Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 08 de outubro de 1996 Páx. 8.922

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma galega, conforme o artigo 30.1º.4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, tén competencia exclusiva en materia de comer

cio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado nos termos do disposto nos artigos 38 e 131 e nos números 11 e 13 do apartado 1 do artigo 149 da Constitución.

A Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordeación do comercio interior de Galicia, establece no seu artigo 13 que os establecementos deberán expor no lugar visible os días e horas de apertura para a adecuada información ó público. Así mesmo, a referida lei, establece un réxime sancionador para o suposto do incumprimento do establecido no citado artigo.

Pola súa parte, a Lei orgánica 2/1996, do 15 de xaneiro, complementaria da de ordenación do comercio retallista, sinala no seu artigo 3.1º que, ata que proceda a aplicación da liberdade de horarios prevista no artigo 2 da citada lei (non antes do 1 de xaneiro do 2001), corresponderalles ás Comunidades Autónomas a regulación dos horarios para a apertura e peche dos locais comerciais nos seus respectivos ámbitos territoriais, no marco da libre e leal competencia e con suxeición ós principios xerais sobre a ordenación da economía.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, e oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O exercicio da actividade comercial, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolverase entre as 8 e as 24 horas, no conxunto dos días laborais da semana, e sempre co límite máximo de setenta e dúas horas semanais.

Artigo 2º

Os horarios de apertura e peche, respectando os límites establecidos neste decreto, será libremente acordado por cada comerciante e especificarase no cartel horario que será visado pola Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 3º

1. Os domingos e festivos consideraranse inhábiles.

2. A Consellería de Industria e Comercio fixará anualmente oito domingos ou días festivos cun horario máximo de doce horas diarias, que se considerarán hábiles para os efectos da actividade comercial. As festas locais de cada concello consideraranse, en todo caso, hábiles para os efectos da actividade comercial.

3. Excepcionalmente, a Consellería de Industria e Comercio poderá autorizar dous días máis para o desenvolvemento da actividade comercial.

4. Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, os establecementos comerciais, das localidades onde se celebran tradicionalmente feiras e mercados de forma periódica, poderán abrir aqueles domingos e festivos que coincidan con tales celebracións.

Artigo 4º

Os establecementos de venda de pastelería e repostería, pan e pratos preparados, prensa, combustible e carburantes, florería e plantas, e as denominadas tendas de conveniencia, así como os instalados nos puntos fronteirizos, nas estacións e medios de transporte terrestre, marítimo e aéreo, e nas zonas de gran afluencia turística terán plena liberdade para determina-los días e horas nos que permanecerán abertos ó público en todo o territorio da Comunidade Autónoma. As oficinas de farmacia rexeranse pola súa normativa específica.

Entenderase por tenda de conveniencia aquelas que, cunha extensión útil non superior a 500 metros cadrados, permanezan abertas ó público, polo menos dezaoito horas ó día e distribúan a súa oferta de forma similar entre libros, xornais e revistas, artigos de alimentación, discos, vídeos, xoguetes, regalos e artigos varios.

Artigo 5º

Os establecementos comerciais terán que poñer en lugar visible o cartel horario comercial, ó que fai referencia o artigo 2º do presente decreto, no que se especificarán os días e as horas de apertura e peche, para a adecuada información ó público. A Consellería de Industria e Comercio fixará por medio de orde o procedemento para o visado dos horarios que rexerán nos establecementos comerciais.

Disposición adicional

Por decreto da Xunta de Galicia fixaranse as zonas turísticas e os períodos ós cales se lles aplicará a liberdade de apertura nos termos establecidos no artigo 3.3º da Lei orgánica 2/1996, do 15 de xaneiro, complementaria da de ordenación do comercio retallista.

Así mesmo, regulamentariamente poderanse regula-los horarios comerciais dos establecementos dedicados exclusivamente á venda de productos culturais, así como os que prestan servicios desta natureza.

Disposición transitoria

Única.-Polo que respecta ó artigo 3º.2 do presente decreto, manterase a vixencia da Orde do 14 de decembro de 1995 pola que se establecen os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante 1996.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 20/1994, do 4 de febreiro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicions derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación, execución e eficacia do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9606075