Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 23 de setembro de 1996 Páx. 8.562

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 345/1996, do 13 de setembro, polo que se determina o calendario laboral para o ano 1997 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito nacional, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

Facendo uso desas facultades e ó coincidir en domingo o 12 de outubro, Festa Nacional de España, considérase oportuno substituí-lo descanso laboral correspondente á dita festividade, incorporando á relación de festas da nosa Comunidade Autónoma para 1997, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que pola súa significación foi xa implantada como festa laboral noutras ocasións, seguindo así o criterio de manter unha certa estabilidade na determinación do calendario anual para conmemorar todo aquilo que forma parte da nosa historia e da nosa cultura.

En virtude do establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, oído ó Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o establecido no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non producirse modificación no calendario laboral de carácter nacional, as festas laborais de carácter retribuído e non recuperable no territorio de Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997 serán as seguintes:

1 de xaneiroAninovo

6 de xaneiroEpifanía do Señor

27 de marzoXoves Santo

28 de marzoVenres Santo

1 de maioFesta do Traballo

17 de maioDía das Letras Galegas

25 de xulloSantiago Apóstolo

Día Nacional de Galicia

15 de agostoAsunción da Virxe

1 de novembroTódolos Santos

6 de decembroDía da Constitución española

8 de decembroInmaculada Concepción

25 de decembroNatividade do Señor

Artigo 2º

Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores e no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do Pleno dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o calendario laboral anual terá efectos como calendario de días inhábiles en canto ó cómputo de prazos administrativos en Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5840