Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 21 de agosto de 1996 Páx. 7.843

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 22 de xullo de 1996 pola que se regula o servicio de axuda no fogar.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º en relación co artigo 148.1º 20 da Constitución española, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Con base nesta atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, pola que se regulan os aspectos básicos dos servicios sociais en canto sistema integrado e servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia estructurado en dous niveis de atención (primaria e especializada) en función da territorialidade, intensidade, complexidade e especificidade da prestación.

A Lei 4/1993 establece no seu artigo 21 que lles corresponde ós concellos a competencia para a creación e xestión dos servicios sociais de atención primaria; e no artigo 26 sinala que a Administración autonómica ten competencia para a planificación e programación xeral dos servicios, así como para a ordenación e coordinación do sistema de servicios sociais.

En consecuencia, como desenvolvemento da lei, o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regula os servicios sociais de atención primaria, en particular o contido dos programas propios deste primeiro nivel de atención, de forma que se garanta a atención básica e xeneralizada na totalidade do territorio autonómico cuns contidos mínimos na prestación dos servicios a tódolos cidadáns.

Unha das prestacións básicas dos servicios sociais de atención primaria é a axuda no fogar, e para que sexa homoxéneo o servicio en toda a comunidade cómpre unha normativa máis concreta e específica, que conteña os principios básicos da ordenación do servicio, que sexa aplicable ós múltiples e diversos núcleos de poboación existentes na Comunidade Autónoma, nos que cada un ten unhas características determinadas, segundo se trate de núcleos urbanos, rurais, de alta montaña ou de zona marítima, e incluso dentro destes, cada un coas características propias da zona.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

É obxecto da presente orde o desenvolvemento do programa de axuda no fogar regulado no Decreto 240/1995, do 28 de xullo, de atención primaria.

Artigo 2º

O programa de axuda no fogar ten por obxecto prestarlles un conxunto de atencións desde unha perspectiva integral e normalizadora ós cidadáns no seu domicilio, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia e evitando así a súa posible institucionalización.

A axuda no fogar terá a consideración de prestación básica de servicios sociais de atención primaria inserta no sistema integrado de servicios sociais, de carácter complementario e transitorio, que non exime a familia das súas responsabilidades, con planificación, coordinación e control público, que a través de persoal cualificado e supervisado presta, a nivel preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador, unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico, a familias e persoas con dificultades para procura-lo seu benestar físico, social e psicolóxico, proporcionándole-la posibilidade de continuar no seu contorno natural, mentres isto sexa posible e conveniente.

Artigo 3º

O servicio de axuda no fogar debe ofrecerlles unha atención integral e polivalente ós usuarios, que

abarque diferentes necesidades do individuo, apoiando e estimulando os aspectos da relación humana, a autoestima e a mellora das condicións de vida. Tódalas intervencións que se fagan neste ámbito terán un carácter preventivo, educativo e rehabilitador.

A variedade de prestacións que se ofrecen desde o servicio de axuda no fogar concretaranse nas seguintes atencións:

1. Atencións de carácter persoal:

Engloban todas aquelas actividades que se dirixen ó usuario do servicio cando este non poida realizalas por si mesmo ou cando precise:

-Apoio no aseo e coidado persoal co obxecto de mante-la hixiene corporal.

-Axuda para comer.

-Supervisión, se procede, da medicación simple prescrita por persoal facultativo e do estado de saúde para a detección e comunicación de calquera cambio significativo.

-Apoio á mobilización dentro do fogar.

-Compañía.

-Acompañamento fóra do fogar para a realización de diversas xestións tales como visitas médicas, tramitación de documentos e outras análogas.

-Facilitación de actividades de ocio no fogar mediante a entrega de material para a realización de traballos manuais, así como prensa, revistas, libros, ou similares.

-Outras atencións de carácter persoal non recollidas nos apartados anteriores, que poidan ser incluídas con carácter específico para acada-la finalidade deste servicio.

2. Atencións de carácter psicosocial e educativo:

Refírense ás intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ó desenvolvemento das capacidades persoais, a afectividade, a convivencia e a integración na comunidade onde se desenvolva a vida do usuario, así como o apoio á estructuración familiar.

3. Atencións de carácter doméstico:

Enténdense como tales aquelas actividades e tarefas que se realicen de forma cotiá no fogar referidas a:

-A alimentación. Comprenderá, entre outros, os labores de compra e preparación de alimento no fogar.

-A roupa. Comprenderá as funcións de lavala, pasarlle o ferro cosela, ordenala, mercala, e outras análogas.

-A limpeza e o mantemento da vivenda así como a realización de pequenas reparacións e outras tarefas que non impliquen a participación de especialistas.

Todas elas terán un carácter excepcional e complementario das propias capacidades do usuario ou doutras persoas do seu contorno inmediato.

Para a realización destas actuacións o usuario deberá dispor ou proverse dos medios necesarios. No seu defecto, os servicios sociais competentes poderán xestiona-los recursos adecuados para que as ditas atencións poidan ser realizadas convenientemente, tales como servicio de comidas a domicilio, lavandería e determinados equipamentos.

4. Atencións de carácter técnico e complementario:

Refírense a xestións ou actuacións que poidan ser necesarias, ben para a posta en funcionamento do servicio, ben para que continúe en condicións axeitadas, ou para permitir, co apoio de novas tecnoloxías, unha atención inmediata en situacións de crise ou emerxencia, tales como a teleasistencia e outras actuacións encamiñadas á adecuación funcional do fogar.

Artigo 4º

O servicio de axuda no fogar estará dirixido a toda a poboación, pero terá como obxecto prioritario de atención aqueles cidadáns que polas súas eivas físicas ou mentais, socioeconómicas ou familiares teñan seriamente limitada a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social, e que precisen algunha das atencións descritas no artigo anterior, sempre e cando este sexa o recurso axeitado segundo a valoración dos profesionais dos servicios sociais de atención primaria.

Poderán ser potenciais usuarios os seguintes:

-Familias ou persoas que presentan disfuncións que poidan ser susceptibles de mellora cunha adecuada atención a domicilio.

-Persoas maiores, con certo nivel de dependencia, que non teñan ninguén que os atenda suficientemente e que, con esta axuda, poidan continuar vivindo no seu fogar.

-Persoas con minusvalidez ou incapacitadas ás que a axuda no fogar lles poida favorece-la súa autonomía.

-Persoas afectadas por unha lesión, enfermidade física ou mental ou por outros motivos que lles fagan precisar de axuda.

-Menores ós que haxa que coidar ou atender por ausencia dos pais ou titores, ou cando estes, por circunstancias provisionais de enfermidade ou outros motivos suficientemente xustificados, non poidan exerce-las súas funcións.

-Colectivos específicos que presenten situacións de risco e exclusión social.

En xeral, cando exista unha situación de desatención social ou familiar, avaliada tecnicamente, que xustifique a intervención do servicio.

Artigo 5º

No desenvolvemento da prestación deste servicio intervirán, nun primeiro nivel, os traballadores sociais dos servicios sociais de atención primaria, que desempeñan un labor de carácter técnico (diágnostico, seguimento, avaliación) en coordinación cos profesionais do propio equipo ou en colaboración cos doutros servicios ou programas que pertenzan a estes servicios sociais ou a outros sevicios de protección social. Nun segundo nivel intervirán os auxiliares de axuda no fogar como profesionais que se encargan da execución.

Entre os dous niveis estableceranse liñas de coordinación, así como entre estes e o voluntariado, o cal poderá colaborar de forma complementaria.

Artigo 6º

O persoal que pode intervir no servicio de axuda no fogar estará composto por profesionais e voluntarios e as súas funcións e tarefas serán as seguintes:

-Traballador social, como profesional que recibirá a demanda, fará o estudio e valoración da situación presentada, deseñará o proxecto de intervención adecuado a ela e será responsable do seu seguimento e avaliación.

As súas funcións e tarefas concretas serán:

1. Estudio e valoración das necesidades e recursos da comunidade.

2. Programación e avaliación xeral do servicio, no marco da programación xeral dos servicios sociais municipais.

3. Difusión e información sobre o servicio.

4. Estudio das demandas de información e atención dos solicitantes, valoración da situación, deseño da proposta de intervención, cos obxectivos e a estratexia que cómpre seguir, mobilizando asignando os recursos necesarios.

5. Estímulo das responsabilidades dos familiares como coidadores primarios e fomento da autoestima dos usuarios.

6. Asignación e supervisión de tarefas.

7. Formulación de propostas de ampliación, reducción ou suspensión do servicio se fose necesario.

8. Apoio e promoción da formación-reciclaxe do persoal relacionado co servicio.

9. Avaliación e seguimento dos casos atendidos.

10. Coordinación do servicio con asociacións, institucións, profesionais e voluntariado.

-Auxiliar de axuda no fogar, como profesional que realizará tarefas de carácter asistencial e educativo en contacto directo co usuario do servicio, a súa familia e o seu contorno.

As súas funcións e tarefas concretas serán:

a) Funcións:

1. Asistenciais, de atención persoal e doméstica.

2. De orientación en actividades da vida cotiá, favorecendo unha normalización no funcionamento do fogar.

3. Educativas, potenciando o protagonismo do usuario, non substituíndoo naquelas tarefas que poida realizar por si mesmo e facilitándolle as canles de comunicación co seu contorno.

4. De colaboración co traballador social na coordinación e avaliación do servicio.

b) Tarefas:

As necesarias para levar a cabo as funcións anteriormente enumeradas, establecidas e supervisadas en cada caso polo profesional ou equipo responsable do servicio.

Este persoal será formado previa e especificamente para o desenvolvemento das súas funcións e tarefas, establecendo posteriormente un sistema de xuntanzas periódicas de avaliación e formación, nas que se lles vaian dando resposta a problemas concretos que presente o servicio.

-Outros, profesionais coordinados cos traballadores sociais, tales como educador familiar ou psicólogo e profesionais doutros servicios que colaboren co servicio de axuda no fogar.

Nas funcións que, en rigor, corresponden ó campo sanitario tales como curas persoais, inxeccións, sondaxes, podoloxía e todas aquelas referentes á saúde, será precisa unha estreita colaboración sociosanitaria, coordinando o servicio de axuda no fogar cos servicios sanitarios de coidados a domicilio desenvolvidos desde o centro de saúde, hospital ou servicios sanitarios correspondentes.

-Voluntarios, son aquelas persoas que actúan de forma solidaria, sen expectativas de remuneración económica e dentro do programa de intervención correspondente, complementando de forma coordinada as funcións e tarefas do persoal anteriormente relacionado. Dado o seu carácter de relación interpersoal, de diversidade, de flexibilidade de horarios e dispoñibilidade de tempo libre, as tarefas que poderán desempeña-los voluntarios serán as de compañía, fomento de relacións e comunicación e ocupación do tempo libre, tanto dentro coma fóra do fogar, e outras que contribúan ó fomento da autoestima. A tal fin deberán ser formados convenientemente.

Sen prexuízo da axuda prestada polas redes de solidariedade primaria (familiares, veciños e amigos) cómpre unha actuación organizada do voluntariado, a través dun programa de traballo continuo e estable, cuns obxectivos claros e previamente establecidos en concordancia cos dos profesionais.

Artigo 7º

Os usuarios do servicio así como os distintos profesionais e voluntarios implicados nel deberán:

-Respecta-las normas e condicións establecidas, mediante acordo escrito, no momento da concesión do servicio, como contido esencial del, tales como tarefas que se van realizar, horarios, período de duración, achega económica ou similares.

-Comunica-las causas que se poidan producir que dean lugar a modificacións na prestación do servicio.

-Respecta-la intimidade do usuario e garda-la debida confidencialidade.

O usuario comprometerase ademais a que se realice o seguimento e control do desenvolvemento do servicio polo equipo técnico de servicios sociais da entidade local, sempre que se garanta o cumprimento do establecido na presente orde.

Artigo 8º

Sen prexuízo do carácter público da planificación, coordinación e control do servicio de axuda no fogar expresado no artigo 2º, a xestión e maila execución poderase realizar segundo dúas modalidades:

1. Asunción pola entidade local de tódalas responsabilidades, incluíndo a xestión e execución do servicio, achegando os recursos materiais e persoais necesarios para levalo a cabo.

2. Con financiamento público e planificación, coordinación e control da entidade local, realizándose a execución a través de entidades privadas (ONGs, cooperativas, empresas e outras asociacións) mediante convenios ou as fórmulas previstas na Lei de contratos das administracións públicas.

Artigo 9º

O acceso ó servicio tramitarase ante as entidades locais, ás que lles corresponderá:

-Recepción da demanda e información sobre o servicio.

-Presentación da solicitude en impreso oficial xunto coa documentación que proceda.

-Valoración técnica da necesidade e proposta de intervención.

-Resolución polo órgano competente.

-Comunicación ó interesado da resolución adoptada, especificando a intervención que proceda.

-Formalización por escrito entre as partes das condicións da prestación do servicio.

Este procedemento poderá abreviarse cando unha situación reciba a consideración de urxente, sendo esta a que requira unha resposta inmediata a unha circunstancia excepcional. A súa xustificación estará motivada por presentarse a necesidade de forma imprevista e súbita ou en situacións de alto risco, e terá validez só mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta levará consigo

a extinción do carácter urxente do caso e pasará ó proceso ordinario de resolución da petición.

Artigo 10º

Son causas de extinción do servicio de axuda no fogar as seguintes:

-Renuncia do usuario.

-Ingreso con carácter definitivo en centro residencial.

-Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.

-Falecemento do usuario.

-Incumprimento dos requisitos establecidos para a prestación do servicio, tales como trato inaxeitado do usuario cara ó auxiliar, falta de colaboración do usuario no desenvolvemento do servicio, imposición de tarefas ó auxiliar por parte do usuario que non lle correspondan ou similares.

-Desaparición das causas que motivaron a prestación do servicio.

Artigo 11º

Os criterios para a concesión do servicio, que serán desenvolvidos polas entidades locais, deberán basearse en indicadores flexibles que permitan considera-la valoración de necesidades realizadas polo profesional, arredor de:

-Autonomía persoal para a realización de actividades da vida cotiá (alimentación, hixiene persoal, labores domésticos) puntuando niveis de dependencia ou necesidades derivadas de deficiencias de saúde física ou mental.

-Situación socio-familiar, establecendo os graos en que a familia e outras persoas do contorno do posible usuario o axuden ou o poidan axudar.

-Situación socioeconómica da unidade de convivencia, tomando como base a renda dispoñible mensual, entendendo por esta a cantidade resultante de restar dos ingresos da unidade de convivencia os gastos fixos de alugueiro ou de amortización da vivenda.

-Outras situacións e factores máis específicos, como poidan se-la localización, estado e equipamento da vivenda, os recursos dispoñibles no contorno e o acceso a eles.

Artigo 12º

O servicio de axuda no fogar financiarase coas achegas da Comunidade Autónoma de Galicia, das deputacións provinciais, dos concellos e dos propios usuarios, dacordo co establecido no título 7 da Lei 4/1993, de servicios sociais.

Os usuarios colaborarán, en función das súas posibilidades, podendo ser clasificados en distintos grupos: os exentos de pagamento, os de pagamento porcentual e os de pagamento total.

En todo caso quedarán exentos de pagamento os usuarios que perciban, como mínimo, unha renda per cápita anual inferior ó 50% do salario mínimo interprofesional. Entenderase por renda per cápita anual a suma dos ingresos que, por calquera concepto, perciba a unidade familiar dividida polo número de membros que a integran.

Para a determinación concreta da posible achega dos usuarios, as entidades locais poderán desenvolver, mediante normativa municipal adecuada -ordenanza fiscal que regule o servicio de axuda no fogar ou calquera outro instrumento legalmente establecido- o prezo público e os baremos que se aplicarán, garantindo a súa difusión, publicidade e obxectividade.

Disposición adicional

As entidades prestadoras de servicios sociais que presten o servicio de axuda no fogar, ás que non lles sexa directamente aplicable a presente orde, regularanse polo disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, e nos Decreto 243/1995, do 28 de xullo, sobre réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, Decreto 291/1995, do 3 de novembro, relativo ó rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais e ateranse ós contidos mínimos previstos nesta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os concellos que teñan regulado o servicio de axuda no fogar no momento da entrada en vigor da presente orde, disporán dun prazo máximo de dous anos para adaptala, se é o caso, a ela.

Segunda.-Os concellos que non teñan regulado o servicio de axuda no fogar dispoñen dun prazo máximo de dous anos a partir da entrada en vigor da presente orde, para elaboraren e aprobaren a correspondente normativa municipal que a desenvolva.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 3 de febreiro de 1987 da Consellería de Cultura e Benestar Social pola que se regulan os servicios sociais de axuda a domicilio.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

4605