Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 25 de outubro de 1996 Páx. 9.499

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 14 de outubro de 1996 pola que se establecen axudas ás industrias transformadoras para incentiva-la celebración de contratos homologados de compravenda de productos agrarios galegos.

A Lei 19/1982 establece as normas básicas que regulan os contratos homologados de subministra

cións de materias primas agrarias entre productores e industrias transformadoras. Este tipo de contratos está incentivado a través da orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 4-1-1989, pola que se establecen axudas para a mellora das condicións de distribución e promoción de productos agrarios, e prevé a concesión de axudas ás operacións de préstamo (consistentes na subvención dunha parte dos xuros) cando existan contratos homologados.

Por outra parte, a repercusión que está tendo no agro galego esta forma contractual é moi reducida, considerándose, sen embargo, de gran interese para a economía agraria de Galicia.

Por todo iso establécese a presente orde co fin de apoiar adicionalmente a subscrición de contratos homologados e favorece-la súa implantación entre productores e industriais.

En consecuencia e tendo en conta o disposto na vixente Lei de presupostos xerais de Galicia, así como no artigo 30, I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 205/1990,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura Gandería e Montes poderá conceder axudas ás industrias galegas transformadoras de productos agrarios galegos que merquen estes na campaña 1995-1996 en virtude de contratos homologados polo MAPA, a productores agrarios e/ou ás súas agrupacións, así como ós maioristas que merquen eses productos para a súa preparación e venda mediante o mesmo tipo de contratos.

Artigo 2º

1. As axudas revestirán a forma de subvención de puntos de interese ós préstamos ou créditos de campaña que obteñan as empresas industriais das entidades financeiras, sempre que se destinen ó pagamento dos productos agrarios obxecto do contrato, adquiridos en 1995.

2. Estas axudas consistirán na bonificación de ata 3 puntos de interese ós préstamos ou créditos a prazo inferior a un ano a que fai referencia o apartado anterior obtidos das entidades financeiras que teñan asinado o pertinente convenio de colaboración co MAPA para estes fins.

3. A contía da subvención determinarase en función do número total de peticións tramitadas e do volume dos préstamos que representen.

Artigo 3º

Poderán acceder a estas axudas as empresas de transformación e distribución alimentaria que teñan subscritos contratos homologados e préstamos de campaña a través de entidades financeiras que suscribisen convenios específicos de colaboración co MAPA ou coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 4º

Os interesados presentarán as solicitudes nas dependencias do Servicio Provincial de Industrialización e Calidade Agroalimentarias (ICA) da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da área onde estea situado o predio obxecto do contrato ou a empresa solicitante, ou do xeito previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As solicitudes poderán presentarse a partir da data de publicación desta orde e ata o 11 de novembro de 1996, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes segundo o modelo que se acompaña como anexo, acompañadas de duas copias da documentación seguinte:

-Tarxeta de identificación fiscal.

-Copia dos contratos homologados visados pola comisión de seguimento e dos finiquitos correspondentes, así como certificado da comisión de seguimento na que se sinale expresamente que os contratos foron cumpridos. Para estes efectos, o importe total dos contratos cumpridos deberá ser igual ou superior o importe do préstamo obtido.

-Certificado da entidade financeira outorgante do préstamo polo que se acredite a súa formalización, e no que se indiquen os seguintes datos:

* Nome da empresa beneficiaria e NIF.

* Número da conta corrente de tramitación do préstamo.

* Importe do préstamo e tipo de xuro aplicado.

* Data da disposición e vencemento.

* Número total de días do préstamo.

* Cuantificación dos intereses e certificación do

pagamento anticipado del no momento da disposición do préstamo.

-Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para o mesmo fin.

Artigo 5º

A resolución das subvencións faraa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes á vista da documentación achegada e en función dos fondos orzamentos dispoñibles.

Artigo 6º

Para o pagamento da subvención deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Facturas da compra dos productos agrarios obxecto do contrato, así como xustificantes do aboamento efectivo delas con cargo ó préstamo subvencionado. Desta documentación deberán presentarse orixinais para realiza-la toma de razón correspondente, así como fotocopias e unha relación de todalas facturas.

2. Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Certificado da entidade financeira que acredite a existencia da conta bancaria onde se ordene o pagamento da axuda, así como ficha normalizada de domiciliación de pagamentos.

4. Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas para o mesmo fin.

Artigo 7º

Os beneficios previstos na presente orde serán compatibles con outras que se puideran obter doutras administracións públicas para o mesmo fin.

Artigo 8º

As solicitudes non resoltas en seis meses desde a data de presentación entenderanse desestimadas.

Artigo 9º

O incumprimento ou falseamento por parte do beneficiario das condicións das axudas implicará a perda destas e, se é o caso, a devolución das xa aboadas, sen perxuízo das accións que procedan.

Artigo 10º

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ó concepto orzamentario 09.03.615A.470 dos orzamentos do presente ano, que dispón dun importe de 10.000.000 de ptas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las resolucións que estime oportunas para mellora-lo cumprimento e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

7703