Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 07 de outubro de 1996 Páx. 8.902

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 1996 pola que se convocan unhas xornadas sobre a protección civil, un servicio público: seis anos de experiencia en Galicia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas, en colaboración coa Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, sobre A Protección Civil, un servicio público. Seis anos de experiencia en Galicia, que deberán desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Divulga-la misión do servicio público de protección civil, mediante información actualizada e baseada na realidade.

Coñoce-las obrigas dos distintos entes públicos e privados coas solicitudes de axudas formuladas polas autoridades de protección civil nas emerxencias.

Coñecer experiencias de organización de protección civil en diversos concellos de Galicia,Comunidades Autónomas de España, así como unha visión directa desde Europa.

Levar a cabo unha análise e avaliación dos seis primeiros anos de protección civil na Administración autonóma de Galicia.

Destinatarios.

Persoal funcionario das distintas administracións públicas de Galicia (local, autonómica e Administración xeral do Estado), que nas súas misións, actuacións e no exercicio das súas funcións estean relacionados directa ou indirectamente con aspectos sectoriais de protección civil.

Persoal de institucións privadas ou empresas que se dediquen a actividades que sexan consideradas de primeira orde en situacións de emerxencia ou en catástrofes.

Institucións, asociacións, agrupacións, e colectivos colaboradores de protección civil de Galicia, e en especial o voluntariado de protección civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestas xornadas deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 11 de novembro de 1996, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

Nestas xornadas impartiranse as seguintes conferencias:

-Desenvolvemento da Protección Civil na Administración xeral do Estado no marco do estado das autonomías.

-Protección civil en Portugal, cimentos para unha solidariedade fronteriza.

-Presente e futuro da Protección Civil en Galicia.

-Protección Civil no País Vasco, un modelo activo.

-Protección Civil nunha Europa sen fronteiras.

Duración e datas.

As xornadas desenvolveranse durante os días 19 e 20 de novembro, tendo unha duración de once horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Día 19-11-1996: mañá de 10 h a 14 h e tarde de 16 h a 19.30 h.

-Día 20-11-1996: mañá de 10 h a 14 h.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 12 de novembro de 1996 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, e no da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos (981) 56 34 00 ou 54 64 00.

Lugar.

As xornadas celebraranse en Santiago de Compostela, nos locais da Academia Galega de Seguridade, sita na rúa Madrid 2-4, no Polígono das Fontiñas.

Certificado de asistencia.

Ó remate das xornadas entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a elas, non poderán superar as faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas das xornadas; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, comportará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

7215