Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 14 de novembro de 1996 Páx. 10.241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de comercio de alimentación (código nº 3200545) de Ourense, que tivo entrada nesta delegación provincial o 18-7-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación empresarial de Alimentación, e da parte social as centrais sindicais CC.OO. e USO, con lexitimidade suficiente para asina-lo dito convenio en xuntanza celebrada o 27-6-1996, e de conformidade co dispsoto no artigo 90.2º e 3º do R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e no R.D. 1040/1981, do 22 de maio, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación, e a notificación ás partes económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 29 de xullo de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia de Ourense 1996

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta a tódalas empresas de alimentación da provincia de Ourense, incluíndo nelas maioristas e distribuidores; retallistas; supermercados e autoservicios; economatos; chacinerías, cortadorías e peixerías e en xeral tódalas empresas dos sectores comercio e alimentación e comercio-gandería rexidos pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de dous anos comezando a rexe-lo 1 de xaneiro de 1996 e terminará o 31 de decembro de 1997.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, mentres non sexa modificado por outro que o substitúa, ó non mediar denuncia por calquera dos representantes empresariais ou sindicais que interviñeron na negociación, con dous meses de antelación como mínimo ó remate da vixencia.

Producida a denuncia do convenio nos termos establecidos no parágrafo anterior, as partes comprométense a constituí-la comisión negociadora antes de remata-lo mes de febreiro, e inicia-la negociación efectiva na primeira quincena do mes de marzo.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións que se establecen neste convenio serán compensables e absorbibles en cómputo anual de acordo coa lexislación vixente, respectando as situacións presenciais de igual forma.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada máxima de traballo queda establecida en 1.820 horas ó ano.

Respectando o número de horas anuais de traballo acordadas, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular de xornada en períodos de catro meses.

Neste período cuadrimestral a distribución semanal poderá supera-las 40 horas de traballo, co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menor traballo. Antes do inicio de cada período de distribución irregular de xornada publicarase, con 15 días de antelación, o calendario correspondente ó dito período.

Artigo 5º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio desfrutará dun período anual de vacacións de 30 días naturais.

As vacacións poderanse desfrutar no transcurso do ano, sendo obrigatorio para a empresa conceder 15 días destas durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de forma rotativa.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle corresponden dous meses antes polo menos, do comezo do seu desfrute e anunciarase no taboleiro de anuncios do centro de traballo, preferentemente no primeiro trimestre do ano.

Artigo 6º.-Horas extras.

Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

As horas extraordinarias realizadas retribuiranse con incremento do 75% e as realizadas en domingo e días festivos retribuiranse ó 100%.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 por ano. A prestación de traballo en horas extraordinarias será voluntaria.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizaranse semanalmente, entregando copia do mesmo ó traballador na parte correspondente, e ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Artigo 7º.-Licencias e permisos.

Todo traballador, avisando con suficiente antelación, e posterior xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos, sen prexuízo dos establecidos na lexislación vixente.

A. Matrimonio civil ou relixioso: 15 días.

B. En caso de nacemento, falecemento ou enfermidade grave de parentes en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días. Se mediase desprazamento: 5 días.

C. Por traslado de domicilio habitual: 1 día.

D. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

E. Para realizar funcións sociais ou de representación de persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

F. No caso de saídas ó médico o tempo empregado cando coincida co horario de traballo.

Artigo 8º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencia tódolos traballadores da empresa, sempre que leven, como mínimo, un ano de servicio por un prazo non inferior a un ano e non maior de cinco.

Ó remata-la situación de excedencia o traballador terá dereito a ocupa-la primeira vacante de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento máis a antigüidade.

Esta pagas serán aboadas:

a) Paga de verán, antes do 20 de xullo.

b) Paga de Nadal, antes do 20 de decembro.

c) Paga de beneficios, antes do 21 de marzo.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

Os salarios base serán os establecidos na táboa salarial anexa e terán a súa aplicación desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1996.

O incremento do presente convenio é dun 4,80% sobre as táboas de 1995.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O concepto de gratificación por antigüidade establécese en cuatrienios na contía do 5% sobre o salario base do convenio vixente en cada momento e por cada categoría.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas tódolos traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual ou teñan necesidade de desprazarse a localidades onde tamén esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento.

A contía dela será a seguinte:

-Axuda de custo completa: 4.192 ptas.

-Comida: 1.572 ptas.

-Cea: 1.048 ptas.

-Alomorzo 314 ptas.

Ou ben, por acordo coa empresa, gastos para xustificar.

Artigo 13º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

No caso de incapacidade laboral por enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime asistencial dela, a empresa complementará o salario ata o importe íntegro das súas retribucións ata o límite dos 12 meses aínda que que o traballador fose substituído.

O persoal que con carácter obrigatorio non estivese comprendido na Seguridade Social e opte por desfruta-la cobertura do réxime xeral percibirá con cargo á empresa os mesmos beneficios económicos que regularmente estean inscritos no dito seguro, isto é, deducirase en todo caso o importe das prestacións que terían que percibirse da Seguridade Social no suposto de que voluntariamente se inscribisen.

O persoal no caso de enfermidade común ou accidente non laboral, que non teña cumprido un período de cotización de 180 días dentro dos cinco anos inmediatamente anteriores ó feito concernente, a empresa virá obrigada a satisface-la retribución básica ata que sexa cuberto o mencionado período de carencia.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a facilitar ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano, ós choferes e repartidores facilitárselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupa de auga. O seu uso será obrigatorio.

Artigo 15º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O traballador que traballe en cámaras de conxelación, con independencia de que sexa dotado de pezas de roupa adecuadas ó seu cometido, percibirá unha gratificación do 20% do seu salario sempre e cando traballe máis o 25% da súa xornada nas ditas cámaras.

Artigo 16º.-Servicio militar.

O persoal comprendido no presente convenio ten dereito a que se lle respecte o posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar e dous meses máis.

Artigo 17º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional sen que con isto sexa minguado o seu salario.

A empresa pagará as multas orixinadas por excesos de carga, mal aparcamento no caso de carga e descarga e número de viaxeiros excesivos que teñan a condición de ser persoal de servicio da empresa así como cando no tacógrafo aparece un exceso do horario autorizado.

Artigo 18º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio entenderanse con carácter de mínimas, debendo ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores, en canto sexan máis beneficiosas cás aquí establecidas.

A este respecto aclárase que a denominación de gratificación familiar para aqueles traballadores que o teñan recoñecido en nómina a 31 de maio de 1991, manterán a súa contía actual deixando de percibilo ou diminuíndo no momento en que desaparezan legalmente as circunstancias da súa aplicación e non sufrirá modificación ningunha.

Artigo 19º.-Descanso semanal.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un descanso semanal de día e medio, que como regra xeral comprenda a tarde do sábado ou no seu canto a mañá do luns e o día completo do domingo, salvo que por acordo entre empresa e traballadores se acorden outras condicións.

As festas laborais terán carácter retribuído e non recuperable.

Cando coincida o persoal de ruta con festa local, a empresa compensará ese día co descanso do día seguinte, sempre e cando este non sexa festivo, que será o martes.

Artigo 20º.-Gratificación de actividade.

Tódolos traballadores percibirán en concepto de gratificación de actividade a cantidade de 5.277 pesetas mensuais aplicándose a dita cantidade por 12 mensualidades.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria integrada por cinco membros das asociacións empresariais, dous de CC.OO. e tres da USO.

Artigo 22º.-Delimitación das funcións do conductor.

Chófer de 1ª.-É o traballador que con coñecementos e permisos necesarios conduce vehículos dos que para o seu manexo se esixe o permiso de conducir de 1ª especial ou 1ª, coida da conservación del, cobra a mercadoría de acordo coas instruccións que recibe e debe participar en carga e descarga.

Chófe de 2ª.-É o traballador que, con coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos dos que para o manexo se esixe o permiso de conducir de 2ª ou 3ª clase, cobra a mercadoría de acordo coas instruccións que recibe e debe participar na carga e descarga. O conductor de 1ª terá a categoría de oficial de 1ª ou de oficial de 2ª.

Artigo 23º.-Igualdade no traballo.

Repectaranse os principios de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

En tódalas empresas afectadas polo presente convenio con máis de 250 traballadores, as centrais sindicais poderán nomear un delegado sindical sempre que teñan representación no comité.

Artigo 25º.-Xubilación.

As empresas concederán un complemento por xubilación a aqueles traballadores con dez anos como mínimo de antigüidade nela que se xubilen durante a vixencia do convenio, consistindo o mencionado complemento nas mensualidades que a seguir se indican, consistentes en salario base, antigüidade e gratificación de actividade.

-Xubilación voluntaria ós 60 anos: 6 mensualidades.

-Xubilación voluntaria ós 61 anos: 5 mensualidades.

-Xubilación voluntaria ós 62 anos: 4 mensualidades.

-Xubilación voluntaria ós 63 anos: 3 mensualidades.

-Xubilación voluntaria ós 64 anos: 2 mensualidades.

Considerarase obrigatoria a xubilación ós 65 anos para tódolos traballadores afectados polo presente convenio, percibindo dúas mensualidades do salario base, antigüidade e gratificación de actividade.

Artigo 26º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán polas prácticas de recoñecementos médicos, incluíndo análises de sangue e ouriños, tato iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo unha ó ano.

Por outra banda, os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo delas, tanto en situación activa coma en situación de ILT ou semellante.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e faráselle entrega a este do resultado do recoñecemento.

Serán entregados nun prazo máximo de cinco días desde a data do recibo deles.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 27º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade e/ou contra a liberdade das traballadoras e traballadores, conductas de acoso sexual verbais ou físicas serán conceptuadas como faltas moi graves, graves e leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa ou persoas con contrato laboral non indefinido a sanción aplicarase en grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos/as traballadores/as e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a, procurando silencia-la súa intimidade cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente poderase segui-la descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 28º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para tódolos traballadores contratados durante a vixencia do presente convenio, que será o seguinte:

-Grupos de tarifa 1 e 2: 6 meses.

-Grupos de tarifa 3 a 8: 3 meses.

-Grupos de tarifa 9 e seguintes: 15 días laborables.

Artigo 29º.-Sumisión ó AGA.

Perante a importancia que pode ter para a solución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos AGA, asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos que están formulados.

Artigo 30º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo quedará encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas en cada grupo profesional non son exhaustivas senón simplemente enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que desenvolvan unha actividade baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo e para o que se requira unha pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos que estean ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxeselles o coñecemento total do seu oficio e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

Artigo 31º.-Modalidades de contratación.

A. Contratos de aprendizaxe.

Pódense realizar contratos de aprendizaxe con traballadores maiores de 16 anos e menores de 25 anos.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 90%, 95% e 100% do salario base da súa categoría durante respectivamente o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

B. Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% ou do 95% do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente, o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato.

C. Contratos de duración determinada (regulados polo artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en aras dunha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado a que se refire o dito artigo poderase celebrar cunha duración mínima de seis meses e un máximo de trinta e seis meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con polo menos 15 días de antelación e sen indemnización ningunha ó rematar cada unha das prórrogas. En caso de producirse a extinción do contrato por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción á terminación do tempo máximo de duración dos 36 meses, se o traballador seguise prestando servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

As partes asinantes deste convenio someteranse a recomendar ós seus afiliados a utilización deste tipo de contrato, sempre que resulte aplicable, no canto doutras modalidades de contratación temporal actualmente en vigor.

Artigo 32º.-Mobilidade xeográfica.

Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos daquel no que presten os seus servicios durante calquera prazo de tempo, fundamentando o citado desprazamento en razóns técnicas, organizativas ou de producción ou de contratación.

Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 40 quilómetros do seu centro de traballo actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos considerados na lei establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA no caso de descacordo coa comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

Se polo traslado un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó trasaldo á mesma localidade.

Os casos de traslado, segundo a definición anterior, darán lugar ó dereito do traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para el e os familiares que vivan á súa conta.

-Transporte do mobiliario, roupa e utensilios do seu fogar.

-Indemnización por cambio de vivenda, consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional nun único pagamento.

-Compensación durante 12 meses da diferencia de custo da vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e con máximo de 12 mensualidades.

Disposicións transitorias

Primeira.-O incremento salarial para 1997 será o correspondente ó IPC real de 1996 máis 0,5% o cal se aplicará ás táboas de 1996 unha vez que se constate polo INE o IPC real do dito ano. Co fin de adpata-las novas táboas de salarios para 1997, unha vez publicado o IPC anual de 1996 reunirase a comisión paritaria do convenio para adapta-las novas táboas.

Segunda.-No non previsto no presente convenio rexerá o que estableza a lexislación vixente.

Táboas salariais

Grupo profesional; nivel salarial; categorías incluídas; salario base; salario anual.

I. A) Director: 105.503; 1.582.548; 5.276.

I. B) Xefe de administración, xefe de vendas; xefe de compras: 98.910; 1.483.654; 4.946.

I. C) Supervisor, coordinador xeral, xefe de centro: 92.315; 1.384.728; 4.615.

II. A) Xefe de almacén, xefe de supermercado, xefe de sección: 87.040; 1.305.593; 4.352.

II. B) Analista, responsable expedición, recepcionista: 85.821; 1.285.817; 4.286.

II. C) Oficial administrativo, programador: 83.083; 1.246.250; 4.154.

III. A) Mecánico; electricista, oficial 1ª chofer, operador informático, capataz, viaxante: 80.447; 1.206.699; 4.022.

III. B) Dependente, oficial 2ª chofer. Auxiliar de caixa-repoñedor, auxiliar de caixa-dependente, auxiliar de caixa; mecánico de gravación; auxiliar administrativo, axudante mecánico, axudante electricista, peón de mantemento, mozo especializado: 76.490; 1.147.356; 3.824.

III. C) Telefonista, mozo de reparto, mozo repoñedor, oficial 3ª, axudante, persoal de limpeza: 73.853; 1.107.788; 3.693.

Acta

En Ourense, sendo as 18.30 horas do día 27 de xuño de 1996, reúnense na terceira planta do edificio AISS as representacións social e empresarial do Convenio de comercio de alimentación de Ourense, co fin de prosegui-las negociacións.

Dá comezo a reunión coa lectura da acta anterior, a cal é asinada polos asistentes.

A seguir, pásase a efectuar unha valoración das dúas posturas existentes en relación á acta anterior e pola que CC.OO. e USO aceptarían un contrato sen indemnización e cun incremento de 5% para 1996 e o IPC máis 0,5% para o segundo ano. Por outra banda, a UGT e a CIG manifestan que a súa postura é dun contrato de tres anos con indemnización de 12 días por ano e un incremento do 4% para 1996 e o IPC para 1997.

Prodúcese un longo debate no que se van variando as ofertas e contraofertas dunha e outra parte e chégase ó seguinte

ACORDO:

1. Duración do convenio: 2 anos.

2. Contratos de duración máxima de 3 anos sen indemnización (artigo 15.1º b))

Incremento salarial para 1996 dun 4,80% e para 1997 o IPC real de 1996 máis 0,5%.

O presente convenio colectivo será asinado pola Asociación Empresarial de Alimentación e as centrais sindicais CC.OO. e USO de acordo de acordo coa representatividade que cada unha delas ten de acordo coa certificación expedida polo SMAC en canto ó número de delagados existente no dito sector da alimentación acadando a maioría legalmente establecida para a sinatura dun convenio de plena eficacia.

E non tendo máis que tratar, levántase a sesión cando son as 20.30 horas do día anteriormente sinalado.

9606408