Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 05 de novembro de 1996 Páx. 9.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 385/1996, do 17 de outubro, polo que se crea o Instituto Universitario de Investigacións Tecnolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente os Decretos 192/1993, do 29 de xullo, polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma, se concede autorización de novos estudios e se crean máis centros no sistema universitario de Galicia, (DOG do 17 de agosto); o Decreto 250/1994, do 29 de xullo, polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma e se concede autorización de novos estudios no sistema universitario de Galicia; e o Decreto 282/1995, do 19 de outubro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudios conducentes a titulacións novas no sistema universitario de Galicia.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia trabállase en prol da súa consolidación atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, créase o Instituto Universitario de Investigacións Tecnolóxicas que ten como obxectivo a promoción da investigación aplicada, a especialización de investigadores e a prestación de servicios nas áreas tecnolóxicas de procesos e automatización industrial, intelixencia artificial, computación e instrumentación avanzada, medio ambiente e recursos naturais, favorecendo a orientación tecnolóxica na Universidade de Santiago de Compostela.

Por todo isto, en aplicación do artigo 10.2º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, por instancia do Consello Social da Universidade, co informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro) por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, na Universidade de Santiago de Compostela, no seu campus de Santiago de Compostela, do Instituto Universitario de Investigacións Tecnolóxicas.

Artigo 2º

O Instituto Universitario de Investigacións Tecnolóxicas rexerase, no que respecta ás súas acti

vidades, pola Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 3º

Para os efectos de adscrición de persoal e vixencia das actividades deste Instituto Universitario de Investigacións Tecnolóxicas rexerá, segundo dispón a Lei 11/1983, de reforma universitaria, o establecido nas normas estatutarias da universidade e no regulamento e convenio de creación do citado instituto, que deberá axustarse ó establecido para este tipo de centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7923