Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 358/1996, do 26 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción da estrada A Cañiza-Arbo.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión celebrada o día 29 de marzo de 1996, aprobou o proxecto de construcción da estrada A Cañiza-Arbo e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no Art. 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 19 de xullo de 1996 baixo o número 7356.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de xullo de 1996, co número 6659.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, pola imperiosa necesidade de posuí-la dispoñibilidade dos terreos, para poder adxudicar tales obras dentro da presente anualidade, pois doutro modo perderíase o financiamento previsto polo Ministerio de Economía e Facenda, dado que as obras están incluídas no Programa Operativo Interreg II España-Portugal, co conseguinte prexuízo para o interese público provincial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo cincuenta e dous da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, para efectos de

expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción estrada A Cañiza-Arbo.

Santiago de Compostela, a vinteseis de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Consellerio de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

7022