Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 23 de setembro de 1996 Páx. 8.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 27 de agosto de 1996 pola que se declara como biblioteca nodal a Biblioteca Central de Vigo.

O Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos na Comunidade Autónoma de Galicia establece, no seu artigo 5 a consideración de bibliotecas nodais ás catro bibliotecas públicas, antes provinciais, da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como as que no seu momento poida decidi-la Consellería de Cultura e Comunicación Social.

A Consellería de Cultura e Comunicación Social, pretendendo establecer un completo sistema bibliotecario adaptado ás peculiares características territoriais, sociais e económicas da Comunidade galega e, en virtude do establecido no devandito artigo e tendo en conta a importancia histórica, económica e social da cidade de Vigo, considera a necesidade de establecer como biblioteca nodal á Biblioteca Central de Vigo, que poderá actuar como cabeceira territorial para efectos de información bibliográfica, rede automatizada e préstamo interbibliotecario. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase como biblioteca nodal dentro da rede de bibliotecas de Galicia a Biblioteca Central de Vigo, situada na rúa Joaquín Yáñez, 6.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

9606817