Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 01 de outubro de 1996 Páx. 8.802

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 1996, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 322 que afecta ó monte de Montellos do lugar de Montellos, parroquia de Eirón (concello de Mazaricos).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 1 de xullo de 1996, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 1 de xullo de 1996 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Angel Barallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña e do secretario Manuel Puente Araújo, Letrado da citada delegación. O vocal José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común xustificou a súa ausencia por motivos laborais. Reunidos nesta data para estudiar e resolve-lo

Expediente: nº 322

Monte: de Montellos

Lugar: Montellos

Parroquia: Eirón

Concello: Mazaricos

1º Resultando que diversos veciños de Montellos, parroquia de Eirón, concello de Mazaricos, solicitaron con data 21-10-1994 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 40,60 ha.

Lindeiros: é parte do monte Outeiro e outros, nº 103-G do C.U.P.

Norte: con propiedades particulares dos veciños de Montellos, desde o piquete nº 69 ao 70 seguindo

a orde de piquetes. Con camiño que vai de Montellos a Santabaia, que o separa de propiedades particulares de vecinos de Montellos, desde o piquete nº 70 ó 73.

Leste: con muro que o separa de propiedades particulares dos veciños de Casais, desde o piquete nº 73 ó 82, seguindo a orde de piquetes.

Sur: con termo do concello de Negreira, desde o piquete nº 82 ó 84 seguindo a orde de piquetes.

Con propiedades particulares de veciños de Montellos desde o nº 84 ó 92 seguindo a orde de piquetes.

Con termo do concello de Negreira desde o piquete nº 92 ó 95 seguindo a orde de piquetes. Con monte da parroquia de Chacín, desde o piquete nº 95 e seguindo a liña do deslinde ata o punto de intersección co camiño que vai desde Montellos a Santabaia.

Oeste: co resto do monte Outeiro e outros, deste último punto e seguindo o camiño que vai de Montellos a Santabaia ata o piquete nº 68, e deste ó nº 69.

2º Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 1-12-1994, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándose como instructor del a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndo tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 247 do 28-12-1995), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º Resultando que os veciños de Montellos fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que veñen aproveitando de forma consuetudinaria en réxime de comunidade sen asignación de cotas segundo os usos e costumes o monte correspondente a dito lugar. Presentan escrituras con referencias ós montes do dito lugar.

Tal petición é apoiada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos de data 29 de xullo de 1994.

4º Resultando que ante o presente expediente foi formulada por Valentín González García unha reclamación, alegando se-lo propietario de tres predios situadas no monte solicitado polos veciños de Montellos, presentando a tal fin diversos documentos de carácter privado.

5º Resultando que na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, eisixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en

man común, e o seuRegulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Celebrada sesión no día de hoxe, á que se citaron en legal forma tódolos interesados no expediente, compareceron e oíronse as representacións dos promotores, así como Valentín González, ratificándose nas súas respectivas alegacións. Na mesma sesión, os solicitantes propoñen a modificación dos lindeiros, por afectar a monte non pertencente á comunidade. A citada proposta é aceptada polo xurado e xa incorporada ó expediente no resultando 1º.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, de 10 de outubro, de Montes Veciñais en Man Común.

2º Considerando que en conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do Regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, os veciños de Montellos, parroquia de Eirón, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de calificación.

3º Considerando que respecto á alegación formulada por Valentín González García, o xurado decide desestimala, ó considerar que os documentos que achega non son suficientes para acredita-la propiedade dos tres predios reclamados, nin é da súa competencia o recoñecemento do pretendido.

4º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento de 4 de setembro de 1992).

5º Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º resultando, dedúcese de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal de Montellos, parroquia de Eirón no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como Monte Veciñal en Man Común da Comunidade Veciñal do lugar de Montellos, parroquia de Eirón, concello de Mazaricos, o denominado monte de Montellos, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens co Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivese inscrito, incluíndo o no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 1 de xullo de 1996.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

9607046