Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 12 de novembro de 1996 Páx. 10.145

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 390/1996, do 31 de outubro, polo que se crea a delegación da Xunta de Galicia nas Sociedades Galegas de Autoestradas de Peaxe.

De acordo coa lexislación básica, contida na Lei 8/1972, do 10 de maio, a Delegación do Goberno nas Sociedades Concesionarias de Autoestradas de Peaxe é o órgano ó que lle corresponden as funcións de vixilancia, inspección e control que lle incumben á Administración do Estado respecto de tales sociedades.

Ante a falta de regulación na Comunidade Autónoma galega sobre a citada delegación, e para unha mellor e eficaz xestión necesaria pola propia evolución do subsector das Autoestradas de Peaxe, faise necesaria a creación da delegación da Xunta nas sociedades concesionarias de Autoestradas de Peaxe galegas.

En cumprimento do anterior, e, de conformidade coa Lei 8/1972, do 10 de maio, de construcción, conservación e explotación de autoestradas de peaxe, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Delegación da Xunta de Galicia nas sociedades concesionarias de autoestradas de peaxe constitúe o órgano de relación da Xunta de Galicia coas referidas sociedades en tódolos asuntos e incidencias que se deriven do desenvolvemento dos contratos de concesión.

2. A Delegación da Xunta configúrase como órgano adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, dependendo directamente do seu titular.

3. O delegado da Xunta de Galicia nas sociedades concesionarias de autoestradas de peaxe é nomeado polo Consello da Xunta por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, podendo exerce-las súas funcións directamente ou pola persoa que el designe.

Artigo 2º

Correspóndenlle á Delegación da Xunta de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

1. As que sinala o artigo 36 da Lei 8/1972, do 10 de maio, de autoestradas de peaxe.

2. As que determina o prego de cláusulas xerais para a construcción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, aprobado por Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro.

3. As que lle outorguen os distintos pregos de cláusulas particulares, decretos de adxudicación e demais normativa aplicable a cada sociedade concesionaria.

4. A vixilancia, inspección e control económico financeiro das sociedades concesionarias, en coordinación con outros órganos competentes.

5. Os informes, estudios e propostas que se deriven directamente da xestión do réxime concesional.

6. Velar polo adecuado cumprimento, por parte do concesionario, das obrigas que se derivan da concesión, e realiza-las inspeccións das instalacións e servicios que sexan necesarios.

7. En xeral, tódalas funcións que en cada caso lle sexan encargadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 3º

No exercicio das súas funcións o delegado poderá asistir ós consellos de administración das sociedades concesionarias con voz e sen voto; en todo caso cumunicaránselle os acordos adoptados neles no prazo de 5 días desde a súa celebración.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9608181