A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, levou a cabo unha ampliación de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia entre as que se inclúen as relativas ás materias de asociacións e espectáculos públicos. Como consecuencia disto, mediante os reais decretos 1639/1996 e 1640/1996, ámbolos dous do 5 de xullo, traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que, dentro do seu territorio, viña desempeñando a Administración do Estado nas referidas materias.
Procede, en virtude do citado traspaso, asumir de forma expresa as funcións e servicios, nos termos e condicións especificados nos acordos da Comisión Mixta de Transferencias e asignalas ós órganos correspondentes da Administración galega.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Asunción do traspaso.
1. Quedan asumidas as funcións e servicios, bens, dereitos e obrigas así como o persoal e créditos orzamentarios, traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, en materia de asociacións, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 25 de xuño de 1996, publicado como anexo ó citado real decreto.
2. Quedan asumidas as funcións e servicios, bens, dereitos e obrigas así como o persoal, traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, en materia de espectáculos públicos, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 25 de xuño de 1996, publicado como anexo ó citado real decreto.
Artigo 2º.-Asignación de funcións e servicios.
Asígnanselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servicios e medios asumidos de conformidade co disposto no artigo
anterior. As referidas funcións serán exercidas pola Dirección Xeral de Interior.
Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.
A asunción de funcións e servicios obxecto deste decreto terá efectividade a partir do día l de outubro de 1996, de acordo co disposto nos anexos dos reais decretos 1639/1996 e 1640/1996, respectivamente.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto e para adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de setembro de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración Pública
96-6725