Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 25 de setembro de 1996 Páx. 8.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de agosto de 1996 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, establece como principio da actividade educativa a participación e colaboración dos pais para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos (artigo 2.3º).

O Estatuto de autonomía para Galicia declara a competencia plena da nosa comunidade para o regulamento e administración do ensino, en toda a súa extensión, niveis e prazos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potencia-la realización de actividades que as asociacións, federacións e confederacións de pais de alumnos teñen de seu e co fin de subvenciona-los gastos ocasionados polas devanditas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material e mantemento das instalacións. Esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse axudas destinadas a subvenciona-la realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos, legalmente constituídas, e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial.

Segundo.-As confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos a que se refire o apartado anterior deberán estar inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-O importe total das axudas financiarase con cargo ó concepto orzamentario 07.03.322T.483.0 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Cuarto.-As axudas que se convocan concederanse tanto para a realización de actividades propiamente como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento das instalacións que orixinen no ano 1996.

Quinto.-As instancias para solicita-las axudas cubriranse segundo o modelo que se xunta como anexo, e irán acompañadas dos documentos que nel se relacionan.

Sexto.-As instancias e documentos presentaranse directamente no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nos luga

res e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo.-O prazo de presentación de instancias é de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Para a concesión das axudas constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros ou persoas nas que deleguen: o director xeral de Ordenación Educativa e Centros, que actuará como presidente, o subdirector xeral de Centros, o inspector xefe da Inspección Central, o xefe de Servicio de Centros e o xefe de Servicio de Xestión de Programas Educativos. Actuará como secretario un funcionario da dirección xeral, con voz e sen voto.

De non recaer resolución expresa no prazo de tres meses, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Noveno.-O pagamento das axudas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, mediante facturas ou documentos acreditativos da realización dos gastos subvencionados de acordo co orzamento aprobado pola Administración. Os ditos xustificantes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 1996.

Décimo.-O beneficiario deberalle comunicar, se é o caso, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Décimo primeiro.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5874