Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 1996 pola que se convoca un curso de verán sobre a reforma administrativa.

A Escola Galega de Administración Pública como centro oficial de docencia e investigación no campo da Administración pública ten entre os seus fins a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación en materias de dereito público e ciencia da Administración, con especial referencia ás peculiaridades galegas, podendo concerta-la realización de actividades con outros centros ou entidades de titularidade pública ou privada.

Así pois, en uso das funcións atribuídas pola Ley 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de verán sobre a reforma administrativa que deberá desenvolverse segundo as seguintes bases,

Primeira.-Obxectivos.

Analizar e debater sobre as posibilidades de evolución do sistema administrativo e das súas perspectivas de futuro; ve-la liña de desenvolvemento seguida pola reforma administrativa nos países do noso contorno e as súas posibilidades, tanto na Administración galega coma na do Estado.

Segunda.-Destinatarios.

Estudiosos, profesionais e interesados en xeral, que desexen afondar na materia obxecto do curso.

Terceira.-Desenvolvemento.

-Lugar: Cambados, auditorio da Casa do Concello.

-Datas de realización: 6 e 7 de agosto, en horario de mañá e tarde.

Cuarta.-Contido.

1. Relatorios:

-Transformación do Estado e reforma administrativa nos países occidentais.

-Reformas recentes na Administración orzamentaria en Europa.

-A reforma administrativa da Xunta de Galicia.

-A Administración única na LOFAGE.

-A incidencia da formación na reforma administrativa.

-A reforma administrativa nas comunidades autónomas: balance e perspectivas.

2. Mesa redonda.

Quinta.-Inscrición.

Ata o 2 de agosto.

Sexta.-Tramitación de solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, r/ Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Com

postela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima.-Selección.

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de entrada no rexistro. Só se admitirán inscricións fóra de prazo se quedasen prazas baleiras e sempre que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Oitava.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Novena.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nas actividades programadas.

Décima.-Información.

Para máis información, os interesados poderán dirixirse a:

-Pontevedra: Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, r/ Benito Corbal, 47 1º (986) 85 07 58.

-Santiago de Compostela, Escola Galega de Administración Pública, r/ de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas (57 08 00).

-Cambados: oficinas municipais, praza do Concello, 1 (986) 52 20 60 e 52 61 62.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1996.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

5741