Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 12 de novembro de 1996 Páx. 10.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 1996, da Delegación provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Roline, S.A.

Visto o expediente do convenio coelctivo para a empresa Roline, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-8-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 30-7-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de agosto de 1996.

Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións

Convenio colectivo da empresa Roline, S.A. ano 1996

Artigo 1º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997. Quedará prorrogado por períodos anuais sucesivos de non se denunciar por algunha das partes asinantes.

Unha vez denunciada a totalidade do presente convenio e actas que houbese, seguirán vixentes ata a sinatura do próximo convenio.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo ten ámbito de empresa e regula as condicións económicas e de traballo entre Roline, S.A. e o persoal do seu cadro de persoal de flota.

Non será de aplicación o contido deste convenio para o persoal de inspección ou o embarcado que desempeñe os seus servicios en terra.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

Para os efectos de aplicación do presente convenio, este constitúe un todo orgánico indivisible, polo que non se poderá pretende-la aplicación dunha ou varias das súas normas desbotando o resto, senón que sempre deberá ser aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente. Se a autoridade laboral competente non aprobase ningunha das normas deste convenio e este feito desvirtuase o contido del, a xuízo das partes, quedará sen eficacia a totalidade do convenio, que deberá ser considerado de novo polas comisións negociadoras.

Artigo 4º.-Prórroga e denuncia.

Será prorrogado por espacios sucesivos de 1 ano, se non é denunciado por algunha das partes contratantes.

Poderá ser denunciado por calquera das partes durante os tres últimos meses antes do seu vencemento.

Artigo 5º.-Melloras futuras.

Se unha vez vixente o presente convenio entrasen en vigor convenios de ámbito superior e para o sector da mariña mercante, aplicables ás relacións económicas, sociais e de traballo desta empresa, que establezan condicións máis favorables para os traballadores e sempre que estas condicións teñan carácter estrictamente oficial e estean publicadas no BOE aplicaranse de acordo con este e a súa entrada en vigor será a que no citado BOE se indique.

Artigo 6º.-Imprevistos no convenio.

En todo o non previsto neste convenio seguirán aplicándose as condicións de traballo vixentes en cada momento na empresa, remitíndose para o non establecido nelas ó conxunto das disposicións legais vixentes que configuran as relacións laborais do Estado español e Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal fixo, para as actividades comprendidas neste convenio, considerarase provisional durante o período de proba, variable conforme o labor ó que o tripulante se dedique, que non poderá ser superior ó que establece a escala seguinte:

a) Titulados 4 meses traballo efectivo.

b) Mestranza e subalternos 45 días traballo efectivo.

Durante o dito período, que poderá ser pactado por escrito, ámbalas partes poden rescindir unilateralmente o contrato de traballo, comunicándollo á outra parte en igual forma, cunha antelación mínima de 8 días.

En caso de que o período de proba expire no curso dunha travesía, este considerarase prorrogado ata que o buque toque porto español, pero a vontade por parte do armador de rescindi-lo contrato de traballo por non supera-lo período de proba deberá ser notificada ó tripulante polo capitán dentro do prazo estipulado no parágrafo anterior deste artigo. En caso contrario, considerarase o tripulante como fixo no cadro de persoal. No caso de que expire por vontade do tripulante e iso ocorra en viaxe ou en porto estranxeiro, considerarase prorrogado ata o porto español e se o tripulante opta por desembarcar en porto estranxeiro, o traslado será por conta del.

Concluído a satisfacción de ámbalas partes o período de proba, o tripulante pasará a figurar no cadro de persoal fixo na empresa e o tempo prestado durante a dita proba seralle computado para efectos de antigüidade.

A empresa, no suposto de rescisión do período de proba, entregará a documentación relativa ó tempo efectivamente traballado e as cotizacións efectuadas á Seguridade Social.

Unha vez finalizado o período de proba ou coa chegada do buque a porto, os gastos de viaxe e axudas de custo ata o porto de embarque serán por conta da empresa.

As baixas por enfermidade ou accidente interrompen o período de proba de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 8º.-Interinaxe e persoal eventual.

De acordo co Estatuto dos traballadores ou norma legal e non pactada.

Artigo 9º.-Traballos en categoría superior.

a) A realización de traballos en categoría superior dan dereito á percepción dos mesmos beneficios que correspondan á dita categoría.

b) O desempeño deste posto durante un período superior a noventa días continuados dará dereito a consolidar este posto.

O non indicado nos parágrafos anteriores estará de acordo na súa totalidade co artigo 39 do Estatuto dos traballadores ou normas de aplicación.

No caso de liquidación do prazo establecido polo mar, considerarase prorrogado ata a chegada a porto español.

Artigo 10º.-Comisión de servicio.

Enténdese por comisión de servicio a misión de traballo profesional que ordene a empresa realizar ó tripulante en calquera lugar.

Durante o período de comisión de servicio, os tripulantes devengarán o salario profesional e as axudas de custo que correspondan sempre que a misión encomendada se realice fóra do seu domicilio habitual.

Na circunstancia de atoparse fóra do seu domicilio, as vacacións rexeranse a réxime de mar, e se fose no seu domicilio habitual, a razón dun mes de vacacións por cada once meses de traballo.

En calquera caso, os gastos de viaxe que puidesen ocasionarse aboaranse logo de xustificación, debendo a empresa adiantar unha cantidade estimada polo importe dos ditos gastos.

Artigo 11º.-Transbordo.

A compañía de navegación atenderá as peticións dos tripulantes relacionadas co seu destino, en relación ós seus domicilios legais ou outras causas xustificadas.

Non obstante, acórdanse dúas situacións de transbordo:

1. Por necesidade do servicio.

2. Por iniciativa do tripulante.

Procurarase garda-la orde inversa de antigüidade de cada categoría na compañía.

Artigo 12º.-Expectativa de embarque no domicilio.

Considérase expectativa de embarque a situación do tripulante que se atopa no seu domicilio, procedente dunha situación diferente á de embarque, estando dispoñible e ás ordes da empresa.

A expectativa de embarque durará ata o día anterior en que o tripulante saia do seu domicilio.

O período máximo que se establece para esta situación é de 20 días, pasando a partir deste momento a situación de comisión de servicio.

Durante a expectativa de embarque percibirase o salario profesional correspondente a este convenio e vacacións a razón dun mes de vacacións por cada once de traballo.

Artigo 13º.-Licencias.

a) Con independencia do período regulamentario de vacacións, recoñécese o dereito a desfrutar de licencias polos motivos que a seguir se enumeran: de índole familiar, para asistir a cursos ou exames para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores ou cursos de carácter obrigatorio, complementarios ou de perfeccionamento e capacitación na mariña mercante e para asuntos propios.

b) A concesión de toda clase de licencias correspóndelle ó armador. O peticionario deberá presenta-la oportuna instancia e o armador adoptará a resolución sobre ela dentro dos trinta días seguintes á súa solicitude.

Nos supostos de licencias por motivos de índole familiar, os permisos que se soliciten deberán ser concedidos polo capitán no momento de seren solicitados, desembarcando o tripulante no primeiro porto con medios máis directos de desprazamento e dentro dos límites xeográficos recollidos no apartado c). Todo iso sen prexuízo das sancións que se poidan impor ós que posteriormente non xustifiquen en forma debida a causa alegada ó formula-la petición.

c) Os gastos de desprazamento para o desfrute das licencias correrán por conta do permisionario, con excepción dos ocasionados no suposto de morte do cónxuxe ou fillos e a do apartado 2º B) e D), que correrán por conta do armador, quedando restrinxido o uso do dereito a desembarque e reembarque a tódolos portos de Europa, mar Mediterráneo, mar Negro e os portos de África, ata o paralelo de Noadibou (Port Atienne). Non obstante quedan excluídos destas limitacións xeográficas as causas de enfermidade grave e morte do cónxuxe ou fillos.

1. Licencias por motivo de índole familiar

Estas licencias serán retribuídas nos seguintes casos:

CausaDías

1. Matrimonio20

2. Nacemento de fillos17

3. Enfermidade grave cónxuxe, fillos,

pais e irmáns ata15

4. Morte do cónxuxe ou fillos15

5. Morte de pais ou irmáns15

Non obstante estes prazos e atendendo as excepcionais circunstancias que poidan concorrer nalgunha situación xustificada, a empresa concederá os días necesarios, sempre e cando sexa compatible co servicio a excepción das causas 3, 4 e 5.

Ningunha das licencias descritas neste apartado será acumulada a vacacións, con excepción da do matrimonio, que se poderá acumular. Non obstante o parágrafo anterior, o tripulante embarcado, logo de comunicación á empresa, poderá optar á acumulación en caso de natalidade.

Os tripulantes que desfruten as licencias previstas neste apartado percibirán o seu salario profesional.

As licencias comezarán a contarse desde o día seguinte ó de desembarcar.

2. Licencias para asistir a cursos e exames

a) Cursos oficiais para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores da mariña mercante.

Antigüidade mínima: 1 œ anos.

Duración: a do curso.

Salario: profesional.

Núm. veces: retribuída unha soa vez.

Vinculación á compañía: 1 ano, agás caso de resarcimento.

Peticións máximas: 6% dos postos de traballo de cada categoría.

Mensualmente enviarase á compañía xustificación de asistencia expedida pola escola para ter dereito á retribución.

b) Cursos de carácter obrigatorio, complementarios ós títulos profesionais.

Antigüidade mínima: sen limitación.

Duración: a do curso.

Salario: profesional.

Núm. veces: retribuída unha soa vez.

c) Cursos de perfeccionamento e capacitación profesional de tripulantes e adecuados ós tráficos específicos de cada empresa.

Antigüidade mínima: 1 ano.

Duración: a do curso.

Salario: profesional.

Núm. veces: unha soa vez.

Vinculación á compañía: 1 ano.

Peticións máximas: 6% dos postos de traballo.

En todas estas licencias seguirase a orde de antigüidade ata completa-los topes establecidos. A empresa atenderá as peticións formuladas ata os ditos topes, podendo concedelos durante o período de vacacións.

Se os tripulantes se integrasen a calquera dos cursos durante as vacacións, estas quedarán interrompidas.

Unha vez rematado o curso, seguirá o desfrute delas.

d) Cursos por necesidade da empresa.

Cando algún dos cursos dos apartados anteriores realice por necesidade da empresa, o tripulante atoparase en situación de comisión de servicio todo o tempo que duren os ditos cursos.

Licencias para asuntos propios.

Os tripulantes poderán solicitar licencias por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, por un período de ata seis meses, que poderán concederse polo armador.

A empresa informará ó Comité de Empresa dos permisos efectuados.

Artigo 14º.-Excedencia voluntaria.

Pódea solicitar cada tripulante que conte polo menos cun ano de antigüidade na empresa. As peticións resolveranse dentro dos trinta días seguintes á data da súa presentación.

O prazo mínimo para a excedencia será de seis meses e o máximo de cinco anos.

O tempo transcorrido nesta situación non se computará para ningún efecto.

Se o excedente, un mes antes de finaliza-lo prazo para o que se lle concedeu a excedencia, non solicitase o seu reingreso na emrpesa, causará baixa definitiva nela. Se solicitase o reingreso, este efectuarase tan pronto como exista vacante da súa categoría.

No suposto de que non existise vacante da súa categoría, e o excedente optase voluntariamente por algunha categoría inferior dentro da súa especialidade, percibirá o salario correspondente a esta última ata que se produza a súa incorporación á categoría que lle corresponda.

O excedente, unha vez incorporado á empresa, non poderá solicitar unha nova excedencia ata que non

transcorresen polo menos catro anos de servicio activo na compañía, desde que aquela se produciu.

Artigo 15º.-Cadro orgánico e a súa aplicación.

Obrigarase á existencia, como mínimo, dun cadro orgánico por buque, actualizado e legalizado polas autoridades competentes, nun lugar de libre acceso a toda a tripulación.

En caso de que as autoridades competentes varíen o cadro orgánico, a dita variación enviarase ó capitán do buque para o seu coñecemento e información de toda a tripulación.

Tódolos buques compoñentes da flota estarán obrigados a te-lo cadro orgánico totalmente actualizado, de acordo co seu cadro indicador de tripulacións mínimas.

Cada compoñente da dotación do buque deberá saber executar correctamente os diferentes exercicios que os mencionados cadros indiquen.

A falta de coñecemento e execución deles suporá sanción de acordo coa lei vixente no seu momento.

Artigo 16º.-Escala.

a) A empresa está obrigada a confeccionar unha escala pública de tódolos tripulantes da empresa, na que figurará nome, apelidos, cargo e data de ingreso na empresa, así como as notas aclaratorias que se consideren convenientes.

b) Sempre que a capacidade profesional o permita, respectarase esta para prove-los ascensos e prazas en terra.

c) Esta escala editarase e esixirase que haxa un exemplar actualizado en cada buque ó cal terá acceso calquera membro da tripulación.

Artigo 17º.-Axudas de custo e viaxes.

Axuda de custo é a cantidade que se devenga diariamente para establece-los gastos de manutención e estadías que se orixinan no desprazamento e permanencia fóra do domicilio ou do buque de enrolamento.

Percibiranse as axudas de custo nos seguintes casos:

1. Comisión de servicio fóra do domicilio.

2. Durante o tempo de viaxe necesario para o embarque ou desembarque ata a chegada ó seu domicilio.

3. Na expectativa de embarque fóra do domicilio.

A axuda de custo en territorio nacional virá integrada polo conxunto dos seguintes conceptos e valores: consideraranse axudas de custo enteiras ou medias axudas de custo 8.107 ptas. e 3.742 ptas., respectivamente, e neste último caso cando non se pernocte.

No estranxeiro, a empresa estará obrigada a facilita-los medios de transporte e aloxamento ó tripulante.

A empresa aboará os gastos de viaxe elixindo o tripulante o medio de transporte máis idóneo, adecuado e directo, quedando excluídos os taxis de aluguer de longo percorrido, os coches de aluguer e as clases de luxo. Para os taxis de longo percorrido, considerarase como tal as distancias superiores a 25 quilómetros.

No caso de uso destes medios, a súa utilización deberá estar xustificada por falta de billete doutro tipo, urxencia de embarque ou porque da súa utilización se deriven maiores economías que os propios gastos. O tripulante presentará os comprobantes.

En todo caso, o tripulante percibirá por adiantado da compañía, armador ou representante seu, o importe aproximado dos gastos de locomoción e axudas de custo, en caso de que non se lle entreguen os correspondentes billetes de pasaxe.

No caso de que os gastos de desembarque por accidente ou enfermidade se aboen pola empresa ós tripulantes, estes estarán obrigados a enviarlle a aquela os correspondentes xustificantes.

Percibirase axuda de custo enteira exclusivamente por cada día natural en que se pernocte fóra da residencia oficial, buque da compañía ou medio de transporte.

Percibirase media axuda de custo cando a saída ou chegada se realice no mesmo día.

Non se percibirá axuda de custo ningunha cando a chegada ó buque ou á residencia se produza antes das 12 horas, e a viaxe durase menos de 4 horas ou a distancia percorrida sexa inferior a 100 Km.

Artigo 18º.-Manutención.

O importe polo concepto de manutención será aboado pola empresa, sendo esta controlada, tanto en cantidade coma en calidade, por dous membros da tripulación, procurando o capitán que os compoñentes da citada comisión sexan rotativos e de diferentes categorías.

A dita comisión vixiará que a manutención sexa variada, sa e abundante, e apropiada en cada caso á navegación do buque.

Este cometido non devengará horas extraordinarias en ningún momento.

A manutención en ningún momento terá a consideración de salario, por conseguinte non será esixible durante o período de vacacións, permisos, licencias, etc.

Os sábados, domingos e/ou festivos que o buque permaneza en porto e que non teña actividade, no servicio de cea darase un menú frío.

Artigo 19º.-Entrepot.

O entrepot normal será adquirido pola empresa, descontado na columna correspondente da nómina ou pagado directamente polo tripulante.

O reparto do entrepot efectuarao a comisión sobre cantidade e calidade da comida a bordo, correspondendo o control ó capitán do buque.

Artigo 20º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo computarase anualmente e aplícase de acordo co R.D. 1561/95, que regula a xornada de traballo no mar, establecéndoa nunha xornada máxima semanal de 40 horas.

Non obstante, a xornada distribúese en 8 horas diarias de luns a venres. As 4 horas da mañá do sábado acumúlanse a vacacións.

Artigo 21º.-Incremento salarial.

O incremento salarial, en tódolos conceptos económicos, será o que corresponda para cada exercicio, de acordo co IPC real.

Artigo 22º.-Materia salarial.

Salario profesional. É o importe que para cada categoría figura na táboa salarial adxunta e que corresponde ó pagamento da xornada laboral establecida no artigo 20º deste convenio. Este salario profesional está formado por a) salario real e b) complemento.

Salario embarcado. Será para toda a tripulación o salario profesional e os traballos extraordinarios.

Artigo 23º.-Antigüidade.

Equivale ó 5% do salario profesional por trienio acumulado, segundo táboa adxunta.

Artigo 24º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal de mar percibirá anualmente con carácter obrigatorio dúas pagas extraordinarias, de igual contía ó salario profesional máis antigüidade.

Estas pagas aboaranse unha o 15 de xullo e outra o 15 de decembro.

A empresa comprométese a enviar directamente nestas datas ó seu domicilio as correspondentes pagas ó persoal que por calquera causa estea desembarcado.

Artigo 25º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán de libre ofrecemento por parte do armador ou o seu representante, e a prestación delas será voluntaria por parte dos tripulantes, agás nos seguintes supostos:

1. Os traballos de fondeo, atracada, desatracada, variacións de rumbo previstas, apertura e cerramento de zapóns e arranche.

2. No mar, sempre que as necesidades da navegación o esixan para levar a boa fin a viaxe iniciada polo buque e en porto cando a programada saída do buque o requira.

3. Atención á carga e ás operacións necesarias para que o buque poida realiza-la carga e a descarga. Nestes casos utilizarase o persoal estrictamente necesario.

4. Aprovisionamento, sempre e cando por te-lo buque que saír ó mar inmediatamente e non se poida realizar en xornada normal.

5. Atención de autoridades en porto e traballos similares de ineludible realización.

Non se computarán como horas extraordinarias, aínda que se efectúen fóra da xornada normal, as realizadas nos seguintes casos:

a) Cando as ordene o que exerza o mando do buque para socorrer outros barcos ou persoas en perigo, sen prexuízo dos dereitos que a lexislación recoñece ás tripulacións nos casos de achado ou salvamento.

b) Cando o que exerza o mando do buque as considere necesarias ou urxentes durante a navegación para a seguridade do mesmo, das persoas a bordo ou do cargamento.

c) Nos casos de exercicios periódicos prescritos para a seguridade da vida humana no mar.

d) Cando o esixan as formalidades aduaneiras, a corentena ou outras disposicións sanitarias.

O aumento habido na táboa de horas extraordinarias son parte do cómputo das melloras recollidas neste convenio.

Tódalas horas extraordinarias ou traballos extras que se realicen en consecuencia con este artigo ou concordantes, tanto na súa realización como para aboamento, terán carácter de estructurais, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 26º.-Vacacións.

Serán de 66 días, cada 110 días de embarque ininterrompido.

O período de flexibilidade será de 10 días.

Os días de viaxe, tanto ó embarcar como ó desembarcar, por razón de vacacións, non serán considerados como tales vacacións, empezando a contarse estas ó segundo día de desembarque, salvo causa que xustifique o contrario, e finalizadas desde a data en que o tripulante abandone o seu domicilio co obxecto de embarcar.

As tripulacións e empresa comprométense a facer cumpri-lo desfrute das vacacións en cada período, ou perde-lo desfrute delas.

O período posterior ó embarque dos tripulantes unha vez desfrutadas será regulado de acordo co establecido no artigo de expectativa de embarque.

Estas vacacións teñen o carácter de totais por tódolos conceptos e nelas atópanse acumuladas por compensación as 4 horas da mañá do sábado e os descansos de sábado tarde, domingos e festivos.

Artigo 27º.-Baixas por enfermidade profesional ou accidente laboral.

Durante o tempo de baixa por enfermidade profesional ou accidente laboral, ambos con ou sen hospitalización, percibirase o 100% da base regualdora do tripulante afectado e devengará vacacións a razón dun mes de vacacións por cada once meses.

En caso de baixa por enfermidade común, a empresa aboará a diferencia ata completa-lo 100% da base reguladora.

O mesmo día en que cause alta, o tripulante comunicaralle á empresa o evento, debéndose realiza-la comunicación por teléfono e ratificala posteriormente por telegrama.

Artigo 28º.-Mercadorías explosivas, tóxicas ou perigosas.

As tripulacións dos buques que transporten mercadorías conceptuadas como perigosas conforme o indicado no presente artigo, terán dereito a percibir unha

remuneración en función do incremento do risco a que están expostos e conforme se establece neste mesmo artigo. Todo iso sen prexuízo das medidas de seguridade que hai que tomar durante a carga, transporte e descarga das ditas mercadorías conforme as disposicións legais ó respecto e a consideración da IMCO, segundo táboa adxunta.

a) Naqueles buques especializados e dedicados habitualmente ó transporte das mercadorías de referencia, con carácter de exclusividade, e que pola súa construcción ou posteriores modificacións estean especialmente acondicionados e debidamente preparados para o seu transporte.

b) Nos buques que circunstancialmente transporten as materias indicadas, en concepto de carga, aboaranse durante o tempo que dure o seu transporte as remuneracións abaixo indicadas, en función do grao de perigosidade asignado á mercadoría e do tanto por cento que o peso dela supoña en relación co peso morto do buque, indicado este no certificado de arqueo.

No caso de diferentes mercadorías asignadas todas ó mesmo grupo, sumaranse os seus pesos para os efectos de cálculo da porcentaxe de remuneración. No caso de mercadorías asignada a diferentes grupos, sumaranse os productos dos pesos de cada mercadoría polo número asignado ó grupo que corresponda, e dividirase o total entre o total de peso das ditas mercadorías, sendo o coeficiente o que marque o grupo a que debe asignarse ó conxunto destas mercadorías.

Se considerando as mercadorías por separado a remuneración fose superior, rexerá isto último.

Grupo de perigosidade

As referencias a clase, tipo, división, grupo de compatibilidade, observacións e os condicionamentos indicados para a clase 7 fan referencia ós vocábulos e referencias no Código Internacional Marítimo de Mercadorías Perigosas da IMCO.

Os grupos de perigosidade son divisións entre as mercadorías a que fai referencia a anterior publicación en función do risco que, en xeral, poidan supor para a vida dos tripulantes dos buques que as transportan.

-Grupo A: mercadorías sinaladas como pertencentes a:

* Explosivos:

Clase 1. División 1-1. Grupo de compatibilidade A ó F.

* Infecciosos:

Clase 6-2

* Radiactivos:

Clase 7. Cando de materiais radiactivos, explosivos ou de acordos especiais se trate.

-Grupo B:

* Explosivos:

Clase 1. División 1-1. Grupo de compatibilidade G.

Clase 1. División 1-2.

Clase 1. División 1-3. Grupo compatibilidade A, B, C e Nro. 0019.

-Grupo C:

* Explosivos:

Clase 1. División 1-3. Resto mercadorías non incluído grupo B.

* Gases inflamables ou tóxicos:

Clase 2. Nro. ONU 1016, 1023, 1026, 1017, 1589, 1045, 1051, 1052, 1053, 1975, 1067, 1076 e o gas de auga.

* Radiactivos:

Clase 7. Mercadorías que a aprobación do modelo de embalaxe e a da expedición correspondan a tódolos países afectados pola expedición.

-Grupo D:

* Líquidos inflamables con punto baixo de inflamación:

Clase 3-1.

* Radiactivos:

Clase 7. Mercadorías que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ós países de orixe, destino e tránsito e se requira notificación previa a tódolos países afectados.

-Grupo E:

* Explosivos:

Clase 1. División 1-4.

* Líquidos inflamables con punto medio de inflamación:

Clase 3-2, cando sexan ademais mercadorías tóxicas.

-Grupo F:

* Radiactivos:

Clase 7. Mercadorías que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ó país de orixe da expedición e se requira notificación previa da expedición a tódolos países afectados.

* Gases inflamables:

Clase 2, cando sexan inflamables.

Clase 3-2, mercadorías non tóxicas.

-Grupo G:

Clase 2, cando sexan tóxicas non inflamables.

* Inflamables:

Clase 3-3.

* Tóxicos:

Clase 6-1.

-Grupo H:

* Sólidos inflamables espontaneamente:

Clase 4-2: Expecto Nrs. S.ONU 1361, 1362, 1857 e 1387.

* Peróxidos orgánicos:

Clase 5-2.

-Grupo I:

* Radiactivos:

Clase 7. Mercadorías que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ó país de orixe e non se requira notificación nin aprobación das autoridades competentes.

* Corrosivos:

Clase 8. Cando en observacións está anotado que provocan graves queimaduras e desprenden gases moi tóxicos.

-Grupo K:

* Sólidos inflamables en presencia de humidade:

Clase 4-3.

* Corrosivos:

Clase 8. Cando en observacións estea anotado que "provocan graves queimaduras ou que desprenden gases moi tóxicos.

Cálculo de remuneración en tanto por cento do salario profesional

*

**

*5102030405060708090100

A50
B304050
C1020304050
D1520304050
E10152530
F5122030
G10203040
H2030
I101520
J15
K10

Os números interiores do cadro indican a porcentaxe de salario profesional.

* Sen mínimo.

* % mínimo carga: peso morto.

** Grupo perigosidade.

Artigo 29º.-Navegación por zonas insalubres e epidémicas.

Consideraranse portos insalubres ou epidémicos aqueles que así fosen declarados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) durante o tempo que estivese vixente a dita declaración.

As tripulacións dos barcos que fagan escala nos ditos portos, anteportos, baías ou radas ou que deban realizar ascensións ou descensos polos ríos declarados insalubres e epidémicos, ademais da adopción de tódolos medios preventivos precisos para garanti-la sanidade a bordo, percibirán como compensación á permanencia nos ditos lugares durante a estadía, un incre

mento do 50% sobre o salario profesional máis trienios e horas extras.

A empresa enviará mensualmente esta información, da Organización Mundial da Saúde ou do departamento correspondente de Sanidade Exterior, sempre que sexa facilitada. No seu defecto, calquera compoñente do comité poderá solicitalo por si mesmo.

Artigo 30º.-Zona de guerra.

Cando o buque deba partir para unha zona de guerra efectiva, a tripulación terá dereito:

a) A non partir co buque e pedir transbordo a outro barco e se a dita situación non se puidese obter pasará a situación de permiso pola súa conta ata o regreso deste.

b) O tripulante tamén poderá solicita-las vacacións devengadas ata a data do evento.

c) Os que desen a viaxe e mentres o buque se atope na dita zona de guerra, percibirán unha prima especial de 1,552 ptas. diarias.

d) En caso de que sen previo coñecemento ó partir de viaxe o buque se atopase en zona de guerra efectiva, os tripulantes percibirán o 100% de aumento do salario profesional, durante o tempo que se atopen na dita zona.

A tal comprobación, os tripulantes terán acceso ó frete percibido polo transporte, seguro de casco ou póliza de fretamentos.

Artigo 31º.-Familiares acompañantes.

Todo o persoal de flota pode solicitar da empresa directamente ou a través do capitán ser acompañado pola muller ou fillo mentres se atopen embarcados.

A empresa admitirá a solicitude sen que, en ningún caso, poida excederse do marco das normas establecidas para o buque por Sevimar. En todo momento daráselle prioridade a aquelas persoas (garantías, técnicos, sobracargos, etc.) que por necesidades da empresa daban embarcar no buque.

Para efectua-lo embarque, o tripulante autorizado deberá entregar póliza de seguro, que cubra os riscos que poidan producirse mentres se atope nesta situación, remitindo o capitán fotocopias delas á compañía de navegación.

Igualmente acompañarase certificado médico actualizado no momento de embarcar.

Non poderán ser enroladas mulleres en estado de xestación, fillos menores de 8 anos en viaxes superiores a tres días sen escalas e, en ningún caso o acompañante que padeza calquera enfermidade que poida afectar ou sentirse afectado pola navegación.

O capitán, de acordo coas circunstancias establecidas e sen exceder en ningún caso dos límites establecidos, coordinará as solicitudes de acompañantes.

Establécese un período máximo de estadía do acompañante a bordo de 30 días.

O acompañante tomará ó seu cargo o coidado completo dos aloxamentos do tripulante, exceptuando despachos e recintos comúns, e non solicitará servicios extras do departamento de fonda. Os almorzos, comidas e ceas serviranse na hora establecida e no comedor en que se sirva ó tripulante ó que acompaña. O familiar acompañante vén obrigado a cumprir tódalas normas de seguridade que rexen no buque.

A muller ou fillo acompañante non alterarán en ningún momento a convivencia a bordo nin a marcha normal dos traballos do buque.

Artigo 32º.-Perda de equipaxe a bordo.

En caso de perda de equipaxe a bordo por calquera membro da tripulación, debida a naufraxio, incendio ou calquera outro accidente non imputable ó ou ós prexudicados, a empresa aboará como compensación as cantidades seguintes:

-Perda total: 128.000 ptas.

-Perda parcial a xuízo do capitán unha vez oído o interesado e en ningún caso se superarán as 100.000 ptas.

No caso de que a empresa aboe indemnización polo concepto de vestiario ou se faciliten uniformes, reducirase a indemnización nun 20%.

No caso de falecemento do tripulante, esta cantidade seralle aboada ós seus herdeiros legalmente recoñecidos.

Artigo 33.-Postos en terra.

A empresa dará cargo preferentemente ós tripulantes fixos da súa flota sobre o persoal alleo a ela, co obxecto de ocupar prazas en terra. Iso, sempre que os mariños reúnan as condicións esixidas pola empresa para ocupa-las prazas.

A dita preferencia no trato inclúe a espera para os casos en que o tripulante se atope embarcado.

Estas prazas deberán ser anunciadas ó capitán de cada buque para a súa publicación e ó comité de empresa.

Artigo 34º.-Correspondencia.

Os capitáns deberán expor nos taboleiros de anuncios os enderezos postais dos consignatarios ou axentes nos portos onde o buque vaia facer escala proximamente, ou indicar se o buque sae a ordes.

A empresa adoptará medidas co fin de enviar ós buques as cartas que, dirixidas ós tripulantes, se recibisen na compañía.

Cando o buque se atope en porto estranxeiro, as cartas remitidas polos tripulantes serán entregadas, para o seu franqueo, ó consignatario.

Artigo 35º.-Aire acondicionado e calefacción.

A empresa comprométese a manter en perfecto estado de funcionamento, co persoal de a bordo que lle corresponda, os servicios de aire acondicionado e calefacción existentes.

De non existiren estes, os buques serán equipados cos ventiladores e placas precisas.

Artigo 36º.-Natalidade e matrimonio.

O tripulante cunha antigüidade non menor de dous anos de servicio á empresa percibirá 23.283 ptas. polo nacemento de cada fillo. Será requisito formal para o aboamento indicado a presentación do libro de familia.

O tripulante cunha antigüidade non menor de dous anos de servicio á empresa percibirá con carácter de gratificación 25.611 ptas. por contraer matrimonio.

Serán imprescindibles para cobralas os mesmos requisitos que no apartado anterior.

Artigo 37º.-Préstamos.

Concederase ata un máximo de catro mensualidades, que se reintegrarán en 18 liquidacións de haberes.

Artigo 38º.-Seguro de accidentes.

Á parte do seguro obrigatorio de accidentes e como complemento del, a empresa establece ó seu cargo e a favor dos tripulantes un seguro de accidentes que cubre os riscos de morte e invalidez absoluta na súa actuación profesional, cos capitais asegurados seguintes:

-Por morte: 6.000.000 de ptas.

-Por invalidez total e absoluta: 9.000.000 de ptas.

Os riscos cubertos por estas pólizas enténdense unicamente durante o tempo de enrolamento a bordo.

Artigo 39º.-Hora de saída.

Á chegada do buque a porto e dentro da primeira hora do comezo das operacións de traballo, por medio do taboleiro de anuncios, comunicarase á tripulación unha hora estimada de saída.

Con dúas horas de antelación á saída estimada do buque, modificarase, se procede, o dito horario de saída, comunicándoo por medio dos citados taboleiros de anuncios.

Artigo 40º.- Seguridade e hixiene no traballo.

Procederase de acordo co establecido na vixente Lei e Estatuto dos traballadores.

A empresa facilitará cantas disposicións sobre o tema lle sexan solicitadas polas tripulacións.

Artigo 41º.-Buques en dique.

Cando o buque, durante a estadía en dique, non dispoña das mesmas condicións hixiénicas e sanitarias que navegando, obrigarase á empresa a que facilite aloxamento en terra ós tripulantes que non dispoñan das condicións que teñen navegando.

Artigo 42º.-Servicio de lanchas.

Cando o buque se atope fondeado haberá que pór á disposición da tripulación un servicio para ir a terra.

O capitán disporá dun servicio mínimo de lanchas por cada unha das quendas de garda. En todo caso estes servicios disporanse sempre e cando a fondeada sexa de 24 horas.

Artigo 43º.-Servicios recreativos e culturais.

A empresa dotará a tódolos buques de dous aparellos de TV e de dos vídeos, salvo que o buque estivese provisto de sistema de música ambiental, sendo por conta da empresa o mantemento, instalación e reparación.

Fondos culturais.

A empresa proprocionará a cantidade de 8.870 ptas. mensuais por buque co fin de manter un servicio de biblioteca e xogos recreativos.

Unha comisión, formada polo capitán e a tripulación, controlará a boa utilización dos ditos fondos.

Artigo 44º.-Roupa de traballo e servicio de lavandería.

A roupa de traballo será aboada pola empresa en nómina, atendéndose ás normas de Seguridade e Hixiene no Traballo, aboando a cantidade de 5.986 ptas. mensuais nos períodos de embarque.

Independentemente, a empresa proverá o buque de dúas lavadoras para o lavado dos efectos persoais dos tripulantes e dous ferros de pasar.

Artigo 45º.-Alumnos.

Os alumnos de calquera especialidade percibirán con independencia da axuda familiar a que tivesen dereito, durante o período que estean embarcados, unha gratificación mensual de 47.000 ptas., nas que se atopan incluídos tódolos conceptos retributivos

Se o alumno en prácticas supera o período de seis meses en vinculación ó buque ininterrompido, percibirá unha gratificación equivalente á mensual.

Artigo 46º.-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la aplicación do vixente convenio, créase unha comisión composta por un membro da comisión negociadora, tanto por parte empresarial como social.

Artigo 47º.-Reunión de delegados de persoal.

De acordo co establecido no título segundo do Estatuto dos traballadores, dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores da empresa.

Artigo 48º.-Actividade sindical.

De acordo co Estatuto dos traballadores ou norma legal e non pactada, dictada en desenvolvemento daquel e aplicable ó sector da mariña mercante.

Salario profesional 1996

CategoríasSalario profesional

Capitán252.223
1º Oficial234.680
2º Oficial218.799
Oficial radio218.799
Contramestre137.555
Mariñeiro124.527
Mozo118.054
Xefe de máquinas247.944
1º Maquinista234.680
2º Maquinista218.799
Caldereteiro137.555
Engraxador124.527
Cociñeiro137.555
Camareiro124.527

Antigüidade 1996

CategoríasValor trienio

Capitán12.611
1º Oficial11.734
2º Oficial10.940
Oficial radio10.940
Contramestre6.878
Mariñeiro6.226
Mozo5.903
Xefe de máquinas12.397
1º Maquinista11.734
2º Maquinista10.940
Caldereteiro6.878
Engraxador6.226
Cociñeiro6.878
Camareiro6.226

Horas extraordinarias-Exercicio 1996

CategoríasImporte

Capitán
1º Oficial747
2º Oficial662
Oficial radio662
Contramestre521
Mariñeiro492
Mozo452
Xefe de máquinas
1º Maquinista747
2º Maquinista662
Caldereteiro521
Engraxador492
Cociñeiro521
Camareiro492

Horas extraordinarias Forfait-Exercicio 1996

CategoríasNº horas

Capitán
1º Oficial90
2º Oficial72
Oficial radio72
Contramestre69
Mariñeiro66
Mozo58
Xefe de máquinas
1º Maquinista90
2º Maquinista72
Caldereteiro69
Engraxador66
Cociñeiro69
Camareiro66

Acta de iniciación

En Madrid, ás 12 horas do día 23 de xullo de 1996, reúnense os representantes legais do persoal de flota e a representación da empresa compañía de navegación Roline, S.A., que abaixo se relacionan, constituíndo a comisión negociadora, co fin de inicia-la negociación do convenio colectivo que ten ámbito de empresa, o cal afectará a todo o persoal que compón o cadro de persoal de flota.

Ámbalas partes recoñécense como representantes lexítimos, de acordo co que se establece no Estatuto dos traballadores e propóñense negociar con absoluta boa fe e mellor disposición, para chegar a un rápido acordo nas negociacións.

A parte social comprométese a entrega-la plataforma reivindicativa o vindeiro día 24.

-Representantes pola empresa:

José L. Pérez Aparicio.

Javier González Bustamante.

-Representantes da flota:

José Iglesias Martínez.

-Asesoría social:

UGT-Mariña mercante.

En proba de conformidade, asinan a presente acta na data e hora indicadas.

Acta final

Representación parte empresarial:

José L. Pérez Aparicio.

Javier González Bustamante.

-Parte social:

José Iglesias Martínez.

-Asesoría social.

UGT-Mariña mercante.

Reunidos na sede da empresa Roline, S.A., con obxecto da revisión do convenio colectivo do persoal de mar desta empresa, e sendo as 12 horas do día 30 de xullo de 1996, procédese á clausura da negociación cos seguintes acordos:

Vixencia: 1-1-1996 ata 31-12-1997.

Para o exercicio de 1996, incremento do 3,50% sobre tódolos conceptos de índole económica.

Para o exercicio de 1997, incremento do IPC real sobre tódolos conceptos de índole económica.

Retroactividade ó 1-1-1996 de tódolos conceptos de índole económica.

Cláusula de garantía. A empresa garante o mantemento do emprego dos traballadores.

Así mesmo, antes de iniciar calquera trámite que supoña a reestructuración do cadro de persoal, vendas, situación de fóra de servicio, cambio de bandeira ou rexistro dalgún dos buques ou calquera outra causa

ou recambio de condicións laborais, a empresa negociará co delegado de persoal os posibles cambios que afecten ó persoal.

Para que conste para os efectos oportunos e como conformidade do mesmo polas partes negociadoras, asínase a presente acta en Madrid á hora e día indicados.

9608150