Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 14 de agosto de 1996 Páx. 7.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. (código número 3200012) de Ourense, con entrada nesta delegación

provincial subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social, en representación dos traballadores polo comité de empresa, en xuntanza celebrada o 17 de abril de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á

Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 16 de maio de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Cabreiroá, S.A.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio é de ámbito empresarial e de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Cabreiroá, S.A., con domicilio social en Verín (Ourense), dedicada á explotación e envasado de augas minerais naturais. Igualmente afectará ás factorías, dependencias, sucursais ou delegacións que a empresa teña con persoal ó seu servicio, incluído en nómina, dentro da provincia ou fóra dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa a que fai mención o Art. 1º, salvo as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será dun ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 1996 e finalizando a súa vixencia o 31 de decembro de 1996.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano de non ser denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación, cando menos, respecto da súa vixencia. As condicións da denuncia serán as que determine o Estatuto dos traballadores, permanecendo vixente o texto ata a sinatura dun novo.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras que se implanten por norma legal serán compensadas e absorbidas ata onde alcancen as do presente convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Complétase a ordenanza vixente coa definición das seguintes categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que co título facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballos de laboratorio que, sen título facultativo, leva a cabo as funcións indicadas como auxiliar de técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores para a realización dos cales se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de práctica operaria ningunha. Esta categoría só se poderá aplicar ó persoal contratado por temporada para carga e descarga e non ó ingresado como fixo do cadro de persoal como operario de embotellado.

-Operario de fabricación de envases: é o operario encargado da supervisión, control e manipulación das máquinas de fabricación de envases.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada de 1.800 horas efectivas de traballo en cómputo anual, equivalente a 40 horas efectivas de traballo semanais. A xornada diaria será de 8 horas de luns a venres. A dita xornada será flexible e a empresa distribuiraa ó longo do ano atendendo ás necesidades de envasado e ós períodos de maior demanda. Poderá establecerse xornada continuada ou partida, respectándose, en todo caso, os máximos legais.

No caso de se realizar xornada continuada, os traballadores terán dereito a 15 minutos para bocadillo por conta da empresa, o cal se computará como xornada efectivamente traballada para tódolos efectos.

A empresa poderá establecer quendas de traballo, cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación na retribución do persoal afectado. Os representantes dos traballadores serán informados de calquera variación no sistema de quendas. Calquera cambio na composición e horario das quendas debe ser coñecido polos interesados o penúltimo día laboral da semana anterior.

As quendas na sección de extrusión serán de 8 horas efectivas de luns a venres, acumulándose 15 minutos diarios en horas de vacacións, que serán desfrutadas polo persoal desta sección, de forma adicional ó pactado no artigo 8º, durante os meses de outubro a decembro.

Na organización das quendas teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado sempre que non deterioren a organización do traballo.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións durante o ano 1996.

O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións serán concedidas de acordo coas necesidades do persoal, se ben a empresa reserva para si a facultade de as conceder fóra da época de campaña, abranguida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ambos inclusive.

Malia o anterior, polo menos poderanse desfrutar sete días consecutivos no período comprendido entre os meses de maio a setembro, ambos inclusive.

O calendario laboral, no que se inclúe o período de vacacións, será negociado entre os representantes dos traballadores e maila empresa.

Para o desfrute dos 23 días fóra da tempada de verán, terase en conta que deben pasar como mínimo dúas semanas entre o desfrute dos sete días de verán e os próximos que se vaian desfrutar. Para evitar que unha enfermidade a final de ano prive a un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións desfrutadas mailos días que por calquera causa estivese de baixa sexan menos de 35 días naturais, os días que lle queden de vacacións pendentes ó termina-lo ano, se desfrutarán no seguinte.

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios do catro por cento sobre o salario base.

Artigo 12º.-Plus de carencia de incentivos.

Establécese o plus de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

O plus de carencia de incentivos consistirá na percepción por cada traballador, individualmente e por cada día laborable, das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto. O dito plus en vacacións aboarase polos días naturais do período vacacional.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción que non poderá ser menos en cómputo anual dos establecidos no convenio como plus de carencia de incentivos.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas extraordinarias, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade, cada unha, que se pagarán unha en xullo e outra en decembro.

Ademais a empresa pagará, en concepto de participación de beneficios, outra mensualidade de salario base máis antigüidade que se deberá facer efectiva no primeiro trimestre de cada ano e por anos vencidos.

A percepción de cada unha das pagas realizarase dentro dos 15 primeiros días do mes que corresponda.

Artigo 15º.-Xubilación.

Cando o traballador cese na empresa por xubilación, concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos de servicio na empresa conforme a seguinte escala:

-5 anos: dúas mensualidades.

-10 anos: tres mensualidades.

-15 anos: catro mensualidades.

-20 anos: cinco mensualidades.

-25 anos: seis mensualidades.

-De 30 anos en diante: unha anualidade.

Artigo 16º.-Plus de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese un plus para os que exerzan estas funcións consistente no 10% do salario base.

Artigo 17º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós seis anos de exerceren as ditas funcións na empresa, deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 18º.-Seguro de vida e accidente.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado polo convenio que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 1.000.000 de pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 500.000 pesetas.

-Invalidez permanente absoluta e total: 1.000.000 de pesetas.

Os beneficiarios deste seguro serán o cónxuxe viúvo ou, se o caso, os habentes-dereito do traballador asegurado.

O prazo para concretar este seguro para o persoal de novo ingreso será de seis meses, a partir do día en que o traballador cause alta na empresa.

Artigo 19º.-Gratificación por casamento.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de alomenos tres anos na empresa terán dereito cando casen a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores e maila empresa comprométense a facilita-la xubilación anticipada ós 60 anos, acolléndose ós convenios e normativas que poidan establecerse co réxime da Seguridade Social.

A empresa permitirá a xubilación anticipada da seguinte forma:

-Xubilación ós 61 anos: catro mensualidades.

-Xubilación ós 62 anos: tres mensualidades.

-Xubilación ós 63 anos: dúas mensualidades.

-Xubilación ós 64 anos: unha mensualidade.

Artigo 21º.-Salario anual.

En función do establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, establécese un salario anual para a categoría de peón, en función das 1.800 horas anuais de 1.229.327 ptas., sen conta-la antigüidade.

Para efectos do presente convenio entenderase por mensualidade unha doceava parte da anualidade.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída de tres días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos ou irmáns, segundo establece o artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e a súa correspondente na ordenanza laboral.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día, por falecemento de familiares de 2º grao e sobriños.

Igualmente terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día, no caso de voda dun fillo, cando esta sexa en día laborable ou sexa nun lugar doutra provincia distinta da de Ourense.

Igualmente poderá asistir á consulta da Seguridade Social en Verín (mesmo para acompañar a fillos menores de 12 anos), obrigándose a entregar xustificante emitido polo médico en calquera caso.

Artigo 23º.-Excedencias.

Todo o persoal afectado por este convenio ten dereito a excedencia de acordo coas normas establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministraralles ós traballadores dous equipos de traballo ó ano.

É obriga dos empregados coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

Artigo 25º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos, a empresa descontará nas nóminas mensuais dos traballadores o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador interesado

en tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente á que deberá ser transferida a correspondente cantidade.

Artigo 26º.-Accidente laboral.

No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional, a retribución será do 100% do salario base, que se contabilizará desde a consideración como baixa por accidente laboral.

Artigo 27º.-Lexislación complementaria.

En tanto en canto se estableza unha lei que regule as relacións laborais, as partes acóllense ó que determinan o Estatuto dos traballadores, a Lei orgánica de liberdade sindical e maila ordenanza laboral do sector.

TÁBOA SALARIAL ANO 1996

PersoalSalario base mesPlus (día)

-Persoal técnico C.I.

Licenciados ou titulados

130.594
Técnico titulado111.887
-Non titulados

Encargado xeral

111.887
Encargado de sección104.427
-Persoal administrativo

Xefe de 1ª

81.6091.250
Xefe de 2ª81.6091.250
Oficial de 1ª80.121938
Oficial de 2ª79.607830
Auxiliar78.430583
-Persoal mercantil

Xefe de vendas

116.047938
Inspector de vendas80.121938
Viaxante80.121938
Corredor de praza80.121938
-Persoal obreiro

Capataz

80.121938
Operario de embotellamento78.430583
AprendizS.M.I.
Oficial de 1ª80.121938
Conductor-repartidor80.121938
Oficial de 2ª79.607830
Oficial de 3ª79.607830
Axudante78.430583
Conductor78.430583
Laborante78.430583
-Fabricación de envases

Operario Fab. envases

78.430583

Comp. mes 12.500

Ofic. 2ª Fab. envases79.607830

Comp. mes 12.500

Ofic. 3ª Fab. envases79.607830

Comp. mes 12.500

-Persoal subalterno

Peón

72.678464
Almaceneiro72.678464
Ordenanza72.678464
Vixilante72.678464
Porteiro e conserxe72.678464
Telefonista72.678464
Limpadoras72.678464
Botóns72.678464

4934