Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 05 de agosto de 1996 Páx. 7.451

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Cepillos Mariño, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Cepillos Mariño, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-6-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 14-5-1996. De conformidade co disposto no artigo 90, 2º y 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de xuño de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Convenio propio.

O presente convenio afectará á empresa Cepillos Mariño, S.L., Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O convenio vincula á empresa Cepillos Mariño, S.L., decidada á fabricación de brochas, pinceis, cepillos e similares.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro da industria afectada.

Artigo 4º.-Efectos económicos.

Independientemente da entrada en vigor do presente convenio, os efectos económicos comezarán a rexer a partir do día 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 5º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor ós oito días da súa sinatura e a súa duración será anual, prorrogándose anualmente, sempre que non exista ningunha denuncia das partes con tres meses de antelación.

Artigo 6º.-Rescisión e revisión.

O convenio poderá rescindirse mediante aviso previo formulado en tempo e forma cunha antelación dun mes á data de terminación da súa vixencia.

Artigo 7º.-Absorción.

Os aumentos concedidos polo presente convenio absorberán ós que, por imperativo legal, se impuxeran posteriormente, durante a vixencia deste.

Artigo 8º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá desde o 1 de xaneiro de 1996 as retribucións consignadas na táboa anexa, incrementadas, se é o caso, co premio de antigüidade.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase ó 31 de decembro de 1996 un incremento superior ó 6%, efectuarase unha revisión salarial en tódolos conceptos económicos do convenio tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia no anexo da indicada cifra. Tal incremento aboarase a partir do mes no que se produza o dito incremento.

Artigo 10º.-Pagamento de nóminas.

O pagamento de nóminas realizarase de forma mensual, non obstante, o persoal poderá solicitar, coa debida antelación, antecipos a conta de haberes devengados.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será calculado sobre o salario pactado neste convenio segundo establece a ordenanza laboral.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto os traballadores afectados por este convenio percibirán, incluída a antigüidade, os que a tivesen, 30 días de salario na paga extraordinaria do 24 de xullo e 30 días en Nadal.

Tamén percibirán unha paga extraordinaria de 23 días de acordo co fixado na vixente ordenanza laboral para as industrias de fabricación de brochas, pinceis e cepillos, que será aboada na data inmediatamente anterior á festa do patrono, que se celebra o 19 de marzo de cada ano.

Artigo 13º.-Vacacións.

O período de vacacións para todo o persoal afectado consistirá en 22 días laborables.

Artigo 14º.-Pezas de roupa de traballo.

As empresas facilitarán ós seus traballadores, as dúas pezas de roupa de traballo que determina a ordenanza laboral respectiva.

O incumprimento desta obriga dará lugar ó aboamento de 3.255 ptas. en compensación de cada peza de roupa non entregada.

Artigo 15º.-Plus de gastos de locomoción.

Establécese para todo o persoal da empresa afectada por este convenio un plus de locomoción ou distancia equivalente a 6.700 ptas. mensuais. Esta cantidade aboarase os 12 meses do ano.

Artigo 16º.-Plus de traballos tóxicos.

Haberá que aterse ó establecido polas ordenanzas laborais.

Artigo 17º.- Desgaste de ferramentas.

As empresas que non entregasen ós seus productores as ferramentas necesarias para os seus traballos e fosen propiedade destes, aboaranse en compensación polo desgaste delas 110 ptas. por día traballado.

Artigo 18º.-Seguro de accidentes.

A partir do día 1 de xaneiro de 1996 as empresas afectadas por este convenio teñen a obriga de facer un seguro por accidente de traballo que cubrirá un capital de 500.000 ptas. en caso de morte e 1.000.000 de ptas., en caso de invalidez permanente, absoluta ou gran invalidez, sempre que se produza o accidente durante as horas de traballo.

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de 1.808 horas efectivas de traballo á ano.

Para efectos da distribución e cálculo da xornada anual anterior consideraranse como días non laborables o 24 e 31 de decembro de 1996.

Artigo 20º.-Condicións máis beneficiosas.

Tendo en conta a consideración de bases mínimas, serán respectadas as condicións máis beneficiosas que a empresa aceptase por aquel, tivera xa concedida ós seus respectivos productores.

Artigo 21º.-Revisión médica.

As empresas solicitarán da mutua de accidentes ou da entidade que corresponda, unha revisión médica anual para tódolos productores do seu cadro de persoal que disporán do tempo necesario para a realización dela.

Artigo 22º.-Contratacións.

Cando se celebren contratos, ó abeiro do artigo 15, apartado b) da Lei 11/1994, do 19 de maio, BOE nº 122 de data 23-5-1994, estes poderán ter unha duración máxima de 10 meses, continuos ou descontinuos, dentro de cada ano natural. Esta clásula será de aplicación ós contratos que estean en vigor na data da sinatura do convenio.

Os contratos que se concertasen por unha duración inferior á máxima establecida, poderán prorrogarse, por acordo entre as partes, ata o dito límite máximo de duración.

Artigo 23º.-Comisión partiraria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores créase unha comisión paritaria do convenio, que terá as funcións e fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora dos traballadores por unha parte e do empresario pola outra, a súa designación recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 24º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio coa central sindical CC.OO.

Vilagarcía de Arousa, 14 de maio de 1996.

ANEXO

Táboa de salarios de cepillos, brochas e pinceis para 1996

CategoríasTáboa actualTáboa anterior

I. Persoal administrativo:

Xefe89.81986.619
Oficial de 1ª85.94382.743
Oficial de 2ª82.85379.290
Auxiliar74.55271.029

II. Persoal subalterno:

Almaceneiro78.54575.345
Garda, vixilante ou ordenanza78.29075.090

CategoríasTáboa actualTáboa anterior

III. Persoal producción:

Encargado xeral85.48082.280
Encargado de sección85.32082.120
Oficial de 1ª82.19978.999
Oficial de 2ª81.09977.899
Conductor82.19978.999
Axudante74.55271.352
Mecánico82.19978.999
Viaxante82.23679.036
Limpadora (media xornada)37.93436.334
Limpadora (xornada completa)74.36971.169

IV. Aprendices

Aprendiz de 1º y 2º ano45.88545.885
Aprendiz a partir do 3º ano71.35271.352

Os aprendices contratados mediante un contrato de aprendizaxe, percibirán o seu salario de acordo co salario mínimo interprofesional vixente en cada momento, aplicándoselle a este o 70%, o 80% e o

90%, durante, respectivamente, o primeiro, segundo ou terceiro ano de vixencia do contrato. Non obstante o anterior, a retribución dos aprendices, menores de dezaoito anos non poderá ser inferior ó 85% do salario mínimo interprofesional correspondente á súa idade.

5911