Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 13 de setembro de 1996 Páx. 8.364

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se regula o procedemento para o acceso ás ensinanzas establecidas pola Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación, dos alumnos que durante o proceso de implantación anticipada cursan, sen completar, as ensinanzas derivadas da Lei órganica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A Orde do 7 de setembro de 1994 (BOE do 17) pola que se establece o marco xeral para o acceso ás ensinanzas reguladas pola Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación, así como as condicións para a expedición dos títulos a que estas conducen, dos alumnos que durante o período de implantación anticipada cursan, sen completar as ensinanzas derivadas da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, atribúelle ás administracións educativas a posibilidade delles autorizar, no seu ámbito de xestión, a incorporación ás ensinanzas dos plans de estudios que se extinguen de educación xeral básica, bacharelato unificado e polivalente, curso de orientación universitaria e formación profesional, ós alumnos que, durante o proceso de implantación anticipada, teñan cursado ensinanzas correspondentes ó sistema educativo establecido pola citada Lei orgánica 1/1990, cando se aprecien circunstancias excepcionais que lles impidan prosegui-los estudios comezados neste

sistema.

O novo marco establecido pola citada Orde do 7 de setembro de 1994 e a implantación anticipada do bacharelato aconsellan desenvolve-lo procedemento de incorporación ós estudios correspondentes a plans a extinguir dos alumnos que non poden remata-los seus estudios polo novo sistema. Así mesmo cómpre regula-lo procedemento de proposta de expedición dos títulos de graduado escolar e de bacharelato de acordo coa normativa recollida na dita orde.

A Orde do 19 de xuño de 1996 pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia recolle, na súa disposición transitoria terceira, a posibilidade de autorizar, en casos excepcionais e durante o proceso de implantación anticipada, o acceso ós estudios equivalentes ós alumnos que non poidan remata-los estudios iniciados na dita etapa.

En consecuencia e en virtude das competencias establecidas na disposición transitoria terceira da Orde do 19 de xuño de 1996, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.

Durante o proceso de implantación anticipada das ensinanzas derivadas da Lei orgánica 1/1990, cando se dean nun alumno circunstancias excepcionais que lle impidan continua-los estudios iniciados nas ditas ensinanzas, este ou os seus representantes legais poderán solicitar autorización para incorporarse ós plans de estudio a extinguir.

Segundo.

1. A solicitude do alumno, ou dos seus representantes legais, deberá dirixirse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros e irá acompañada da documentación que xustifique as circunstancias excepcionais alegadas así como da que acredite os estudios realizados no novo sistema, as cualificacións e, se é o caso, as decisións de promoción ou titulación adoptadas.

2. Os centros educativos expedirán os certificados destinados para tal fin, e para os efectos do disposto no punto terceiro da Orde do 7 de setembro de 1994, de xeito que se recolla neles, mediante indicación expresa, se os alumnos promocionaron como resultado de valoración positiva do equipo avaliador ou promocionaron por imperativo legal, se é o caso.

Terceiro.

No expediente académico dos alumnos autorizados para incorporarse ós plans de estudio a extinguir reflectirase tal circunstancia. Para iso, ademais das dilixencias previstas nos apartados 1 dos puntos cuarto e quinto desta resolución, farase, na documentación académica correspondente ás ensinanzas ás que se incorporen, referencia expresa á Orde do 7 de setembro de 1994 e á autorización do director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Cuarto.

1. Cando o alumno proveña da educación secundaria obrigatoria e non obtivera o título de graduado en educación secundaria, o centro que o matricule solicitará do centro de orixe o libro de escolaridade da ensinanza básica e estenderá a oportuna dilixencia na páxina 19 del, na que fará constar a qué ensinanzas se incorpora o interesado con referencia expresa á Orde de 7 de setembro de 1994 e á autorización do director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

2. O centro receptor custodiará o libro de escolaridade da ensinanza básica do alumno ata o momento no que teña superados os estudios equivalentes a educación secundaria obrigatoria, momento no que se fará entrega del, e fará constar esta circunstancia mediante dilixencia. No caso dos alumnos que non superen os estudios, o citado libro quedará arquivado no centro.

3. Os alumnos que foran autorizados, en función do establecido na Orde de 7 de setembro de 1994, a prosegui-los seus estudios nalgún dos dous primeiros cursos do bacharelato unificado e polivalente serán propostos para a expedición do título de graduado escolar pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por instancia dos centros nos que se matriculen. Igualmente se procederá no caso de que foran autorizados a prosegui-los seus estudios na formación profesional de primeiro grao, sempre que teñan superado o primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria.

Quinto.

1. Cando o alumno proveña do novo bacharelato e se incorpore ás ensinanzas de bacharelato unificado e polivalente ou o curso de orientación universitaria, o centro no que se matricula solicitará do centro de orixe o libro de cualificacións de bacharelato e expedirá a oportuna dilixencia na páxina 20 do mesmo, na que fará constar a qué ensinanzas se incorpora o interesado con referencia expresa á Orde de 7 de setembro de 1994 e á autorización do director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

2. O centro ó que se incorpore o alumno custodiará o libro de cualificacións do bacharelato ata o momento no que este teña superado o curso de orientación universitaria, momento no que se fará entrega del, e fará constar esta circunstancia mediante dilixencia. No caso dos alumnos que non superen os estudios, o citado libro quedará arquivado no centro.

3. No marco do disposto no punto quinto da Orde do 7 de setembro de 1994 e, en función do establecido na dita orde, se o alumno fora autorizado a incorporarse ó curso de orientación universitaria, o centro no que se matricula formulará, salvo nos casos previstos no punto sétimo da presente resolución, a proposta para a expedición do título de bacharel, polo procedemento establecido con carácter xeral, a que conducen as ensinanzas do bacharelato unificado e polivalente.

4. No caso de que un alumno, logo de ter superado a totalidade do primeiro curso do novo bacharelato, solicite, por abandono dos estudios ou por incorporarse á formación profesional de segundo grao, a expedición do título de bacharel a que conducen as ensinanzas do bacharelato unificado e polivalente, e o centro non teña autorizadas as ditas ensinanzas, este enviarálle a dita solicitude á Inspección educativa correspondente que designará un centro desde o que se poida face-la proposta para a expedición do título solicitado.

Sexto.

Cando o alumno, autorizado segundo o procedemento establecido nesta resolución, se matricule nun centro privado a solicitude de traslado do libro de escolaridade da ensinanza básica ou do libro de cua

lificacións do bacharelato, as dilixencias a que fan referencia os puntos cuarto e quinto desta resolución así como a proposta da expedición do título de bacharelato, se é o caso, serán realizadas polo centro público ó que estea adscrito.

Sétimo.

1. Cando o alumno, en función do establecido no apartado 2 do punto terceiro da Orde de 7 de setembro de 1994, se incorpore ó curso de orientación universitaria cunha ou dúas materias pendentes de primeiro curso do novo bacharelato, deberá examinarse das ditas materias no centro que, contando coas correspondentes ensinanzas de bacharelato, lle sexa designado polo servicio de inspección educativa da provincia do centro de destino. Os xefes dos departamentos didácticos do dito centro, responsables da materia ou materias que o alumno non ten superadas, entregaranlle a cada alumno, durante o mes de outubro, un plan de traballo no que consten os contidos mínimos esixibles, os criterios de avaliación, as actividades recomendadas e o calendario de realización das probas de avaliación.

2. O centro no que o alumno realice as probas para a superación da materia ou materias pendentes do primeiro curso do bacharelato comunicará as cualificacións obtidas polo alumno ó centro no que estea realizando os estudios do curso de orientación universitaria, co fin de que sexan consignadas no seu libro de cualificacións do bacharelato. Se este último centro fora privado, o traslado das cualificacións ó libro será realizado polo centro público ó que estea adscrito. A tal fin, os centros onde se realicen as citadas probas coordinarán o proceso de avaliación das materias de bacharelato pendentes co centro no que estean matriculados os alumnos, para que os resultados delas sexan coñecidos antes de iniciarse as sesións de cualificación final do curso de orientación universitaria.

3. En calquera caso, a proposta para a expedición do título de bacharel, á que fai referencia o apartado 3 do punto quinto da presente resolución, non se efectuará ata que os alumnos superen a materia ou materias pendentes do primeiro curso de bacharelato.

4. Ós alumnos autorizados para incorporarse ó curso de orientación universitaria seranlles de aplicación, adaptadas á súa situación, as normas específicas sobre condicións de inscripción e permanencia no curso de orientación universitaria recollidas na Orde do 7 de xullo de 1994 (BOE do 12) e na Resolución de 21 de outubro de 1994, das secretarías de Estado de educación e de universidades e Investigación, pola que se regula o procedemento de solicitude e autorización de matrícula extraordinaria no curso de orientación universitaria tras esgota-los anos establecidos para a súa finalización (BOE do 28).

Oitavo.

1. Os alumnos que acadaran o título de graduado en educación secundaria poderán acceder, sen necesidade de trámite previo ningún, á formación profesional de segundo grao nas mesmas condicións académicas que os que están en posesión do título de técnico auxiliar correspondente á formación profesional de primeiro grao.

2. Os alumnos que teñan superadas tódalas materias correspondentes ó primeiro curso de calquera modalidade do novo bacharelato poderán acceder á formación profesional de segundo grao, logo de solicitude á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros de acordo co disposto no punto segundo desta resolución. Se o alumno fora autorizado a incorporarse á formación profesional de segundo grao o fará nas mesmas condicións académicas que os que están en posesión do título de bacharel a que conducen as ensinanzas do bacharelato unificado e polivalente. Para tal fin deberán solicitar, a través do centro no que se matriculen, a expedición do correspondente título segundo o procedemento establecido no apartado 4 do punto quinto desta resolución.

Noveno.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptarán as medidas oportunas para garanti-lo cumprimento do disposto na presente resolución.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 1996.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros

6402