Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 01 de outubro de 1996 Páx. 8.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de setembro de 1996 pola que se abre o prazo para que os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia poidan solicitar encomenda de xestión.

Ata o Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do servicio farmacéutico á poboación, os colexios oficiais de farmacéuticos viñan realizando funcións de tramitación e resolución de expedientes de apertura de novas oficinas de farmacia.

A promulgación do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, mofidificou algunhas cuestións da situación existente ata a data en relación coa apertura de novas oficinas de farmacia. Esta circunstancia fixo preciso que a Comunidade Autónoma adoptase as medidas necesarias para adecuarse ás directrices do dito real decreto lei.

O Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia, atribúe á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia para a tramitación e resolución dos expedientes relativos ás oficinas de farmacia, baixo os principios de concorrencia, transparencia, mérito e capacidade.

Sen prexuízo de que a resolución debe ser dictada en todo caso polo órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e sen prexuízo tamén de que esta consellería asuma no seu día a tramitación íntegra dos expedientes, parece conveniente establecer unha fase de transitoriedade, na que poidan participar na tramitación dos expedientes aqueles colexios oficiais de farmacéuticos que o soliciten.

Por tal motivo dáse opción a aqueles colexios que queiran colaborar na tramitación e formulación propostas de resolución nos expedientes de autorización de apertura de novas oficinas de farmacia, a que poidan solicita-la encomenda de xestión prevista no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións púbicas e do procedemento administrativo común. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Ábrese un prazo de 10 días naturais co fin de que aqueles colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia que o coiden oportuno, poidan solicitar, ó abeiro do dito artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a encomenda da xestión para a tramitación e formulación das propostas de resolución dos expedientes de autorización de novas oficinas de farmacia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5978