Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 20 de agosto de 1996 Páx. 7.821

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO DOUS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

CÉDULA de notificación de auto (361/1995).

Amalia Álvarez Teixeira, secretaria da Administración de Xustiza, con destino no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Ribeira, dou fe e testemuño de que no libro de autos dictados neste xulgado, en procedementos civís, consta o recaído nos autos de medidas provisionais nº 361/1995, do seguinte teor:

Auto.

En Ribeira o tres de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Vistos os preceptos legais de xeral e pertinente aplicación, acórdase a adopción das seguintes medidas, en relación coas solicitadas ou de necesario pronunciamento:

1º. A separación provisional de ámbolos cónxuxes, cesando a presunción de convivencia e quedando

revogados tódolos consentimentos ou poderes outorgados, e finalizando a posibilidade de vincular bens privativos do outro cónxuxe no exercicio da patria potestade doméstica.

2º. Tendo en conta a idade do menor, e as solicitudes das partes ó respecto, o fillo común aínda menor de idade quedará baixo a garda e custodia da nai, sendo a patria potestade compartida, con amplas facultades respecto ó proxenitor custodio en canto á educación, domicilio, viaxes e estudios, salvo controversia por motivo que o non custodio considere prexudiciais ou graves.

3º. En canto ó réxime de visitas, os proxenitores de común acordo poderán fixa-la amplitude do réxime de visitas e contactos do fillo menor que consideren máis beneficioso para el, como mellor forma de regular unhas relacións pais-fillo para non verse afectados por controversias marido-muller, e como fórmula de garantir unha mellor adaptación dos fillos menores á nova situación familiar.

No caso de desacordo entre eles, en favor do pai establécese o dereito de visitas e te-lo fillo menor na súa compañía, o que se exercerá en fins de semana alternas, desde as 20 horas do venres ás 20 horas do domingo. Igualmente poderao ter consigo durante períodos vacacionais dun mes no verán, unha semana no Nadal e catro días en Semana Santa, a regular polos cónxuxes de mutuo acordo, e en caso de desacordo a elección por un ano completo corresponderanlle ó pai os anos pares e á nai os impares. Entenderase que o beneficiario do dereito renuncia a el, na data en que se produza, cando non recolla o menor no domicilio da nai, dentro das dúas horas seguintes á hora fixada na presente resolución, renuncia que só alcanzará á data en que se produza.

Faise constar que o cumprimento da presente resolución é obrigatorio para ámbalas partes en interese dos menores.

4º. Por regulación taxada e en consideración ó interese máis necesitado de protección, é dicir, o dos fillos, a vivenda familiar e obxectos de enxoval de uso ordinario da familia continuarán sendo utilizados polo cónxuxe á custodia do cal queden os fillos, podendo o outro cónxuxe leva-los obxectos e utensilios de uso estrictamente persoal.

5º. Como legal e obrigatoria contribución ás cargas familiares e alimentos da filla menor, e non estando debidamente xustificados os ingresos que ten, o pai satisfaralle á nai, como administradora, o 20% dos seus ingresos netos mensuais e pagas extraordinarias, se as houber, que se acrediten de ganancias, pagadeiras nos cinco primeiros días de

cada mes na conta bancaria que aquela designe, sendo revisable anualmente esta cantidade conforme o índice de variación de prezos sobre a vida conforme o establecido polo INE, e sen que o cónxuxe que ten que prestar tal cantidade a poida substituír pola prestación de alimentos no seu propio domicilio.

E non hai lugar á adopción de ningunha outra medida da que non se acreditou a necesidade ou que non prevé o artigo 103 do Código Civil, sen prexuízo do que se solicite, probe ou acorde no procedemento principal en relación e medidas de sentencia dos artigos 91 a 97 do expresado texto legal.

Lévese testemuño desta resolución ó procedemento principal no estado en que se atopen para coñecemento e efectos que puideren proceder.

Non se fai condena en custas.

Fágaselles saber ás partes que contra esta resolución non cabe recurso ningún, pero que aquela que se considere prexudicada no seu dereito poderá formular oposición ás medidas adoptadas, no prazo de oito días.

Así o manda e asina Luisa María Pérez Rúa, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Ribeira. Dou fe.

E para que conste e sirva de notificación en forma ó demandado en situación procesual de rebeldía, Juan Bautista Sanles Paz, expido e asino esta cédula en Santa Uxía de Ribeira o seis de xuño de mil novecentos noventa e seis. Dou fe.

Rubricado

4509