Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 02 de setembro de 1996 Páx. 8.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial dos traballadores/as do Concello de Allariz de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial dos traballadores/as do Concello de Allariz (código nº 3200812) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Administración e da parte social polos delegados de persoal, en representación dos traballadores, en xuntanza celebrada o 11 de marzo de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de maio de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo traballadores/as Concello de Allariz

Capítulo I

Ámbito e garantías

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio aplicarase ó persoal laboral fixo e temporal. No caso dos funcionarios seralles de aplicación todo o que non supoña mingua das condicións e dereitos que teñen recoñecidos por lei.

Artigo 2º.-Período de vixencia.

Entrará en vigor o día seguinte ó da súa ratificación polas partes asinantes e a súa vixencia será

ata o día 31 de decembro de 1996. Considerarase prorrogado tacitamente de ano en ano de non mediar denuncia de calquera das partes con dous meses de antelación.

Artigo 3º.-Consideracións xerais.

O presente convenio queda subordinado a calquera disposición de rango superior da que se deriven efectos máis favorables para os empregados públicos.

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que, directa ou indirectamente, afecten as condicións de traballo do persoal do concello e particularmente: retribucións, oferta de emprego, cadros de persoal e relacións de postos de traballo, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión de servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene e dereitos sindicais e de participación.

Artigo 4º.-Comisión de interpretación e seguimento.

No prazo máximo de dous meses desde a aprobación do acordo constituirase unha comisión paritaria de seguimento e interpretación composta por un máximo de 8 membros que representarán a partes iguais á corporación e ós traballadores. Na súa primeira reunión designará un presidente e un secretario.

A comisión reunirase como mínimo unha vez cada seis meses e sempre que unha das partes o solicite cunha antelación de 72 horas, e encargarase do seguimento, interpretación e actualización do presente convenio así como da conciliación nos problemas colectivos.

As funciósn desta comisión non impedirán, en ningún caso, o libre exercicio da xurisdicción administrativa ou contenciosa previstas no ordenamento xurídico.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 5º

De acordo coa lexislación vixente, a organización do traballo correspóndelle á alcaldía que poderá delegalas súas competencias. Cando se deriven especiais repercusións para as condicións de traballo dos empregados públicos, negociarase cos representantes legais dos traballadores.

Artigo 6º.-Clasificación profesional.

Ten por obxecto a determinación das diferentes categorías profesionais en que poden ser agrupados os traballadores de acordo coa titulación ou formación esixida, o posto de traballo e as funcións que efectivamente desenvolvan.

Capítulo III

Ingreso, promoción e provisión de postos

Artigo 7º

a) Dentro do mes seguinte á aprobación dos orzamentos municipais, o concello fixará a súa oferta de emprego pública, que será negociada cos delegados sindicais dos traballadores.

b) O ingreso no concello realizarase por calquera dos sistemas establecidos pola lexislación vixente.

Os delegados sindicais dos traballadores designarán un vocal nos tribunais de selección que actuarán con voz e voto, debendo ser de igual ou superior categoría á da praza convocada.

c) O sistema de provisión de postos de traballo será o de concurso ou concurso-oposición segundo a lei. Os baremos que se van utilizar serán aprobados polo órgano competente e deberán conte-los seguintes criterios: méritos académicos e profesionais, antigüidade.

c) Para as contratacións de carácter temporal elaboraranse, no prazo de 3 meses, unhas bases de contratación que deberán ser negociadas cos representantes sindicais.

Capítulo IV

Xornada, descanso

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

Establécese con carácter xeral unha xornada de traballo de trinta e sete horas e media semanais coa aspiración de acadar a medio prazo a xornada de trinta e cinco horas.

A xornada realizarase preferentemente, e sempre que o servicio o permita, de luns a venres. De acordo coa natureza das funcións estableceranse negociadamente cos representantes legais dos traballadores as quendas e distribucións horarias que mellor resolvan as necesidades dos diferentes servicios.

Artigo 9º.-Descanso.

Todo traballador municipal terá dereito a desfrutar dun descanso de vinte minutos durante a súa xornada diaria, que se computará para tódolos efectos como tempo traballado.

Por cada período semanal de traballo desfrutarase como mínimo, de día e medio de descanso ininterrompido, preferentemente na tarde do sábado e domingo. O descanso entre xornada e xornada será, como mínimo, de doce horas.

A xornada do traballador con fillos de ata nove mese de idade reducirase nunha hora e media diaria desfrutada, se é o caso, por un só dos cónxuxes.

Artigo 10º.-Horas extraodinarias.

Teñen tal consideración as realizadas fóra da xornada habitual e procurarase a súa reducción ó mínimo imprescindible. En todo caso, responderán sempre a necesidades en períodos punta de traballo, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da acti

vidade e, salvo causas de especial urxencia, non poderán exceder de 70 horas anuais.

A súa contía determinarase por acordo anual e, en todo caso, poderán ser compensadas coa diminunción da xornada equivalente.

Capítulo V

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 11º.-Vacacións.

As vacacións anuais terán unha duración dun mes natural ou trinta días, podendo desfrutarse en dous períodos de 15 días, e preferentemente entre os meses de xuño e setembro. A organización do período vacacional, que deberán realizarse no primeiro trimestre de cada ano, garantirá a prestación dos diferentes servicios, a rotación entre traballadores no seu desfrute e a atención a circunstancias persoais particulares (fillos en idade escolar, etc.).

Artigo 12º.-Permisos e licencias.

Retribuídos.

a) Por cumplimento de deber público persoal e inexcusable, o tempo requirido.

b) Por casamento, 20 días e 5 en caso de separación ou divorcio.

c) Por nacemento ou adopción dun fillo, 4 días.

d) Por asistencia a exames, 1 día.

e) Por maternidade, 145 días.

f) Por enfermidade grave ou falecemento dun familiar, ata 3 días en función do grao de consanguinidade ou afinidade.

g) Por asistencia a consulta médica, o tempo necesario.

En todos estes supostos deberá presentarse xustificación documental.

h) Por asuntos propios, 9 días hábiles. Sen prexuízo das necesidades do servicio estes días poderán distribuírse á conveniencia do traballador pero non poderán, en todo caso, acumularse ó período vacacional.

Tódolos permisos deberán solicitarse, excepto casos de forza maior, cunha antelación mínima de dous días e entenderanse concedidos por días naturais.

Non retribuídos.

A petición do persoal, e coa conformidade do responsable do servicio, poderán concederse permisos non retribuídos por un período máximo dun mes ó ano no que se conservarán tódolos dereitos laborais, excepto a percepción do salario e devengo da antigüidade.

Artigo 13º.-Excedencias.

Regularanse conforme a lexislación vixente.

Capítulo VI

Dereitos sociais

Artigo 14º

O concello formalizará un seguro que cubra as posibles responsabilidades civís do seu persoal polos actos que realicen no exercicio das súas funcións como empregados públicos. Subscribirá, así mesmo, unha póliza colectiva que cubra os riscos de morte ou incapacidade permanente absoluta por causa de accidente laboral nun mínimo de 2,5 millóns e 5 millóns de pesetas respectivamente.

Estudiarase a conveniencia de asinar unha proposta de asociación cunha mutua privada para a cobertura sanitaria das incapacidades temporais.

Artigo 15º

O concello prestará asesoramento e defensa xurídica ós traballadores municipais cando sexan obxecto de actuacións xudiciais como consecuencia do desempeño da súa función como persoal do concello asumindo os custos e gastos que se deriven excepto nos casos en que a sentencia recoñeza dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe por parte do traballador.

Capítulo VII

Seguridade e hixiene

Artigo 16º

O traballador ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo. Así mesmo, deberá observar e pór en práctica as medidas de prevención do seu centro de traballo.

O concello proporcionará uniforme de traballo en concordancia co posto ou función que se realice.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 17º

Regularase de acordo co recollido no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Capítulo IX

Retribucións

Artigo 18º

Establécese para o exercicio 1996 a seguinte táboa salarial, que regula os mínimos salariais en cada unha das categorías nas que se deberán adscribi-lo conxunto de empregados municipais.

O persoal que no momento da sinatura do convenio perciba retribucións superiores ós mínimos establecidos manterá o nivel actual.

Persoal laboral.

Grupo / categoría / salario base mensual

1 / Titulados superiores / 175.000 pesetas

2 / Diplomados / 145.000 pesetas

3 / Encargados / 140.000 pesetas

4 / Oficiais de 1ª / 113.000 pesetas

5 / Peóns / 103.000 pesetas

6 / Non cualificados / 70.639 pesetas

Artigo 19º.-Antigüidade.

Establécese para os contratados laborais fixos e determinarase por bienios. A súa contía será igual para tódalas categorías.

No ano 1996 a contía do bienio será: 3.150 pesetas/mes.

Artigo 20º.-Funcionarios.

As retribucións dos funcionarios municipais rexeranse polo establecido con carácter xeral para a función pública.

Artigo 21º.-Incrementos salariais.

O incremento do IPC anual será de aplicación a tólolos traballadores municipais con efectos do 1 de xaneiro de cada ano.

Sempre que o incremento do IPC ó final do ano supere o incremento experimentado polas retribucións do persoal ó comezo do ano, procederase a unha revisión salarial na contía do diferencial rexistrado.

Artigo 22º.-Incapacidade laboral transitoria.

O concello garantirá a percepción do 100% do salario nas baixas laborais estando obrigado a someterse ós controis médicos que se consideren convenientes por parte da corporación e a facilita-las visitas médicas.

Capítulo X

Dereitos sindicais

Artigo 23º

No que se refire ós dereitos sindicais dos traballadores haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdades sindicais.

Artigo 24º

Os representantes legais dos traballadores, ademais do xa recollido anteriormente, serán informados de:

-Expedientes e sancións disciplinarias.

-Cambios de horario e reorganizacións do cadro de persoal.

-Asignación de complementos, gratificacións e horas extraordinarias.

9604291