Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 11 de novembro de 1996 Páx. 10.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de novembro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para os días 11 e 12 de novembro de 1996 no concello das Pontes de García Rodríguez.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988).

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e por tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encon

tran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga xeral, polas centrais sindicais CIG, UGT, CC.OO, de 24 horas, desde as 6 horas do días 11 de novembro ata as 6 horas do día 12, en todo o sector do ensino público e privado, logo de audiencia ó comité de folga que expresa a súa conformidade,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga xeral convocada que se levará a efecto desde as 6 horas do día 11 de novembro ata as 6 horas do día 12 en todo ensino público e privado, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios dos centros.

Tales servicios mínimos corresponden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós alumnos, que baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares, a limpeza dos centros, e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que acoden ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos, e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e os catorce anos.

Os centros de educación especial necesitan, polas características dos seus alumnos, un maior coidado e asistencia e é por iso polo que cómpre a asistencia do maior número de persoal, como coidadores, persoal médico etc.

O servicios esenciais nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria son os seguintes:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria\EXB con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escola-fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% de persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

A totalidade de persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

Artigo 2º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 3º

O disposto na presente orde non suporá limitación ningunha dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9608219