Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 30 de setembro de 1996 Páx. 8.752

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 359/1996, do 13 de setembro, polo que se constitúe o organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común.

A Comunidade Autónoma de Galicia posúe competencias exclusivas en materia de agricultura e gandería, nos termos que recolle o artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía. O exercicio material destas competencias viuse parcialmente afectado pola adhesión de España ás Comunidades Europeas, ó ser de aplicación o artigo 93 da nosa Constitución. Este novo marco xurídico determinou a acomodación das funcións administrativas da Xunta de Galicia no eido agrario, situación que foi racionalizada logo da xurisprudencia do Tribunal Constitucional, a través da doutrina nidiamente fixada na sentencia 79/1992, do 28 de maio, de seguido confirmada pola sentencia 117/1992, do 16 de setembro, ámbalas dúas relativas ó papel das comunidades autónomas na xestión integral dos recursos provenientes do Feoga.

Pola súa banda, o dereito comunitario europeo vén experimentando unha fonda transformación, ó lles recoñecer un maior protagonismo ás unidades territoriais dotadas de autonomía política integrantes dos Estados Membros, en consonancia co punto de inflexión marcado polo Tratado da Unión Europea. Neste sentido, o Regulamento (CE) 1287/1995, do Consello, do 22 de maio de 1995, que modificou o Regulamento (CEE) 729/1970, do Consello, do 21 de abril de 1970, sobre o financiamento da política agrícola común, creou o marco institucional preciso para que os Estados acollesen no seu seo diferentes organismos pagadores dos recursos procedentes do Feoga-Garantía, coordinándoos para articular un sistema operativo de relación cos servicios da comisión. As pautas de aplicación deste sistema foron especificadas pola propia Comisión no seu Regulamento (CE) 1663/1995, do 7 de xullo de 1995.

O Goberno galego, congruentemente co mandato estatutario e coa doutrina denantes referida, foi creando os instrumentos administrativos imprescindibles para garanti-la intervención autonómica na aplicación da política agrícola común axeitada á realidade do noso campo. Así fica recollido xa na exposición de motivos da Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, recentemente desenvolvida polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo, tendo agora xa asumidas as funcións, medios e servicios que lle correspondían polo Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, así como a dos medios persoais e humanos precisos para a encomenda da xestión sobre inter

vención e regulación de mercados polo Real decreto 1790/1996, do 19 de xullo.

Deste xeito o Ilgga configúrase como o organismo coordinador e, se é o caso, xestor, dentro da Administración autonómica, dos fondos Feoga-Garantía, aínda que nun primeiro momento só xestionará directamente os relacionados coas medidas de intervención e regulación de mercados. Polo contrario, a xestión orzamentaria das axudas transitoriamente seguiralle correspondendo á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Economía e Facenda e Agricultura, Gandería e Montes e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Organismo pagador.

1.1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes constitúese como organismo pagador dos gastos que implica a execución da Política Agrícola Común, Feoga-Garantía (Feoga-G), na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. A dita finalidade levaraa a cabo segundo o disposto no Regulamento (CEE) 729/1970, do 21 de abril, desenvolvido polo Regulamento (CEE) 1663/1995, (COM), do 7 de xullo.

1.3. O organismo pagador manterá coma estructura administrativa a derivada do Decreto 205/1990, do 15 de marzo, coas súas ulteriores modificacións, e intégrase coa adscrición do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGGA), efectuada pola Lei 7/1994, do 29 de decembro.

Artigo 2º.-Autoridade competente.

O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes será a autoridade competente do organismo pagador e, como tal, corresponderalle o exercicio das funcións establecidas no artigo 1 do Regulamento CE 1663/95, segundo os criterios recollidos no anexo ó devandito regulamento.

Artigo 3º.-Funcións.

3.1. Para o cumprimento dos seus obxectivos ó organismo pagador correspónderalle o exercicio, do modo que se indica, das seguintes funcións:

a) A autorización do pagamento, tanto das axudas coma das operacións de intervención e regularización de mercados agrarios, entendendo por tal a determinación da cantidade que debería ser pagada de acordo coa normativa comunitaria.

b) Emitir unha proposta ou orde de pagamento, segundo o disposto no artigo cinco, para o aboamento das cantidades debidamente autorizadas segundo o disposto no parágrafo anterior.

c) O rexistro das operacións con cargo ó Feoga-G tanto das axudas como das actuacións de intervención e regulación de mercados, na que se inclúe o rexistro de pagamentos e dereitos, a preparación das contas e a contabilización dos activos financiados polo Feoga-G especialmente no que atinxe ás existencias de intervención, anticipos non liquidados e debedores.

d) A verificación dos feitos que serven de base para a realización dos pagamentos, para o que lle competerá a tramitación e resolución dos correspondentes expedientes, coa finalidade de asegurarse da realidade e regularidade das operacións financiadas polo Feoga-G.

Así mesmo, perseguirá as irregularidades e adoptará as medias oportunas para recupera-las cantidades pagadas indebidamente.

e) As funcións de control, que asegure o correcto funcionamento de todo o sistema de pagamentos e que este se adapta ás esixencias da normativa comunitaria.

f) Relacionarse co Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) na súa calidade de organismo de coordinación, con outros organismos pagadores, así como con calquera outro organismo ou entidade, de dereito público ou privado, en relación coa execución das súas funcións.

g) Reunir, conservar e pór á disposición dos organismos comunitarios competentes toda a información demandada, de acordo coa normativa comunitaria vixente, relativa ás operacións e pagamentos efectuados.

Para tal efecto, o organismo pagador disporá dos documentos xustificativos dos pagamentos e dos controis, tanto administrativos coma físicos, efectuados. As distintas unidades administrativas que interveñan na fase de tramitación administrativa, así como de control e verificación, deberán asegurar que queda rexistrada a situación da antedita documentación e que esta queda ó dispor das persoas ou órganos ós que lle corresponda o exercicio das inspeccións.

h) Participar nas comprobacións e verificacións efectuadas polos organismos comunitarios competentes, así como adoptar cantas medidas sexan precisas para facilita-los controis considerados útiles por aqueles, no marco da xestión do financiamento comunitario, incluso as verificacións sobre o terreo.

i) A rendición das contas que se lle remitirán á Comisión Europea.

3.2. As anteditas funcións levaranse a cabo de xeito que quede asegurado o control do cumprimento dos requisitos establecidos, a conformidade dos pagamentos coa normativa comunitaria e a contabilización exacta e exhaustiva destes, así como a presentación da documentación esixible na forma prevista na normativa comunitaria.

Artigo 4º.-Proposta e autorización do pagamento.

4.1. A tramitación e xestión das axudas corresponderalle ó centro directivo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que teña asignada a competencia para o efecto, segundo o disposto no seu decreto de estructura orgánica.

De igual xeito, a autorización das propostas de pagamento efectuaraas o titular do centro directivo competente sobre a materia, que, para tal efecto, será órgano de dirección do organismo pagador.

4.2. A xestión das actuacións de intervención e regulación de mercados, así como a autorización dos pagamentos corresponderalle ó Instituto Lácteo e Gandeiro (Ilgga), como órgano de dirección do organismo pagador.

Artigo 5º.-Execución do pagamento.

5.1. Os pagamentos das axudas, unha vez recibidos os fondos, efectuaranse, exclusivamente, a través dunha conta que para o efecto habilite a Dirección Xeral de Política Financeira e do Tesouro, logo de expedición da correspondente proposta de pagamento, polo órgano de dirección competente do organismo pagador.

Para cubri-los importes dos anteditos pagamentos asinarase o oportuno convenio de colaboración entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de xeito que quede asegurada a funcionalidade dos mecanismos de prefinanciamento.

5.2. Os pagamentos das actuacións de intervención e regulación de mercados, con cargo ós fondos achegados para a dita finalidade, efectuaranse a través dunha conta que para o efecto habilite o Ilgga, correspondéndolle a súa ordenación ó director deste.

Artigo 6º.-Rexistro das operacións.

O rexistro dos pagamentos e dereitos con cargo ó Feoga-G, segundo o disposto na normativa comunitaria, levarao o Instituto Lácteo e Gandeiro, con base nos datos achegados polos distintos órganos de dirección do organismo pagador.

Artigo 7º.-Verificación en control de irregularidades.

7.1. Corresponderalles ós respectivos órganos de dirección do organismo pagador, segundo o disposto no artigo 4, verifica-los feitos que servirán de base para os pagamentos.

7.2. Así mesmo, tamén lles competerá a persecución das irregularidades nas operacións financiadas con cargo ó Feoga-G, de acordo co establecido na normativa comunitaria.

Artigo 8º.-Funcións de control.

O control das actividades do organismo pagador e da súa adaptación á normativa comunitaria corresponderalle á Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 9º.-Órgano de certificación.

O certificado das contas para achegar á Comisión Europea, segundo o disposto no artigo 3 do Regulamento (CE)1.663/95, da Comisión e demais normativa comunitaria concordante, será emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Relacións interadministrativas.

As relacións do organismo pagador co FEGA ou con outros organismos pagadores, para efectos informativos e de coordinación, corresponderalle ó ILGGA, agás no que atinxe á tramitación e concesión de axudas, que lle competerá a cada centro directivo, segundo o disposto no artigo 4 deste decreto.

Artigo 11º.-Cumprimento da normativa comunitaria.

O organismo pagador axustará, en todo caso, as súas actuacións ó previsto na normativa comunitaria aplicable, en especial en canto á autorización, execución, rexistro de operacións e control dos pagamentos, así coma no que atinxe ós ingresos, para o exacto cumprimento das súas funcións de acordo coa precitada normativa.

Artigo 12º.-Aplicación da normativa autonómica sobre xestión económica e financeira.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, será igualmente de aplicación, en materia de xestión económico-financeira, o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, nas súas disposicións de desenvolvemento e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma, en canto resulten aplicables, tendo en conta a especificidade do réxime xurídico que afecta a esta clase de fondos.

Disposición adicional única: contratación de servicios externos

1. A execución material de parte das funcións técnicas poderá contratarse, de acordo coas nomas de contratación administrativa, con entidades privadas, ou tamén efectuarse a través de convenios de colaboración.

2. En especial, poderán ser obxecto de contratación ou convenio a execución material de aplicacións informáticas, deseño de ficheiros, procesamento da información, elaboración de contas de pagamento, xeración da información procesadas.

Disposición transitoria única: avaliación inicial

O informe previo sobre o cumprimento polo organismo pagador dos requisitos esixidos pola normativa comunitaria será emitido pola Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normas de desenvolvemento.

Facúltase os conselleiros de Economía e Facenda e Agricultura, Gandería e Montes, no ámbito das súas respectivas competencias, para que dicten as

normas de desenvolvemento e adopten as medidas necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6982