Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 14 de outubro de 1996 Páx. 9.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de almacenistas de froitas e productos hortícolas.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de almacenistas de froitas e productos hortícolas, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-7-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Frutos y Productos Hortícolas, e da parte social, pola central sindical CIG o día 28-6-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de xullo de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de almacenistas de froita e productos hortícolas

Artículo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas dedicadas o comercio ó po xunto de froitas e productos hortícolas no ámbito da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a tódolos traballadores encadrados nas ditas empresas, a excepción dos sinalados no artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio colectivo terá unha duración de dous anos contados desde o día 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997.

Con independencia da publicación no BOP o convenio entrara en vigor ós 15 días da súa sinatura, se ben os efectos económicos dos salarios pactados retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1996.

Entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, cando menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facérselle por escrito á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó presente convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas, no seu conxunto e en cómputo anual, cás establecidas nel, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen no presente convenio poderán compensar ou absorver, no que acaden, aquelas melloras que voluntariamente tiveran establecidas as empresas ou as que no futuro puideran establecerse por disposición legal de carácter obrigatorio.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral ordinaria será de 40 horas semanais de traballo efectivo.

A distribución da xornada ó longo da semana farase de forma que os traballadores desfruten de 36 horas ininterrompidas de descanso semanal, entre as 12 horas do venres e as 5 horas da mañá do luns.

Será facultade do empresario, de acordo coas necesidades de organización da empresa, a fixación de descanso semanal dos traballadores dentro dos límites indicados no parágrafo anterior.

Artigo 7º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas conforme as seguintes condicións:

1. Terán unha duración de 31 días naturais, independentes da categoría profesional de cada traballador, que se desfrutarán en dous períodos de tempo: un de 20 días naturais no período de xullo e setembro, ambos inclusive, e o outro, de 11 días naturais no resto do ano.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute, e anunciarase no taboleiro de anuncios do centro de traballo.

2. Cando un traballador cese no transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional de vacacións.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias rexeranse polo establecido no artigo 35 do Estatuto dos traballadores, podendo acordar empresario e traballador, en cada caso, o seu aboamento co 75% de incremento sobre o salario dunha hora ordinaria, ou compensación por tempo equivalente de descanso retribuído, incrementado polo menos na porcentaxe antes indicada.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e o tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días naturais en caso de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou pasamento de parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador precise de facer un desprazamento, o prazo será de 4 días naturais.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase que se dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 10º.-Excedencias.

Será de aplicación o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Festas do patrón.

Establécese como festa do patrón, con carácter retribuído non recuperable, o segundo sábado de maio de cada ano.

Aqueles traballadores que teñan establecido o descanso semanal nese sábado terán dereito a desfrutar do descanso noutro día durante o mes de maio, que será fixado de común acordo entre empresario e traballadores.

Artigo 12º.-Pagas extras.

Todo persoal afectado percibirá tres pagas extras consistentes nunha mensualidade do salario base vixentes en cada momento, máis antigüidade. Estas serán aboadas:

a) Paga de verán: 15 de xullo.

b) Paga de decembro: 20 de decembro.

c) Paga de beneficios: aboarase durante o primeiro trimestre do ano.

Artigo 13º.-Retribucións.

Para o ano 1996, as retribucións son as que figuran na táboa salarial anexa. No caso de que o IPC do ano 1996 superase o 4%, aplicarase unha revisión salarial na porcentaxe que exceda da indicada cifra, sen efectos retroactivos, que se sumará á porcentaxe de incremento salarial de aplicación para o segundo ano de vixencia.

Para o ano 1997 aplicaranse ás táboas do ano 1996 o IPC real resultante do 1 de xaneiro ó 31 de decembro deste mesmo ano 1996.

Para o segundo ano de vixencia, tódolos conceptos económicos incrementaranse na mesma porcentaxe ás táboas salariais.

Artigo 14º.-Antigüidade.

En concepto de plus de antigüidade establécense trienios na contía do 5% sobre o salario base de cada categoría.

Artigo 15º.-Plus de incapacidade.

Tódolos traballadores que teñan algún fillo diminuído físico ou psíquico percibirán a contía de 8.000 ptas. mensuais por cada fillo que se atope nas ditas circunstancias.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a percibir un plus de transporte de 5.000 ptas. cada mes.

O dito plus terá carácter extrasalarial para tódolos efectos e non se percibirá durante o período vacacional dos traballadores.

Artigo 17º.-Baixa por incapacidade temporal.

Durante as situacións de baixa por incapacidade temporal, as empresas completarám ata o 100% do salario base do convenio máis antigüidade, cando proceda a correspondente prestación económica á Seguridade Social.

Artigo 18º.-Servicio militar.

Rexerase polo disposto nos artigos 45 e 48 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalas en bo estado. O traballador estará obrigado a compralas ó seu cargo cando por abandono ou neglixencia a el imputable as estrague de forma clara.

Artigo 20º.-Período de proba.

Poderá pactarse nos contratos de traballo un período de proba, que en ningún caso poderá excede-los 6 meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados, sendo neste caso a duración máxima de 15 días laborais.

Artigo 21º.-Reparto.

As empresas almacenistas recomendaranlles ós seus clientes a necesidade de que os locais onde se reciba a mercadoría solicitada reúnan as debidas condicións para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 22º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causas non imputables ó traballador, a empresa facilitarase ó conductor afectado un posto de traballo idóneo para a súa categoría profesional, sen que con isto vexa diminuído o seu salario.

As multas imputables ó traballador serán aboadas por este.

En caso de que non fosen pola súa culpa ou neglixencia, serán aboadas pola empresa que, igualmente se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento en caso de carga ou descarga e número de viaxeiros excesivo que cando se trate de persoal ó servicio da empresa.

Artigo 23º.-Prestación por quilometraxe.

Todos aqueles traballadores que teñan que realizar desprazamentos en vehículo propio en tarefas ou traballos encomendados directamente pola

empresa percibirán 18 ptas. por km, respectándose as condicións máis beneficiosas que viñesen desfrutando anteriormente ó asinamento do presente convenio.

O anterior enténdese que non afecta a un traslado voluntario a outro centro de traballo.

Artigo 24º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación; para isto o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha antelación mínima de 15 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios en tanto non transcorra o prazo sinalado no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorrese o prazo sinalado será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de preaviso, lle correspondería o cesamento.

Artigo 25º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1104/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílo simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 26º.-Premios de xubilación.

Se ó producirse a xubilación, o traballador acreditase unha antigüidade na empresa de máis de 30 anos, percibirá por parte desta nun único pagamento un premio consistente nunha mensualidade do salario do convenio.

Artigo 27º.-Capacidade diminuída.

Todo traballador que por calquera causa xustificada, accidente de traballo, enfermidade laboral ou común, non puidera seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, a empresa estará na obriga de outorgarlle un dereito preferente de ocupación nas vacantes que existan, sempre e cando as características do posto habilitado sexan aptas ás condicións físicas ou intelectuais do traballador.

Artigo 28º.-Axuda escolar.

Co fin de sufraga-los estudios dos fillos dos traballadores das empresas, establécese como axuda escolar a cantidade de 3.000 ptas. anuais por cada fillo que curse estudios de EXB, que se farán efectivas durente o mes de setembro de cada ano.

Artigo 29º.-Afiliación sindical.

A empresa ten o deber de respecta-lo dereito do traballador á afiliación sindical libre.

As empresas deducirán das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados das centrais sindicais. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto ó sindicato ó que pertence e a contía da cota correpondente.

Nas empresas ou centros de traballo, sempre que as súas características o permitan, poñerase á disposición dos delegados de persoal ou membros do comité de empresa un local adecuado no que poidan desenvolve-las súas actividades e comunicarase cos traballadores, así como un taboleiro de anuncios.

Artigo 30º.-Traballo en domingo.

Durante os domingos non se poderá realizar actividade ningunha de venda, estando permitidas unicamente as tarefas de carga e descarga de mercadorías.

Non obstante o establecido no artigo 6º do convenio, as horas traballadas en domingo aboaranse co recargo do 75% sobre o valor das horas ordinarias.

A presente cláusula terá carácter obrigatorio e será de aplicación exclusiva para os dous anos de vixencia do convenio, 1996 e 1997, finalizando automaticamente a súa vixencia o 31 de decembro de 1997, de acordo co previsto no artigo 86 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 31º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas polo presente convenio, estarán obrigadas a realizar un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O recoñecemento médico consistirá como mínimo en: audiometría, control da vista, análise de sangue e ouriños, espirometría e exploración clínica; e deberá realizarse nos nove primeiros meses do ano.

Este recoñecemento será realizado nun centro asistencial concertado, o cal lle facilitará ó traballador unha cartilla sanitaria que se actualizará a cada revisión anual. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 32º.-Contratación eventual.

-Contrato de aprendizaxe.

A idade do traballador aprendiz estará comprendida entre os 16 e os 23 anos.

O salario para cada ano de aprendizase establecerase na porcentaxe indicada sobre o salario base do convenio da categoría que corresponda.

* Aprendiz de 1º ano: 70%.

* Aprendiz de 2º ano: 80%.

* Aprendiz de 3º ano: 90%.

Artigo 33º.-Contrato por acumulación de tarefas.

No marco do artigo 15.1º B do Estatuto dos traballadores establécese un contrato por acumulación de tarefas que permita a contratación do persoal por unha duración máxima de 20 meses nun período de 24. Poderán acollerse a esta disposición os contratos que estean en vigor na data de publicación do presente convenio e aínda non esgotaran a súa duración máxima.

Artigo 34º.-Declaración de principios.

Os representantes sociais asinan o presente convenio comprometéndose formalmente a realizar unha maior productividade que axude á supervivencia de tódalas empresas do sector. Por outra parte, a representación económica observará o estricto cumprimento do convenio, mellorando as condicións laborais de todo tipo e, en xeral, a dos traballadores ós eu servicio. Ámbalas dúas recoñecen e son conscientes de que forman un todo para que a empresa poida proporciona-los elementos que corresponden a cada unha delas.

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e, en xeral, para entender de cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes empresariais e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de 1 membro por cada central sindical. A citada comisión elixirá o seu presidente, que non poderá ser membro do citado órgano.

Así mesmo, acórdase a constitución dunha comisión integrada por representantes de ámbalas partes no prazo máximo de tres meses desde a sinatura do convenio, para o estudio e valoración da situación actual do sector e posibles alternativas. Esta comisión terá, entre outras funcións, a de cuantifica-lo que representa a antigüidade no sector, para a súa posible eliminación.

Artigo 36º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente disposto no presente convenio será de aplicación a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 37º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio colectivo a central sindical CIG en representación dos traballadores e a Asociación de Maioristas de Frutas y Productos Hortícolas, en representación dos empresarios do sector.

Almacenistas de froitas e productos hortícolas

Táboas salariais ano 1996

Xefe administrativo102.442

Contable-caxeiro98.853

Oficial administrativo98.853

Auxiliar administrativo de 18 anos83.918

Auxiliar administrativo de 22 anos en adiante88.065

Encargado de establecemento ou almacén102.442

Dependente88.065

Conductor de 1ª95.257

Conductor de 2ª89.861

Conductor-repartidor90.656

Mozo especializado88.065

Mozo86.266

Cobrador, conserxe, vixilante82.674

Traballador de formac.16 anosS.M.I.

Traballador de formac.17 anosS.M.I.

Traballador de formac.18 anos ou máisS.M.I.

7337