Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Martes, 03 de setembro de 1996 Páx. 8.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Fertilizantes Orgánicos de Galicia, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo Fertilizantes Orgánicos de Galicia, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-5-1996, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa o 7-5-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo,

sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 12 de xuño de 1996.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do ano 1996 da empresa Fertilizantes Orgánicos de Galicia, S.A. (Ferogasa)

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta á empresa Ferogasa, nos seus servicios de recolla de lixo, limpeza pública viaria e explotación das plantas de tratamento e de eliminación de residuos na Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos dentro do ámbito deste convenio tódolos traballadores que presten os servicios anteriormente citados na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP, que os seus efectos económicos se retrotraerán ó día primeiro de xaneiro de 1996. A súa duración será dun ano por tácito asentimento; en caso contrario, a súa denuncia farase con dous meses de anticipación á data de terminación da vixencia.

Artigo 4º

Respectaranse as situacións persoais que sexan máis beneficiosas cás fixadas neste convenio, manténdose o dito respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º

O acordado neste convenio regula con carácter preferente e prioritario situacións entre empresa e traballadores en tódalas materias comprendidas no seu contido, mesmo naquelas das que se pacta unha regularización distinta á establecida na ordenanza laboral e outras normas legais.

En todo o non previsto neste convenio serán de aplicación a ordenanza de traballo para a limpeza pública, regas, recolla de lixo e limpeza e conservación da rede de sumidoiros e demais disposicións de carácter xeral.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ámbalas partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal eles poidan corresponder ós organismos competentes.

4. Vixilancia e cumprimento do pactado.

A comisión comporase dun presidente, que poderá se-lo do convenio, e que actuará como mediador, con voz pero sen voto, e de seis vocais, por cada parte, de entre os que actuaran na liberación do convenio. O presidente levantará acta dos acordos e resolucións que adopte a comisión, que deberá ser asinada polos señores que interveñan. Poderase nomear un asesor ou experto por cada representación, aínda que non terán dereito a voto.

A comisión, en primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais, e en segunda, que se celebrará o día hábil seguinte, actuará cos que asistan, na que terán voto unicamente en número paritario os vocais presentes, sexan titulares ou suplentes. A comisión reunirase por instancia de calquera das partes, póndose de acordo os vocais co presidente sobre o lugar, día e hora da reunión. Ámbalas partes conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse como consecuencia da interpretación do convenio.

Artigo 7º.-Retribucións.

Salario base: será o que recolle a táboa salarial do presente convenio.

Plus de antigüidade: durante 1996 en concepto de antigüidade aboaráselles a tódolos traballadores con categoría de peón o bienio a 100 ptas./ día e o quinquenio a 149 ptas./día, e ó resto das categorías o bienio a 102 ptas./día e o quinquenio a 150 ptas./día.

O período de antigüidade máximo computable será de 3 bienios e 2 quinquenios.

Plus de nocturnidade: o plus de nocturnidade aboaráselles ós traballadores con categoría de peón a razón de 365 ptas. e o resto das categorías a razón de 372 ptas. por día traballado no que concorra tal circunstancia.

Plus de compensación: este plus aboarase como compensación ós traballadores de taller e persoal de oficina na cantidade de 9.608 ptas. mensuais.

Domingos e festivos: As semanas nas que se traballe en domingos ou festivos o descanso será de dous días por día traballado e desfrutarase acumulando as fraccións, sendo os descansos correlativos.

Plus de toxicidade: será de 15.528 ptas./mes para a categoría de peón; 16.274 ptas./mes para a categoría de conductor e 16.013 ptas./ mes para o resto das categorías.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

O tempo traballado que, por algunha necesidade imperiosa, supere a xornada normal e legal de traballo

diaria poderá ser acumulado para efectos de desfrutalo como descanso adicional, en cómputo dunha xornada, avisando coa maior anticipación posible á empresa.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de verán e nadal aboaranse cada unha a razón de 30 días de salario base máis antigüidade. A paga de beneficios será de 15 días de salario base máis antigüidade. As pagas extras devengaranse día a día e non se devengarán as ausencias inxustificadas nin nos casos de ILT.

Artigo 10º.-Axudas de custo.

O importe das medias axudas de custo fíxase en 1.039 ptas. para os peóns e 1.047 ptas. para o resto das categorías.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

En aplicación da Lei 4/1983, a xornada de traballo semanal será de 40 horas. É facultade da empresa o cambio de calquera traballador á quenda en que fose necesario por razóns do servicio, dada a modalidade de servicio público da empresa.

Artigo 12º.-Vacacións.

Establécese un período de vacacións anual de 30 días naturais para cada traballador, que serán aboados a razón do salario base fixado neste convenio máis antigüidade e plus de nocturnidade e toxicidade, se é o caso, correspondente ós días que, se estivese traballando, percibiría o traballador.

Artigo 13º.-Excedencias.

Todo traballador cun ano de antigüidade na empresa poderá solicitar excedencia voluntaria por un prazo superior a seis meses e inferior a 5 anos. Se se cumpren as condicións anteriores, a empresa estará obrigada a concede-la excedencia solicitada sempre que os traballadores que nese momento estean en tal situación non alcancen o 5% do cadro de persoal. Para o reingreso aplicarase o disposto no artigo 89 da ordenanza de traballo.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a licencias retribuídas en calquera dos casos seguintes:

A) Quince días naturais en caso de matrimonio.

B) Tres días en caso de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento dun parente ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador, con tal motivo, necesite facer un desprazamento, o prazo será de 5 días.

C) Dous días por traslado do domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público.

Artigo 15º.-Licencias sen soldo.

A empresa concederalle ós traballadores que o soliciten, logo de xustificación, ata dez días de permiso sen soldo ó ano. Terase que avisa-la empresa cunha semana de anticipación, se ben se convén en que non poderán estar nesta situación máis de dous traballadores ó mes.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por ILT derivada de accidentes de traballo, e cando a dita situación supere os 15 días, a empresa aboaralle ó traballador que se encontre en tal situación o complemento necesario para que este perciba o total dos emolumentos que neste convenio se fixarán: salario base, antigüidade e pluses correspondentes ós días que, se estivese traballando, percibiría o traballador. O aboamento suplementario de referencia comezará a partir do día seguinte ó de cumprirse os primeiros 15 días da dita situación e por un prazo máximo dun ano.

No curso da hospitalización dun traballador, xa sexa derivada de enfermidade común ou accidente, a empresa complementará durante este período a diferencia necesaria para que este reciba o total dos emolumentos, do mesmo xeito que se establece no parágrafo anterior.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

En caso de falecemento por accidente laboral os beneficiarios do traballador percibirán a cantidade de 600.000 ptas. A dita cantidade será de 300.000 ptas. se a morte se produce por accidente non laboral ou morte natural. Para isto a empresa procederá a subscribir unha póliza de seguros de vida que cubra tales continxencias no prazo dun mes contado a partir da data de sinatura do presente convenio.

Artigo 18º

O período de proba para o persoal de ingreso das categorías de peóns, conductores, persoal de taller, será de 15 días, sendo un mes para o resto do persoal.

Artigo 19º

As ferramentas e roupa de traballo seranlles entregadas ós traballadores nas horas de traballo.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

A empresa facilitaralles ós traballadores algún local dos existentes no seu recinto para que estes se poidan reunir en asemblea, logo de lle comunicar á empresa. Así mesmo autorizará as ditas asembleas nas condicións citadas.

Artigo 21º.-Descontos de cotas sindicais.

A requirimento dos traballadores, a empresa deixará de descontar da nómina mensual o importe da cota sindical correspondente.

Artigo 22º.-Garantías no traballo.

Todo conductor ou traballador, se for o caso, que, conducindo un vehículo da empresa, cometese unha infración que carrexase a retirada do carné de conducir, terá dereito a desempeñar sen perda de categoría laboral o posto que eventualmente lle puidese asigna-la empresa.

Artigo 23º.-Xubilación especial ós 64 anos.

No suposto de que os traballadores, acolléndose ó Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, opten pola modalidade especial de xubilación ós 64 anos, a empresa, polo presente convenio, obrígase a substituír simultaneamente o xubilado por outro traballador titular do dereito a calquera das prestacións por desemprego ou xove demandante de primeiro emprego. A xubilación será forzosa ós 65 anos para todo o persoal.

Artigo 24º

O convenio colectivo desta empresa recollerá os incrementos da masa salarial sobre a correspondente a 1995 dun 5,3% para tódalas categorías.

Táboa salarial

CategoríasMensualAnual

Xefe de administración120.4181.746.060
Of. 2ª administración96.8851.404.839
E. xeral100.7031.460.188
Subencargado97.9981.420.976
Ins. distrito95.9411.391.148
Capataz de limpeza92.2711.337.927
Xefe taller97.9941.420.912
Oficial de 1ª95.1651.379.889
Oficial de 2ª93.6851.358.438
Oficial de 3ª92.2731.337.378
Conductor95.2121.380.580
Peóns89.3771.295.964
Peón responsable92.2711.337.927

96-6374