Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 08 de novembro de 1996 Páx. 10.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de outubro de 1996 pola que se convocan 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, creou o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co fin específico de contribuír á dinamización da economía de Galicia. Para iso conta entre as súas funcións coas de impulsa-la a atracción de investimentos a esta Comunidade Autónoma e favorece-lo desenvolvemento das exportacións de empresas galegas e a consecución de acordos con empresas estranxeiras.

Con tal finalidade, o Igape conta co Programa de Bolsas de Promoción Exterior, destinado á realización de estudios de mercado, busca de oportunidades de negocio e investigación de posibilidades de cooperación internacional de empresas. A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse 20 bolsas de promoción exterior e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria, que se inclúe como anexo á presente orde.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0440 71303 780 do orzamento do Igape para 1996.

Autorízase o IGAPE a ampliar ou abrir novas convocatorias, dándolle a oportuna publicidade en prensa no caso de que se esgotase a posibilidade de preselección por falta de candidatos adecuados, sempre e cando exista o oportuno crédito orzamentario.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2 da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 12 meses; cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición final

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,17 de outubro de 1996.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

BOLSAS DE PROMOCIÓN EXTERIOR

O obxecto destas axudas dirísexe a promover, mediante a realización de prácticas que complementen a formación dos candidatos preseleccionados, a realización de estudios de mercado, favorece-lo coñecemento das oportunidades de negocio no exterior para as empresas de Galicia e a investigación de posibilidades de cooperación internacional entre empresas.

BASES DA CONVOCATORIA

1. Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deberán acreditar mediante a documentación sinalada no anexo III:

A) O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior

B) Ser titulado universitario superior ou medio nalgunha das seguintes carreiras: arquitectura, enxeñería, químicas, biolóxicas, físicas, dereito, ciencias económicas, empresariais e técnicos de empresas e actividades turísticas, ou títulos asimilables expedidos por centros oficiais estranxeiros.

C) Ter un coñecemento alto do idioma inglés (falado e escrito). Este requisito poderá ser exceptuado no caso daqueles candidatos que dominen o idioma dalgún dos países previstos na base 6, sempre que non sexa o español e para o caso de que resulten a el destinados.

D) Ter experiencia acreditada de o menos 1 ano nunha empresa.

E) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

F) Non ter desfrutado con anterioridade dunha bolsa do Igape.

2. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo II, deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo III e presentaranse no rexistro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

a) Santiago de Compostela: r/ Frei Rosendo Salvado, 16-baixo. C.P. 15701.

b) Ferrol: Penínsuda de A Cabana s/n. C.P. 15590.

c) Vigo: r/ Príncipe, 43-2º E. C.P. 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá presentarse acompañada da traducción.

En calquera momento, o Igape poderá pedirlle ó solicitante a información e a documentación complementarias que considere necesarias para a resolución do expediente.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro de 1996.

3. Duración.

A duración da bolsa establécese en seis meses, contados desde a data da sinatura do compromiso da súa aceptación, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo doutros seis meses en consideración á programación de actividades do Igape e ós resultados acreditados polo bolseiro.

4. Contía.

A dotación de cada bolsa será de 1.400.000 ptas. Esta cantidade poderá ser incrementada nun máximo de 500.000 ptas. adicionais en función do custo da vida do país ou cidade á que sexa destinado o bolseiro, segundo a distribución de países establecida no anexo IV.

No caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga, tomando como base os valores anteriores.

Quedan englobadas dentro da dotación da bolsa os impostos de carácter persoal así como tódolos gastos en que teña que incorre-lo bolseiro para o seu desenvolvemento, e en concreto, os seguintes:

-A obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia esixidos polas autoridades do país de destino.

-Gastos de desprazamento ó país ou cidade á que sexa destinado e de estadía nel.

-A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

-A obtención dun certificado de boa saúde para o normal exercicio da bolsa.

-Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

-Os de traslado do bolseiro de cidade e/ou país, temporal ou definitivamente durante o desfrute da bolsa.

5. Libramento.

A dotación da bolsa aboaráselle ó bolseiro trimestralmente, segundo o seguinte detalle:

-O 50% da dotación no momento de aceptación da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

-O 25% da dotación ó inicio do segundo trimestre.

-O 25% restante ó final da bolsa.

A dotación correspondente á prórroga de bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o detalle sinalado anteriormente, salvo que non acade os tres meses de duración, neste caso aboaráse o 50% da dotación ó inicio da prórroga e o resto ó final.

6. Residencia, movilidade xeográfica e dependencia funcional.

Con carácter indicativo, o destino dos bolseiros será algún dos seguintes:

-Alemaña-Italia

-Arabia Saudí-Israel

-Arxentina-Xapón

-Brasil-Malaisia

-China-México

-Corea-Nova Celandia

-Dinamarca-Portugal

-Estados Unidos-Rusia

-Francia-Taiwán

-Irlanda-Uruguai

Durante a duración da bolsa o bolseiro terá a obriga de residir no país ou cidade de destino que se lle asignara. Non obstante, durante o prazo de desfrute da bolsa, en caso de concurrir causa xustificada, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou país de destino temporal ou definitivamente.

Para a realización do seu cometido o bolseiro dependerá en todo momento do Igape, e esstará sometido ás instruccións e criterios fixados ou transmitidos por el, ou os que, este organismo acorde coa institución ou empresa que acolla.

7. Procedemento de selección.

7.1. Admisión ó proceso de selección.

Unha vez rematado o prazo de solicitude e comprobado documentalmente o cumprimento dos requisitos de admisión, o IGAPE expoñerá a partir do 15 de decembro de 1996, nas súas dependencias, a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, neste caso as causas de exclusión e abrindo un prazo de dez días para que os interesados poidan corrixi-la súa solicitude e aportar se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a corrección procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de corrección, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas a selección.

7.2 Preselección segundo expediente de méritos.

De entre os solicitantes admitidos farase unha preselección eliminatoria de candidatos tomando en consideración os seguintes factores:

a) Expediente académico do título universitario, segundo o seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias

puntuación obtida x 10

nº de materias

Proxecto de fin de carreira,

Grao tese de licenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

b) Méritos académicos e outros estudios.

c) Experiencia profesional.

7.3. Proba de idiomas.

Os aspirantes preseleccionados segundo o disposto no apartado anterior serán convocados a unha proba de idiomas:

Obrigatorio: inglés ou o idioma sinalado na instancia de solicitude que sexa oficial dalgún dos países de destino sinalados na base 6 desta convocatoria, a excepción do español.

Optativo: francés e/ou alemán , no caso de alegarse como mérito os dous últimos na solicitude.

7.4. Entrevista personal.

Os aspirantes que superaran a proba de idiomas someteranse a unha entrevista personal tendente a avalia-la adecuación do perfil do candidato ás funcións que desempeñará durante o período de desfrute da bolsa.

7.5. Período de formación.

Unha vez que o Igape valorase conxuntamente os resultados obtidos polos aspirantes nos apartados 7.2, 7.3 e 7.4 destas bases, o Igape seleccionará provisionalmente a aqueles que obtivesen unha maior puntuación para a realización dunha formación complementaria onde o custo será a cargo do Igape, que se realizará en dúas fases:

-Primeira fase: formación teórica sobre comercio exterior.

-Segunda fase: estadía en empresas ou asociacións de subsectores seleccionados polo Igape.

Durante o período de formación, o Igape aboaralle a cada aspirante 85.000 ptas. ó mes ou a parte proporcional que corresponda ó período de formación efectivamente realizado, así como os gastos de desprazamento ás empresas ou asociacións asignadas.

7.6. Selección definitiva.

Unha vez realizado o período de formación e en vista dos seus resultados, realizarase a selección definitiva para a adxudicación das bolsas, podendo queda-la convocatoria total ou parcialmente deserta.

Os candidatos que accedesen ó curso de formación ós que non se lles adxudique a bolsa integrarán unha lista de espera que será utilizada cando se produza algunha renuncia ou revogación. Para determina-la orde da lista terase en conta a puntuación final obtida.

7.7. Adxudicación de destinos.

Unha vez efectuada a selección definitiva de bolseiros, farase pública, mediante a súa exhibición nas dependencias do Igape a lista de adxudicatarios así como os países de destino correspondentes.

8. Aceptacion da bolsa.

O Igape notificaralle a cada adxudicatario a concesión da bolsa, e este no prazo de dez días desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa entenderase que renuncia ós seus dereitos e arquivarase o seu expediente sen máis trámite.

9. Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuício doutras obrigas conforme a esta convocatoria e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

A. Incorporarse ó seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

B. Cumpri-las instruccións fixadas ou que lle sexan transmitidas polo Igape para o desenvolvemento do obxecto da bolsa.

C. Participar nas actividades que o Igape poida organizar para a formación dos bolseiros antes de ocupa-lo seu destino, en especial as referidas ó coñecemento da realidade económica de Galicia.

D. Cumpri-las normas de conducta da oficina ou entidade onde o bolseiro estea destinado.

E. Elaborar e presentarlle ó Igape os estudios, informes ou traballos prácticos que lle sexan encomendados.

F. Xestionar, tramitar e obter-los visados, permisos ou autorizacións esixidos polas autoridades do país ou cidade de destino.

G. Vacinarse e recibi-los tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

H. Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas.

10. Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario poderá dar lugar á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ou no caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable.

11. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser sustituídas pola Dirección Xeral do IGAPE de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

A Dirección Xeral do IGAPE resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poideran xurdir na aplicación da presente convocatoria.

12. Propiedade dos traballos.

Tódolos dereitos de propiedade intelectual e explotación dos estudios, informes e outros traballos que realice o bolseiro no desenvolvemento das prácticas realizadas serán propiedade do Igape, que poderá facer uso deles e explotalos como crea conveniente.

13. Natureza e incompatibilidade da bolsa.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación o seu cadro de persoal. Tampouco terá en ningún caso, salvo mandato expreso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características e con calquera outro tipo de actividade remunerada.

ANEXO III

DOCUMENTACIÓN TITULADOS

1.Instancia de solicitude. Anexo II.

2. Fotografia tamaño carné co nome do solicitante ó dorso.

3.Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte e letra do NIF.

4. Para a acreditación do cumprimento de o menos unha das seguintes condicións:

-Vecindade administrativa en Galicia. Certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia. Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo ou descendente directo ata o 3º grado de emigrantes galegos no exterior. Fotocopia compulsada da documentación oficial acreditativa da ascendencia natural de Galicia.

5. Acreditación de non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

-Ter realizado o servicio militar. Fotocopia compulsada da cartilla militar ou documento pase á reserva.

-Non ter realizado o servicio militar. Fotocopia compulsada do certificado de situación militar, onde conste exención ou concesión pórroga que cubra o menos os 18 meses seguintes a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

-Ter realizada a prestación social substitutoria. Copia compulsada do certificado de situación de reserva emitido polo Ministerio de Xustiza.

-Non ter realizada a prestación social sustitutoria. Certificado acreditación condición obxector de conciencia e certificado de concesión de exención ou prórroga que cubra polo menos os 18 meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6. Copia compulsada do título ou copia compulsada do resgardo de ter pagadas as taxas para a súa obtención.

7. Copia compulsada do expediente académico expedido polo centro ou institución donde o solicitante realizara os seus estudios superiores.

8. Documentación acreditativa doutros méritos académicos distintos do título universitario ou outros estudios cursados polo candidato. Certificación académica que acredite especificamente a realización do proxecto de fin de carreira, grao, licenciatura ou título de doutor.

9. Declaración do nivel de coñecementos dos idiomas distintos ó español que posúa, aportando os certificados acreditativos correspondentes.

10. Declaración do/s idioma/s no/s que desexa examinarse, tanto obrigatorio como, no seu caso optativo, segundo o establecido na base nº 7.3 desta convocatoria.

11. Currículum vitae.

12. Documentación xustificativa da experiencia profesional alegada polo candidato.

13. Declaración xurada de non ter disfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

14. Certificado de boa saúde para o normal exercicio da bolsa.

ANEXO IV

DISTRIBUCIÓN DE PAISES

Grupo 1. Países nos cales a dotación da bolsa ascende a 1.400.000 ptas. brutas ó semestre.

Arabia Saudí

Arxentina

Brasil

China

Israel

Malaisia

México

Nova Celanda

Portugal

Uruguay

Grupo 2. Países nos cales a dotación da bolsa ascende a 1.650.000 ptas. brutas ó semestre.

Alemaña

Corea do Sur

Dinamarca

Irlanda

Italia

Rusia

Taiwán

Grupo 3. Países nos cales a dotación da bolsa ascende a 1.900.000 Pts. brutas ó semestre.

EEUU

Francia

Xapón

7818