Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 05 de agosto de 1996 Páx. 7.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de xullo de 1996 pola que se clasifica como de interese mixto a Fusgace, Fundación para el Estudio y Desarrollo Socioeconómico de Galicia y de las Comunidade Europeas.

Visto o expediente de clasificación de Fusgace, Fundación para el Estudio y Desarrollo Socioeconómico de Galicia y de las Comunidades Europeas,

con domicilio na Urbanización Vila Culler, edificio 4, portal A-6ºC de Fonteculler (Culleredo).

Supostos de feito.

1. Joaquín de Ramos Durántez, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 1 de marzo de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 28 de febreiro de 1996, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número cincocentos trece do seu protocolo polas entidades Instituto de Dirigentes de Galicia, S.L. (representada por Uxío Fernández Fernández), Planigalaica, S.L. (representada por Joaquín de Ramos Durántez) e Biancio Inmobiliaria, S.A. (representada por Camilo Prado López), sendo complementada e emendada por outra de vintecinco de marzo perante o mesmo notario e co número setecentos corenta e tres de protocolo.

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos a fundación ten por obxecto e finalidade -entre outros- estudiar e analiza-la realidade socioeconómica de Galicia, desenvolvendo actividades, publicacións, cursos, reunións científicas, investigacións, etc. que se poidan levar a cabo.

4. O padroado da fundación regúlase no artigo 17 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese mixto de Fusgace, Fundación para el Estudio y Desarrollo Socioeconómico de Galicia y de las Comunidades Europeas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese mixto e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia

exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 1 de xullo de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese mixto a Fusgace, Fundación para el Estudio y Desarrollo Socioeconómico de Galicia y de las Comunidades Europeas, e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5855