Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Mércores, 31 de xullo de 1996 Páx. 7.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 23 de xullo de 1996 pola que se regula a integración do persoal que presta os seus servicios no ámbito da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia no novo sistema deseñado polo Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

O Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado, pola súa vez, polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, establece, na súa disposición transitoria primeira, en favor dos colectivos de persoal nela incluídos, o ofrecemento da posibilidade de que se integren no novo sistema de atención primaria, o que se levará a cabo dun xeito aberto, continuo e voluntario.

Establecido o marco retributivo de aplicación ó persoal que opte pola integración, a través do Decreto 226/1996, do 25 de abril, e sistematizado, pola súa vez, pola Orde do 30 de maio de 1996, o réxime xurídico aplicable ó persoal funcionario sanitario pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares que opte por integrarse no novo modelo, procede agora establece-lo mecanismo para concreta-la dita opción de integración.

Por todo isto, esta consellería, en uso das súas facultades,

DISPÓN:

Artigo 1º

A presente orde é de aplicación ó persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo incluído nalgún dos colectivos relacionados na disposición transitoria do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada a esta polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, que modifica o anterior.

Artigo 2º

1. O persoal a que se refire o artigo anterior que á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia se encontre en destino definitivo ou desempeñe en propiedade unha praza poderá exerce-lo dereito a integrarse no novo sistema de atención primaria. No suposto de atoparse en comisión de servicio, a opción soamente poderá levarse a

cabo respecto da praza da que se é titular propietario en destino definitivo. Queda excluído do dereito de opción o persoal que se atope na situación de reingreso provisional.

2. A dita opción de integración poderá exercerse de xeito aberto, continuo e voluntario a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. O persoal que decida exerce-lo dereito a integrarse no novo sistema de atención primaria deberá utiliza-lo modelo de solicitude individual incluído como anexo á presente orde, dirixido ó director xerente da Xerencia de Atención Primaria á que pertence a praza correspondente.

4. A dita solicitude deberá presentarse nas propias xerencias de atención primaria do Servicio Galego de Saúde ou no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos das súas delegacións provinciais, nos das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

1. A solicitude de integración resolverase en función das necesidades organizativas, posibilidades orzamentarias e da maior ou menor demanda dos profesionais dunha determinada zona.

2. De non concorre-los factores enumerados no apartado anterior, o Servicio Galego de Saúde poderá demorar aquela ata a existencia ou suficiencia daqueles. Por iso, a mera presentación da solicitude individual non presupón a aprobación da integración solicitada. A opción inicialmente exercida é irreversible, salvo que, mentres tanto non sexa aprobada, transcorridos dezaoito meses desde que se formule, o afectado manifeste por escrito a súa vontade de permanecer no réxime de orixe.

3. Cando como consecuencia da posta en funcionamento dunha unidade ou dun servicio de atención primaria, o número de prazas ofertadas fose inferior ó número de profesionais do ámbito territorial respectivo susceptibles de incorporación a ela que realizasen a súa opción de integración, esta resolverase, como criterio xeral, a favor do profesional que acredite unha maior antigüidade de prestación de servicios no Sistema Nacional de Saúde e, no caso de empate, a favor do profesional de maior idade.

Excepcionalmente, naquelas localidades con servicios de urxencia ou onde preste servicios persoal con intitulación de institucións abertas, poderán terse en conta criterios de carácter organizativo e asistencial, debidamente acreditados, coa finalidade de conseguir un desenvolvemento harmónico do

novo modelo e permiti-la integración de tódolos profesionais que o desexen. Tales criterios, dos cales se fará unha relación pormenorizada nos casos concretos, deberán estar claramente imbricados coa consecución das finalidades harmonizadora e integradora anteriormente aludidas.

Da concorrencia, entidade e ponderación dos criterios de que se trate, darase traslado ós profesionais afectados.

Artigo 4º

1. A aprobación será resolta mediante resolución conxunta das direccións xerais de Recursos Humanos e de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde por proposta razoada do director xerente da Xerencia de Atención Primaria correspondente.

2. A aprobación da dita integración terá carácter definitivo, producíndose tódolos efectos xurídicos en favor do persoal afectado previstos ó respecto no Decreto 200/1993, do 25 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.

3. Igualmente, resolta a integración, o correspondente posto de traballo integrado quedará incorporado de forma definitiva ó novo sistema de atención primaria, quedando as súas funcións e a cota de titulares do dereito á asistencia sanitaria correspondente, cando os houbese, integrado no novo sistema.

Disposiciones derradeiras

Facúltase as direccións xerais de Recursos Humanos e de Atención Primaria para que, no ámbito das súas competencias, dicten cantas instruccións sexan necesarias para a execución das previsións contidas na presente orde.

Segunda.-A presente orde producirá os seus efectos a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, a 23 de xullo de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5391