Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 30 de outubro de 1996 Páx. 9.648

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Editorial Compostela, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito da Comunidad Autónoma de Galicia da empresa Editorial Compostela, S.A., que subscribiu coa data do 29 de febreiro de 1996, entre a representación da empresa e dos traballadores, e de conformidad co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral de relacións laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de Editorial Compostela, S.A.

Capítulo I

Disposicións preliminares

Sección primeira

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio é de aplicación en tódolos centros de traballo, de Editorial Compostela S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia do presente convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e persoal.

O presente convenio é de obrigatoria aplicación a todo o persoal da empresa Editorial Compostela, S.A. afectado pola ordenanza laboral de traballo en prensa.

Sección segunda

Vixencia e prórroga

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996, e desde esta data producirá plenos efectos. A súa duración será dun ano, con vencemento o 31 de decembro de 1996.

Artigo 4º.-Prórroga.

O presente convenio deberá ser inexorablemente denunciado por calquera das partes mediante comunicación escrita dirixida á outra cunha antelación mínima dun mes á data do seu vencemento; transcorrido o dito prazo, se non se cumprisen estes requisitos, os efectos do convenio quedarán totalmente extinguidos.

Sección terceira

Organización do traballo, peche do xornal e concorrencia

Artigo 5º.-Organización do traballo.

Na organización do traballo, que é competencia exclusiva da empresa, teranse en conta os informes da representación legal dos traballadores. Cando non se chegue a un acordo entre as partes, as modificacións pretendidas deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Terán a consideración de modificacións substanciais de traballo as que afecten as seguintes materias:

-Xornada de traballo.

-Horario.

-Réxime de traballo.

-Sistemas de remuneración.

-Sistema de traballo a rendemento.

Artigo 6º.-Peche do xornal.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial de toda empresa xornalística facerlles chegar ós seus lectores os seus productos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia para a organización dos seus ciclos de producción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do xornal e comezo de tirada da primeira edición será o fixado pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa segundo as necesidades en atención ós obxectivos expostos. O comezo das restantes edicións levarase a cabo sen outras interrupcións, respecto da fin de tirada da precedente, cás normais orixinadas polo cambio de pranchas de rotativa.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos

dos diferentes grupos ó seu cargo e establecerán entre eles os contactos que consideren necesarios para tal fin, sendo responsables dos retrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou polo non exercicio das súas competencias e cometidos específicos.

Artigo 7º.-Concorrencia.

Os métodos de producción e as informacións que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa, son datos exclusivos desta, que non deben ser citados e divulgados a terceiros. Polo tanto, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os empregados non poderán colaborar con outros medios, axencias ou empresas que teñen actividades concorrentes ou competitivas coas propias de Editorial Compostela, S.A., de non mediar autorización escrita desta. Non obstante, respectaranse nas súas mesmas condicións os acordos verbais existentes con anterioridade á sinatura do presente convenio.

Capítulo II

Melloras de carácter salarial

Sección primeira

Do salario base

Artigo 8º.-Retribucións.

Os salarios base do persoal afectado polo presente convenio son os que se reflecten na táboa do anexo I.

Páctase expresamente un incremento salarial do 3,50%, que se repartirá de forma lineal entre tódolos traballadores a razón dun plus de convenio de 6.500 ptas por traballador a xornada completa e mes.

Sección segunda

Dos complementos persoais

Artigo 9º.- Plus de distancia e transporte urbano.

Como complemento persoal, mantense o complemento denominado plus de distancia e de transporte urbano, consistente nunha cantidade lineal mínima de 1.250 ptas./mes para o persoal que realice media xornada; para o persoal que realice xornada completa, consistirá nunha cantidade lineal mínima de 2.500 ptas/mes. Este plus terá carácter de inabsorbible e estará exceptuado de cotización ó réxime xeral da Seguridade Social, ó abeiro do disposto no apartado a) do artigo 73 da vixente lei reguladora deste, e non se incluirá para o cómputo de horas extraordinarias. Para efectos de pagas extraordinarias só se computarán as cantidades de 2.500 ptas. e 1.250 ptas.

Non percibirá as melloras económicas deste artigo que lle puidesen corresponder na liquidación do saldo, o empregado que cause baixa voluntaria na empresa sen notificarllo a esta, polo menos, con 8 días de antelación.

Artigo 10º.-Plus de antigüidade.

Por este concepto percibiranse aumentos nos haberes por ano de servicio na empresa, excluído o período de aspirante, aprendizaxe e mozo de recados, consistente en dous trienios do 5% e quinquenios sucesivos do 5%, calculado sobre o salario base correspondente a cada categoría, sen que en ningún caso se poidan excede-los límites establecidos no artigo 25 do Estatuto dos traballadores. Estes incrementos empezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte ó que se produza este feito.

Artigo 11º.-Títulos.

Os xornalistas percibirán unha asignación mensual de 7.650 ptas. denominada plus de artigo 48º.

Artigo 12º.-Plus de libre disposición.

O soldo base dos subdirectores, redactores-xefe, xefes de sección e redactores que presten servicios en réxime de libre disposición incrementarase nun 35%, como mínimo, do sinalado na táboa.

Sección terceira

Dos complementos do posto de traballo

Artigo 13º.-Plus de nocturnidade.

Considérase traballo nocturno o que se realiza entre as 22 e as 6 horas. O traballo comprendido neste período retribuirase cun incremento do salario base correspondente á xornada completa equivalente ó 25% deste, cando polo menos 4 horas se efectúen en tal período, e será, para os inferiores a esta duración, retribuído a prorata do salario base diario.

Artigo 14º.-Plus de rúa.

Os redactores que en cómputo mensual desenvolvan polo menos a metade da súa xornada nas tarefas profesionais denominadas de rúa, percibirán por tal concepto un plus de 5.000 ptas. mensuais, que se rateará na proporción correspondente para aqueles cunha duración inferior nas ditas funcións. Este complemento non é computable para efectos das pagas e horas extraordinarias e non se percibirá en caso de enfermidade, accidente e xubilación.

Artigo 15º.-Plus de reparto penoso.

Tódalas persoas pertencentes á sección de reparto recibirán unha cantidade lineal de 1.700 ptas. mensuais en concepto de plus de reparto penoso.

Artigo 16º.-Complementos.

Dentro deste apartado irán incluídos os distintos incentivos á producción de carácter mensual e variable que en cada momento se estableza. Este complemento non intervirá para efectos de cómputo de pagas extraordinarias.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Dadas as especiais características da producción da industria de prensa, poderán realizarse horas extraordinarias durante o período abranguido entre as 10 da noite e as 6 da mañá.

Sección cuarta

Dos complementos de vencemento periódico superior a un mes

Artigo 18º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados polo presente convenio recibirán 4 gratificacións extraordinarias ó ano, nas datas e contías seguintes:

* 15 de marzo: retribuirase de acordo co establecido no artigo 65 da ordenanza laboral do traballo en prensa, agás os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

* 15 de xullo: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

* 15 de outubro: o importe será o equivalente a unha paga extraordinaria normal, co límite máximo de 98.000 ptas. (noventa e oito mil pesetas) a parte proporcional para aqueles traballadores que teñan unha xornada de traballo inferior á normal.

* 22 de decembro: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

O traballador que ingrese ou cese no transcurso do ano percibirá a parte proporcional que lle corresponde ó tempo da súa permanencia na empresa, en cómputo anual.

Para efectos de confección das pagas do 15 de marzo, 15 de xullo e 22 de decembro só se computarán os seguintes conceptos: salario base, antigüidade, nocturnidade, títulos, plus de libre disposición e plus de transporte na contía de 1.250 ptas. (persoal a media xornada) ou 2.500 ptas. (persoal a xornada completa).

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 19º.-Premio de permanencia.

Tódolos traballadores percibirán por este concepto unha paga equivalente ó salario dunha mensualidade, agás os conceptos expresamente excluídos deste premio. Percibirase ó cumpri-los 20, 30, 40 e 50 anos de permanencia ininterrompida na empresa.

Artigo 20º.-Premio de natalidade.

Establécese un premio de natalidade na contía de 20.000 ptas. por cada fillo, debendo acreditarse tal circunstancia documentalmente ante a empresa. No suposto de que o pai e a nai do nacido traballasen nesta empresa, soamente un deles terá dereito a este premio.

Artigo 21º.-Premio de nupcialidade.

Durante a vixencia do presente convenio, os traballadores que contraian matrimonio percibirán, por este concepto, a cantidade de 40.000 ptas., logo de xustificación documentada.

Artigo 22º.-Premio xubilación.

O traballador que estea ó servicio da empresa que se xubile con dereito a prestación económica por tal concepto da Seguridade Social percibirá, en concepto de premio e por unha soa vez, a cantidade equivalente ó salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio, que se lle fará efectiva conxuntamente coa súa liquidación final.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

A empresa contratará unha póliza de seguro colectivo de accidente, en orde a garantir un capital para caso de morte ou invalidez absoluta e permanente a cada un dos compoñentes do colectivo asegurado, sempre que pertenza ó cadro de persoal da empresa en activo, e os riscos sexan ou fosen en cada caso aceptados pola compañía de seguros. Esta póliza entrará en vigor ós cinco días da sinatura do presente convenio.

Os capitais asegurados son os seguintes:

-600.000 ptas. en caso de morte natural.

-1.200.000 ptas. en caso de morte por accidente.

-1.200.000 ptas. en caso de invalidez total permanente e absoluta por causas naturais.

-2.400.000 ptas. en caso de invalidez total permanente e absoluta por accidente.

Para estes efectos enténdese por invalidez total permanente e absoluta a situación física irreversible provocada por causas naturais e accidentes orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante da total ineptitude deste para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

Capítulo IV

Outras percepcións

Artigo 24º.-Axudas de custo e quilometraxes.

Os traballadores que, dentro do territorio nacional e por necesidades da empresa, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a localidades distintas a aquelas en que radique o seu centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

-Media axuda de custo: 3.600 ptas.

-Axuda de custo completa: 13.000 ptas.

Enténdese como media axuda de custo a que abrangue unha das dúas comidas principais, e por axuda de custo completa a que abrangue as dúas comidas principais e pasa-la noite fóra do domicilio habitual.

No suposto de que o traballador, por razóns do seu cometido profesional, teña que desprazarse fóra do territorio nacional, as axudas de custo satisfaranse a razón dos gastos que se orixinen, de acordo cos criterios establecidos pola empresa, e deberán

ser, en calquera caso, xustificados documentalmente.

Así mesmo, aboarase a quilometraxe a razón de 24 ptas./quilómetro.

Capítulo V

Xornada, vacacións e rendemento

Artigo 25º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará dun período de vacacións de 31 días naturais ininterrompidos.

Dadas as especiais características da empresa, poderase traballar aquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, e compensarase o dito traballo mediante 21 días de vacacións, ou parte proporcional se non traballasen tódalas festividades.

Para efectos de posibles reclamacións por parte dos traballadores en canto á adxudicación dos respectivos períodos de vacacións, a empresa exporá no taboleiro de anuncios, polo menos cun mes de antelación ó desfrute, as distintas quendas mensuais.

Se, durante o desfrute das vacacións, o traballador sufre algunha enfermidade ou accidente non laboral, estas quedarán interrompidas sempre que medie baixa da Seguridade Social e se xustifique esta cun prazo, salvo forza maior, de 72 horas, podendo o traballador afectado continua-las vacacións ata completa-lo período que lle corresponde a partir da data de alta, ou ben de común acordo co empresario, nas datas que fixen ámbalas partes.

Por outro lado, os traballadores que desfrutasen o seu período comprendido entre o 1 de outubro e o 1 de maio, recibirán en compensación unha bolsa de vacacións de 6.000 ptas. dunha soa vez.

Artigo 26º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

A) 15 días naturais en caso de matrimonio.

B) 2 días naturais en casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días.

C) 1 día por traslado de domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo tra

ballador afectado a unha situación de excedencia regulada no apartado un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

E) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 27º.-Cómputo de rendementos.

O rendemento normal de cada productor do artigo anterior será o que normalmente e no mesmo tempo realiza outro traballador da mesma sección e igual categoría profesional, cando non haxa de comparación propio, pois, de ser coñecido o rendemento normal propio anterior, a el haberá que aterse.

Os rendementos normais da seccións que se indican non poderán ser inferiores ós que a seguir se expresan:

A) Persoal de fotocomposición: o persoal integrado na empresa con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1984 dará unha producción debidamente corrixida non inferior a 12.000 pulsacións home/hora con orixinal bo. O persoal ingresado con posterioridade á citada data dará unha producción non inferior a 15.000 pulsacións, tamén computada individualmente, con orixinal bo.

B) Montadores: corenta minutos por páxina de promedio.

C) Persoal de fotomecánica: doce minutos por páxina.

D) Correctores: vinte liñas por minuto, con orixinal bo.

No non especificado expresamente neste artigo, haberá que aterse ó disposto nos manuais de estilo das respectivas seccións, as cales serán de obrigado cumprimento.

Capítulo VI

Outras cuestións

Artigo 28º.-Contratos temporais.

De tódolos contratos temporais, sexa cal fose a súa modalidade, a empresa facilitaralle información ó comité, indicando tanto a cantidade dos contratos coma os motivos que lle levasen a realizalos.

Se o pedise o traballador, a sinatura do contrato realizarase en presencia do comité de empresa. Do dito contrato facilitaráselles copia ó traballador e ó comité.

O salario dos traballadores con contrato temporal será o correspondente ó que figure no convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 29º.-Saldos.

Todo traballador poderá solicita-la presencia do comité de empresa co obxecto de recibi-lo asesoramento que considere oportuno antes de proceder á sinatura do recibo da liquidación.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

Páctase de forma expresa a revisión salarial do convenio colectivo para o exercicio de 1996, se a evolución que sufre o IPC no dito período, en cómputo anual, superase o 3,5%.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio colectivo. As súas funcións serán as seguintes:

A) Interpretación xeral do convenio.

B) Coñecemento, arbitraxe e resolución dos conflictos, problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas partes en asuntos derivados deste convenio colectivo.

C) Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade terán carácter vinculante.

Artigo 32º.-Promoción interna.

Os traballadores fixos da empresa terán preferencia en igualdade de condicións para cubri-las vacantes ou postos de nova creación. Da existencia das ditas vacantes darase coñecemento con 15 días de antelación. Para tal efecto crearase un órgano cualificador que contará coa participación dos representantes do comité de empresa ou persoal ó que designe.

Artigo 33º.-Dereitos sindicais.

Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa:

A) Constituír seccións sindicais de conformidade co establecido nos estatutos do sindicato.

B) Celebrar reunións logo de notificación ó empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, sen que por iso se perturbe a actividade normal na empresa.

C) Recibir información que lle remita o sindicato.

As seccións sindicais terán os seguintes dereitos:

A) Disposición dun taboleiro de anuncios situado nun lugar visible de fácil acceso para os traballadores no centro de traballo.

B) A 12 horas anuais retribuídas para realizaren asembleas.

C) As seccións sindicais estarán representadas para tódolos efectos por un delegado sindical elixido por e entre os seus afiliados.

D) A un local adecuado onde poidan realiza-los seus labores sindicais.

Artigo 34º.-Comité de empresa.

O comité de empresa estará constituído polos delegados de taller, administración e redacción. Recoñécenselle, sen prexuízo dos contidos na lei, os seguintes dereitos:

1. Recibir información da dirección da empresa e, trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, evolución do negocio, situación da producción e evolución do emprego na empresa.

2. Coñecer e ter anualmente á súa disposición:

-O balance de contas de resultados.

-As memorias e cantos documentos se lles dean a coñecer ós socios.

3. Logo de xustificación de gastos, a empresa dotará o comité de empresa de fondo de 120.000 pesetas ó ano para levar a cabo as funcións que lle son propias.

4. Cada delegado do comité de empresa terá dereito ás horas mensuais que lle correponden legalmente para o exercicio dos seus labores sindicais.

Cláusula adicional.

En todo o non establecido no presente convenio, haberá que aterse ó disposto nas leis vixentes e, en especial, na ordenación laboral de traballo en prensa, o Estatuto dos traballadores e os convenios colectivos anteriores da empresa.

ANEXO I

TÁBOA DE RETRIBUCIÓNS

CategoríaSalario

base

Plus

convenio

Plus

distancia

Persoal técnico
Técnico titulado de grao superior190.00022.0002.500
Técnico titulado de grao medio142.00022.0002.500
Técnico non titulado118.50022.0002.500

Redacción
Subdirector190.00022.0002.500
Redactor xefe166.00022.0002.500
Xefe de sección142.00022.0002.500
Xefe de área118.50022.0002.500
Redactor99.00022.0002.500
Auxiliar de redacción79.00022.0002.500

Administración
Secretario xeral190.00022.0002.500
Xefe de sección118.50022.0002.500
Xefe de negociado99.00022.0002.500
Oficial primeira79.00022.0002.500
Oficial segunda76.00022.0002.500
Auxiliar de administración70.50022.0002.500

Servicios auxiliares
Telefonista70.50022.0002.500
Conserxe70.50022.0002.500

Talleres
Rexente103.50022.0002.500
Subrexente99.00022.0002.500
Xefe de sección87.50022.0002.500
Corrector82.00022.0002.500
Oficial primera79.00022.0002.500
Oficial segunda76.00022.0002.500
Oficial terceira72.50022.0002.500
Peón67.50022.0002.500
Aprendiz64.70022.0002.500

Distribución e peche
Xefe de sección99.00022.0002.500
Distribuidor67.50022.0002.500
Xefe de peche (media xornada)45.00011.0001.250
Repartidora39.50011.0001.250

9607782