Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 23 de outubro de 1996 Páx. 9.391

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 376/1996, do 17 de outubro, sobre distribución de competencias entre os órganos da Xunta de Galicia, para imposición de sancións por infraccións nas materias laborais, de prevención de riscos laborais e por obstrucción do labor inspector.

De acordo co marco competencial establecido no artigo 29.1º do Estatuto de Autonomía para Galicia, que atribúe a competencia de execución da lexislación laboral, polo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, transfírese á Xunta de Galicia a potestade sancionadora sobre infraccións na orde social, na actualidade asignada á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Ante a actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, e, á vista do que dispoñen os artigos 47.3º e 49 da Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social, o artigo 21.2º da Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal, e os artigos 52 e 53 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, considerouse necesario proceder a unha redistribución da potestade sancionadora en materia laboral, de prevención de riscos laboais e por obstrucción da actividade inspectora entre os órganos da Xunta de Galicia para adecua-lo seu exercicio á súa actual estructura e á mencionada normativa.

Por outra parte, o Real decreto 396/1996, do 1 de marzo (BOE nº 80, 2-4-1996), que entrou en vigor o 1 de maio, aproba o Regulamento sobre procedemento para a imposición de sancións por infraccións na orde social e para a extensión de actas de liquidación de cotas á Seguridade Social.

O Real decreto 396/1996, do 1 de marzo, establece a necesidade da precedente instrucción do correspondente expediente; na súa tramitación teñen que respectarse as garantías de procedemento, entre elas o sinalado no artigo 10 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, segundo o cal no poden atribuírselles ós mesmos órganos as fases de instrucción e resolución do procedemento, se ben, como se expón no preámbulo do citado real decreto, en sede administrativa a traslación de tal principio da orde penal ten que traducirse nunha flexibilización ó servicio da obxectividade, de tal xeito que as ditas competencias poden atribuírselles a unidades administrativas constituindose así en órganos para o efecto.

Así mesmo, o Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, modificado polo Decreto 200/1994, do 23 de xuño,

establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais atribuíndolle-la tramitación e proposta de resolución a determinadas unidades administrativas.

Consonte con iso, e por razóns de oportunidade, operatividade e celeridade e con carácter provisional considérase conveniente designar como órganos instructores a ditas unidades administrativas.

Visto o anterior, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Materias e competencia.

O coñecemento das infraccións nas materias laborais e de prevención de riscos laborais e por obstrucción á actividade inspectora no ámbito competencial substantivo da Comunidade Autónoma, corresponderalle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en virtude de acta levantada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social e mediante a tramitación do correspondente expediente.

Artigo 2º.-Competencias sancionadoras.

2.1. A competencia para sancionar por infraccións laborais e por obstrucción á actividade inspectora corresponderalle:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 1.000.000 pesetas.

b) Ó director xeral de Relacións Laborais, ata 5.000.000 de pesetas.

c) Ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 10.000.000 de pesetas.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 15.000.000 de pesetas.

2.2. A competencia para sancionar por infraccións en materia de prevención de riscos laborais corresponderalle:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 5.000.000 de pesetas.

b) Ó director xeral de Relacións Laborais, ata 15.000.000 de pesetas.

c) Ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 50.000.000 de pesetas.

d) Ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ata 100.000.000 de pesetas.

Artigo 3º.-Determinación do órgano competente.

3.1. Para a determinación do órgano competente para a imposición das sancións correspondentes,

en cada caso, terase en conta a contía da proposta pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3.2. Nos supostos de pluralidade de infraccións correspondentes á mesma materia nun único expediente sancionador, será órgano competente para impoñe-la sanción pola totalidade das ditas infraccións que o sexa para impoñe-la de maior contía.

Artigo 4º.-Suspensión atividdes empresas de traballo temporal.

Será competente, para resolver, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais nos supostos de reincidencia da empresa de traballo temporal na comisión de infraccións tipificadas como moi graves no artigo 19 da Lei 14/1994, do 1 de xuño, cando o expediente sancionador leve aparellada a proposta de suspensión de actividades -consonte o previsto no artigo 21 da dita lei.

Artigo 5º.-Suspensión ou peche do centro de traballo.

O Consello da Xunta de Galicia, cando concorran circunstancias de especial gravidade nas infraccións en materia de prevención de riscos laborais, poderá acorda-la suspensión das actividades laborais por un tempo determinado ou, en caso extremo, o peche do centro de traballo correspondente, sen prexuízo, en todo caso, do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía, de acordo co que establece o artigo 53 da Lei 31/1995, do 8 de novembro.

Artigo 6º.-Instrucción do procedemento sancionador.

6.1. Con carácter provisional, o órgano competente para a instrucción dos procedementos sancionadores por infraccións na orde social no ámbito competencial da Administración autonómica, serán os que teñen atribuída a función de tramitación e proposta de resolución, en atención de quen sexa o órgano competente para resolver, concretamente os seguintes:

a) O Servicio de Relacións Laborais das Delegacións Provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cando a competencia de resolución corresponda ós respectivos delegados provinciais.

b) O Servicio de Relacións Laborais e Coordinación da Dirección Xeral de Relacións Laborais, cando a competencia de resolución lle corresponda ó director xeral de Relacións Laborais, conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou ó Consello da Xunta de Galicia.

6.2. No caso de vacante ou de ausencia prolongada dos titulares das referidas unidades administrativas, a función de instructor corresponderalles ós xefes de sección que teñan encomendada a xestión dos expedientes sancionadores.

Artigo 7º.-Recurso ordinario.

As resolucións dictadas polos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o director xeral de Relacións Laborais.

As resolucións dictadas polo director xeral de Relacións Laborais poderán ser obxecto de recurso ordinario ante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

As resolucións do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e do Consello da Xunta de Galicia esgotan a vía administrativa.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de inferior ou igual rango que se opoñan a este decreto, e en especial o Decreto 256/1990, do 18 de abril.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7574