Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 19 de setembro de 1996 Páx. 8.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 2 de setembro de 1996 pola que se anuncia a concesión de axudas económicas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

O Goberno galego, como consecuencia do progresivo incremento da presencia da lingua galega no ámbito da prensa escrita, ten que presta-lo seu máis decidido apoio a tódalas iniciativas que xurdan neste ámbito, co obxecto de continuar coa política marcada no Estatuto de autonomía e cumprir así o establecido no seu artigo 5.3º, que expresa a necesidade de potencia-lo emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, motivo polo cal se promulgou o Decreto 103/1994, do 21 de abril, no que se establecen as axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, e que complementa o Decreto 417/1990, do 31 de xullo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, así como a publicidade institucional.

Por todo iso, en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán solicita-las axudas que son obxecto da presente orde as empresas xornalísticas radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro Mercantil, que difundan as súas publicacións periódicas escritas integramente en idioma galego normativizado.

Artigo 2º

Para os efectos establecidos no Decreto 103/1994, do 21 de abril, entenderanse como publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión, que se imprimen baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que apareza con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 3º

Poden optar a estas subvencións as empresas que editen publicacións que reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego normativizado.

b) Que teñan un mínimo de 24 páxinas en formato DIN A-3 ou de 32 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).

c) Que se publiquen periodicamente.

d) Que inclúan o pé de imprenta con tódolos datos que estableza a lexislación vixente.

e) Que non se distribúan como suplementos, ou de forma conxunta a outra publicación.

Artigo 4º

Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións de difusión total ou maioritariamente gratuítas.

d) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

e) As publicacións que, estando sometidas ó control da Oficina de Xustificación de Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

f) As publicacións que, segundo informe da Dirección Xeral de Política Lingüística, non se publiquen en galego normativizado, segundo o establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

g) As publicacións que non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Artigo 5º

A contía global das axudas non poderá excede-la cantidade de 8.000.000 de pesetas, e serán concedidas con cargo á partida orzamentaria 10.06.353.F 470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996.

O importe das axudas calcularase de acordo cos criterios seguintes:

-5 pesetas por exemplar difundido durante o ano anterior á solicitude, e 10.000 pesetas por número editado no mencionado período para as publicacións que presenten o certificado acreditativo da difusión emitido pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD).

-10.000 pesetas por número editado durante o ano anterior á solicitude para as publicacións non sometidas ó control da OXD.

Os números dobres dunha publicación serán considerados un único número para efectos da subvención.

O importe da subvención non poderá superar, en calquera caso, o 50% do custo da edición acreditado na publicación.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual poderá propoñer excepcionalmente, e sen excede-la cantidade máxima prevista para as presentes axudas, o outorgamento dunha subvención adicional para as publicacións en consideración da súa difusión, a súa calidade ou o seu interese social e cultural. Tamén poderá outorgar unha parte das axudas por concepto de prestación

de asesoría lingüística, a cal se avaliará en función das retribucións establecidas nos orzamentos xerais da comunidade para os funcionarios designados para cada caso.

Artigo 7º

As solicitudes, axustadas ó modelo oficial que se publica como anexo desta orde, dirixiranse á Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual e deberán de ir acompañadas da seguinte documentación:

1. Memoria na que se fagan consta-los números publicados durante o ano 1995.

2. Testemuño auténtico da escritura de poder, cando o solicitante actúe en representación da persoa física ou xurídica titular do medio.

3. Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil, no caso de que o titular sexa persoa xurídica.

4. Copia do documento nacional de identidade do solicitante ou representante.

5. Xustificación de estar ó día nos pagamentos das obrigacións tributarias e da Seguridade Social.

6. Certificación de non ter contraída ningunha débeda coa Comunidade Autónoma.

7. Declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate, durante o período que alude o apartado 1, acompañado da documentación que o acredite.

Artigo 8º

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, sito na planta baixa do edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, directamente ou a través dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 9º

As solicitudes que se presenten serán avaliadas por unha comisión composta polas seguintes persoas:

Presidente: o director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual.

Vicepresidente: o director xeral de Política Lingüística.

Vocais: o xefe de Prensa da Xunta de Galicia; o xefe de Servicio da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual; un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística con categoría, polo menos, de xefe de servicio; un

funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística designado polo director xeral.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 10º

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:

a) Emprego da lingua galega normativizada.

b) Tirada e difusión de exemplares, a súa periodicidade e os números editados da publicación obxecto de avaliación.

Artigo 11º

A comisión poderá solicitar tódolos informes que considere necesarios, elevando proposta ó director xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual para que adopte a resolución que proceda.

Artigo 12º

A resolución respecto da presente liña de subvencións seralle notificada a tódolos solicitantes transcorridos 3 meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes. Rematado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2C), a «sentido contrario» da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º

Os beneficiarios das subvencións entregarán á Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual e á Dirección Xeral de Política Lingüística dous exemplares de cada número das publicacións subvencionadas.

Artigo 14º

Con independencia da súa contía, e antes de proceder o seu aboamento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigacións tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O pagamento farase efectivo na súa totalidade unha vez adoptada a resolución a que se refire o artigo 12º.

Disposición derradeira

Nos aspectos non contidos na presente orde, aplicarase o disposto nos Decretos 103/1994, do 21 de abril, Decreto 417/1990, do 31 de xullo, e a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e á Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1996.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 1996.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

6349