Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 11 de novembro de 1996 Páx. 10.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 8 de novembro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga xeral de 24 horas que afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos dentro do ámbito xeográfico e xurídico do Concello das Pontes de García Rodríguez, para o día 11 de novembro de 1996.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que se levará a efecto os días 11 de novembro de 1996,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada que se levará a efecto no Concello das Pontes de García Rodríguez o día 11 de novembro de 1996, que afecta, entre outro persoal, a todo o persoal dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das Institución Sanitaria e Centros de Servicios Sociais, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós pacientes hospitalizados, así como a atención urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde e usuarios dos centros sociais.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de determinación deles, os cales se corresponden cos asinados coas centrais sindicais con motivo da folga convocada no mes de maio de 1995 e novembro de 1996. Loxicamente, os mentados criterios e a conseguinte determinación de efectivos para a presente folga atempéranse, en adecuada ponderación, á brevidade de tempo de duración dos paros da folga que nos ocupa.

Os ditos criterios rectores explicítanse do seguinte xeito:

Consellería de Sanidade e Servicios Sociais:

Centro de servicios sociais das Pontes de García Rodríguez:

I. O director do centro.

Servicio Galego de Saúde:

*Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Un facultativo de medicina xeral e un pediatra por centro de traballo.

*Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Un efectivo de cada categoría por centro de traballo.

*Persoal non sanitario:

I. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ó paciente que o requira, con un mínimo de un por centro de traballo.

II. Atención ó doente: un número de efectivos que garantan a atención ó pacente que o requira, cun mínimo de un por centro de traballo.

Con tales premisas, no referente ó persoal dependente do Servicio Galego de Saúde, determinaranse, polos directores xerentes da área sanitaria da Coruña-Ferrol en relación ó persoal dela dependente, o número concreto de servicios mínimos do persoal afectado pola folga, por grupos profesionais, e áreas de traballo.

Artigo 2º.

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada tamén polo director-xerente, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios de tódolos centros de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1996.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8138