Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 07 de outubro de 1996 Páx. 8.904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 1996 pola que se convoca un curso sobre contratación administrativa local.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 1996, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre contratación administrativa local, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Actualización de coñecementos en materia contractual, analizando desde un punto de vista práctico as diversas clases de contratos e os seus respectivos réximes xurídicos.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional e técnicos de corporacións locais pertencentes ós grupos A/B ou asimilados.

Terceira.-Solicitudes.

Aqueles que aspiren a participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial que figura ó final da convocatoria cuberto en tódolos epígrafes. Na solicitude faranse consta-los seguintes datos:

1. Descrición do posto de traballo actualmente desempeñado.

2. Conformidade da entidade na que presta servicios.

A solicitude de incorporación ó curso supón a aceptación expresa das presentes bases e das normas e procedementos polos que se rexe.

Cuarta.-Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, r/ de Madrid 2-4, 15703 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 31 de outubro de 1996.

Sexta.-Número de prazas.

40 en cada localidade.

Sétima.-Selección.

As solicitudes serán seleccionadas segundo os seguintes criterios:

1. Ter realizado un menor número de cursos relacionados cos contidos temáticos do que se convoca nos últimos tres anos.

2. Menor número de cursos realizados en escolas e institutos de Administración pública.

3. Antigüidade, entendendo como tal a data de ingreso en calquera administración.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na resolución da EGAP do 27 de xuño de 1994 pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG nº 149 de 3 de agosto de 1994).

A admisión ó curso comunicaráselles directamente ós interesados a partir do día 5 de novembro.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Novena.-Duración.

45 horas.

Décima.-Lugar e datas de impartición.

a) Lugares:

A Coruña e Santiago de Compostela.

b) Datas:

A Coruña, tódolos martes laborables comprendidos entre o 12 de novembro de 1996 e o 4 de marzo de 1997.

Santiago de Compostela, tódolos mércores laborables comprendidos entre o 13 de novembro de 1996 e o 5 de marzo de 1997.

Décimo primeira.-Horario.

Tardes, de 17 a 20.30 horas, cunha pausa intermedia de 30 minutos.

Décimo segunda.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada ó 15% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada a máis do 15% das horas lectivas programadas imposibilitará igualmente a expedición do certificado, e dará lugar á baixa no curso con perda de tódolos dereitos.

Décimo terceira.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril e corrección de erros, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,60 puntos.

Décimo cuarta.-Contido.

A reforma da Lei de contratos do estado. O dereito comunitario da contratación administrativa. A actividade contractual das administracións públicas. Contratos tipo. Aspectos orzamentarios, contables e de fiscalización.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

6877