Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 14 de agosto de 1996 Páx. 7.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Tablicia, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Tablicia, S.A. (código 2700492), da provincia de Lugo, asinado o día 20 de maio de 1996, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Lugo, 24 de maio de 1996.

(Dto. 13/1994, do 20-1)

Carlota Novo Ríos

Secretaria provincial

Convenio colectivo de Tablicia, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos traballadores que manteñan relación laboral coa empresa Tablicia, S.A., ou que durante a vixencia do presente convenio colectivo puideran establecer relación laboral coa empresa.

Artigo 1º. 1.-Ámbito funcional.

A empresa Tablicia, S.A. está dedicada á fabricación de taboleiro aglomerado de partículas de madeira.

Artigo 1º.2.-Ámbito territorial.

A empresa Tablicia, S.A. está situada no lugar de Nadela, s/n, provincia de Lugo.

Artigo 1º.3.-Ámbito temporal.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP, retrotraéndose os seus efectos económicos ó día 1 de xaneiro de 1996 e prolongándose a súa duración ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 2º.-Denuncia.

Acórdase que se estableza denuncia de forma automática ó final do presente convenio colectivo.

Artigo 3º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión paritaria, integrada pola totalidade dos compoñentes da comisión negociadora deste convenio. As competencias da dita comisión serán:

-Interpretación do convenio.

-Vixilancia do cumprimento das cláusulas e artigos deste convenio.

A comisión reunirase a petición de calquera das partes.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo na empresa afectada polo presente convenio terá as seguintes modalidades:

1. Xornada partida.

2. Xornada continuada.

3. Xornada a quendas.

A duración da xornada de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo en xornada partida e de 40 horas de traballo en xornada continuada.

A xornada de quendas poderá ser de dúas, tres ou catro quendas de traballo.

A empresa queda autorizada para establecer con plena liberdade a xornada de catro ou máis quendas de persoal, con obxecto de non interrompe-lo proceso de producción, que ha de ser continuado, asegurando o traballo durante todo o mes.

Para tales efectos recoñécese expresamente o sistema de quendas de traballo e de xornada aprobados por resolución da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia de data 17 de outubro de 1980, referida a esta empresa, independente da facultade que á empresa se lle recoñece no parágrafo anterior.

A todo traballador que realice a xornada en catro ou máis quendas recoñéceselle a posibilidade de traballar unha xornada dos seus descansos correspondentes a 28 días, comprometéndose a empresa a aborárllelos a todos aqueles que non renunciasen de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

Os traballadores interesados no manifestado no parágrafo anterior notificaranlle á empresa ó entrar en vigor o presente convenio as xornadas de descanso que desexen traballar, e traballarana no día de traballo a que o descanso corresponde, a xornada continuada, durante a mañá-tarde do martes. No momento en que o productor desexe rescindir este compromiso, a empresa quedará liberada del e posteriormente só poderá, a nova petición deste, reconsidera-la posibilidade de ofrecer tal traballo se a súa organización llo permitise, e sen compromiso en tanto non realice esta xornada.

Durante as paradas de fabricación que teñan unha duración superior a 24 horas, a empresa respectará os descansos dominicais e non se realizarán en xornadas nocturnas a excepción daquel persoal que sexa necesario para a posta en marcha, para efectua-los traballos de mantemento de necesidade inmediata ou

para aqueloutros dos que, pola súa natureza, non se puidese prescindir.

Tódolos traballadores de xornada a quenda desfrutarán de media hora de descanso en cada xornada, sen que iso implique trastorno ningún no normal desenvolvemento da actividade productiva da fábrica. Este tempo será contabilizado para tódolos efectos como tempo efectivo de traballo.

Á entrada en vigor do presente convenio colectivo, «tempo efectivo de traballo» entenderase sempre referido ós horarios de entrada e saída das correspondentes quendas na fábrica. Os horarios de referencia serán os establecidos na resolución da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia de data do 17 de outubro de 1980, xa anteriormente mencionada.

Artigo 4º.1.

O persoal acollido ó réxime de xornada partida (persoal técnico, administrativo, encargados, persoal de carga e almacén, de mantemento, servicio forestal, etc.) realizaraa distribuíndo as 40 horas semanais desde o luns ó venres, conforme o seguinte cadro horario, de forma que quede libre a xornada do sábado:

Xornada de mañá: de 9 a 14 horas.

Xornada de tarde: de 16 a 19 horas.

Non obstante, cando a dirección da empresa, por mor da necesidade de realizar traballos de calquera índole, considere preciso que determinado número de traballadores deba acudir ó traballo a xornada do sábado, a prestación do servicio polos traballadores designados a tal fin será obrigatoria para os efectos previstos no artigo 35.4º do Estatuto dos traballadores, compensándose, coas mesmas horas de descanso calquera outro día da semana que fixe a dirección da empresa de acordo co persoal afectado.

Artigo 4º.2.-Días de noiteboa e fin de ano.

Nestes dous días non se traballará nas quendas de noite, as quendas de tarde finalizarán ás dezaoito horas e a dirección da empresa establecerá as horas de traballo dos productores de xornada partida.

Artigo 5º.-Vacacións.

Todo o persoal vinculado ó presente convenio colectivo desfrutará dun período anual de 30 días naturais e ininterrompidos de vacacións. Salvo acordo expreso noutro sentido, estas serán desfrutadas entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Con dous meses de antelación ó comezo do desfrute das vacacións, a empresa deberá expoñer no taboleiro de anuncios o programa de desfrute delas.

Cando coincida o último día de traballo dunha quenda que traballou sete días consecutivos co anterior ó inicio das vacacións anuais, aumentaranse estas en dous días.

Será preceptiva a consulta ó comité de empresa.

Artigo 6º.-Condicións mínimas.

As melloras económicas que se implanten neste convenio teñen carácter de mínimas. A empresa manterá

aqueles pactos, cláusulas e situacións de feito que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores terán dereito a permiso retribuído coa oportuna xustificación nos seguintes casos:

-Por matrimonio, 15 días naturais.

-Por falecemento do cónxuxe, fillos, pais ou irmáns de familiares do cónxuxe no mesmo grao de parentesco, 4 días naturais.

-Por falecemento de avós, netos, tíos e sobriños, cuñados, dous días naturais.

-Por voda dun fillo, un día. Caso de realizarse fóra da provincia, dous días.

-Por enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos ou irmáns, dous días naturais.

-Para o cumprimento inescusable de deberes públicos legalmente esixibles, o tempo necesario para iso.

-Por razón de estudios, as licencias necesarias para a asistencia a convocatoria de exames finais.

-Por razón de cambio de domicilio, dous días naturais; de realizarse fóra da localidade, cinco días.

-Por parto da esposa, tres días naturais, ampliables a outros dous non retribuídos.

Artigo 8º.-Período de proba.

O período de proba concrétase no seguinte:

-Persoal técnico e titulado: dous meses.

-Oficiais: un mes.

-Peonaxe: quince días.

Artigo 9º.-Contrato de traballo.

O contrato de traballo baséase no principio de estabilidade no emprego, coas excepcións previstas na lei.

Artigo 10º.-Postos vacantes de nova creación.

Os postos de traballo vacantes e de nova creación serán cubertos pola empresa dándolle prioridade absoluta ó persoal do cadro que supere as probas establecidas con ese fin, a efectos de facilita-la promoción profesional dos traballadores. Quedan excluídos os postos directivos e de responsabilidade.

Artigo 11º.-Traballos de categoría superior.

Cando o traballador realice traballos de categoría superior á que teña atribuída, recibirá durante o tempo de prestación a remuneración total que veña percibindo o productor da categoría á que circunstancialmente quedase adscrito.

Estes traballos non poderán exceder de tres meses ininterrompidos, debendo o traballador ó cabo deste tempo volver á función da súa anterior categoría ou ser ascendido automaticamente á categoría superior.

Artigo 12º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores que por accidente, enfermidade, idade ou outras circunstancias, vexan diminuída a súa capacidade, deberán ser destinados a traballos

adecuados ás súas posibilidades. Esgotaranse tódolos medios terapéuticos posibles para a súa rehabilitación no mesmo posto de traballo. En calquera caso, a súa retribución nunca será inferior á categoría profesional que tivera recoñecida.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o persoal de dúas fundas cada ano. Naqueles postos de traballo en que fose necesario e coa oportuna xustificación previa, serán provistos das precisas.

Artigo 14º.-Servicio militar.

O persoal da empresa que realice o servicio militar terá reservado o seu posto de traballo. Finalizado o período de permanencia en filas, a reincorporación do traballador deberá efectuarse no prazo de trinta días naturais despois da terminación real do dito servicio.

O tempo de realización do servicio militar será computable para a antigüidade. Así mesmo, durante ese período terá dereito á percepción das pagas extraordinarias.

Artigo 15º.-Póliza de seguros.

Durante a vixencia do presente convenio colectivo, a empresa contratará a favor dos traballadores a ela vinculados unha póliza de seguros polos seguintes valores:

-Falecemento por calquera causa: 1.800.000 ptas.

-Invalidez absoluta e permanente por enfermidade ou accidente: 3.000.000 de ptas.

-Morte por accidente: 3.000.000 de ptas.

-Morte por accidente de circulación: 3.000.000 de ptas.

-Invalidez profesional por accidente: 3.000.000 de ptas.

Os capitais reflectidos arriba non son acumulativos, están en función do concepto asegurado que dea lugar á indemnización.

Os traballadores designarán a persona beneficiaria das contías establecidas.

A póliza de seguros actualizarase con respecto ó incremento que poida experimenta-lo índice de prezos de consumo establecido de forma anual polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

Á súa xubilación, o traballador que permanecese cando menos 12 anos na empresa percibirá o importe de dúas mensualidades, e unha máis por cada 5 anos ou fracción que exceda dos doce mencionados.

Artigo 17º.-Aprendices.

Os aprendices realizarán unicamente traballos de aprendizaxe de oficialía.

No presente convenio colectivo establécese a prohibición absoluta de que os aprendices realicen horas extras, así como efectuar traballos penosos, perigosos ou nocturnos.

En ningún caso poderán efectuar traballos os menores de 16 anos.

Unha vez superada a aprendizaxe e logo dun exame, o aprendiz ingresará na categoría de oficial, resultante da citada proba.

Artigo 18º.-Baixa por accidente laboral.

En caso de accidente laboral, no centro de traballo ou in itinere, a empresa, á parte da prestación da Seguridade Social, aboaralle ó traballador un 10% do seu salario real, durante toda a incapacidade transitoria, e desde o primeiro día do accidente.

Se o suposto sinalado dese lugar á hospitalización do traballador, a empresa completará ata o 100% do seu salario convenio, exclusivamente durante o tempo que dure tal situación.

Artigo 18º.1.-Baixa por enfermidade.

A partir de dúas semanas ininterrompidas, o traballador percibirá con cargo á empresa un complemento que adicionado á prestación do INSS, complete o 100% dos seus salarios reais, podendo requirirse certificación médica e o visto e prace en sección conxunta do comité de empresa e a dirección, tomando como base o mes anteriormente traballado con exclusión soamente de horas extras.

Os tres primeiros días de baixa por enfermidade, a empresa aboará o 60% da base reguladora correspondente á dita situación de baixa.

Artigo 19º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal percibirá as seguintes pagas extraordinarias:

-Nos meses de xullo e decembro, equivalentes cada unha delas a trinta días de salario máis antigüidade.

-Unha paga de beneficios por un importe de trinta días de salario base máis antigüidade, que se aboará na primera quincena do mes de marzo.

Artigo 19º.1.-Bolsa de reis.

Con motivo da festividade dos Reis Magos, aboarase unha paga equivalente ó 35% dunha extraordinaria normal (xullo e decembro).

Artigo 20º.-Plus de nocturnidade.

Será equivalente ó 30% do salario convenio.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Para os traballadores de xornada continuada, terán como consideración de horas extraordinarias as que excedan de 160 (cento sesenta) en cómputo cuadrimestral.

Poderanse realiza-las horas extraordinarias que sexan necesarias para pedidos imprevistos, períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou otras circunstancias de carácter estructural.

Para o pagamento efectivo das horas extraordinarias, teranse en conta os valores vixentes na data de hoxe, incrementados nun 3,75%. O prezo destas cumpre co artigo 35.1º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.- Retribucións.

No presente convenio colectivo páctase para o primeiro ano da súa vixencia unha suba salarial do 3,75% respecto ó do ano 1994.

Páctase así mesmo que en caso de que o índice de prezos ó consumo para o ano 1996 do Instituto Nacional de Estatística, IPC anual, supere o 3,75%, efectuarase unha regularización de suba salarial do presente convenio consistente no aboamento dunha paga que polos diferentes conceptos retributivos supoña a diferencia entre o 3,75% e o IPC anual, redondeando en máis a 0,5 puntos.

As táboas salariais para o ano 1996 serán as que se achegan no anexo número 1.

-Plus de traballo a quendas.

Os productores que presten os seus servicios en tres quendas ou en terceiro ou cuarto equipo para a súa realización percibirán unha prima única mensual por tal concepto de 7.305 pesetas.

-Plus extrasalarial por indemnizacións e suplidos.

Polos gastos realizados como consecuencia da súa actividade laboral, este será satisfeito, unicamente, en xornada completa realmente traballada, e non formará parte da bases de cotización á Seguridade Social. O seu importe será de 5.300 pesetas.

Artigo 23º.-Axuda escolar.

Establécese unha axuda escolar para os traballadores con fillos ó seu cargo en idade escolar (inclúese infantil, primaria, EXB, BUP, COU, universitarios e outros), consistente nun fondo de axuda de 800.000 pesetas ó ano.

O reparto do fondo entre as peticións que anualmente se presenten será efectuado por un comité formado por un representante da empresa e dous dos traballadores.

No caso de que houbera sobrante de fondos durante o ano aplicaríase a aumenta-lo fondo do ano seguinte.

Cláusulas adicionais

Primeira.-As diferencias salariais que se ocasionen como consecuencia do pactado no presente convenio colectivo, seranlles aboadas pola empresa ós productores, no prazo máximo de trinta días a partir da data da súa sinatura, independentemente da data da súa publicación no BOP.

Segunda.-As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal, en cómputo anual, salvo que expresamente se pacte o contrario.

Terceira.-O importe a que ascenda o custo do tempo a que teñan dereito os membros do comité de empresa a que lles sexa compensado, farase efectivo pola empresa e destinarase a constituír un fondo social, para a súa aplicación a fins sociais, a criterio do referido comité.

Cuarta.-Para o segundo ano de vixencia do presente convenio, poderase, se as partes que interviñeron na súa negociación o consideran oportuno, revisa-las distintas condicións económicas que se recollen no dito convenio.

Quinta.-Para todas aquelas cuestións non previstas polo presente convenio, observarase o disposto no texto da ordenanza laboral da madeira, que se dá por reproducido, e no Estatuto dos traballadores e normas dictadas para a súa aplicación.

ANEXO I

Táboa salarial

CategoríasSalario base

día

Anual

Encargado xeral3.5121.597.932
Encargado de sección3.4361.563.471
Xefe de equipo3.3111.506.351
Oficial de 1ª3.3111.506.351
Oficial de 2ª3.1871.450.176
Axudante3.0751.399.193
Peón especializado3.0181.373.230
Peón3.0051.367.093
Aprendices2.153979.530

-Persoal subalterno
Pesador-basculeiro92.2071.383.102
Almaceneiro95.4981.432.466
Chofer turismo95.4981.432.466
Garda95.4981.432.466
Chofer mecánico99.4021.491.028

-Persoal administrativo
Auxiliar, mecanófrago, telefonista92.2071.383.102
Oficial de 2ª105.3361.580.045
Oficial de 1ª115.1791.727.687
Xefe administrativo126.9981.904.975

-Persoal técnico
Analista, calcador92.2071.383.102
Xefe de taller104.3521.565.276
Delineante105.1571.577.353
Xefe de talleres115.1791.727.687
Titulado de grao medio117.1481.757.224
Titulado de grao superior151.9612.279.408

95-5835