Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 27 de setembro de 1996 Páx. 8.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 357/1996, do 19 de setembro, polo que o Centro Superior Bibliográfico de Galicia pasa a denominarse Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde.

A importancia da figura de Xosé Filgueira Valverde na cultura galega é tan ampla e tan profunda como a súa inmensa capacidade de traballo e de entrega á terra que tanto amou e á que dedicou toda a súa vida de estudio e sacrificio. Home de inmensurable curiosidade e de cultura humanista e universal, todo canto a Galicia atinxía espertaba o seu interese e era motivo para el de investigación e de análise. A nosa historia, a nosa literatura, a arqueoloxía, a arte, a antropoloxía, a lingüística, e tódolos campos da cultura en xeral contan con importantes achegas deste galego insigne, figura fundamental neste século e mestre de moitas xeracións de pensadores, intelectuais e investigadores galegos. Dentro da súa enciclopédica achega á nosa cultura, a bibliografía e os estudios sobre o libro galego ocupan un lugar non menos importante có das outras disciplinas académicas. Os seus incansables traballos de investigación, o seu importantísimo labor no mantemento e dirección da bibliografía

galega, a creación dun importantísimo centro de investigación sobre o libro no Museo de Pontevedra, a súa participación en innumerables proxectos de recuperación e de estudio da nosa imprenta e dos nosos principais monumentos bibliográficos, tantas e tan importantes contribucións á nosa bibliografía e o coñecemento da nosa historia cultural arredor do libro e a imprenta, que fan del unha figura fundamental e merecente do recordo e do agradecemento de tódolos galegos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-O Centro Superior Bibliográfico de Galicia, creado pola Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, denominarase Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesus Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

7047