Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Xoves, 05 de setembro de 1996 Páx. 8.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de agosto de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de balnearios.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa Comunidade Autónoma sendo claro exemplo diso o gran número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo cede terreo claramente ó turismo denominado de sol e praia producíndose, nalgúns casos, o peche de establecementos ou nos casos máis favorables unha existencia de mera supervivencia.

Pero desde non hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia non é allea a este fenómeno, de feito, a nosa oferta turística balnearia está a producir uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben de ser mellorados para ser acordes coas demandas dos usuarios.

Por todo isto, considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-los balnearios é polo que con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaria Xeral para o Turismo, aprobados para esta finalidade polo Parlamento de Galicia seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo de Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora dos balnearios e polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Secretaria Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1996, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determine o Código Civil) de establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e ó teren as ditas subvencións carácter plurianual observarase o que dispón o artigo 36.2º B) 2 f) da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do presente exercicio.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á modernización e posta en valor dos bal-

nearios. Abarca o obxecto da subvención tanto a remodelación e recuperación dos balnearios así como a substitución dos seus equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se subvencionen terán que comenzarse durante o ano 1996 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

2. Se é o case, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/l992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

3. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

4. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a 20.000.000 (vinte millóns) de pesetas non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

5. Os establecementos para o que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se prevén nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica máxima de ata o 50% sobre o investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo, maila documentación que a seguir se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas ná Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Ofcial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF, segundo corresponda.

d) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención, se é ó case.

e) 1. Proxecto básico, asinado por técnico facultado, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo será preceptivo remiti-lo dito proxecto coas condicións sinaladas neste parágrafo cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa seguridade del ou da dos seus usuarios.

2. Memoria explicativa, asinada por técnico facultado, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento ou á execución dun proxecto de decoración sempre e cando éste non se atope vinculado coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50 cando o investimento afectase á distribución ou uso das instalacións existentes.

f) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de face-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, que o investimento non precisa a sinalada licencia urbanística.

g) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que solicita subvención.

h) Documento acreditativo de inscrición do establecemento para o que se solicita a subvención no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

2. Os interesados, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, emendarán os defectos dos expedientes de solicitude de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas da documentación que se require nesta orde faranse nos correspondentes servicios provinciais de turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, logo de emitido un certificado expedido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo por cada expediente, no que se deberá indicar que este se axusta ós requisitos esixidos na convocatoria, serán estudiadas en cada provincia por unha comisión provincial de valoración constituída, cada unha delas, polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais o xefe do servicio provincial de turismo correspondente, os xefes dos servicios de supervisión de proxectos e contratación, de ordenación do turismo e de fomento promoción da Secretaría Xeral para o Turismo así como un representente da delegación provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe do servicio provincial de turismo correspondente.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-A oferta de servicios existente no establecemento máis a proxectada.

-O mantemento e xeración de postos de traballo.

-O estado actual das instalacións obxecto de modernización.

-A localización do establecemento atendendo á demanda turística na súa zona de influencia.

2. Cada comisión provincial de valoración, á vista dos expedientes e dos certificados expedidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos, e redactará a correspondente acta que se lle remitirá á comisión de selección de proxectos.

3. A comisión de selección de proxectos, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes dos servicios de supervisión de proxectos e contratación e de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo, á vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas respectivas comisións provinciais de valoración e tendo en conta as disposicións orzamentarias, elevaralle ó respectivo delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión ou denegación de subvención. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe do servicio de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo.

4. Polo correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola Comisión de selección de proxectos, dictaranse, logo de fiscalización, as correspondentes resolucións de concesión de subvencións nas que se determinará a plurianualización do importe da subvención concedida, con cargo ós orzamentos xerais de Galicia para 1996, 1997 e 1998. Así mesmo, o antedito órgano tamén dictará as resolucións de denegación.

5. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

A) Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se, transcorridos os sinalados quince días, non se fisexe manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

B) Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo dun mes desde a aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán no Servicio Provincial de Turismo correspondente a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada, co informe favorable polo xefe do Servicio de Contratación e Supervisión da Secretaría Xeral para o Turismo, cando coa solicitude se precisase proxecto básico.

b) Plan de execución anual do investimento que ten que ser conforme, en canto a periodificación e cantidades da execución do investimento subvencionado, ó determinado na resolución de concesión da subvención.

c) No caso de que o beneficiario fose persoa xurídica documento acreditativo da súa constitución.

Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que se formule pola comisión de selección de proxectos, poderá concederlles subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas na virtude da presente orde terán como datas límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co plan de execución anual do investimento, as seguintes:

Fase de 1996: 15 de decembro de 1996.

Fase de 1997: 15 de novembro de 1997.

Fase de 1998: 30 de xuño de 1998.

2. O investimento xustificado debérá coincidir co que sirviu de base para a concesión de subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios achegaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Factura e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial relativa á obra executada coa súa valoración e no caso de obra rematada achegarase tamén certificado de fin de obra, visado polo

colexio oficial no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacions previstas no artigo 5º.1 e) 1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable fose relativo á adquisición de equipamento ou á execución dun proxecto de decoración (accións previstas no artigo 5º.1 e) 2º da presente orde) deberase remitir ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relatives ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberase especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión da subvención corresponde.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisara e non se achegara coa solicitude de subvención. O dito documento é preceptivo entregalo coa derradeira solicitude de cobramento, aínda que de achegalo con solicitudes de cobramento anteriores exime de presentalo na derradeira.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e a da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social. Así mesmo deberase acreditar documentalmente estar ó día no imposto sobre actividades económicas ou, no seu defecto, certificación municipal acreditativa de non estar ó cobramento o mesmo e neste caso tamén se deberá achegar certificación na que se indique que o beneficiario da subvención está de alta no padrón do sinalado imposto.

Por outra banda cando se solicite o pagamento das subvenciones concedidas para as anualidades de 1996 e 1997, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, deberase remitir tamén, a documentación á que se fai referencia no artigo 36.2º.B) 2 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 (DOG nº 249, do 30-12-1995).

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996 e nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das feses do procedemento determinado na presente orde poderanlle solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleíro da Presidencia e Administración

Pública