Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 06 de novembro de 1996 Páx. 9.887

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Pesquerías León Marco, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector Pesquerías León Marco, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-7-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data 20-7-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 30 de xullo de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional, territorial e persoal.

Ámbito funcional: convenio que afecta o persoal embarcado nos buques da empresa Pesquerías León Marco, S.A.

Ámbito territorial: buques da empresa con base no porto de Vigo.

Ámbito persoal: convenio entre a empresa Pesquerías León Marco, S.A. e traballadores dos buques antes citados.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor, para tódolos seus efectos, a partir da súa sinatura, e a súa duración será de catro anos. Entenderase denunciado automaticamente ó cabo dos catro anos de vixencia.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As condicións xerais pactadas son compensables e absorbibles, en cómputo anual, coas que anteriormente rexisen en cada empresa, por imperativo legal, pacto ou calquera tipo de disposición, resolución ou acordo.

Artigo 4º.-Garantías persoais.

Respectaranse, a título individual, as condicións de traballo que fosen máis beneficiosas para o persoal, comparativamente coas establecidas neste convenio, considerándoas no seu conxunto e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Carácter substitutorio da ordenanza.

O presente convenio colectivo substitúe, na súa integridade, a ordenanza de pesca marítima en buques bacallaeiros, que foi aprobada por O.M. do 8 de abril de 1986.

Artigo 6º.-Condicións non reguladas.

Todo o disposto neste convenio rexerase polo establecido na lexislación laboral vixente.

Artigo 7º.-Comisión mixta.

Para a resolución de cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes obrigadas, así como das situacións de prexuízo que ocasionen como consecuencia da interpretación ou aplicación do presente convenio, créase unha comisión mixta de vixilancia, que será o órgano de interpretación e arbitraxe, conciliación e vixilancia do seu cumprimento, composta polos traballadores e empresarios asinantes deste convenio.

Artigo 8º.-Carga e descarga.

A dotación do barco, agás casos de forza maior ou en lugares onde non exista censo de estibadores portuarios, queda exceptuada de calquera operación material de desembarque e transbordo, así como de estiba e desestiba, salvo nos supostos que a seguir se indican:

1. Corresponderanlle ó persoal de abordo as manobras de preparación, arranxado e carga de víveres, utensilios, repostos e elementos de que dispoña ou necesite o buque para a súa navegación e para a pesca.

2. O transporte de víveres para o consumo da dotación, así como o de utensilios desde almacéns ou comercios ata o peirao, só poderá impoñérselle ós tripulantes en casos de recoñecida forza maior.

3. Así mesmo, estarán obrigados a realiza-las operacións de transbordo da pesca, ben en porto que non sexa base ou no mar, a outros buques da mesma empresa ou de distinta, á que se contratase o seu transporte.

O traballo efectuado polas tripulacións en calquera dos casos citados nos apartados precedentes, estará sometido ás limitacións, descanso e cómputo da xornada.

Artigo 9º.-Requisitos de embarque.

O tripulante deberá estar en posesión do seu correspondente caderno de inscrición marítima, co recoñecemento médico en vigor e estar en posesión dos certificados e requisitos que a lei esixe, para a súa contratación ou continuación ó servicio da empresa.

Todo tripulante, para ser enrolado, entregará o caderno de inscrición marítima ó que exerza o mando do buque, que a conserva no seu poder ata o momento do desembarco daquel, debidamente autorizado. Entón devolveráselle coas anotacións que indica o mesmo caderno e a sinatura do que faga a entrega, legalizada pola autoridade de mariña do porto (capitanía)º ou consulado).

Artigo 10º.-Repatriación ó porto de embarque.

O armador quedará obrigado a sufraga-los gastos que ocasione a repatriación a España e a súa restitución ó porto de embarque, nos casos seguintes:

a) Por motivo de enfermidade ou accidente, que sexa acreditado co correspondente parte oficial de incapacidade laboral transitoria.

b) Por despedimento declarado improcedente, rescisión de contrato por causas imputables ó armador, ou por suspensión ou extinción por causas imputables ó armador, ou por suspensión ou extinción por causa de forza maior, cando o armador decida a repatriación.

Nestes casos, o armador anticipará os gastos de repatriación e se non se constatan tales extremos, pocederá ó seu desconto ou reclamación ó tripulante.

Artigo 11º.-Abandono do buque polo tribulante.

Se un tripulante abandona o buque sen lle dar aviso previo ó capitán, sen prexuízo das responsabilidades penais en que poida incorrer, o armador terá dereito a esixirlle como indemnización o resarcimento dos danos e prexuízos conseguintes, e deberá facer consta-lo abandono na súa respectiva libreta de inscrición marítima.

Capítulo II

Contratación

Artigo 12º.-Perfección do contrato e axudas de custo de desprazamento.

Serán aboados polo armador os gastos de locomoción e axudas de custo correspondentes, que poidan ocasiona-lo traslado do tripulante elixido desde

a localidade onde radique a oficina de emprego en que teña que ser visado o seu contrato, ata o porto no que aquel deba embarcar, pero sen que o pagamento de tales gastos e axudas de custo signifique a existencia dunha relación xurídico-laboral, nin o recoñecemento de dereito ningún derivado do contrato de embarco, o que unicamente se considera existente desde o momento en que quede perfeccionado, agás que xurdise algún impedimento alleo á empresa para o enrolamento do contratado; neste caso o contrato non producirá efectos.

O armador estará obrigado tamén ó aboamento dos gastos de regreso ó punto de partida e axudas de custo correspondentes, salvo que o contrato non se perfeccionase por causas imputables ó traballador.

Artigo 13º.-Período de probas.

Toda admisión de persoal fixo considerarase provisional durante un período de proba variable, de acordo co labor ó que o traballador se dedique, que non poderá ser superior ó que a seguir se establece:

a) Técnicos titulados: 6 meses.

b) Restos da tripulación: 2 meses.

c) Non cualificados (mariñeiro, pinche, axudante redeiro, camareiro, salgador, engraxador): 15 días laborables.

Estando o persoal embarcado, se os citados períodos expiran no curso da súa permanencia no mar, consideraranse aqueles prorrogados ata a terminación dela.

Durante os ditos períodos de proba, tanto o traballador como a empresa poden, respectivamente, desistir da proba ou proceder á rescisión, sen que ningunha das partes teña por iso dereito a ningunha indemnización; deberá comunicarse o desestimento e a rescisión ás 72 horas seguintes á chegada do buque ó porto base ou da tripulación á última escala en territorio español, no suposto de relevo da tripulación. En todo caso o traballador recibirá durante o período de proba o salario e demais emolumentos correspondentes ó traballo realizado.

Ó rescindir voluntariamente o tripulante o seu contrato de traballo, o importe dos gastos de repatriación serán pola súa propia conta.

Artigo 14º.-Clasificación do persoal segundo a permanencia.

O persoal clasifícase respecto á permanencia na empresa, segundo a modalidade contractual elixida entre a ampla gamma de modalidades permitidas polo ordenamento xurídico en materia de contratación laboral, como son: fixos, fixos descontinuos, eventuais, interinos, por marea, por campaña, por obra ou servicio determinado, en prácticas, etc.

Artigo 15º.-Cadros de persoal.

Manteranse os actuais cadros de persoal de traballadores abordo dos buques, salvo que, por racionalización por traballo e funcións, mecanización ou modernización, escaseza de capturas ou outras causas análogas, se decida a súa instrucción.

Artigo 16º.-Transbordos.

Enténdese por transbordo o traslado ou cambio de destino dos tripulantes dun barco pesqueiro a outro das mesmas empresas, podendo ser voluntario ou forzoso.

1. Voluntario. É transbordo voluntario o concedido pola empresa por instancia do interesado, cando exista vacante que pola súa categoría pode cubrir.

En consecuencia, as vacantes que se produzan en calquera das categorías proveranse, en primeiro termo, co persoal da mesma categoría e especialidade que as solicitase, sempre que, a xuízo do armador, reúna o solicitante as condicións suficientes.

O transbordo voluntario solicitarase por escrito, e se fosen varios os que pedisen pasar a cubri-la mesma vacante, outorgarase, a ser posible, o de maior antigüidade da categoría e especialidade dentro da empresa.

Cando o transbordo, logo de aceptación da empresa, se efectúe por solicitude dun tripulante, aquela poderá modifica-lo salario, en caso de que así proceda, advertíndoselle por escrito ó interesado e sen que este teña dereito a indemnización ningunha polos gastos que se orixinen por traslado dun porto a outro para incorporación ó novo barco.

2. Forzoso. O transbordo forzoso é o que ten lugar por esixencia do servicio da empresa, ou como sanción.

En tódolos transbordos forzosos, o armador estará obrigado a lles aboar ós interesados os gastos de locomoción e axudas de custo que procedan:

a) No caso de que o transbordo se realice por esixencias do servicio, respectaránselle ó tripulante tódolos seus dereitos nos supostos de pasar a embarcación onde se perciba inferior retribución, a diferencia deberá ser compensada polo armador.

b) Ningún tripulante poderá ser obrigado a efectua-lo transbordo acordado mentres o barco se encontre no mar, salvo entre barcos da mesma unidade de pesca, nin poderá impoñerse a quen ostente cargos de representación sindical, salvo que proceda como sanción.

Artigo 17º.-Permutas.

Os tribulantes pertencentes á mesma empresa poderán solicitar desta a permuta dos seus respectivos postos, sempre que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que desempeñen cargos ou funcións da mesma categoría e especialidade, con idénticas características.

b) Que reúnan ámbolos permutantes a amplitude necesaria para novo destino, non tan só desde o punto de vista da súa competencia profesional, senón tamén en razón a outras circunstancias que a empresa poida acordar.

c) Que se funde motivo xustificado.

d) Que ningún dos permutantes fose sancionado coa perda deste dereito.

Será facultade do armador acceder ou non ás ditas peticións, se ben a súa resolución lles deberá ser notificada en forma ós interesados dentro dos trinta días seguintes ó recibo da petición, debéndose razoar aquela cando fose negativa.

De se consuma-la permuta, o persoal afectado aceptará as modificacións que nas súas remuneracións poidan producirse, sen dereito a indemnización polos gastos de traslado que poidan orixinarse.

Artigo 18º.-Cambio de destino ou función.

Dentro do mesmo barco, o persoal enrolado de mestranza e subalterno poderá solicitar do armador, e este acceder ou non, o cambio de destino ou función, sempre que se trate de análoga categoría, aínda que sexa de distinta especialidade e reúna o que aspira ó dito cambio a actitude necesaria para o novo destino, e se funde a súa petición en motivo xustificado.

En caso de que o armador acepte o cambio de destino ou función solicitado polo tripulante, este pasará a percibi-lo salario correspondente á súa nova categoría, aínda que conservando os beneficios dos seus anos de servicio na empresa.

O disposto neste artigo e seguinte en nada afecta a aqueles cursos de urxente necesidade para a seguridade da nave, en que os tripulantes poderán ser destinados a calquera servicio para realiza-lo cometido que o capitán, piloto ou patrón ou xefe de máquinas encomende, sen que se poida esixi-lo aboamento de diferencia en salarios por traballos de categoría superior, nin considerar vexatorios aqueloutros inferiores que as circunstancias impoñan.

Artigo 19º.-Traballos de categoría superior.

Todo o persoal, en caso de necesidade, poderá ser destinado a traballos de categoría superior polos haberes que lle corresponda a ela.

Este cambio de categoría non poderá ser de duración superior ó tempo da marea en curso; o interesado deberá, ó cabo deste tempo, integrarse ó seu antigo posto.

No suposto de que o traballador de categoría superior para realizar esixise un período de tempo maior có sinalado, deberá proverse definitivamente o cargo superior.

O disposto nos parágrafos anteriores non é aplicable ós casos de substitución por servicio militar, enfermidade ou accidente de traballo, nos que a substitución poderá comprender todo o tempo que dure a circunstancia que motivase o cambio.

Artigo 20º.-Traballos de categoría inferior.

Se por necesidade ou forza maior a empresa destina de modo circunstancial un tripulante a traballos inferiores ós propios da súa categoría, sen que por iso se prexudique a súa formación profesional nin teña que efectuar funcións que impliquen vexación ou menoscabo do seu cometido laboral, conservaranse os haberes correspondentes ó seu cargo. Non suporá menoscabo nin vexación efectuar traballos accidentais de categoría inferior, intimamente relacionados coa súa función.

Se o cambio de destino á categoría inferior tivese a súa orixe en petición propia, sanción ou a causa dunha diminución de capacidade demostrada mediante expediente, a remuneración será a que corresponda ó novo cargo que se lle asigne.

As variacións circunstanciais motivadas por causa de forza maior non imputable á empresa, sen conveniencia nin beneficio de capacidade demostrada mediante expediente, a remuneración será a que lle corresponda ó novo cargo que se lle asigne.

As variacións circunstanciais motivadas por causa de forza maior non imputable á empresa, sen conveniencia nin beneficio ningún para ela, poderán modifica-la retribución do interesado de conformidade coa función que houbese necesidade de sinalar.

Artigo 21º.-Comisión de servicio.

Entenderase por comisión de servicio a misión ou cometidos especiais que, circunstancialmente, se debera desempeñar fóra do barco no que figure enrolado o tripulante, sen que os transbordos ou desembarques que con tal motivo se produzan deban considerarse incluídos nos transbordos aludidos neste capítulo.

Ningún desprazamento por comisión de servicio poderá durar máis de cinco meses, salvo que o traballador afectado acepte unha maior duración.

Independentemente dos gastos de locomoción e axudas de custo establecidos neste convenio, o persoal de comisión percibirá, polo menos, iguais beneficios ós que viñese desfrutando no cargo que desempeñaban en propiedade, tendo en todo caso dereito a se integrar ó mesmo buque e á mesma función tan pronto como termine a misión confiada.

O pagamento dos gastos que orixine a comisión e as remuneracións que lle correspondan a quen as desempeñe, serán por conta exclusiva do armador.

Artigo 22º.-Cambio de base.

Entenderase por cambio de base o traslado oficial, aprobado pola autoridade competente, do porto base dalgunha embarcación a outro distinto, por lles convir así ós interesados ou actividades da empresa pesqueira.

Artigo 23º.-Variación da modalidade de pesca.

Se por conveniencia da empresa pesqueira esta variase nalgunha das embarcacións a modalidade ou sistema de pesca a que dedicaba a súa actividade laboral dun modo habitual a outra, poderá opta-lo traballador por continuar ó servicio da embarcación ou dar por extinguida a súa relación laboral pola súa propia vontade.

A variación total ou parcial no sistema de conservación da pesca está considerada na negociación e non xustifica a aplicación dos dispostos no primeiro parágrafo deste artigo, senón que, polo contrario, entraña unha obriga de atende-las funcións derivadas da implantación de bodegas frigoríficas nos buques, por canto, á parte de non representar maior ou menor traballo, pode considerarse como unha mellora tecnolóxica que deriva nunha potenciación da empresa pesqueira que axuda ó mantemento dos postos de traballo.

Artigo 24º.-Cesamentos de cargo de mandos.

Pola natureza do cargo de confianza que ostenta funcións encomendadas ós capitáns, patróns con mando de buques e técnico de pesca, o naveiro ou armador poderá libremente dispoñer do cesamento daqueles, debendo a empresa indemnizalos segundo o previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Capítulo III

Licencias, excedencias, xornada e descansos

Artigo 25º.-Licencias.

A concesión de licencias é obrigatoria para as empresas sempre que, respecto ó persoal embarcado, o barco se atope en porto español, logo de aviso e xustificación, nos seguintes casos:

a) Matrimonio: 15 días.

b) Nacemento de fillos: 3 días.

c) Enfermidade grave do cónxuxe, fillos, pais, irmáns e irmáns políticos: 3 días.

d) Morte do cónxuxe, fillos, mesmo políticos: 3 días.

e) Morte de pais, irmáns, tíos, cuñados: 3 días.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

g) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos pola lei.

Durante o tempo da licencia, o traballador terá dereito a percibi-lo salario mínimo interprofesional vixente máis o complemento de antigüidade, se é o caso.

En todo caso de licencia, os gastos de desprazamento que se produzan polo dito motivo, serán por conta do interesado.

Artigo 26º.-Excedencia forzosa.

Producirase cando o traballador fose designado, nomeado ou elixido para ocupar un cargo público. Dará dereito á conservación do posto de traballo e a computa-lo tempo da súa duración para efectos de antigüidade.

O reingreso debe ser solicitado dentro do mes seguinte ó do cesamento no cargo público, e a súa efectividade posporase ata a data da primeira saída do pesqueiro do porto base para a realización da actividade extractiva. Durante este tempo non se producirá dereito a retribución.

Artigo 27º.-Excedencia voluntaria.

Todo traballador cunha antigüidade mínima na súa empresa dun ano ten dereito a solicitar e obte-la situación de excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos, nin maior de cinco. Desfrutada a primeira, soamente poderá obter unha segunda, unha vez que transcorresen catro anos desde o remate da anterior.

O tempo da excedencia voluntaria non conta para efectos de antigüidade. O traballador nesta situación conserva o dereito preferente para volver á empresa cando se produza vacante de igual ou similar categoría.

O traballador excedente, para conserva-lo dereito antes descrito, ten que solicita-lo seu posto á empresa dentro do mes seguinte ó de remate da excedencia, tendo efectividade o reingreso, en caso de se produci-la dita vacante, a partir da primeira saída do pesqueiro desde o porto base cara ó caladoiro. Durante este tempo non xera dereitos económicos.

Artigo 28º.-Servicio militar.

O persoal suspendido por cumprimento do servicio militar, debe poñerse a disposición da empresa antes de transcorrer un mes, contado desde a data do seu licenciamento, xa que, de non ser así, se entenderá extinguido o seu contrato de traballo.

Cando o traballador estea próximo á súa incorporación ó servicio militar e non teña permiso ou dilixenciamento do seu caderno de inscrición mariña para realizar unha marea completa, suspenderase o seu contrato de traballo desde a data do inicio da dita marea, sen dereito a ningunha retribución.

O reembarque do licenciado levarase a cabo tan pronto como o buque toque porto e sexa posible o desprazamento alí do traballador, sen que teña dereito a retribución ningunha desde a peteción

de reingreso ata o efectivo embarque; ata daquela prorrogarase a suspensión do seu contrato.

Artigo 29º.-ILT e invalidez.

Cando o traballador sexa dado de alta dunha ILT e dunha invalidez provisional, declarándoo apto para o traballo, porase a dispor da empresa para o seu reembarque cando o buque realice a saída para a seguinte marea, tendo dereito entrementres a percibi-lo salario mínimo interprofesional vixente mailo complemento de antigüidade, se é o caso.

Artigo 30º.-Xornada de traballo.

A xornada do traballo establécese de acordo co disposto nos artigos 15 e 16 do Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro de 1995.

Dada a natureza especial do traballo na pesca, a realización de horas extraordinarias será sempre obrigatoria e, para tal efecto, establecerase no contrato individual unha compensación retributiva, aboable aínda cando non sexa necesaria a súa realización, consistente nunha porcentaxe sobre o producto ou valor en venda da pesca, convido dun mutuo acordo entre o traballador e a empresa.

Artigo 31º.-Descansos semanais e festivos.

De acordo co Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, establécese que os descansos desfrutados se aboarán a razón do salario mínimo interprofesional vixente e os descansos non desfrutados aboaranse como horas extraordinarias, fixando para tal pagamento unha porcentaxe sobre o producto o valor de venda da pesca que deberá figurar no contrato de traballo que será convido entre o traballador e a empresa.

Artigo 32º.-Traballo en porto e no mar.

O tempo máximo normal de permanencia ininterrompida no mar será de cinco meses, ampliable ata sete por causas xustificadas da explotación pesqueira que requiran ser aproveitados. Este tempo de marea contarase desde a saída do porto de embarque da tripulación, ata aquel en que abandonen o buque, aínda que permaneza na tripulación mínima para efectos de navegación.

Estando o buque no mar, considérase como tempo de traballo efectivo aquel durante o que o persoal embarcado presta servicio en virtude de orde do mando do buque e, encontrándose o barco en porto, o tempo que o tripulante estea a bordo por orde do mando do buque, entendida esta no seu sentido amplo, de non esixencia de orde expresa, cando se trate de cumprimento de traballo, cometido ou función que cada individuo da dotación ten confiado por razón do cargo que habitualmente desempeña.

Considerarase como tempo de descanso, estando o barco no mar ou en porto, aquel en que o persoal estea libre de todo servicio.

Artigo 33º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de dous meses.

Os días vacacionais retribuiranse polo salario mínimo interprofesional vixente mailo complemento de antigüidade, se é o caso.

Se á chegada dunha marea, o buque dispón dunha nova licencia ou permiso temporal de pesca, co obxecto de non perde-los dereitos desta licencia ou PTP, as vacacións correspondentes á primeira marea acumularanse para desfrutar ó termo da segunda marea.

Capítulo IV

Sistema retributivo

Artigo 34º.-Retribucións.

O sistema retributivo será o do soldo base máis unha participación no producto ou valor en venda da pesca convido entre o traballador ou a empresa, se a suma de ámbolos conceptos non superasen o salario mínimo interprofesional vixente, aplicaríase o dito salario mínimo. A estes conceptos engadiranse os complementos de antigüidade, as pagas extraordinarias, a compensación de descansos, o salario vacacional e aqueles conceptos que se sinalen expresamente neste convenio.

O salario base será de 30.000 pesetas mensuais para tódalas categorías.

Artigo 35º.-Producto ou valor en venda da pesca.

Determínase como montante alcanzado pola venda capturada, realizada ó contado, admitindo como contacto o pagamento por un período de trinta días a partir da venda. Polo tanto, poderase deducir do seu importe as cantidades correspondentes ós custos e servicios seguintes que melloren o prezo final: gastos de descarga, de cámara, de transporte a destino, de cartóns e de gastos financeiros. A cantidade resultante será a base para a aplicación das porcentaxes convidas como participación ou prima de pesca.

Artigo 36º.-Complemento de antigüidade.

Os tripulantes fixos desfrutarán, como premio de vinculación á empresa, de aumentos periódicos consistentes en trienios do cinco por cento do salario base, ata un máximo de doce, calculados sobre o valor deste vixente en cada momento.

O importe de cada trienio comezará a devengarse desde o día un ó mes seguinte do seu cumprimento.

Artigo 37º.-Pagas extraordinarias.

Por este concepto, os tripulantes percibirán dúas gratificacións extraordinarias anuais, cada unha delas polo importe dunha mensualidade do salario mínimo interprofesional vixente máis antigüidade, que lles serán satisfeitas na liquidación de cada marea, en proporción á súa duración.

Artigo 38º.-Revisión salarial.

Durante o segundo, terceiro e cuarto ano de vixencia deste convenio, o salario base fixado actuali

zarase automaticamente, incrementándose na mesma porcentaxe en que o Goberno incremente o salario mínimo interprofesinal vixente.

Artigo 39º.-Anticipos.

O tripulante poderá deixar unha asignación mensual, que se lle enviará onde el indique como anticipo a conta da liquidación de marea; o seu importe será acordado entre o traballador e a empresa.

O dito anticipo será enviado pola empresa ó se cumpri-lo mes de saída do barco do porto base para comeza-la marea.

Artigo 40º.-Axudas de custo.

Nos supostos de comisións de servicio fóra do domicilio, transbordos forzosos e desprazamentos de embarque e desembarque fóra do porto base por conveniencia da empresa, esta soportará directamente os gastos de viaxe, manutención e aloxamento, entregándolle ó traballador os correspondentes billetes ou bonos, ou ben satisfacéndolle previamente o importe destes gastos que non concertasen directamente e satisfeito cos ditos documentos.

A axuda de custos completa comprenderá a manutención e o aloxamento. A media axuda de custos, soamente un destes dous conceptos. Percibiranse tantas axudas de custo ou medias axudas de custo, no suposto de que non se faciliten os bonos ou se garanta a prestación dos ditos servicios, correspondentes a tódolos días da viaxe, incluídos os de saída e chegada.

A axuda de custos completa será de 6.000 ptas. (seis mil pesetas). A media axuda de custos será o 50% do anterior.

O valor das axudas de custo que corresponden ós días de permanencia en país estranxeiro, estará de acordo co contravalor correspondente á moeda do país determinado, correspondente á semana anterior ó día en que se tivese que aboar.

Se por circunstancias especiais os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención superasen o importe satisfeito pola empresa, solicitaranse desta, xustificando as circunstancias e entregando os correspondentes recibos.

Artigo 41º.-Perda de equipaxe.

Cando en ocasión de naufraxio, incendio ou calquera outra causa de similares características, non imputables ó prexudicado, algún tripulante perdese a totalidade da súa equipaxe, percibirá unha indemnización do armador, equivalente ó 130% dunha mensualidade do salario mínimo interprofesional vixente.

Capítulo V

Temas sociais

Artigo 42º.-Alimentación a bordo.

A empresa proporcionaralle á tripulación almorzo e dúas comidas ó día; estas comidas deben ser varia

das, abundantes, sás e ben condimentadas e apropiadas en cada caso á zona en que o buque faene. Os artigos alimenticios deberán ser de boa calidade. Tanto no almorzo como na comida, os tripulantes terán dereito a unha ración de viño, que non poderá exceder de 1 litro ó día, e á subministración de café só ou con leite, durante as gardas de noite, tanto no mar como en porto.

Artigo 43º.-Roupa de cama.

A empresa entregaralle a cada tripulante un equipo completo de roupa de cama, composto polos seguintes elementos: unha colchoneta, dous xogos de sabas, dúas fundas de almofada e dúas mantas.

A dita roupa é propiedade da empresa e seralle devolta a esta cando o tripulante cese na empresa por calquera causa. A súa duración mínima será de tres anos para a colchoneta, as mantas e o cobertor; e dun ano a dos demais elementos.

A deterioración maliciosa ou neglixente deste material, á parte de consistir en falta sancionable, poderá dar lugar á pertinente sanción económica por desconto do seu correspondente valor.

As empresas poderán optar voluntariamente, en cada momento, mesmo a título individual para cada tripulante, por substituí-lo réxime anterior pola compensación de 30 pesetas por cada día de embarque, quedando o tripulante obrigado a contar cun equipo completo de similares características e calidades, como mínimo, ós facilitados pola empresa.

Artigo 44º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá a tripulación da roupa de traballo imprescindible para realiza-los traballos correspondentes a bordo.

A dita roupa será propiedade da empresa e seralle devolta a esta cando o tripulante cese na empresa por calquera causa. A duración mínima será dun ano.

A deterioración maliciosa ou neglixente deste material, á parte de consistir en falta sancionable, poderá dar lugar á correspondente compensación económica por desconto do seu correspondente valor.

As empresas poderán optar voluntariamente en cada momento por substituí-lo réxime anterior pola compensación de 45 pesetas por cada día de embarque, quedando o tripulante obrigado a dispoñer desta roupa, que debe ser de similares características e calidades, como mínimo, ás facilitadas pola empresa.

A empresa disporá dos suficientes xogos de roupa de frío para a súa utilización polos traballadores, ós que en cada momento lles corresponda face-los labores nas bodegas frigoríficos.

Artigo 45º.-Utilizacións da telefonía.

Cada tripulante poderá dispoñer da telefonía do barco para falar coa súa familia, polo menos, unha

vez cada 20 días e durante un tempo máximo de 6 minutos cada vez; o seu custo deducirase das correspondentes liquidacións.

Capítulo VI

Garantías sindicais

Artigo 46º.-Garantías sindicais.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación xeral sobre a materia.

Capítulo VII

Falta e sancións

Artigo 47º.-Faltas: concepto e clasificación.

Considéranse faltas, para efectos laborais, as sancións ou omisións sancionables previstas neste convenio en que poidan incorre-los traballadores.

Por razón da súa gravidade, clasifícanse en leves, graves e moi graves

Artigo 48º.-Faltas leves.

Son faltas leves:

a) As de erro, demora ou neglixencia na execución de calquera traballo que non produza perturabación no servicio encomendado.

b) As de puntualidade inferior a quince minutos na presentación ó posto de traballo, de garda ou a chamada dun superior, sempre que do atraso non se derive prexuízo para o servicio que teña que prestar; neste caso terá a consideración de falta grave.

c) Abandonar sen motivo xustificado o traballo, aínda que sexa por breve tempo.

d) As discusións cos compañeiros de traballo. Se tales discusións producisen escándalo, poderán ser consideradas como falta grave.

e) Incorrer en pequenos descoidos na conservación dos materiais, útiles e efectos que o traballador teña ó seu cargo.

f) Falta de aseo ou limpeza persoal que non produza queixa dos compañeiros de traballo.

g) Calquera outra de análoga entidade.

Artigo 49º.-Faltas graves.

Considéranse faltas graves:

a) Máis de tres faltas de puntualidade na presentación ó posto de traballo, de garda ou á chamada dun superior, non xustificadas e cometidas no período de tres meses.

Cando tivese que relevar a un compañeiro, abondará unha soa falta de puntualidade para que esta se considere como falta grave.

b) Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexan, estando de servicio.

c) Neglixencia ou descoido no traballo, que afecte sensiblemente á marcha del.

d) A imprudencia grave en actos de servicio; se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada falta moi grave.

e) Embriaguez habitual non estando de servicio.

f) Adicción ás drogas, calquera delas, non estando de servicio.

g) Ausentarse do buque, non estando de servicio sen permiso do xefe correspondente.

h) A mera desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio: se implicase quebrantamento de disciplina ou dela se derivase prexuízo para a empresa ou para os compañeiros de traballo.

y) As faltas de aseo e limpeza que produzan queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.

j) A repetición de faltas leves dentro dun semestre, aínda que sexan de distinta natureza.

k) As demais de importancia análoga.

Artigo 50º.-Faltas moi graves.

Son faltas moi graves as seguintes:

a) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o trato desconsiderado cos compañeiros de traballo ou calquera persoal ó servicio da empresa ou en relación ó traballo con esta.

b) O cociñeiro que non desempeñe o seu cometido con lealdade e atención que o cargo require, ocasionándose con iso prexuízo ó persoal embarcado.

c) Facer desaparecer, inutilizar, destrozar, ou causar desperfectos na pesca capturada, materiais e útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalación de pesca que se trasporta, utensilios e documentos da empresa.

d) A embriaguez ou drogadicción en acto de servicio.

e) Viola-lo segredo da correspondencia ou documento reservados da empresa, ou dos seus compañeiros de traballo, así como revelar a elementos estraños ó armador datos de reserva obrigada.

f) Dedicarse a actividades incompatibles.

g) A ocultación maliciosa de erros propios que causen prexuízos ó buque, ó armador ou compañeiros e a ocultación ó xefe respectivo de atrasos producidos no traballo, causante de danos graves.

h) A falta de aseo, sempre que sobre iso se lle chamase a atención ó tripulante, ou sexa de tal índole que resulte nocivo para os compañeiros de traballo.

i) A diminución voluntaria e continua no rendemento normal do traballo.

j) A simulación de enfermidade ou accidente.

k) Solicitar permisos ou licencias, alegando causas non existentes ou excederse do tempo concedido para eles.

Artigo 51º.-Sancións por faltas leves.

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata dez días.

Artigo 52º.-Sancións por faltas graves.

-Transbordo de buque.

-Inhabilitación por un período non superior a cinco anos para ascenso de categoría.

-Prohibición temporal ou definitiva para solicitar permuta de destino ou buque.

-Suspensión de emprego e soldo ata trinta días

Artigo 53º.-Sancións por faltas moi graves.

As sancións correspondentes a faltas moi graves son:

-Suspensión de emprego e soldo de tres a sete meses.

-Rebaixa de categoría.

-Despedimento con perda total dos seus dereitos.

Capítulo VIII

Categorías profesionais

Artigo 54º.-Oficiais de ponte e cuberta.

Capitán: é o que, en posesión do título suficiente, exerce o mando do buque, asumindo os cometidos que o ordenamento xurídico lle atribúe ó capitán de navío.

Técnico de pesca ou capitán de pesca: é o que con título de capitán de pesca ou patrón de pesca de altura, é o cargo de confianza do armador, por se-lo responsable da captura da pesca e da súa conservación ata a descarga dela.

Primeiro oficial: o que, con título necesario para iso e por delegación do capitán, exerce a xefatura do servicio de ponte e cuberta, sendo o encargado de distribuí-lo traballo entre el e os demais oficiais de ponte e cuberta, e o de todo o persoal de cuberta, sen prexuízo das atribucións que, respecto dos demais servicios do buque, lle corresponda na súa condición de segundo xefe del e encargado da seguridade interior.

Segundo oficial: é o que, co título requirido para iso, se encontra ás inmediatas ordes do capitán e primeiro oficial, efectúa as gardas de mar e de porto, exercendo tódalas funcións e cometidos que, pola lexislación ou normas consuetidinarias, se lle atribúen en razón do título profesional que posúa por delegación ou representación do que desempeña o mando du buque.

Artigo 55º.-Oficais de máquinas.

Xefe de máquinas: é o que, en posesión do título preciso, desempeña o cargo de xefe de máquinas, asumindo tódolos cometidos e funcións que o ordenamento xurídico lle atribúe.

Primeiro oficial de máquinas: é o que, con titulación requirida para o efecto, desempeña tódalas funcións e obrigas establecidas para o cargo e esta ás ordes inmediatas do xefe de máquinas.

Segundo oficial de máquinas: é quen, en posesión da titulación correspondente, está ás inmediatas ordes do xefe e primeiro oficial de máquinas, colabora con eles no mantemento, conservación e limpeza do aparello motor e demais máquinas a bordo, e na necesaria dotación de pezas de reposto, instrumentos, ferramentas, combustible, lubricantes e demais aspectos propios da máquina.

Artigo 56º.-Mestranza.

Contramestre: é o home de mar, hábil e experimentado nas faenas mariñeiras, que baixo as ordes do capitán e técnico de pesca, é o xefe inmediato e directo da mariñeiria e persoal de cuberta e, como tal, dispón, de acordo coas instruccións recibidas, os pormenores para practicar labores e traballos mecánicos de abordo que corresponden á sección de cuberta, repartindo faenas e vixiando persoalmente a rápida e exacta execución das ordes polos especialistas e subalternos que del dependan.

Salgador: é quen ordena os traballos de salgadura do peixe, para a súa debida conservación, con coñecemento dos métodos e fórmulas para facelo, dirixindo tamén os labores do seu almacenamento nas bodegas.

Contramestre de frío: é o que ordena e distribúe os traballos de preparación do pescado nas diversas formas de presentación, para sometelos á conservación por frío, dirixindo tamén os labores do seu almacenamento nas bodegas frigoríficas do buque.

Cociñeiro: é o encargado da preparación, condimentación e conservación dos alimentos da dotación do barco, debendo administrar e conseguir un adecuado rendemento dos víveres e demais artigos que se lle entreguen ou adquiran para a súa condimentación.

Artigo 57º.-Especialistas.

Mecánico: é quen, tendo coñecementos e práctica de mecánica, e baixo as ordes e directrices da oficialidade de máquinas, vela pola boa conservación e mantemento non só da maquinaria de propulsión, senón tamén da auxiliar non só de navegación, senón tamén a utilizada para a preparación e presentación do peixe capturado, sendo auxiliado nas súas funcións polos engraxadores.

Electricista: é o que, baixo a dependencia dos oficiais de máquinas e tendo coñecementos teóricos e prácticos propios do seu oficio, se ocupa do mantemento e reparación das instalacións e conduccións eléctricas do buque.

Axudante salgador: é o que, con coñecemento sobre procedementos e métodos da conservación do peixe en salgadura, auxilia o salgador nesta función e na de ordena-lo almacenamento en bodega.

Artigo 58º.-Subalternos.

Mariñeiro: é o home dedicado ás faenas de mar, en coñecemento na pesca, o manexo das súas artes e demais faenas propias a bordo dos buques. Compételles todo tipo de traballos meramente mecánicos, para os que non exista a bordo persoal expresamente designado para eles tales como: manexo de máquinas, traballos no parque de pesca e cuberta, traballos en bodega frigorífica, etc.

Engraxador: é o que efectúa os labores auxiliares para a conservación e mantemento das instalacións do buque, ás ordes da oficialidade de máquinas, mecánico e electricista.

Camareiro: é o que ten ó seu cargo o coidado e limpeza de determinados aloxamentos e o servicio de certo persoal nos buques.

Pinche: é o encargado dos labores auxiliares en cociña, tales como fregado e lavado de batería, placas, utensilios, demais enxoval, limpeza xeral da cociña, lavado de verduras e calquera outro servicio que se lle encomende.

Vigo, 20 de xullo de 1996.

6504