salubridade, para o que deberá contar co máximo apoio da corporación.

e) Realizar campañas de mentalización e prevención de accidentes.

f) Poñer en coñecemento dos órganos competentes as situacións de perigosidade e risco que se produzan de xeito eventual e con carácter de urxencia.

g) Promove-la paralización profesional de traballos antes a presencia dun risco grave e inminente.

h) Realizar planos de evacuación.

i) Estudio do tipo e número de uniformes.

Artigo 51º

A competencia do comité de seguridade e hixiene abrangue a tódolos centros de traballo propios ou dependentes do concello.

As conclusións deste comité trasladaranse á comisión de control.

Artigo 52º

O concello proporcionará uniformes de traballo en concordancia co posto e a función que se realice. O comité de seguridade e hixiene informará antes esta materia. Só terán dereito a uniforme os postos de traballo que esixan un vestiario especial.

Artigo 53º

Cada centro de traballo contará imperativamente cos medios precisos de primeiros auxilios en perfectas condicións de utilización en todo momento.

Artigo 54º

Os membros do comité de seguridade e hixiene disporán do tempo necesario para asistir ás reunións ou para realiza-los cometidos sinalados polo propio comité. O réxime de control será o mesmo que para o comité de empresa ou delegado de persoal.

Capítulo X

Dereitos sindicais

Artigo 55º

A corporación e os representantes legais dos empregados comprométense a desenvolve-las condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical.

Artigo 56º

A representación do persoal desenvolverase de conformidade coa Lei 9/1987 e a Lei orgánica de liberdade sindical e cantas disposicións desenvolvan esta materia.

Artigo 57º

É competencia dos representantes dos empregados a defensa dos intereses xerais e específicos dos empregados públicos e en particular a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais. Os representantes dos empregados deberán ser informados:

a) Das cuestión que afecten ó persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal. Enviarase orde do día e acta da reunión anterior. Permitirase na devandita comisión a presencia dos representantes legais dos empregados, para que expoñan as súas opinións, pero non estarán presentes na deliberación e votación.

b) Darase audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.

c) Informarase dos contratos de conformidade coa lexislación vixente.

d) Da asignación de complementos, gratificacións, honores e distincións.

Artigo 58º

Os representantes dos empregados terán a capacidade xurídica que o ordenamento xurídico lles outorga para o exercicio das accións administrativas ou xudiciais que procedan, no ámbito das súas competencias.

Artigo 59º

Os representantes dos empregados deberán ser consultados preceptivamente en relación cos cambios de horarios e roldas, agás modificación transitoria, así como na reestructuración do cadro de persoal e reorganización del.

Artigo 60º

Recoñécese o dereito de folga, de conformidade coa Constitución e a súa normativa de desenvolvemento, se ben as partes comprométense a exercelo en último caso.

Artigo 61º

Os representantes legais dos empregados non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles pode ser trasladado nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, por motivos sindicais.

Cada un dos membros dos órganos de representación, así como o secretario xeral da sección respectiva e os delegados sindicais, disporán de 18 horas mensuais para realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:

a) Quedan fóra de cómputo as empregadas en negociación colectiva ou por proposta da administración.

b) A comunicación do seu uso realizarase con 24 horas de antelación, 48 horas se se ten traballo a rolda, ante o servicio de réxime interior e no propio servicio. Caso de que non poida facerse así repectaranse as necesidades do servicio, pasando posteriormente notificación a réxime interior.

c) Tamén, coa antelación que sexa posible, os membros de comisión negociadoras comunicarán nos seus servicios as devanditas ausencias.

d) Mensualmente poderanse acumula-las horas dos empregados presentes nos distintos órganos de representación, así como as do delegado da sección sindical, nun ou varios dos compoñentes das seccións sindicais, dado coñecemento diso con antelación suficiente á dirección de persoal, con expresión de quen acumula, de quen proceden e sempre por decisión do sindicato ó que pertenzan.

Artigo 62º

As reunións nos centros de traballo autorizaranse fóra da xornada laboral, agás acordo en contrario. Neste caso concederanse autorización ata un máximo de 36 horas anuais; destas 15 horas corresponderán ás seccións sindicais e o resto á xunta de persoal. En calquera caso, a celebración de reunións non perxudicará a prestación dos servicios públicos e procurarase que coincida coa entrada ou saída dos empregados.

Artigo 63º

Os representantes dos empregados públicos deste concello obríganse expresamente a:

a) Cumprir e respecta-lo pactado e negociado coa corporación.

b) Desenvolver labores de estudio e asistencia ó labor sindical.

c) Notificar á corporación calquera cambio de membros que se produza no seu seo.

Artigo 64º

Calquera conflicto colectivo que xurda no ámbito deste convenio, requirirá para a súa consideración de licitude, o previo coñecemento da comisión de control, que deberá arbitra-la solución do conflicto. No caso de que non se chegue a unha solución a comisión poderá determina-las condicións e persoas que someterán a arbitraxe a cuestión controvertida. Tamén se poderá acudir ás vías da Lei 7/1990 e outras vías legais que poidan ser de aplicación.

Capítulo XI

Formación profesional

Artigo 65º

O persoal laboral público poderá acceder á realización de calquera curso relacionado co seu posto de traballo convocado polo concello ou calquera outro

organismo, respectándose o principio de igualdade de oportunidades. A asistencia ós curso terase en conta para a promoción profesional, sempre e cando se expida certificación que amose o aproveitamento das materias impartidas. Anualmente elaborarase un programa destinado á formación permanente do persoal laboral público pola comisión de control.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 66º

O réxime disciplinario, e o procedemento para a imposición de sancións, con plena observancia e en defecto do disposto no Estatuto dos traballadores de demais lexislación laboral que sexa de aplicación, será o previsto para os funcionarios da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cláusula adicional.

a) O concello comprométese a realizar unha clasificación de postos de traballo ó longo da vixencia deste convenio regulador.

b) Este convenio entrará en vigor para o grupo de empregados con efecto retroactivo a primeiro de xaneiro de 1996.

c) O persoal adscrito ó conservatorio do Barco de Valdeorras rexerase polo convenio do ensino privado e o calendario laboral será o relativo ó dito convenio.

d) Táboa salarial.

O Barco de Valdeorras, 31 de xullo de 1996.

Anexo de retribucións

Cláusula primeira.

1. As retribucións do persoal laboral do Concello do Barco de Valdeorras experimentarán co efectos do 1-1-1996 un incremento do 3,5%.

Táboa retributiva para o ano 1996

CategoríaSalario/mesPaga extraTotal ano 1996

Peón132.183132.1831.850.569
Limpador132.183132.1831.850.569
Conserxe132.700132.7001.857.804
Peón Esp.132.700132.7001.857.804
Oficial 1ª145.829145.8292.041.606
Oficial 2ª141.273141.2731.977.821
Oficial 3ª138.676138.6761.941.471
Aux. Adtivo.143.335143.3352.006.690
Aux. Biblio.141.273141.2731.977.821
Encargado158.015158.0152.212.216
C.Cultural268.632268.6323.760.851

Cláusula segunda.

Para os anos 1996, 1997 e 1998 as retribucións experimentarán os incrementos determinados na LPXE ou normativa análoga para a función pública, sendo de aplicación a cláusula de revisión salarial contida no artigo 29º.

Cláusula terceira.

1. Na perspectiva de acada-la equiparación entre o persoal laboral e funcionario créase para os anos 1996, 1997 e 1998 un fondo adicional de aproximación retributiva calculado en función da diferencia individual entre postos análogos tomando como referencia as retribucións do ano 1995.

2. O fondo adicional de aproximación retributiva aplicarase incrementando as retribucións do ano precedente a razón de 1/3 anual actualizado respecto do 31-12-1995 cos incrementos que experimenten as retribucións da función pública nas leis de orzamentos do Estado, normativas análogas e cláusulas de revisión salarial.

Táboa de aproximación retributiva

Posto laboralPosto

Funciona.

Retribución

Base 95

Fondo adicional

aproximación

PeónLimpadora1.990.640303.976
LimpiadorLimpadora1.990.640303.976
ConserxeNiv. Limp+12.011.612324.948
Peón Esp.Niv. Limpa+12.011.612324.948
Oficial 1ªCondut/Elect.2.220.047371.221
Oficial 2ªCondut./Elect.2.220.047463.663
Oficial 3ªCondut./Elect.2.220.047516.345
Aux. Bibliot.Condut./Elet.2.220.047463.663
Aux. Adtivo.Aux. Adtivo.2.303.725547.341
EncargadoAux. Adtivo.2.303.725249.477
C.CulturalTesoureiro3.633.673

Cláusula cuarta.

A vixencia tempora do presente anexo de retribucións prolóngase ata o 31-12-1998.

9608133