Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 30 de setembro de 1996 Páx. 8.754

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 360/1996, do 26 de setembro, de atribución ós órganos da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio da potestade sancionadora en materia de espectáculos públicos.

A Lei orgánica l6/l995, do 27 de decembro, ampliou as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo as relativas á materia de espectáculos públicos. Como consecuencia disto, polo Real decreto l640/l996 do 5 de xullo, transpasoulle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios en materia de espectáculos públicos.

A Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 336/l996, do l3 de setembro, asumiu as competencias na citada materia asignándollas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e dentro desta á Dirección Xeral de Interior.

Establecida a estructura orgánica dos órganos superiores da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo Decreto 292/l996, do 26 de xullo, cómpre establece-la determinación concreta dos órganos que deben exerce-la potestade sancionadora na referida materia de espectáculos públicos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-As competencias relativas ó exercicio da potestade sancionadora en materia de espectáculos públicos, exerceranas os órganos seguintes:

a) O Consello da Xunta de Galicia, as facultades que na lexislación estatal, aplicable nesta materia, se lle asignan ó Consello de Ministros.

b) O conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, as asignadas ó ministro de Interior.

c) O director xeral de Interior, as asignadas ós titulares de órganos superiores e directivos do Ministerio de Interior.

d) Os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as asignadas ós gobernadores civis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9607091