Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 05 de novembro de 1996 Páx. 9.831

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 384/1996, do 17 de outubro, polo que se crea a Facultade de Filosofía e a Facultade de Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela por segregación da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e supresión da estructura administrativa da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB no campus de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha pla

nificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente o Decreto 192/1993, do 29 de xullo, polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma, se concede autorización de novos estudios e se crean máis centros no sistema universitario de Galicia, (DOG do 17 de agosto); o Decreto 250/1994, do 29 de xullo, polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma e se concede autorización de novos estudios no sistema universitario de Galicia; e o Decreto 282/1995, do 19 de outubro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudios conducentes a titulacións novas no sistema universitario de Galicia.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

Neste decreto, baixo a formulación xeral exposta, considéranse para a Universidade de Santiago de Compostela, modificacións que teñen cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Estas modificacións inscríbense no marco da reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia. A proposta de creación da Facultade de Filosofía vén enmarcada na evolución destes estudios, na implantación dos novos plans e na peculiaridade desta universidade, que conta con estudios específicos de educación e licenciatura propia de filosofía organizados de xeito diferenciado.

Pola súa banda, a proposta de creación da Facultade de Ciencias da Educación responde á necesidade integradora dos diversos contidos formativos do ámbito educativo, así como á maior racionalización no uso dos recursos comúns existentes na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Santiago de Compostela e na sección de pedagoxía da actual Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. A integración das titulacións en materia educativa nun único centro, posibilita unha mellora tanto de recursos como de xestión e unifica a oferta docente e investigadora no Campus de Santiago de Compostela.

Todo iso fai aconsellable a segregación da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e a supresión da estructura administrativa da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB que está situada no Campus de Santiago de Compostela.

Por todo isto, en aplicación do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade, co informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora

da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro) por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, na Universidade de Santiago de Compostela, no seu campus de Santiago de Compostela, da Facultade de Filosofía e da Facultade de Ciencias da Educación, por segregación da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e supresión da estructura administrativa da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB deste campus.

Artigo 2º

A Facultade de Filosofía albergará a titulación xa autorizada de licenciado en filosofía.

Artigo 3º

1. A Facultade de Ciencias da Educación albergará as titulacións xa autorizadas de:

-Licenciado en pedagoxía.

-Licenciado en psicopedagoxía.

-Diplomado en educación social.

-Mestre nas especialidades de lingua estranxeira, educación primaria, educación infantil e educación musical.

2. Suprímese a estructura administrativa correspondente á Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB no Campus de Santiago de Compostela, que queda integrada na estructura propia da nova Facultade de Ciencias da Educación.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7852