Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 07 de outubro de 1996 Páx. 8.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial para o sector do transporte de viaxeiros pola estrada de Ourense (código nº 3200315), con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros pola Estrada de Ourense e ORENCAR e da parte social polas centrais sindicais; CC.OO., UGT e CIG, todas elas con capacidade e lexitimidade

suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o 30 de abril de 1996 e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 7 de xuño de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de transporte de viaxeiros por estrada de Ourense

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as relacións laborais entre as empresas dedicadas ó transporte de viaxeiros na provincia de Ourense e o persoal que nelas preste os seus servicios, quedando excluídos das disposicións deste convenio as persoas que desempeñen cargos de alta dirección, a que se refire o vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afecta a Ourense e provincia, así como os centros de traballo radicados nela, aínda que as empresas teñan o seu domicilio social en provincia distinta.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As estipulacións deste convenio obrigan á totalidade das empresas e traballadores dedicados á actividade do transporte de viaxeiros por estrada de Ourense, así como ó persoal que en diante forme parte do cadro de persoal daquelas.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura, se ben os efectos económicos se aplicarán a partir do 1 de xaneiro de 1996. O presente convenio manterá a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro. Neste sentido, ámbalas partes acordan que, con motivo da derrogación da ordenanza laboral, se establece un calendario periódico de reunións a partir do 1 de novembro de 1996 ata o 20 de decembro de 1996, co fin de redactar un acordo-marco que regule a actividade do transporte de viaxeiros por estrada e que servirá de texto normativo para ámbalas partes. Se, chegado

o 20 de decembro, este acordo non se alcanzase, as partes comprométense a someterse a unha arbitraxe obrigatoria que dirimirá as diferencias existentes; o seu laudo será de obrigado cumprimento para ámbalas partes, fixándose como data límite para el o 31 de decembro de 1996, a partir desta data entrará en vigor o novo convenio. Se, chegado o día 20 de decembro de 1996, non se chegase a acordo, poderán ámbalas partes, de común acordo, prorroga-lo prazo ata a data que consideren conveniente para proseguiren as negociacións e, unha vez finalizado este, se existisen diferencias, someteranse igualmente á arbitraxe sinalada anteriormente, fixándose para o efecto unha data límite para a emisión do mencionado laudo arbitral.

En canto á duración do presente convenio, esta será dun ano, é dicir, desde o 1-1-1996 ó 31-12-1996.

O presente convenio será denunciado con tres meses de antelación á finalización da súa vixencia.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria como órgano interpretativo para a vixilancia e cumprimento do convido, integrada polos membros da comisión negociadora deste convenio.

As reunións desta comisión celebraranse sempre con asistencia de dous membros de cada unha das representacións que a compoñen, e para reunirse abondará con que unha das partes o solicite. Entre esa solicitude e a reunión mediará un prazo de 72 horas como mínimo.

Consideraranse como acordos da comisión aqueles que fosen aprobados pola maioría dentro de cada unha das dúas partes. As discrepancias serán reflectidas na acta. No caso de non haber acordo farase unha acta que reflicta as diferencias. A parte económica resolverá o que considere conveniente no prazo de oito días e notificarallo á representación social, por se deciden acudir coa súa reclamación ante a autoridade laboral.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas. Dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás convidas, manténdose ad personam en canto excedan das pactadas.

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización técnica e práctica do traballo corresponderalle á empresa dentro das normas e orientacións da ordenanza e das disposicións legais vixentes.

Non se poderá adoptar ningún sistema de traballo que poida prexudica-la formación profesional e técnica do persoal, antes ben, este ten o deber, e a empresa facilitaralle o medio conducente a iso, de completar e perfecciona-los seus coñecementos coa práctica diaria e non esquecéndose que a eficacia e o rendemento do persoal e, en definitiva, a prosperidade mesma da satisfacción que nace non só da retribución decorosa e xusta, senón que as relacións todas de traballo e, en especial, as que sexan consecuencia do exercicio da liberdade que se recoñecen nas empresas, estean asentadas nos principios de xustiza.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados, caso no que a duración máxima será de 15 días laborables.

O empresario e mailo traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen se produci-lo desistimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa. A situación de incapacidade temporal que afecte o traballador durante o período de proba interrompe o cómputo deste, sempre que se produza acordo entre as partes.

Artigo 9º.-Ascensos.

Observarase o disposto no artigo 29 da ordenanza laboral de transporte por estrada.

Artigo 10º.-Traballos de categoría superior.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que correspondan á categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano ou oito durante dous anos consolidará a dita categoría.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais. Tendo en conta as peculiaridades deste sector e unicamente coa intención de interpretar e coñece-las normas de aplicación, ámbalas partes conveñen en expoñe-las conclusións seguintes:

a) Considérase traballo efectivo o traballo de conducción, e tempo de presencia as esperas, espectativas de servicio, servicios de garda, viaxes sen conducción para toma de servicio, avarías, comidas en ruta e outros similares.

b) O tempo de espera en localidades que non sexan principio e fin de traxecto a cargo do vehículo computaranse na súa metade coas seguintes consideracións:

1. Se a espera é en localidade principio e fin de traxecto, consideraranse como tempo de presencia na súa totalidade.

2. Se o traballador ten que estar pendente do vehículo considerarase como tempo de presencia na súa totalidade.

c) Cando se fale de traballo efectivo, deberá terse en conta:

1. Non se poderá conducir máis de catro horas seguidas sen descansar, agás que se chegue ó punto de destino conducindo media hora máis.

2. Non se poderá conducir máis de nove horas diarias.

d) Sobre a duración máxima da xornada, poderán engadirse 20 horas máis á semana de tempo de presencia, como máximo, as cales non se computarán para o tope máximo das horas extraordinarias. As ditas horas de presencia, realizadas por riba da xornada efectiva semanal, deberán ser aboadas como mínimo ó prezo da hora ordinaria, é dicir, que se un traballador despois de realizar 40 horas de traballo efectivo realiza 20 horas máis de tempo de presencia á semana, deberá cobrar ademais do salario mensual que ten establecido, as horas de presencia que excedan da dita xornada, ó prezo cada unha dunha hora normal.

No referente ó descanso entre xornadas, observarase o disposto na normativa vixente sobre estas materias.

As empresas disporán dunha libreta de control que será utilizada fundamentalmente e sempre que sexa requirida polo traballador, no momento en que varíe o servicio que habitualmente vén realizando a empresa, a cal será selada por esta no prazo máximo de 30 días, desde a entrega dunha copia por parte do traballador, e en todo caso con anterioridade á confección da súa corrrespondente nómina.

No non previsto neste parágrafo, observarase o disposto no Real decreto 1270/1984.

Artigo 12º.-Permiso de conducir.

Os conductores ós que como consecuencia de conducir un vehículo da empresa, por orde e conta desta, se lle retire o permiso de conducir por tempo non superior a seis meses, serán acoplados durante este tempo a outro traballo aínda que sexa de categoría profesional inferior, nalgún dos servicios que dispoña a empresa e seguirá percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se visen privados do permiso de conducir como consecuencia do consumo de drogas ou a inxestión de bebidas alcohólicas.

No caso de que un empregado sufra prisión por causas de accidente involuntario no servicio da empresa, esta estará obrigada a defendelo ante os tribunais e a xestiona-la súa liberdade prestando a fianza que para iso fose necesaria.

Será voluntario por parte da empresa o pagamento das retribucións ós empregados que non poidan traballar no caso expresado no artigo anterior, pero unha vez dictado auto de sobresemento ou sentencia absolutoria, seranlles aboados tódolos atrasos a teor do salario máis antigüidade.

Artigo 13º.-Recibos de finiquito.

Todo traballador ó cesar na empresa poderá somete-lo recibo de finiquito ou documento que poña fin á relación laboral, antes de o asinar, á supervisión do comité de empresa ou delegado de persoal e, no seu defecto, á do sindicato ó que estea afiliado.

Artigo 14º.-Formación profesional.

As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo deriva do distanciamento da formación profesional respecto das necesidades auténticas de man de obra, e da carencia da formación ocupacional continua para a actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.

A formación profesional, en tódalas modalidades (inicial ou continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento máis de significativa validez, que coadxuve a logra-la necesaria conexión entre as cualificacións dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego). E, nunha perspectiva máis ampla, ser un elemento dinamizador que acompaña o desenvolvemento industrial a longo prazo, permite a elaboración de productos de maior calidade que favorezan a competitividade das nosas empresas españolas no ámbito internacional, e faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e afondamento dos seus coñecementos e habilidades de xeito permanente.

Para estes efectos, as partes asinantes cren conveniente:

-Realizar, por si ou por medio de entidades especializadas, estudios de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra do sector.

-Desenvolver e promove-la aplicación efectiva do artigo 27 do Estatuto dos traballadores, así como dos convenios internacionais subscritos por España, referentes ó dereito á formación continua, facilitando o tempo necesario para a formación.

-Propoñer e executar accións formativas nas súas diversas modalidades e niveis, xa sexa con programas que poidan impartirse nos centros de formación de empresa, ou os que no futuro puidesen constituírse, como a través dos programas nacionais ou internacionais desenvolvidos por organismos competentes.

-Colaborar, segundo as propias posibilidades, mediante entidades especializadas, no diagnóstico e deseño de programas puntuais de formación nas empresas, tendo en conta as especificacións e necesidades concretas, así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.

-Coordinar e seguir o desenvolvemento de formacións en prácticas, dos alumnos que sexan recibidos polas empresas, no marco dos acordos asinados a nivel sectorial ou por empresas.

-Avaliar de maneira continuada tódalas accións emprendidas, co fin de revisa-las orientacións, promover novas actividades, e actualiza-la definición dos obxectivos da formación profesional.

-Nesta perspectiva, as partes asinantes do presente convenio consideran conveniente que as empresas desenvolvan neste sentido procesos formativos (diagnósticos, programación, cursos, avaliación), podéndose constituír en empresas de máis de 250 traballadores comisións paritarias de estudio que terían por obxectivo a avaliación e información sobre o proceso formativo da empresa.

Artigo 15º.-Pagamento de salarios.

A liquidación e pagamento do salario farase puntual e documentalmente no lugar e data convido ou como marquen os usos e costumes. O período de tempo non poderá exceder de 15 días.

O xuro anual por mora no pagamento do salario será do dez por cento do que se deba.

Artigo 16º.-Salario base.

O salario base que lle corresponde ó persoal afectado por este convenio aboarase por día natural, na contía recollida no anexo I.

Artigo 17º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores das empresas, tanto fixos como eventuais ou interinos, terán dereito á percepción dunha cantidade consistente en trinta días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios aboarase por anos vencidos, antes do quince de marzo. Os traballadores que o trinta e un de decembro leven menos dun ano ó servicio da empresa terán dereito á parte proporcional correspondente ó tempo traballado, computándose este sempre en días naturais. Unicamente non se computarán para efectos de participación en beneficios as excedencias voluntarias, os permisos sen soldo e as ausencias inxustificadas. A dita paga poderá ser aboada de forma proporcional ó longo das distintas nóminas mensuais.

Artigo 18º.-Gratificación de conductor perceptor.

O conductor perceptor, cando desempeña simultaneamente as funcións de conductor e cobrador, percibirá un complemento salarial do 20 por cento do salario base, se é o caso, por cada día que realice ámbalas funcións.

Artigo 19º.-Complemento de antigüidade.

Os traballadores fixos desfrutarán como complemento persoal de antigüidade dun aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa, consistente como máximo en dous bienios e cinco quinquenios da contía que despois se expresa. O módulo para o cálculo e aboamento do complemento persoal de antigüidade será o último salario base percibido polo traballador, servindo o dito módulo non só para o cálculo dos bienios e quinquenios de novo vencemento, senón tamén para o dos xa perfeccionados. As contías do complemento persoal de antigüidade serán do 5 por cento para os dous primeiros bienios e do 10 por cento para o quinquenio a partir do segundo.

A data inicial de cómputo de antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa. Para o cómputo da antigüidade terase en conta todo o tempo servido nunha mesma empresa, considerándose como efectivamente traballados os meses e días en que percibise un salario ou remuneración, ben sexa polos servicios prestados

ou en vacacións, licencias retribuídas e cando reciba unha prestación económica por accidente de traballo ou enfermidade. Así mesmo será computable o tempo de excedencia forzosa por nomeamento para un cargo político ou sindical así como no caso de prestación do servicio militar. Polo contrario, non se estimará o tempo que permanecese en excedencia voluntaria.

Computaranse estes aumentos en razón dos anos de servicio na empresa, calquera que sexa o grupo profesional ou categoría en que se encontre encadrado, estimándose así mesmo os servicios prestados en período de proba e polo persoal interino, eventual ou complementario, cando estes pasen a ocupar praza no cadro de persoal fixo.

Os aumentos por ano de servicio comezarán a devengarse a partir do primeiro do mes seguinte a aquel en que se cumpre o bienio ou quinquenio. O traballador que cese definitivamente na empresa e posteriormente ingrese de novo nela só terá dereito a que se lle compute a antigüidade desde a data deste novo ingreso, perdendo tódolos dereitos de antigüidade anteriormente obtidos. Para o máximo de bienios e quinquenios que establece este artigo teranse en conta os xa producidos con anterioridade á vixencia da ordenanza aprobado por Orde do 20 de marzo de 1971.

Artigo 20º.-Horas extraordinarias.

Observarase a normativa vixente en cada momento, sobre réxime de horas extraordinarias no sector do transporte.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e decembro aboaranse na contía de trinta días de salario base máis antigüidade.

Artigo 22º.-Traballos de categoría inferior.

Se, por conveniencia da empresa se destina un productor a traballos de inferior categoría a aquela na que está adscrito, sen que con iso se prexudique a formación profesional, única forma admisible en que pode efectuarse, o productor conservará o xornal correspondente á súa categoría.

Artigo 23º.-Fomento da contratación.

Debido ás novas facultades abertas ós axentes sociais a través dos pactos reflectidos na negociación colectiva, é a nosa misión fomenta-la contratación co fin de reduci-las altas taxas de desemprego.

Neste sentido, faise necesario busca-la adaptación das modalidades contractuais de duración determinada ás particulares necesidades dun sector como o transporte de viaxeiros por estrada, con empresas nas que a estructura organizativa depende, basicamente e na maior parte dos casos, de acordos con distintas administracións públicas ou con particulares por períodos de tempo limitados.

Así, e de conformidade co establecido no Art. 15, 1, b) do ET, de cara a unha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que derivan do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado a que se refire o dito artigo poderá celebrarse por un período mínimo de 6 meses e un máximo de tres anos.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción, con esixencia de preaviso escrito de quince días de antelación se a súa duración é superior a un ano e unha indemnización á súa finalización de 12 días de salario por ano traballado, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano.

Artigo 24º.-Contrato de aprendizaxe.

Co fin de fomenta-la contratación, os traballadores afectados por este convenio, e especialmente os conductores con limitación de quilometraxe, poderán ser contratados baixo a modalidade de aprendizaxe sempre que os ditos traballadores cumpran os requisitos esixidos no artigo 11 do Estatuto dos traballadores.

Para os conductores con limitación de quilometraxe contratados como aprendices, mentres dure a dita limitación imposta administrativamente, o salario a percibir será o determinado no artigo 11 ET. Unha vez finalizado o dito período de limitación o salario será o da categoría de conductor.

Para os aprendices das restantes categorías, as retribucións durante o primeiro ano de vixencia serán as establecidas pola lexislación vixente e durante os dous anos restantes pasarán a percibi-lo salario da categoría profesional á que estivesen adscritos.

Durante toda a vixencia dos contratos de aprendizaxe manteranse as cotizacións á Seguridade Social establecidas no artigo 11 ET.

Artigo 25º.-Persoal con capacidade diminuída.

As empresas deberán acopla-lo persoal con capacidade diminuída pola idade e outras circunstancias antes da súa xubilación ou retiro, destinándose a outros traballos adecuados ás súas condicións, sempre que haxa praza vacante. O persoal acollido a esta situación non excederá do cinco por cento do total da categoría respectiva.

Artigo 26º.-Compensación en caso de baixa por accidente ou enfermidade.

As empresas completarán a diferencia entre a compensación percibida con cargo á Seguridade Social por incapacidade temporal e o salario real deste convenio cando aquela estea motivada por accidente de traballo con hospitalización. No caso de non producirse hospitalización, o complemento citado aboarase ata un máximo de 45 días.

No caso de baixa por enfermidade, as empresas completarán ata o 100% do salario dos traballadores desde o día 16 ata o 60 como máximo, ambos inclusive.

Cando a xuízo da empresa existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade na situación de baixa por accidente ou enfermidade común, poderá requiri-lo traballador para que se someta ó recoñecemento do facultativo que a empresa designe, sendo a cargo desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 27º.-Roupa de traballo.

As empresas afectadas por este convenio estarán obrigadas a facilitarlle ó seu persoal roupa de traballo de acordo coas normas establecidas na ordenanza laboral

de transportes por estrada. Por acordo entre o comité de empresa ou delegado de persoal e a dirección do centro de traballo, poderase substituí-la roupa de traballo por unha axuda económica mensual acordada por ámbalas partes.

Artigo 28º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio das empresas afectadas polo presente convenio desfrutará dun período de vacacións anuais de trinta días naturais, retribuídas a salario base máis antigüidade e plus de actividade. Neste caso o plus de actividade será aboado por 25 días.

O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre o empresario e o traballador, que tamén poderán convir na división en dous do período total. Na falta de acordo, seguiranse os criterios seguintes:

-O empresario poderá excluír como período vacacional aquel que coincida coa maior actividade productiva estacional da empresa, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores.

-Por acordo entre o empresario e os representantes legais dos traballadores poderanse fixa-los períodos de vacacións de todo o persoal, xa sexa en quendas organizadas sucesivamente, xa sexa coa suspensión total de actividades laborais, sen máis excepcións cás tarefas de conservación, reparación e similares.

-Cando exista un réxime de quendas de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia a que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

-De existir desacordo entre as partes, a xurisdicción competente fixará a data que para o desfrute corresponda e contra a súa decisión non se poderá recorrer. O procedemento será sumario e preferente.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, alomenos, do comezo do desfrute.

Artigo 29º.-Axudas de custo.

Os gastos ocasionados pola propia natureza do traballo, como son as axudas de custo e o aloxamento, serán aboados pola empresa na súa totalidade, logo da súa xustificación.

Artigo 30º.-Plus de actividade.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá un plus de actividade equivalente a 495 ptas. por día efectivamente traballado.

Artigo 31º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas entre as doce da noite e as seis da mañá levarán unha recarga do 25 por cento do salario base.

Exclúense do cobramento do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado expresamente para traballar durante ela, ou que sen ser contratado así, voluntariamente o traballador e a empresa o acepten.

Artigo 32º.-Permisos e licencias.

Concederanse de acordo co establecido nas lexislacións vixentes a excepción de:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 2 días, no caso de nacemento de fillos ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, superior a 100 km, o prazo será de 4 días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado observarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) As traballadoras por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións de media hora. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora, coa mesma finalidade.

f) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo entre un tercio e un máximo da metade da duración daquela, coa diminución proporcional do salario.

Artigo 33º.-Dereitos sindicais.

As empresas poderán deducir a través das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. Os interesados deberano solicitar por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos seranlles entregados ás persoas ou entidade que designe a central sindical correspondente.

Artigo 34º.-Garantías sindicais.

Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por renovación ou demisión, e sempre que o despedimento ou a sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outra causa, deberá tramitarse expediente contradictorio, no que serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal.

Non poderá ser discriminado na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

Poderá exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa, en materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, exercendo tales tarefas coa norma legal vixente para o efecto.

Disporá do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Sen supera-lo máximo legal, poderán ser utilizadas as horas retribuídas de que dispoñen os membros do comité ou delegados de persoal, co fin de preve-la súa asistencia dos mesmos a cursos de formación organizados polos seus sindicatos.

Artigo 35º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e mais ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para o cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con alomenos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menos de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido cada vez por un traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia voluntaria non superior a tres anos para atender ó coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai e maila nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

4. Así mesmo, poderán solicitar pasar á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente só conserva un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

6. Quedan excluídos os traballadores contratados eventuais con contrato igual ou inferior a dous anos.

Artigo 36º.-Gratificacións polo transporte de correo.

Os cobradores de liñas interurbanas que sexan portadores de correo percibirán unha gratificación de 64 ptas. os días que efectivamente presten tal servicio.

Artigo 37º.-Quebranto de moeda.

Establécese polo quebranto de moeda unha cantidade mensual equivalente ó salario dun día.

Disposición adicional.-Se durante a vixencia do convenio se producise a entrada en vigor dun acordo-marco a nivel estatal substitutorio da derrogada ordenanza laboral, as partes asinantes comprométense a reuni-la comisión paritaria co fin de adapta-las disposicións do dito acordo-marco ó establecido no presente convenio.

TÁBOA SALARIAL

Salario basePlus actividade

-Grupo I. Persoal superior e técnico

Xefe de servicio

107.848 495 ptas./día
Enxeñeiros e licenciados105.903 495 ptas./día
Enx. técnico e aux. titulado95.326 495 ptas./día
ATS95.326 495 ptas./día

-Grupo II. Persoal administrativo

Xefe de sección

79.288 495 ptas./día
Xefe de negociado78.980 495 ptas./día
Oficial de 1ª78.645 495 ptas./día
Oficial de 2ª77.577 495 ptas./día
Auxiliar administrativo77.044 495 ptas./día

Salario basePlus actividade

Aspirante77.019 495 ptas./día

-Grupo III. Persoal de movemento

Xefe de estación 1ª

79.290 495 ptas./día
Xefe de estación 2ª78.220 495 ptas./día
Xefe de administración 1ª79.290 495 ptas./día
Xefe de administración en ruta78.645 495 ptas./día
Empleado despacho billetes75.322 495 ptas./día
Factor75.322 495 ptas./día

-Grupo IV. Transporte de viaxeiros

en autobuses e microbuses

Xefe de tráfico de 1ª

79.290 495 ptas./día
Xefe de tráfico de 2ª79.290 495 ptas./día
Xefe de tráfico de 3ª78.220 495 ptas./día
Inspector2.563 ptas./día natural495 ptas./día
Conductor-chofer2.563 ptas./día natural495 ptas./día
Conductor-perceptor2.563 ptas./día natural495 ptas./día
Cobrador2.563 ptas./día natural495 ptas./día

-Grupo V. Persoal de servicio de

talleres e auxiliares

Xefe de taller

79.302 495 ptas./día
Encargado contramestre78.250 495 ptas./día
Encargado xeral78.250 495 ptas./día
Encargado almacén78.250 495 ptas./día
Xefe de equipo2.586 ptas./día natural495 ptas./día
Oficial de 1ª2.586 ptas./día natural495 ptas./día

-Grupo VI. Persoal de talleres

auxiliares

Oficial de 2ª

2.559 ptas./día natural495 ptas./día
Oficial de 3ª2.510 ptas./día natural495 ptas./día
Conductor-mecánico2.633 ptas./día natural495 ptas./día
Mozo de taller2.494 ptas./día natural495 ptas./día
Aprendiz de 1º anoSegundo lexislación vixente
Aprendiz de 2º e 3º anoSegundo su categoría profesional

-Grupo VII. Persoal subalterno

Cobrador de facturas

75.633 495 ptas./día
Telefonista75.633 495 ptas./día
Porteiro75.633 495 ptas./día
Vixiante75.633 495 ptas./día
Limpadora75.633 495 ptas./día

7090