Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 25 de outubro de 1996 Páx. 9.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Surf.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Surf e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 25-5-1996.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Surf

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º

A Federación Galega de Surf é unha entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro, con patrimonio propio e independente ó do seus asociados, e integrada polos clubs, deportistas, técnicos, xuíces, árbitros e outros colectivos interesados en promover, practicar, ou contribuír ó desenvolvemento do surf.

Artigo 2º

A Federación Galega de Surf gozará de personalidade xurídica propia en plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 3º

A Federación Galega de Surf ademais das súas propias atribucións, exercerá por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando neste caso como axentes colaboradores da Administración autonómica e local.

A Federación Galega de Surf ostentará a representación galega do deporte do surf.

Artigo 4º

A Federación Galega de Surf someterase ó réxime do orzamento e patrimonio propio coas seguintes limitacións:

4.1. Non poderá destina-los seus bens a fins industriais, comerciais, profesionais ou de servicio, nin exercer actividade de igual carácter co fin de repartir beneficios entre os seus asociados. Os seus ingresos aplicaranse integramente á conservación do seu obxecto social.

4.2. Poderá fomentar manifestacións de carácter físico-deportivas dirixidas ó publico en xeral, aplicando os beneficios ó desenvolvemento das actividades físicas e deportivas dos seus asociados e do surf en xeral.

Artigo 5º

A Federación Galega de Surf poderá allear bens inmobles, tomar cartos a préstamos e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

5.1. Que sexan autorizadas as operacións por maioría de dous tercios dos socios presentes ou representados na asemblea xeral extraordinaria.

5.2. Que os ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúe o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o soliciten, como mínimo, o cinco por cento dos socios de número, o oportuno dictame económico actuarial.

5.3. Cando se trate de tomar a préstamo en contía superior o cincuenta por cento do orzamento anual ou que represente unha porcentaxe igual do valor do patrimonio, así como nos supostos de emisión de títulos, requirirá a aprobación da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 6º

A Federación Galega de Surf poderá recibir libremente doazóns que non excedan da cantidade de 500.000 pesetas. No suposto de doazóns que superen estas cantidades, será necesaria a autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 7º

O domicilio social da Federación Galega de Surf fíxase no Complexo Deportivo de Elviña, C.P. 15008, na Coruña, con domicilio postal no apartado de correos 444, C.P. 15080, da mesma cidade.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros, cando as circunstancias o aconsellen, e de forma provisional, poderá acorda-lo cambio do domicilio social, que deberá ser sempre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. O dito cambio deberá ser ratificado pola maioría da asemblea xeral extraordinaria inmediata seguinte.

Capítulo II

Órganos de goberno e representación

Artigo 8º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Surf a asemblea xeral, a comisión delegada, o presidente e a xunta directiva.

-Asemblea xeral.

Artigo 9º

A asemblea xeral é o órgano superior da Federación Galega de Surf, e nel están representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Surf e no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

c) Xuíces e árbitros.

d) Técnicos.

e) E outros colectivos interesados que promovan, practiquen ou contribúan ó desenvolvemento do surf.

Artigo 10º

10.1. Na asemblea xeral da Federación Galega de Surf terán consideración de electores e elixibles en representación dos estamentos recollidos no artigo anterior:

a) Os deportistas maiores de idade en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e que a tiveran durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades da correspondente modalidade deportiva de carácter oficial.

b) As entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Surf, nas mesmas circunstancias que as sinaladas no apartado anterior.

c) Os técnicos, con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros e outros colectivos interesados en promover, practicar ou contribuír no desenvolvemento do surf.

10.2. Os membros da asemblea xeral da Federación Galega de Surf formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento. Se se producise unha vacante será cuberta co seguinte candidato máis votado.

10.3. Os membros da asemblea xeral, electos pola súa condición persoal, cesarán:

a) Por falecemento.

b) Por demisión.

c) Por convocatoria de novas eleccións.

d) Por nos ser titulares da licencia deportiva correspondente ó estamento ó que representa.

Artigo 11º

11.1. A representación na asemblea xeral da Federación Galega de Surf dos distintos estamentos, de acordo co establecido no artigo 9º dos presentes estatutos, responderá ás seguintes proporcións:

a) Entidades deportivas inscritas na Federación Galega de Surf, entre as que se inclúen as sociedades anónimas deportivas, entre un 60% e un 75%.

b) Deportistas, ata un máximo dun 20%.

c) Técnicos, ata un máximo dun 5%.

d) Xuíces e árbitros, ata un máximo dun 5%.

e) Outros colectivos, se os houbera, ata un máximo dun 10%.

11.2. O número de membros da asemblea xeral da Federación Galega de Surf fixarase na convocatoria da elección da mesma.

Artigo 12º

Corresponde a asemblea xeral da Federación Galega de Surf, en reunión plenaria con carácter necesario e independente do asignado nos estatutos:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos seus estatutos.

e) A elección e cesamento do seu presidente.

f) As mocións de censura.

Artigo 13º

13.1. As reunión da asemblea xeral da Federación Galega de Surf axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral da Federación Galega de Surf reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de comeza-la nova tempada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e como mínimo para a aprobación do novo orzamento e liqui

dación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das bases ou regulamentos que rexerán a competición e para a aprobación da memoria da actividade anual.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou a proposta dun número de membros da asemblea xeral non inferior ó 25%. Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de dez días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea xeral extraordinaria non poderán transcorrer mais de 20 días naturais.

c) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da Federación Galega de Surf e nas delegacións territoriais, se houbera, con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificaráselle individualmente a cada un dos membros da asemblea xeral, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

d) A asemblea xeral da Federación Galega de Surf quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

13.2. Co fin de garantí-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas á Federación Galega de Surf, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia convocará a asemblea xeral ou a comisión delegada, para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

13.3. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación do voto agás o correspondente ós clubs deportivos que poderán exercelo o seu presidente ou a persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea xeral da Federación Galega de Surf de acordo cos seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ostentar máis dunha delegación de voto.

Artigo 14º

14.1. Os seus membros serán elixidos cada catro anos, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, entre e polos compoñentes de cada estamento de acordo coa proporción que establece o artigo 11º dos presentes estatutos da Federación Galega de Surf, coincidindo cos anos de xogos olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberan ser autorizadas pola Secretaria Xeral

para o Deporte da Xunta de Galicia a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

14.2. A asemblea xeral da Federación Galega de Surf poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

-Comisión delegada.

Artigo 15º

15.1. A comisión delegada da Federación Galega de Surf será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros. Os seus mandato coincidirá co da asemblea xeral.

15.2. O número de membros da comisión delegada da Federación Galega de Surf será o 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso será inferior a 5 nin superior a 15.

15.3. Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato mais votado.

15.4. O presidente da Federación Galega de Surf convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada catro meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

Artigo 16º

Corresponden á comisión delegada da asemblea xeral da Federación Galega de Surf os seguintes cometidos:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación Galega de Surf.

e) A acorda-lo cambio do domicilio social, segundo o regulado no artigo 7º.

f) Autorizar ó presidente a revogación dalgún membro da xunta directiva, para o que necesariamente deberá presentar unha alternativa.

g) Os acordos adoptaranse sempre por maioría simple.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada correspóndenlle exclusivamente ó presidente ou ós dous tercios dos membros da comisión delegada.

-O presidente.

Artigo 17º

17.1. O presidente é o órgano executivo da Federación Galega de Surf. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside ós órganos de goberno e representación, e executa os acordos destes.

17.2. Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos membros da asemblea xeral, coincidindo cos anos dos xogos olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

17.3. Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura, mediante a sinatura de, polo menos, o 10% dos membros da asemblea xeral.

17.4. Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

17.5. O presidente gozará de voto de calidade, no caso de empate, naquelas decisións que deban adopta-los órganos que preside.

17.6. Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da Federación Galega de Surf, haberá que reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

17.7. A persoa que resulte elixida como presidente ten que cesar en todo tipo de actividades técnicas e deportivas no deporte do surf e no ámbito territorial da Federación Galega de Surf.

17.8. O presidente da Federación Galega de Surf cesará:

a) Por transcurso do tempo para o que foi elixido.

b) Por falecemento.

c) Por demisión.

d) Por moción de censura aprobada pola asemblea xeral extraordinaria.

e) Por incorrer nalgunha das causas de incompatibilidade previstas pola lei e cando non renuncie a actividade ou cargo incompatible.

f) Por sanción disciplinaria e/ou condena firme que o inhabilite para tal fin.

17.9. O número de mandatos consecutivos para poder ser elixido presidente non poderá supera-los

catro períodos, calquera que fora a duración deles, comezando a contarse a partir da primeira elección inmediatamente despois de aprobarse os presentes estatutos.

17.10. Nos casos de ausencia ou incapacidade temporal, o presidente da Federación Galega de Surf será substituído polo vicepresidente. No caso de que este non poida asumir esta función, será encomendada a outro membro da xunta directiva, que esta designe.

17.11. A moción de censura ó presidente da Federación Galega de Surf deberá ser presentada, se é o caso, por un número de membros da asemblea non inferior ó 45% da totalidade daquela.

A moción de censura será presentada de forma razoada e facendo consta-lo nome do candidato alternativo ó presidente da Federación Galega de Surf, o que, nun prazo máximo de quince días, deberá convocar con carácter extraordinario a asemblea xeral para que esta se reúna, tamén nun prazo máximo de 15 días, coa dita moción de censura como único punto da orde do día.

Para que poida aprobarse a moción de censura requerirase maioría absoluta de votos afirmativos dos membros da asemblea.

Se a moción de censura non fose aprobada pola asemblea xeral, os seus signatarios non poderán presentar outra ata que transcorra un ano.

Se o presidente da Federación Galega de Surf non convocase a asemblea xeral, a convocatoria correspondente será efectuada pola Secretaría Xeral para o Deporte, a teor do disposto na Orde do 28 de xullo de 1995.

A reunión extraordinaria da asemblea xeral da Federación Galega de Surf na que se debata a moción de censura ó presidente, será dirixida por unha mesa de idade constituída expresa e exclusivamente para tal fin polos cinco asembleístas de maior idade, actuando como presidente, pola súa vez, o de maior idade deles e como secretario o de menor idade.

-Xunta directiva.

Artigo 18º

18.1. A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión da Federación Galega de Surf sendo os seus membros propostos, na súa candidatura, polo presidente da Federación Galega de Surf, quen a presidirá e poderá solicitar á comisión delegada a súa revogación.

18.2. Formarana un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

18.3. Os membros da xunta directiva da Federación Galega de Surf que non o sexan da asemblea

xeral, terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

18.4. A xunta directiva da Federación Galega de Surf contará, como mínimo, cun vicepresidente, quen desempeñará as función sinaladas no artigo 17.10º. Este cargo poderase engadir ó de secretario, quen, en tal caso, pasará a ser vicepresidente-secretario xeral.

Artigo 19º

Tódolos cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da xunta directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación Galega de Surf.

-O secretario e o tesoureiro.

Artigo 20º

O presidente da Federación Galega de Surf proporá na súa candidatura, a un secretario, que poderá ser membro da xunta directiva, o cal exercerá as funcións de fedatario e asesor, e mais especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Surf, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirá das responsabilidades que puideran derivarse, se fora o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Surf ou lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 21º

O presidente da Federación Galega de Surf proporá, na súa candidatura, a un tesoureiro que é o órgano de administración da Federación Galega de Surf.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da Federación Galega de Surf.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Surf.

No caso de non existir tesoureiro o presidente será o responsable de exercer estas funcións, podendo delegalas na persoa que considere oportuno.

-Comités.

Artigo 22º

22.1. Na Federación Galega de Surf poderán constituírse cantos comités se consideren necesarios.

22.2. Cando os comités atendan ó desenvolvemento dunha especialidade deportiva específica amparada pola Federación Galega de Surf, a designación dos seus presidentes efectuarase por proposta dos colectivos ou estamentos interesados.

22.3. Os demais presidentes serán designados polo presidente da Federación Galega de Surf. Nos regulamentos da federación reflectirase o funcionamento, composición e competencias destes comités.

Artigo 23º

23.1. No seo da Federación Galega de Surf constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de xuíces ou árbitros; o presidente seu será designado polo presidente da Federación Galega de Surf.

23.2. Este comité poderá adopta-la estructura territorial da Federación Galega de Surf.

Artigo 24º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveles de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola asemblea xeral, ós xuíces ou árbitros, poñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Federación Galega de Surf na formación de xuíces e árbitros.

-Réxime económico.

Artigo 25º

25.1. O orzamento deberá elaborarse anualmente correspondendo a súa aprobación a asemblea xeral da Federación Galega de Surf.

25.2. A Federación Galega de Surf non poderá aprobar orzamento deficitario. Excepcionalmente a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia poderá autoriza-lo carácter deficitario de tal orzamento.

Artigo 26º

A Federación Galega de Surf ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio séndolle de aplicación as seguintes regras:

a) A Federación Galega de Surf poderá promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó publico, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) A Federación Galega de Surf poderá gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía supere o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible informe favorable da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

c) A Federación Galega de Surf poderá exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus ben e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) A Federación Galega de Surf non poderá comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o deporte da Xunta de Galicia, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento ou supere o período de mandato do presidente.

Artigo 27º

A Federación Galega de Surf elaborará anualmente unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, e o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

27.1. Diferenciación dos ingresos e aportación segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos por servicios prestados pola Federación Galega de Surf, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

27.2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros

k) Órganos xurisdiccionais.

27.3.

a) O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non están previstos no balance.

b) O importe das garantías e os avais comprometidos.

27.4. A liquidación do orzamento que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior da Federación Galega de Surf.

Artigo 28ª

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e nas condicións que esta determine, a Federación Galega de Surf deberá facilita-la inspección do seu réxime documental así como as auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 29ª

29.1. As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da Federación Galega de Surf cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea xeral, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea xeral.

Artigo 30º

En caso de disolución da Federación Galega de Surf, o seu patrimonio neto, se o houbera, aplicarase á realización de actividades análogas, determinantes pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia o seu destino concreto.

-Réxime disciplina.

Artigo 31º

A Federación Galega de Surf en materia de disciplina deportiva ten a potestade sobre tódalas per

soas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, xuíces e árbitros, e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

A Federación Galega de Surf establecerá nos seus regulamentos os réximes disciplinarios que terán que ser aprobados pola asemblea xeral da Federación Galega de Surf.

Artigo 32º

A potestade disciplinaria deberá exercerse no marco do establecido na Lei 10/1990, do 15 de outubro do deporte e Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e polas disposicións federativas aprobadas conforme a elas.

Artigo 33º

Os órganos en materia de disciplina deportiva que terá a Federación Galega de Surf son os seguintes:

a) En primeira instancia un comité de apelación ou xuíz único.

b) En segunda instancia un comité de apelación.

Artigo 34º

Contra a resolución definitiva da Federación Galega de Surf en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

-Réxime electoral.

Artigo 35º

A elección do presidente da Federación Galega de Surf levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea xeral extraordinaria; na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e o nomeamento da xunta electoral que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixiran entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta da cordo cos estatutos da Federación Galega de Surf, ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e aprobados previamente pola asemblea xeral en sesión extraordinaria.

Artigo 36º

36.1. No regulamento electoral da Federación Galega de Surf deberá consta-lo seguinte:

a) Número de membros da asemblea xeral e distribución dos mesmos por estamentos, de acordo co establecido nestes estatutos.

b) Circunscricións electorais, se é o caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral, prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións, que deberán resolverse sen dilación.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) Elección do presidente de acordo co artigo 17º dos presentes estatutos.

j) Elección da comisión delegada da asemblea xeral.

36.2. No momento da apertura do prazo para a presentación de candidaturas á elección de presidente, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos pola asemblea xeral. O prazo de presentación de candidaturas para a elección do presidente non poderá ser inferior a 10 días naturais.

36.3. O presidente da Federación Galega de Surf e os membros da comisión delegada serán elixidos ma primeira reunión da nova asemblea xeral.

Artigo 37º

Aprobado o regulamento de elección, as xuntas directivas procederán no prazo sinalado nel a convocatoria da asemblea xeral. A partir dese momento as ditas xuntas directivas constituiranse en comisión xestora da Federación Galega de Surf.

O prazo de ratificación pola Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia dos regulamentos electorais fixase nun mes desde a súa presentación á mesma.

Artigo 38º

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de elección a asemblea xeral e a presidente, así como o regulamento de elección coas medidas previstas nestes estatutos, a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Debera expoñerse o regulamento en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

Artigo 39º

As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. A dita acta debidamente certificada remitirase á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no prazo de 3 días.

Artigo 40º

40.1. No suposto que se presentara un só candidato, non se efectuará votación e a Secretaría Xeral para o Deporte ou a persoa que el delegue proclamara presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

40.2. Se non se presentara ningunha candidatura ou non é válida ningunha das presentadas, a Xunta Directiva, constituída en comisión xestora administrará a Federación Galega de Surf e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de 3 meses.

Artigo 41º

Contra as resolucións ou acordos das xunta electoral da Federación Galega de Surf, pódese interpoñer recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 42º

A Federación Galega de Surf extinguirase polas seguintes causas:

a) Polas previstas nos seus estatutos.

b) Pola revogación do seu recoñecemento.

c) Por resolución xudicial.

d) Por integración noutras federacións.

e) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico xeral.

Artigo 43º

A Federación Galega de Surf terá a obriga de leva-los libros legalizados polo Rexistro Mercantil da provincia correspondente ó seu domicilio social.

Especial atención teranse cos libros de actas que se legalizarán en branco ó igual que o resto dos libros, no caso de levarse a contabilidade manual.

Artigo 44º

Os presentes estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar por acordo da asemblea xeral extraordinaria convocada para tal efecto, mediante a votación favorable dos dous tercios dos socios asistentes e mentres non entren en contradicción co Decreto 228/1994, do 14 de xullo e coa Orde do 28 de xullo de 1995 que o regula.

A reforma destes estatutos comunicaránselle a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, segundo os trámites regulamentarios.

7586