Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 23 de setembro de 1996 Páx. 8.556

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 341/1996, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais e se regula a implantación de grandes establecementos comerciais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 30.1.4 do seu Estatuto de autonomía, ten competencias exclusivas en materia de comercio interior e defensa do consumidor e usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia. Estas competencias autonómicas, que comprenden tanto a función normativa como a executiva ou de xestión, deben exercerse de acordo coas bases e a ordenación na actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1 11º e 13º da Constitución española.

A entrada en vigor da Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista, veu establece-la regulación básica en materia de instalación de grandes establecementos comerciais, perfilando no seu artigo 2 as características que, en todo caso, terán que reunir este tipo de establecementos, pero deixando á competencia das comunidades autónomas a cualificación de gran establecemento comercial.

Así mesmo, os apartados 1 e 2 do seu artigo 6, determinan que a implantación de grandes establecementos comerciais estará suxeita a unha licencia comercial específica da que o seu outorgamento lle corresponderá á Administración autonómica, sen prexuízo de que esta poida tamén someter a autorización administrativa outros supostos relacionados coa actividade comercial.

Co obxecto de que informen sobre a instalación de grandes establecementos, o artigo 6.5º da lei orienta ás comunidades autónomas con competencia na materia sobre a posibilidade de crear comisións territoriais de equipamentos comerciais.

Por conseguinte, tendo presente, por unha parte, a lexislación básica estatal no aspecto da materia á que xa fixemos referencia, e, por outra, a importancia de dar participación ós axentes sociais intervenientes neste sector do comercio tan importante para a vida económica da nosa comunidade, procede desenvolve-la dita lexislación e establecer un procedemento áxil e eficaz para a concesión da licencia comercial específica ós grandes establecementos que pretendan instalarse na nosa Comunidade Autónoma.

A actuación pública nunha cuestión como ésta, xera uns efectos de tan ampla transcendencia, que se orientará, principalmente, a regula-lo impacto que a implantación dun gran establecemento pode provocar no seu ámbito de influencia, permitindo

núcleos de poboación e respectando as esixencias da liberdade de empresa e da libre competencia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e unha vez oídas as entidades e organizacións representativas do sector e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos novensa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais

Artigo 1º

1. Créase a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais como órgano consultivo da Consellería de Industria e Comercio.

2. A Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais compoñerase dos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro de Industria e Comercio ou persoa en quen delegue.

b) Vicepresidente: o director xeral de Comercio e Consumo.

c) Vocais:

-Un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Dous representantes da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Un representante das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Galicia.

-Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Un representante de entre as tres centrais sindicais con maior representación no sector do comercio galego.

-Un representante da Federación Galega de Comercio.

-Un representante dos consumidores e usuarios proposto polo Instituto Galego de Consumo.

-Dous expertos de recoñecido prestixio, designados libremente polo conselleiro de Industria e Comercio polos seus coñecementos en materia de comercio.

Actuará como secretario da comisión, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

3. Os vocais da Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais, a excepción dos de libre designación, serán nomeados polo conselleiro de Industria e Comercio por proposta dos órganos, entidades ou organizacións a que se refire o número anterior, que deberá facerse por escrito no prazo dun mes a partir da recepción do requirimento da Consellería de Industria e Comercio.

4. Os membros da comisión que, por imposibilidade debidamente xustificada, non puidesen asistir ás reunións que se celebren poderán ser substituídos polo órgano, entidade ou organización á que representan ou pola persoa que os designou, mediante a correspondente acreditación perante a secretaría da comisión. En todo caso, o presidente poderá delegar no vicepresidente a presidencia da reunión.

5. O mandato dos vocais da comisión terá unha duración de tres anos, se ben poderán ser propostos ou designados para períodos sucesivos de igual duración.

6. En caso de renuncia, demisión, morte ou perda da condición que motivou a designación dun membro da comisión, o órgano, entidades ou organizacións afectadas proporán, no prazo de dez días, a partir do requirimento da Consellería de Industria e Comercio, o novo membro que deberá substituílo, que será nomeado polo conselleiro de Industria e Comercio polo período que falte para remata-lo mandato.

Artigo 2º

A comisión terá as seguintes funcións:

a) Emiti-lo informe preceptivo sobre instalación de grandes establecementos.

b) Actuar, por requirimento da Consellería de Industria e Comercio, como órgano de información, consulta e asesoramento en materia de ordenación do comercio e da actividade comercial.

c) Formular cantas propostas estime convenientes para o fomento e mellora do sector comercial.

d) En xeral, calquera outra actividade de carácter consultivo ou de impulsión de medidas en materia de comercio e da actividade comercial.

Artigo 3º

A comisión reunirase logo de convocatoria do presidente, por iniciativa deste ou por instancia da terceira parte dos seus membros, e nela deberá consta-lo lugar, data e hora na que se celebrará a sesión.

A convocatoria deberá ser acordada e notificada cunha antelación mínima de dez días, agás nos casos de urxencia debidamente motivada en que se poderá convoca-la reunión cunha antelación mínima de 48 horas.

Á convocatoria acompañarase a orde do día fixado polo presidente.

Artigo 4º

1. Para a válida constitución da comisión requirirase a presencia do presidente e secretario e, se é o caso, dos que os substitúan e da metade, polo menos, dos seus membros.

Non obstante o anterior, de non existir a maioría indicada, a comisión constituirase en segunda convocatoria trinta minutos despois da sinalada para a primeira convocatoria e para iso será suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros.

2. Os acordos serán adoptados por maioría dos membros presentes. O voto do presidente será dirimente en caso de empate.

Artigo 5º

En todo o non previsto no presente decreto, a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais adecuará o seu funcionamento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para os órganos colexiados.

Capítulo II

Da licencia comercial específica

Artigo 6º

1. Terán a consideración de grandes establecementos comerciais, para os efectos do disposto neste decreto, os locais e as construccións ou instalacións de carácter fixo e permanente destinados ó exercicio regular de actividades comerciais, da que a superficie útil para a exposición e venda ó público sexa superior a 2.500 metros cadrados.

2. Entenderase por superficie útil para a exposición e venda o público aquela na que se almacenen artigos para a súa venda directa, estea cuberta ou non, e sexa utilizable efectivamente polo consumidor, exceptuando os aparcadoiros.

Artigo 7º

A instalación, ampliación e traslado de grandes establecementos comerciais estará suxeita a unha licencia comercial específica, o outorgamento da cal lle corresponderá á Consellería de Industria e Comercio logo de informe non vinculante do Tribunal de Defensa da Competencia e da Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais.

Artigo 8º

As solicitudes de licencia comercial específica dirixiranse á Consellería de Industria e Comercio pola empresa ou entidade que vaia exerce-la actividade comercial suxeita a ela, xuntado, por cuadriplicado, os datos e a documentación seguinte:

a) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa física:

-Nome e apelidos completos.

-Número de identificación fiscal.

-Domicilio para notificacións.

Se o solicitante é unha persoa xurídica:

-Datos do representante.

-Carácter polo que ostenta a representación da entidade.

-Denominación e domicilio social da entidade.

-Nº de CIF.

-Fotocopia da escritura de constitución da entidade inscrita no rexistro correspondente.

b) Tipo de establecemento que se quere implantar ou ampliar, facendo constar a localización, a superficie edificada total e a superficie útil para a exposición e venda ó público.

c) Descrición dos productos que se comercializarán na nova implantación.

d) Certificado de clasificación e cualificación urbanística do solo onde conste a posibilidade do uso comercial do terreo.

e) Estudio de mercado no que se basea a viabilidade e necesidade do proxecto e as súas características.

f) Estudio de tráfico que inclúa o impacto da nova implantación sobre a rede vial.

g) Planos xerais a escala e acotados de plantas, alzados e seccións, así como de situación, accesos á parcela e aparcadoiro previsto, máis orzamento calculado.

h) Estudio sobre o investimento que comporta o proxecto e o plan de financiamento do investimento proposto, tanto polo que se refire a recursos propios como a recursos alleos. Así mesmo deberase achega-lo plan de expasión da empresa e as contas de explotación previstas para os cinco primeiros anos de funcionamento.

i) Número e clasificación dos postos de traballo.

j) Estudio de impacto medioambiental e paisaxístico sobre a zona de implantación.

k) Calendario previsto para a realización do proxecto.

Así mesmo, os interesados poderán presentar calquera outra documentación que crea que pode achegar elementos de xuízo sobre o proxecto.

En todo caso, a Consellería de Industria e Comercio poderá requirir ó solicitante canta documentación e/o información complementaria coide necesario para a concesión da licencia específica.

Artigo 9º

1. O outorgamento ou denegación da licencia comercial específica acordarase ponderando especialmente a existencia ou non dun equipamento comercial adecuado na zona afectada pola nova instalación e para os efectos que este puidese exercer sobre a estructura comercial daquela.

2. Considerarase que unha zona está dotada dun adecuado equipamento comercial, cando éste garante á poboación existente e, se é o caso, á prevista en medio prazo, unha oferta de artigos en condicións de calidade, variedade, servicio, prezos e horarios conforme coa situación actual e coas tendencias de desenvolvemento e modernización do comercio polo miúdo.

3. O efecto sobre a estructura comercial existente valorarase tendo en conta a mellora que para a libre competencia supoña a apertura dun novo gran establecemento na zona, así como os efectos negativos que aquéla puidese representar para o pequeno comercio existente con anterioridade.

Artigo 10º

As solicitudes presentadas na Consellería de Industria e Comercio serán enviadas no prazo máximo dun mes a:

a) Ó Tribunal de Defensa da Competencia para que emita o informe preceptivo, que terá carácter non vinculante, no prazo e cos efectos derivados do seu incumprimento que estableza a súa normativa específica. En caso contrario entenderase que non existe obxección cando, pasado un mes e reiterada

a petición, transcorran quince días máis sen recibir resposta do devandito tribunal.

b) Ó concello que deba outorga-las licencias de obras e de apertura, co obxecto de que realice as alegacións que considere conveniente, sobre a adecuación do gran establecemento comercial proxectado ós usos do solo, así como a integración do gran establecemento comercial no núcleo de poboación, para a racionalización da distribución comercial e a mellora das estructuras comerciais. Endenderase que non existe obxección cando, pasado un mes e reiterada ó concello a petición, transcorran quince días máis sen recibir resposta deste.

Así mesmo a Consellería de Industria e Comercio remitirá, no prazo de dez días, a solicitude á Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais, para que emita o seu informe pertinente no prazo máximo de dous meses.

Artigo 11º

1. A Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais elaborará o informe preceptivo enunciado no seu artigo anterior, tendo en conta os seguintes extremos:

a) A integración do gran establecemento comercial no tecido comercial nos núcleos de poboación existentes dentro do seu ámbito de influencia e, en particular, a súa incidencia sobre:

-A racionalización da distribución comercial.

-A mellora das estructuras comerciais existentes e da productividade do sector.

b) Os efectos de ocupación global na zona de influencia comercial.

c) A protección e defensa dos intereses dos consumidores.

2. A Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais poderá requirirlle ó solicitante, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, canta documentación considere oportuna para a emisión do citado informe, co fin de resolver dentro do prazo establecido.

Artigo 12º

1. Cumpridos os trámites establecidos nos artigos anteriores, a Consellería de Industria e Comercio outorgará ou denegará a licencia comercial específica, no prazo máximo de seis meses a partir da recepción da solicitude, atendendo os criterios sinalados no artigo 11º deste decreto. Se transcorrese o dito prazo sen resolución expresa, resolverase de conformidade co establecido nos artigos 43 e 44 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entendéndose outorgada a licencia por silencio administrativo sempre que os interesados presentasen as súas peticións debidamente documentadas e se axustasen ó ordenamento xurídico. Para a súa eficacia os interesados deberán acredita-lo acto presunto mediante certificación emitida polo órgano

competente que debeu resolve-lo procedemento expresamente. Todo iso sen prexuízo da obriga de dictar resolución expresa por parte deste.

2. Non se poderá iniciar actividade comercial ningunha suxeita a licencia comercial específica mentres non se obtivese a correspondente licencia, ou transcorrese o prazo para iso.

3. Concedida a licencia comercial específica, se o proxecto non se levase a cabo no prazo dun ano contado desde que remate o termo indicado no calendario presentado para a súa realización, a licencia concedida quedará sen efecto. Non obstante, o interesado poderá solicitar, mediante escrito motivado e con anterioridade á terminación do prazo do ano citado, a prórroga deste por un período máximo de seis meses.

4. A concesión da licencia comercial específica entenderase sen prexuízo das necesarias de orde urbanística, a outorgar polas corporacións locais competentes, e nos termos dos artigos 242 do texto refundido da Lei sobre o réxime do solo e ordenación urbana do 26 de xuño de 1992, e 1 do Regulamento de disciplina urbanística do 23 de xuño de 1978, de inescusable solicitude e obtención polos interesados.

Disposicións transitorias

Primeira.-As disposicións previstas neste decreto aplicaranse ás solicitudes de instalación, modificación ou traslado de grandes establecementos en trámite no momento da súa entrada en vigor. En relación coas mesmas, as empresas ou entidades interesadas deberán solicita-la preceptiva licencia comercial específica da Consellería de Industria e Comercio quen, no prazo máximo establecido no presente decreto, deberá dictar resolución. Transcorrido o dito prazo entenderase estimada a solicitude, sendo, en todo caso, de aplicación o réxime previsto no artigo 12º.1 do presente decreto.

Segunda.-A Consellería de Industria e Comercio constituirá a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais no prazo máximo de dous meses contados a partir da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. Ata tanto se constitúa, a consulta previa nas materias establecidas no artigo 11º será a da substituída polo informe, co mesmo carácter, de cada un dos órganos, organizacións e institucións que, conforme o artigo 1º.2 deben estar representados na comisión, debendo emitirse no prazo de dez días.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación, execución e eficacia do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

6598