Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 19 de setembro de 1996 Páx. 8.498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Casino del Atlántico, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo Casino del Atlántico, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 31-7-1996 subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte sindical, polo comité de empresa o día 19-7-1996, de conformidade co disposto no Art. 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de agosto de 1996.

Carlos Martul Álvarez de Neyra

Delegado provincial accidental da Coruña

Convenio colectivo de Casino del Atlántico, S.A.

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial

O presente convenio será de aplicación na empresa Casino del Atlántico, S.A., con domicilio social na Coruña, Xardíns de Méndez Núñez, s/n.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Canto polo presente convenio se estipula afecta a tódalas actividades que existen na actualidade ou aquelas que puidesen existir nun futuro na empresa Casino del Atlántico, S.A., e que constitúen o seu obxecto social.

Artigo 3º.- Ámbito persoal.

Este convenio ampara e aplícase a tódolos traballadores, calquera que sexa a súa categoría e modalidade de contrato, que presten os seus servicios na empresa Casino del Atlántico, S.A., sen máis excepción que o do persoal de alta dirección a que se refire o artigo 2.1º do Estatuto dos traballadores e o persoal pertencente a empresas con-

cesionarias de servicios, que teñan asinado contrato civil con Casino del Atlántico, S.A.

Artigo 4º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de tres anos, iniciando a súa vixencia e en toda a súa totalidade, o 1 de xaneiro de 1996, e rematando o 31 de decembro de 1998, producindo os seus efectos a partir da data indicada en primeiro lugar, con independencia da súa publicación oficial.

Para os dous primeiros anos de vixencia non se establece ningún incremento sobre ningún concepto excepto aqueles que se citan expresamente. Para o terceiro ano recóllese un incremento sobre táboas salariais equivalente ó IPC real do ano 97 incrementado nun punto. No suposto de que o 31 de decembro do ano 1998 se observe un incremento do IPC real para o conxunto do dito ano superior ó que houbo en 1997, producirase unha revisión salarial con obxecto de manter para o conxunto do ano un diferencial entre o IPC real do dito ano máis un punto e o incremento pactado para o ano 1998.

Artigo 5º.-Prórroga ou denuncia.

O convenio colectivo quedará prorrogado tacitamente ó seu vencemento, co incremento do IPC, por períodos sucesivos dunha anualidade a non ser que se denuncie para a súa revisión cun mínimo dun mes antes do seu vencemento ou dalgunha das súas prórrogas, por calquera das partes.

Esta denuncia notificarase por escrito á outra parte, estando obrigada a parte denunciada a enviar copia da denuncia á Consellería de Traballo para efectos de rexistro.

Artigo 6º.-Compensación, absorción e garantías.

As condicións pactadas neste e en futuros convenios forman un todo orgánico, indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente, sen ningún tipo de distinción por tratarse dun grupo profesional determinado.

As melloras establecidas por este convenio, serán absorbibles ou compensadas coas melloras que de calquera clase, forma ou denominación, teña establecidas ou concedidas a empresa con carácter voluntario en calquera momento.

Tendo en conta da natureza do convenio, as disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia práctica se globalmente consideradas superan o nivel destes. En caso contrario consideraranse absorvidos polas melloras pactadas neste convenio.

En calquera caso, respectaranse as situacións persoais que con carácter global excedan do convenio manténdose estrictamente ad personam. Para estas situacións aplicaranse igualmente os incrementos nos seus salarios que se pacten neste ou posteriores convenios colectivos na mesma porcentaxe que para o resto do persoal.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión será un órgano de interpretación, arbitraxe ou vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas dúas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder ós organismos competentes.

4. Vixilancia do cumprimento do pactado.

5. Seguimento dos préstamos ó persoal.

Os acordos ou resolución adoptados por maioría de cada unha das partes da comisión paritaria terán carácter vinculante.

A comisión comporase de seis vocais, tres por cada parte, de entre os que se elixirá un secretario, o cal levantará acta dos acordos e resolución que adopte a comisión, que deberán ser asinados polos señores que interveñan.

Poderán nomearse asesores por cada representante, aínda que estes terán dereito a voz pero non a voto.

A comisión en primeira convocatoria non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais e, en segunda, ó día seguinte hábil, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente en número paritario os vocais presente, sexan titulares ou suplentes.

A comisión paritaria reunirase por instancia de calquera das partes, poñéndose de acordos estas sobre o día e a hora da reunión, convindo ámbalas partes en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse, como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio.

Artigo 8º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico indivisible, manifestando formalmente ámbalas partes, que as súas respectivas vinculacións ó convido teñen o carácter de compromiso para a totalidade das cláusulas pactadas.

No suposto de que a autoridade laboral ou administrativa competente declara nulo algún dos seus artigos, quedan este e os artigos concordantes sen eficacia práctica, e as partes deberán volver reunirse para darlle novo contido.

Capítulo II.

Organización do traballo

Artigo 9º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é competencia e responsabilidade da dirección, á que lle corresponden tódalas facultades recoñecidas no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 10º.-Xornada de traballo anual.

Durante a vixencia do presente convenio, as horas de traballo efectivo serán de mil oitocentas vinteseis (1.826 h).

Artigo 11º.-Horarios.

1. Distinguirase entre os horarios de traballo dos empregados e os horarios de peche e apertura do casino, sendo estes últimos os que en cada momento determine a dirección da empresa, dentro dos autorizados pola autoridade competente.

2. Os horarios dos empregados estarán suxeitos á duración da xornada pactada neste convenio, e que é de 1.826 horas en cómputo anual. Non obstante, en ningún caso se poderán realizar máis de nove horas ordinarias de traballo efectivo. En todo caso, entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte, mediarán como mínimo 12 horas.

Artigo 12º.-Descanso semanal.

1. Todo traballador que realice a xornada de 40 horas de traballo efectivo, desfrutará de dous días de descanso ininterrompido; non obstante, poderá pactarse entre a empresa e os traballadores calquera sistema de xornada e descansos que permita a lexislación vixente, con base na reducción de xornada semanal ou compensación de descansos, ben sexan estes en cómputo mensual, trimestral ou anual.

Para estes efectos considéranse aprobados os sistemas de traballo actualmente en vigor.

2. Os empregados poderán cambiar sempre as quendas de descanso e de horario, logo de comunicación á dirección da empresa cun mínimo de tres días de antelación e baixo as seguintes condicións:

a) Os cambios efectuaranse dentro da mesma categoría profesional.

b) Será obrigatorio o descanso dun dos días libres.

c) Só se poderán cambiar catro días no mes, agás a excepción recollida no apartado seguinte.

d) Dada a peculiaridade dos sistemas de descanso e vacacións, debido á actividade da empresa, e co fin de favorece-las relacións sociais e familiares dos empregados, poderanse cambia-los días de traballo existentes entre unha quenda de descanso e a seguinte dúas veces ó ano.

e) Todos estes cambios efectuaranse por escrito nos impresos dispostos para tal fin, e serán visados pola dirección da empresa.

f) Calquera excepción a estas normas deberá ser estudiada e aprobada pola dirección da empresa.

Artigo 13º.-Manutención.

Cada traballador durante a xornada laboral disporá como mínimo dunha hora para cear, a excepción do persoal que polo seu horario deba incorporarse ó seu posto de traballo ceado.

Artigo 14º.-Vacacións.

Dadas as especiais características que concorren na actividade desenvolvida polo casino, as vacacións dos traballadores afectados estructuraranse do seguinte xeito:

I. Persoal administrativo: terá dereito a trinta días naturais de vacacións. Para o cumprimento do estipulado no parágrafo anterior, elaborarase un calen

dario de vacacións, que deberá estar confeccionado antes do 1 de xaneiro do ano no que deban desfrutarse as vacacións.

II. Persoal dos restantes grupos: terán dereito a trinta días naturais de vacacións e mailos festivos fixados polo Goberno, aboables e non recuperables, sendo Noiteboa o único día en que o casino permanecerá pechado. O persoal ó que lle coincida a súa quenda de descanso ou vacacións con Noiteboa, será compensado con outro día libre.

Para o desfrute das vacacións deste persoal, terase en conta o seguinte:

1. Os trinta días naturais de vacacións desfrutaranse ininterrompidamente (agás pacto contrario).

2. O período correspondente ós festivos, desfrutarase nunha quenda independente da que se fai referencia no número anterior.

3. Os empregados poderán cambia-la quenda de vacacións, logo de comunicación á dirección da empresa, e sempre que non cause prexuízo no funcionamento dos horarios.

Para observa-lo disposto neste apartado II, a dirección da empresa e o comité de empresa elaborarán un calendario de vacacións, de mutuo acordo, que deberá estar confeccionado antes do 1 de novembro do ano anterior ó que deban desfruta-las vacacións. A empresa poderá excluír do período vacacional aquel que coincida co de maior actividade do casino.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

Todo traballador afectado por este convenio terá dereito a permisos retribuídos polos días naturais e motivos que se establecen a seguir, sempre que estes últimos se xustifiquen:

-Casamento do traballador: 16 días.

-Nacemento dun fillo: 4 días.

-Defunción, enfermidade grave ou intervención cirúrxica grave de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade: 4 días.

Cando por este motivo o traballador necesite facer algún desprazamento, o permiso será de cinco días.

-Polo tempo indispensable para concorrencia a exames (enténdese por exame o tempo imprescindible para a realización do exercicio).

-Un día por traslado de domicilio habitual.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal.

-Un día por bautizo, comuñón ou voda de fillos ou irmáns. Dous días no caso de que teña que desprazarse fóra da Comunidade Autónoma.

Artigo 16º.-Licencias non retribuídas e excedencias.

Todo traballador do casino ten dereito a desfrutar dunha licencia non retribuída dun mes, sempre que se solicite con antelación mínima de dez días, excepto en casos de urxencia, sen prexuízo da súa xustificación, agás que as baixas por enfermidade ou accidente sexan superiores ó 5% do persoal da sala de xogos, a non ser que a dirección da empresa estime non considerar esta limitación.

En calquera caso, non se concederá licencia a máis dunha persoa ó mesmo tempo.

O traballador con polo menos un ano de antigüidade na empresa, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor a un ano e non maior cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido polo mesmo traballador, se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Artigo 17º.-Ingreso.

O ingreso do persoal efectuarase a través de contrato escrito, en calquera das modalidades previstas no Estatuto dos traballadores e demais normas específicas promulgadas para o efecto. O contrato de traballo deberá estar visado pola Oficina de Emprego.

Os aspirantes someteranse ás probas ou exames que acorde a dirección do casino, que poderán ser de carácter práctico, cultural, técnico ou psico-profesional, segundo a categoría coa que se contrate o empregado ou o posto de traballo que vaia desempeñar.

A dirección do casino informará ó comité de empresa das contratacións que se produzan, exceptuando as do persoal directivo, e igualmente facilitarlle ó contratado copia do seu contrato de traballo.

Artigo 18º.-Período de proba.

Para o persoal de novo ingreso na empresa, establécense os seguintes períodos de proba:

-Persoal non cualificado: un mes.

-Resto do persoal: tres meses.

Durante o período de proba, calquera das partes poderá desistir en calquera momento dela, sen máis requisito que a comunicación á outra.

A situación de incapacidade laboral transitoria que afecte ó traballador durante o período de proba, interrompe o seu cómputo.

Artigo 19º. Preaviso de cesamento.

O traballador que desexe rescindi-lo seu contrato coa empresa, deberá notificarllo á dirección cun mínimo de quince días de antelación. O incumprimento por parte do traballador desta obriga dará lugar a que a empresa desconte da liquidación o importe da retribución correspondente a cada día de atraso no aviso.

Igualmente, se a empresa incumprise a obriga de preaviso de quince días de antelación, o traballador terá dereito a percibir na súa liquidación unha compensación económica equivalente á retribución correspondente a cada día de atraso.

Artigo 20º.-Promocións e ascensos.

As vacantes que se produzan no cadro de persoal da empresa, cubriranse sempre que sexa posible con traballadores de categorías inferiores.

A promoción dentro dunha categoría e, en todo caso, o ascenso a unha categoría superior, terá lugar como resultados das valoracións realizadas pola dirección, atendendo a factores que reflictan cuantitativamente os aspectos técnicos, sentido da res

ponsabilidade, trato co cliente e comportamento en xeral, asistencia ó traballo, puntualidade, nivel de formación, etc.

A valoración será comentada en entrevista privada co interesado, co fin de que poida coñece-lo criterio seguido e a valoración alcanzada.

Artigo 21º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional dentro de cada grupo profesional será total, co fin de dar oportunidade a todo o persoal para a práctica de funcións superiores e permiti-las substitucións nos casos de necesidade, dotando deste xeito á estructura da empresa dunha constante flexibilidade para satisface-la debida atención e servicio ó público, e a promoción integral do persoal propio, todo isto sen prexuízo dos dereitos económicos e profesionais dos traballadores.

Artigo 22º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que realice funcións de categoría superior ás que corresponden á categoría profesional que tivese recoñecida, por un período superior a seis meses durante un ano e oito meses durante dous anos, pode reclamar á dirección da empresa a clasificación profesional adecuada.

Contra a negativa da empresa, e logo do informe do comité, pode reclamar ante a xurisdicción competente.

Cando se desempeñen funcións de categoría superior, pero non se proceda legal ou convencionalmente ó ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada a función que efectivamente realice, agás o previsto no Art. 20º.

Artigo 23º.-Traballos de categoría inferior.

Se por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade productiva, a empresa precisase destinar un traballador a tarefas correspondentes a categoría inferior á súa, só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional e comunicándollo ó comité de empresa.

Capítulo III

Réxime disciplinario

Artigo 24º.-Clases de faltas.

As faltas cometidas polos traballadores da empresa clasificaranse atendendo á súa importancia, reincidencia e intención en: leves, graves e moi graves, de conformidade co que se dispón nos artigos seguintes.

Artigo 25º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

a) Ata tres faltas de puntualidade durante un mes, sen que exista causa xustificada e ata un máximo de 40 minutos de atraso total nun mes.

b) A non comunicación coa antelación debida da súa falta ó posto de traballo, por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de efectualo.

c) Falta de aseo e limpeza persoal, sempre que se produzan queixas por parte dos seus compañeiros, a dirección e /ou o público.

Artigo 26º.-Faltas graves.

Terá a consideración de faltas graves as seguintes:

a) Máis de tres e menos de sete faltas de puntualidade no transcurso dun mes e sen causa xustificada.

b) As discusión na sala, que repercutan na marcha do servicio.

c) Faltar ó traballo un día ó mes, sen que exista causa xustificada, agás que avise ou non ocasione prexuízo grave á empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente.

e) Cambiar, mirar ou remexe-los armarios e roupas dos seus compañeiros, sen a debida autorización.

f) A indisciplina no traballo ou a desobediencia ós seus superiores.

g) O abandono do traballo sen causa xustificada. Se ocasiona prexuízo grave á empresa cualificarase de moi grave.

h) A neglixencia no traballo.

i) Non atender ó público coa corrección e dilixencia debidas.

Artigo 28º.-Sancións.

As sancións que a empresa pode aplicar, segundo a gravidade e circunstancias dos feitos cometidos, oído o comité, serán as seguintes:

Faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo por un día.

Faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a dez días.

Faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de once a trinta días.

-Despedimento.

Nas faltas graves e moi graves, se o sancionado é membro do comité de empresa, observarase o disposto no artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 29º.-Abuso de autoridade por superiores.

Todo traballador poderá dar conta por escrito, a través do comité de empresa, dos actos que supoñen o abuso de autoridade dos seus xefes inmediatos e/ou calquera anomalía cometida por estes. Recibido o escrito, a dirección abrirá o oportuno expediente no prazo de cinco días, e resolverá o que proceda no prazo de dez días, contados a partir da presentación do escrito de denuncia.

En caso contrario, o comité de empresa ou o propio interesado, poderán formula-las pertinentes denuncias ante a Inspección de Traballo e/ou a Comisión Nacional do Xogo en Galicia.

Capítulo IV

Dereitos sindicais

Artigo 30º.-Comité de empresa.

O comité de empresa ademais das competencias establecidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores, terá dereito a:

1) Difundir entre os traballadores publicacións e avisos de carácter sindical nos locais da empresa.

2) Fixar todo tipo de comunicacións e anuncios de carácter sindical nos taboleiros que para tal efecto deberá establecer e facilita-la empresa, dentro dos seus locais, e en lugares que garantan un adecuado acceso a eles por parte de tódolos traballadores.

3) Destinarase o 0,30% sobre o tronco de propinas ó comité de empresa, para que este poida exerce-las súas funcións.

4) Horas sindicais: os traballadores que teñan que substituí-los membros do comité nas ditas horas, percibirán un día de compensación por día traballado, máis 2.000 ptas. diarias, como compensación e mellora de tódolos conceptos que puidesen corresponderlles, establecéndose voluntariamente como preaviso un período de tres días, comunicándollo así mesmo ó traballador substituto no mesmo prazo, excepto casos de inescusable e apreciable urxencia.

Capítulo V

Condicións económicas

Artigo 31º.-Retribucións.

Os salarios do persoal afectado polo presente convenio, son os establecidos no seu anexo I. A empresa comprométese a presenta-la orde de ingreso o último día hábil do mes.

Artigo 32º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que se rixan por este convenio teñen dereito a dúas gratificación extraordinarias: xullo e Nadal.

Cada unha destas dúas pagas, aboarase a razón do salario base e, se é o caso, antigüidade, consistindo o seu importe nunha mensualidade.

O aboamento destas dúas pagas farase efectivo os días 15 de xullo e 15 de decembro de cada ano, respectivamente.

Artigo 33º.-Antigüidade.

A antigüidade para todo o persoal comprendido neste convenio consistirá en trienios.

O importe de cada trienio será de 52.354 ptas. anuais (cincuenta e dúas mil trescentas cincuenta e catro ptas.), distribuídas en catorce pagas. Cada un dos trienios aboarase con efecto do primeiro mes en que se cumpra a antigüidade.

As porcentaxes de antigüidade recoñecidas individualmente ata a data serán respectadas como condicións máis beneficiosas e igualmente o sistema de antigüidade que teñen as persoas herdadas do Hotel Atlántico, seguirá en vigor exclusivamente para elas.

Artigo 34º.-Horas extraordinarias.

As horas que sexan realizadas en exceso polos traballadores sobre a xornada establecida no Art. 11º deste convenio, serán consideradas extraordinarias.

En canto ó pagamento das horas extraordinarias, a empresa poderá optar entre aboar estas cun incremento do setenta e cinco por cento (75%) sobre

o salario que corresponda á hora ordinaria, ou ben compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído, incrementados na porcentaxe antes indicada.

Artigo 35º.-Incapacidade laboral transitoria.

Nos casos de baixa por enfermidade, a empresa aboará do cuarto ó oitavo 70% do noveno ó décimo terceiro 85% e do décimo cuarto en diante ó 100% da base de cotización do traballador. Nos casos de baixa por accidente de traballo, hospitalización, intervención cirúrxica ou maternidade, o aboamento será do cen por cento desde o primeiro día.

Artigo 36º.-Plus de asistencia, plus de transporte e plus de locomoción.

Establécese para tódalas categorías un plus de asistencia, na contía de 4.216 ptas. mensuais (por doce meses).

Así mesmo, para tódalas categorías, establécese un plus de transporte, na contía de 8.270 ptas. mensuais (por doce meses).

Artigo 37º.-Quebranto de moeda.

1) Caixa central da sala de xogos: todo o persoal adscrito ó departamento de caixa, percibirá mensualmente en concepto de quebranto de moeda, a cantidade de 7.000 ptas. once meses ó ano. Se se producisen diferencias por quebranto utilizaríase a expresada cantidade para absorbelas.

2) Sala de máquinas de azar: o persoal da sala de máquinas de azar que realice funcións de cambio de moeda, percibirá un quebranto de 7.000 ptas. mensuais, once meses ó ano.

3) De forma xeral tanto para o persoal de caixa central como da sala de máquinas de azar, a liquidación do quebranto farase de forma semestral a semestre vencido, aboándose os seis primeiros meses do ano na nómina de xuño e nos últimos seis meses do ano na nómina de decembro.

Artigo 38º.-Roupa de traballo.

A empresa subministrará anualmente ós seus traballadores un uniforme completo consistente nun traxe, dúas camisas e unha gravata de lazo ou gravata. Igualmente, establécese unha subvención anual de seis mil ptas. para a adquisición dun par de zapatos que forman parte do uniforme e que deben ser de cor negra, igual cós calcetíns. A limpeza dos uniformes será por conta dos traballadores.

Artigo 39º.-Fondo de asistencia social.

A empresa obrígase a constituír ó seu cargo un fondo de asistencia social, para atender en calquera caso e inexcusablemente, calquera das situacións sociais que se detallan a seguir:

a) Póliza de seguro de vida, que garante un capital de:

-Dous millóns de ptas. en caso de morte natural.

-Dous millóns de ptas. por incapacidade profesional.

-Catro millóns de ptas. por morte en accidente.

b) Premio por casamento, tódolos empregados que casen e teñan unha antigüidade mínima dun ano na empresa recibirán un premio por unha soa vez de cincuenta e cinco mil ptas.

c) Tódolos empregados percibirán con ocasión do nacemento de cada fillo, unha cantidade de vinte mil ptas.

d) Os empregados con fillos subnormais ou diminuídos psíquicos ou físicos, recoñecidos como beneficiarios das prestacións da Seguridade Social, recibirán da empresa un subsidio mensual de vinte mil ptas., catorce pagas ó ano.

e) Xubilación. O producirse a xubilación dun traballador que leve como mínimo 15 anos de servicio na empresa, este percibirá dúas mensualidades, que estarán compostas por salario base e antigüidade e cada 5 anos que excedan estes 15 anos, unha mensualidade incrementada nos mesmos termos.

f) Tódolos traballadores da empresa teñen dereito a unha revisión médica anual obrigatoria.

g) Préstamos ó persoal. Cada traballador cunha antigüidade mínima dun ano na empresa, poderá obter dela un préstamo sen xuro, ata un máximo de catrocentas mil pesetas (400.000 ptas.) anuais, que se reintegrarán nun ano.

Para cubrir este concepto, a empresa destinará a cantidade global de dous millóns de ptas. (2.000.000 de ptas.). Unha vez superada esta cantidade, a empresa non concederá estes préstamos.

Ámbalas partes acordan que estes préstamos soamente serán utilizables en caso de necesidade.

Artigo 40º.-Tronco de propinas: distribución.

Enténdese por tronco de propinas (antes citado), a suma das procedentes dos distintos xogos autorizados e practicados nas mesas, xunto ás propinas de recepción e caixa.

I. Propinas: o reparto farase en períodos dun mes, desde o día 26 ata o 25 do próximo mes, ámbolos dous incluídos. Ata nove millóns de pesetas repartiranse entre o persoal. O que exceda desta cantidade será na súa totalidade para a empresa. (O dito reparto queda pendente de estudio por parte da comisión negociadora, así queda constancia aquí e no protocolo adicional).

O valor do punto será o resultante da fórmula establecida para o efecto.

Os puntos de propinas calcularanse tendo en conta a xornada teórica traballada e a proporcionalidade resultante.

Para efectos de percepción de propinas están incluídos, así mesmo, os traballadores que esten en situación de incapacidade laboral transitoria, estean desfrutando de vacacións ou de licencias retribuídas.

O aboamento da cantidade que se percibirá en concepto de propinas realizarase mensualmente, e irá reflectido nunha nómina á parte, como concepto non salarial.

Artigo 41º.-Tronco de propinas dos grupos III, IV e VI.

As propinas recadadas de forma directa polo persoal dos grupos III, IV e VI serán íntegras para os traballadores dos ditos grupos.

Disposición adicional

Primeira.-A empresa e o comité de empresa comprométense na realización, por medio da comisión paritaria creada para o efecto, dun estudio de redistribución de categorías profesionais no cal se teña moi en conta ó posto de traballo como tal e o seu posterior desenvolvemento dentro da organización.

Segunda.-Por medio da citada comisión paritaria a empresa e o comité da empresa, comprométense de igual xeito a unha análise dos postos de traballo e a unha posterior avaliación destes cara a conseguir unha valoración o máis adaptada posible á realidade de cada un dos postos de traballo.

Terceira.-A empresa e o comité por medio da presente disposición comprométense de igual forma en dotar á empresa dun plan de comunicación interno, no cal, tanto o persoal da empresa, como os seus representantes legais, se convirtan en parte activa do proceso informativo.

Cuarta.-A empresa e o comité comprométense a estudiar conxuntamente con data de setembro de 1996 a redistribución do tronco de propinas estudiando a posibilidade da participación da empresa no reparto do tronco.

Quinta.-A empresa e o comité comprométense a estudiar conxuntamente con data de setembro de 1996 a creación dun plan de pensións, con cantidades procedentes do tronco de propinas, cantidades proporcionais ás porcentaxes repartidas e ás escalas resultantes da redistribución do tronco de propinas.

Sexta.-A comisión negociadora do convenio, bando social e banco empresarial, comprométese a negocia-los temas antes citados a partir da primeira semana de setembro do ano que corre. No suposto de non conseguir acordo sobre eles nun prazo de 6 meses contado desde o 1 de setembro do presente ano, calquera das partes pode reconduci-la negociación a través da utilización dos mecanismos previstos no acordo galego para a solución extraxudicial de conflictos (AGA).

ANEXO I

Salario

base

Puntos

de propinas

Grupo I. Persoal de xogo
Xefe de sala164.992 ptas.25 puntos
Xefe de sector132.004 ptas.20 puntos
Xefe de mesa112.201 ptas.20 puntos
Croupier99.006 ptas.16 puntos
Aspirante croupier87.124 ptas.14 puntos
Asp. croupier (debutante 1ª)79.425 ptas.12 puntos
Xefe de caxa132.004 ptas.17 puntos
Caixeiro99.006 ptas.15 puntos
Aspirante caixeiro87.124 ptas.13 puntos
Asp. caixeiro (debutante 1ª)74.130 ptas.11 puntos

Grupo II. Persoal relacionado co xogo
Xefe de recepción132.004 ptas.16 puntos
Recepcionista99.006 ptas.13 puntos
Aspirante recepcionista87.124 ptas.11 puntos
Xefe seguridade-fisonomista132.004 ptas.155 puntos
Subxefe seguridade-fisonomista112.201 ptas.15 puntos
Seguridade-fisonomista99.006 ptas.12 puntos
Aspirante seguridade-fisonomista87.124 ptas.10 puntos

Salario

base

Puntos

de propinas

Grupo III. Persoal de servicios complementarios
Xefe de hostelería164.992 ptas.3 puntos
1ª de restaurante132.004 ptas.3 puntos
2ª de restaurante112.201 ptas.3 puntos
1ª barman132.004 ptas.3 puntos
2ª barman112.201 ptas.3 puntos
Camareiro99.006 ptas.3 puntos
Axudante de camareiro84.720 ptas.3 puntos
Xefe de cociña132.004 ptas.3 puntos
Cociñeiro de 2ª112.201 ptas.3 puntos
Axudante de cociña92.403 ptas.3 puntos
Pinche de cociña84.720 ptas.3 puntos

Grupo IV. Persoal subalterno
Encargado de mantemento132.004 ptas.3 puntos
Oficial de mantemento112.201 ptas.3 puntos
Porteiro92.403 ptas.3 puntos
Vixilante aparcamento92.403 ptas.3 puntos
Gardarropía87.124 ptas.3 puntos

Grupo V. Persoal administrativo
Secretaria de dirección132.004 ptas.3 puntos
Oficial Admvo. de 1ª118.820 ptas.3 puntos
Oficial Admvo. 2ª112.201 ptas.3 puntos
Auxiliar administrativo99.006 ptas.3 puntos
Técnico informático126.339 ptas.3 puntos

Grupo VI. Persoal de sala de máquinas de azar
Xefe de sala de máquinas azar164.992 ptas.3 puntos
Operario sala MM. azar92.403 ptas.3 puntos
Aspirante Op. sala MM. azar87.124 ptas.3 puntos

6669