Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 11 de novembro de 1996 Páx. 10.082

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 388/1996, do 31 de outubro, polo que se modifican as estructuras orgánicas da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

No Decreto 205/1990, do 15 de marzo, establécese a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Á súa vez, a Lei 7/1994, do 29 de decembro, creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, establecéndose a súa estructura orgánica polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo.

Polo Real decreto 92/1996, do 26 de xaneiro, ampliáronse os medios adscritos ós servicios traspasados da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de agricultura, que asumiu esta en virtude do disposto no artigo 1 do Decreto 76/1996, do 29 de febreiro. Os ditos medios persoais, materiais e orzamentarios quedaron adscritos ó ILGGA en virtude do previsto na disposición adicional sétima do precitado Decreto 128/1996.

Así mesmo, polo Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo, traspasáronse a esta Comunidade Autónoma os medios adscritos á xestión encomendada en materia de agricultura (FEGA), segundo o convenio de encomenda de xestión asinado entrámbalas dúas administracións. A asunción destes medios produciuse a través do Decreto 339/1996, do 13 de setembro, que os adscribiu ó ILGGA.

Como consecuencia do incremento das funcións que hai que desenvolver e da ampliación dos medios persoais asignados a este organismo autónomo, cómpre efectuar unha modificación na súa estructura orgánica, para dota-lo ILGGA dunha mínima organización periférica, creando un servicio en cada provincia, ó transformarse o ata agora Servicio de Axudas Estructurais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no Servicio Provincial do Instituto, ademais de reforzar aquela nos servicios centrais, debido ás funcións que lle corresponden ó Instituto en relación coa xestión das axudas en xeral e, en particular, das do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA), sección Garantía.

Na procura dunha maior racionalidade na xestión administrativa dos distintos programas de axudas, así como para aproveita-lo máis posible a estructura preexistente, co que se logra un importante aforro de recursos humanos, esta modificación, leva consigo, tamén, unha reestructuración nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, concretamente da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, algo, por outra parte, xa previsto na disposición adicional terceira da Lei 7/94, de creación do ILG

GA, así como nas disposicións adicionais segunda e terceira do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, no relativo ás relacións de postos de traballo e ás dotacións orzamentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que se verían afectadas pola creación do ILGGA.

Ó mesmo tempo, créase unha nova unidade administrativa, o Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, para xestiona-los programas de innovación e investigación aplicada no sector lácteo e gandeiro. A través del, canalizaranse as relacións con outros entes ou organismos dedicados á investigación no antedito sector, de vital importancia para o desenvolvemento social e económico desta Comunidade Autónoma.

Polo que atinxe propiamente á estructura orgánica da consellería, créase unha nova subdirección para agrupar unha serie de funcións que ata agora desempeñaban tres servicios dependentes directamente do director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, o que dificultaba os labores de coordinación daqueles, que teñen funcións que inciden sobre un mesmo ámbito material, aínda que actuando desde diversas perspectivas, o que xustifica a súa agrupación nunha mesma subdirección xeral.

Tamén, no tocante á antedita dirección xeral, agrúpanse nunha soa subdirección xeral as competencias sobre sanidade vexetal e animal, que ata agora figuraban as primeiras na Subdirección Xeral de Axudas Estructurais e as segundas na de Sanidade e Producción Animal, na procura dunha maior racionalidade na xestión dos recursos, o que se reflicte, tamén, nos servicios periféricos da consellería.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 2º, 6º e 10º do Decreto 205/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 2º

2.1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes estructúrase nos seguintes órganos:

I. O Conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

IV. Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

V. Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

VI. Delegacións provinciais.

2.2. Adscríbese á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro.».

«Artigo 6º

Correspóndelle á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias a elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices de política agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en materia de ordenación, fomento e mellora da producción agraria; modernización de explotacións e sanidade animal e vexetal, protección da calidade dos productos agroalimentarios e fomento, mellora e ordenación da industria agroalimentaria, agás as encomendadas ó Instituto Lácteo e Gandeiro segundo o disposto na súa normativa orgánica.

Para o desenvolvemento das anteditas funcións estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Corresponderalle a promoción e fomento da transformación e comercialización de productos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas e a inspección e defensa contra as fraudes.

Tamén lle competerá a xestión dos programas de fomento e de ordenación da industria agroalimentaria, así como os labores de vixilancia e inspección sobre as anteditas industrias para que se cumpra a lexislación vixente, incluído de se-lo caso, a tramitación de expedientes sancionadores, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Administración autonómica.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Defensa da Calidade Alimentaria.

Coordinará os traballos do persoal transferido polo Real decreto 2165/1994, do 4 de novembro, en materia de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria, e velará polo cumprimento das tarefas administrativas precisas para o correcto exercicio dos servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia no referido real decreto. Do mesmo xeito desenvolverá todas aquelas actuacións relacionadas coa defensa da calidade dos productos agroalimentarios galegos.

1.2. Servicio de Promoción Alimentaria.

Realizará a xestión de programas de promoción e fomento dos productos agroalimentarios galegos; propostas de recoñecemento das denominacións de calidade e a vixilancia do prestixio das recoñecidas.

1.3. Servicio de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria.

Xestionará as liñas de acción establecidas para o desenvolvemento dos programas e actuacións referentes á ordenación e fomento da industria agroalimentaria en Galicia, e da comercialización dos productos agroalimentarios galegos.

2. Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal e Vexetal.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación e desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da producción agrícola e gandeira en xeral.

b) A planificación, execución e seguimento dos programas de saneamento gandeiro e loita contra epizootias e zoonoses e outras medidas sanitarias.

c) A programación e desenvolvemento de actividades de prevención e loita contra axentes nocivos para os vexetais.

d) A planificación e execución de actividades para o control da producción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral.

e) Ordenación, fomento e control dos medios de producción agraria.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Producción e Sanidade Animal.

Levará a cabo a execución e seguimento dos programas de saneamento gandeiro, epizootias e zoonoses e outras medidas sanitarias semellantes, así como o desenvolvemento das accións necesarias para a execución da ordenación da producción gandeira, rexistros e sistemas de control.

2.2. Servicio de Producción e Sanidade Vexetal.

Corresponderalle o desenvolvemento das accións necesarias para a execución da ordenación da producción vexetal, das relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos para os vexetais, así como aquelas actividades necesarias para o control da producción e comercialización de sementes e plantas de viveiro selectas, rexistros e control dos medios de producción.».

«Artigo 10º

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades coa categoría de servicio:

1. Secretaría.

2. Servicio de Supervisión de Proxectos.

3. Servicio Técnico-Xurídico.

4. Servicio de Contratación.

5. Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

6. Servicio de Extensión Agraria.

7. Servicio de Industrialización e Calidade Agroalimentaria.

8. Servicio de Producción e Sanidade Animal e Vexetal.

9. Servicio de Montes e Industrias Forestais.

10. Servicio de Medio Ambiente Natural.

11. Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.».

Artigo 2º

Modifícase o texto do capítulo IV do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que establece a estructura orgánica do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

«Capítulo IV

Estructura administrativa

Sección 1ª

Aspectos xerais

Artigo 17º.-Estructura administrativa.

Dependendo directamente do director do instituto, para o desenvolvemento das funcións que lle son propias, créanse a Secretaría, a Subdirección Xeral de Axudas P.A.C. e maila Subdirección Xeral de Modernización de Explotacións, todas elas con nivel orgánico de subdirección xeral, así como o Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica, con nivel orgánico de servicio.

Sección 2ª

A Secretaría

Artigo 18º.-A Secretaría.

A) Competencias.

1. A Secretaría é o órgano de apoio técnico e administrativo da dirección do Instituto, e correspóndelle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramenteo e inspectoras, sen prexuízo das competencias atribuídas polo ordenamento xurídico vixente a outros órganos ou entes da Administración autonómica, ademais das que singularmente lle puidesen encomendar ou delega-los órganos de dirección do ILGGA.

2. En particular, correspóndelle á secretaría, baixo a dependencia da dirección do instituto, o exercicio das seguintes funcións:

a) Desenvolve-la función de secretaría do consello de dirección e do comité asesor.

b) A dirección inmediata do persoal do instituto e a organización do seu réxime interior.

c) A xestión da contratación administrativa, dos convenios de colaboración con outras entidades, así como da contratación sometida a dereito privado.

d) A realización da tramitación administrativa necesaria para a constitución ou participación en todo tipo de sociedades ou entidades de calquera natureza, así como o ulterior seguimento ou control destas cando proceda.

e) Prestarlles asesoramento xurídico ós demais órganos do ILGGA en cuestións relacionadas coas competencias do instituto, así coma o estudio e informe dos recursos e reclamacións formuladas contra os seus actos.

f) A elaboración dos estudios que sirvan de base para a confección dos plans e programas de actuación do instituto.

g) Elaboración das estatísticas necesarias para unha axeitada xestión das actividades do ILGGA, sen prexuízo das funcións atribuídas ó Instituto Galego de Estatística.

h) A coordinación das distintas unidades administrativas do instituto, así como a planificación e control da súa actividade.

i) A formación e mantemento do inventario do instituto, do estado do cal informará ó órgano competente para a formación e actualización do Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma.

j) A confección e xestión do orzamento do instituto e da súa tesourería, así como o rexistro das operacións con cargo ós fondos do FEOGA-Garantía, segundo o disposto no artigo 6º do Decreto 359/1996, do 13 de setembro.

B) Órganos dependentes da Secretaría.

Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría estructúrase nas seguintes unidades:

1. Servicio de Xestión Económica e Tesourería.

Corresponderalle a xestión orzamentaria do orzamento do instituto, da súa tesourería, e da súa contabilidade, así como do rexistro das operacións con cargo ó FEOGA-Garantía.

2. Servicio de Recursos Humanos, Réxime Interior e Contratación.

Corresponderalle a xestión do personal adscrito ó instituto, do seu réxime interior e a tramitación dos expedientes de contratación.

3. Servicio Técnico e de Planificación e Control.

Prestaralle apoio e asesoramento á Secretaría. Corresponderalle a instrucción de expedientes sancionadores e recursos administrativos; a xestión do inventario do ILGGA e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do ILGGA, así como o control interno das accións do instituto.

Sección 3ª

A Subdirección Xeral de Xestión da PAC

Artigo 19º.-A Subdirección Xeral de Xestión da PAC.

A) Competencias.

A esta subdirección xeral correspóndelle, baixo a dependencia da Dirección do instituto, a realización de tódalas funcións necesarias para a aplicación da PAC no eido agrícola e gandeiro, tanto no que atinxe ás axudas e subvencións con cargo ó FEOGA-Garantía coma no referente ás medidas de intervención e regulación de mercados das distintas Organizacións Comúns de Mercados (OCM).

B) Órganos dependentes da Subdirección Xeral de Xestión da PAC.

Para o desenvolvemento das funcións encomendadas, a Subdirección Xeral de Xestión da PAC estructúrase nas seguintes unidades:

1. Servicio de Axudas da PAC.

Compételle a xestión das diversas axudas directas a explotacións con cargo o FEOGA-G., derivadas da Política Agrícola Común.

2. Servicio de Intervención de Mercados.

Levará a cabo tódalas operacións de compra, venda e almacenamento de productos agropecuarios en aplicación das distintas OCM da Política Agrícola Común.

Sección 4ª

A Subdirección Xeral de Modernización de Explotacións

Artigo 20º.-A Subdirección Xeral de Modernización de Explotacións.

A) Competencias.

A esta subdirección corresponderalle, baixo a dependencia da dirección do instituto:

a) A planificación e execución das accións necesarias para a mellora da eficacia da estructura das explotacións agrarias, en xeral, e das gandeiras en particular, incluso as accións complementarias para unha producción agraria respectuosa co medio ambiente natural.

b) O seguimento, avaliación tecnico-económica e mellora dos sistemas de producción agraria, en xeral, e leiteira en particular.

c) A planificación e execución de programas e actividades para a mellora dos medios de producción utilizados polas explotacións gandeiras, así como o establecemento das accións necesarias para a mellora da calidade das produccións finais destas explotacións.

B) Órganos dependentes da Subdirección Xeral de Modernización de Explotacións.

Para o desenvolvemento das funcións encomendadas, esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1. Servicio de Axudas Estructurais.

Xestionará as distintas liñas de axudas para a mellora da eficacia do sector agrario, en xeral, e do lácteo e gandeiro en particular, así como as relativas á mellora dos sistemas productivos e do seu impacto no medio ambiente.

2. Servicio Técnico de Producción Animal.

Desenvolverá as funcións relativas á execución, seguimento e avaliación de programas de mellora dos medios de producción animal, en xeral e, singularmente, os correspondentes á mellora xenética do gando.

Sección 5ª

Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica

Artigo 21º.-Centro de Desenvolvemento e Mellora Tecnolóxica.

Corresponderalle a este servicio a xestión dos programas de innovación e investigación no sector lácteo e gandeiro.

Sección 6ª

Servicios Periféricos

Artigo 22º.-As Delegacións Provinciais.

1. Os delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, serano tamén do ILGGA. Dependerán organicamente do conselleiro e funcionalmente do director do instituto.

Deles dependerán tódalas unidades administrativas do Instituto de ámbito provincial ou territorial na respectiva provincia.

2. Corresponderálle-lo desenvolvemento, no seu ámbito territorial, das competencias asignadas ó instituto pola súa lei de creación e polo presente decreto.

En particular, compétenlle as seguintes:

a) Ostenta-la representación do instituto no seu ámbito provincial.

b) As actuacións administrativas necesarias para executa-los distintos plans e programas do instituto no seu ámbito provincial.

c) Prestarlles apoio ós servicios centrais do instituto.

d) O exercicio das competencias desconcentradas en virtude dos decretos 87 e 88/1990, do 15 de febreiro, así como as que teñen asignadas os delegados provinciais polo Decreto 5/1987, do 15 de xaneiro.

e) Corresponderalles, tamén, o desempeño de cantas competencias lles atribúa a normativa vixente, así como as que lles sexan delegadas polos órganos do instituto.

3. Para o desempeño das anteditas funcións, dependendo do delegado provincial, en cada pro

vincia haberá un Servicio Provincial do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.».

Disposición adicional

Funcións de control.-A Área de Inspección e control do ILGGA dependerá funcionalmente da Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes no que atinxe ó desempeño das funcións de control que a esta se lle atribúen no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, segundo o disposto para o control interno no regulamento (CE) 1663/95, da comisión, do 7 de xullo, e demais normativa comunitaria que resulte de aplicación.

Disposición transitoria

Única.-Adscrición provisional do persoal.

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición cambio de residencia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación da estructura orgánica contida no presente decreto non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para que dicte as normas complementarias que sexan precisas para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

8159